Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

Con algo de retraso colgamos esta entrada que recolle a primeira reunión do club de profes deste ano. Os libros que suscitaron debate foron El cielo es azul, la tierra es blanca, de Hiromi Kawakami, e Instrucións para tomar café, de Manuel Nuñez Singala.
A tertulia discorreu nun ambiente agradable, como é habitual cando se acompaña o debate de manxares.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 04-04-2016 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA REUNIÓN DE PROFES

Celebramos una nova xuntanza literario-gastronómica. Os libros que se leron e comentaron foron El profesor, de Frank Mccourt e O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna. Entre o humor da novela do escritor finés e o tema da docencia que trata dende un punto de vista autobiográfico o escritor irlandés pasamos a xornada. As maneiras de ensinar, o sistema educativo, as relacións entre os diferentes membros da comunidade educativa etc foron algúns dos aspectos máis controvertidos da sesión.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 31-05-2015 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

O mércores pasado, día 10 de febreiro, acudimos a unha nova cita literario-gastronómica. Desta vez, o lugar elixido foi A arca da Noe, onde degustamos ricas viandas adobadas con literatura. Os libros que nos convocaron foron O tempo das palabras en voz baixa, de Anne Lise Grobéty, e El emblema del traidor, de Juan Gómez-Jurado. O tema do nazismo centrou o debate, pois os dous libros tratan ese período escuro da historia de Alemaña.

A escritora suíza trata o tema da xenofobia, o odio aos xudeus, dende a mirada dun neno, un neno que observa, estrañado, os cambios que se van introducindo na vida cotiá e que van alterando as relacións cos xudeus; un neno que é testemuña de como as palabras se van desinflando e perdendo altura.

Respecto á novela de Juan Gómez-Jurado, a opinión máis estendida foi que se trataba dunha novela de entretemento, onde coincidían todos os ingredientes necesarios para enganchar un lector pouco esixente que precisa evasión e pouca reflexión: intriga, personaxes planos, desexos de vinganza, un pasado escuro, segredos de familia, unha misión, obstáculos que salvar, unhas circunstancias históricas atractivas … Aínda que a historia se sitúa na época da Alemaña prenazi e nazi, o tema do nazismo é algo circunstancial, non se aborda con profundidade.

Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 22-02-2015 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZAMOS CO CLUB DE PROFES

Celebramos a primeira tertulia do club de lectura de profes na Taberna Acevedo de Xunqueira de Ambía combinando literatura e gastronomía. O libro que inaugurou a xornada foi El chico, de Steve Hamilton, unha novela de intriga contada por un rapaz que non fala pero que, non obstante, é capaz de comunicarse coas persoas coas que se relaciona. A historia engancha porque mantén a incertidume e dosifica a información. Describe con precisión o mundo da delincuencia en todas as súas formas, explora vehículos de comunicación coma o cómic, fala da intervención do azar na vida das persoas, do amor, da capacidade de superación, da necesidade de escoitar…
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 16-11-2014 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
CHUS ESCRIBE SOBRE A SÚA EXPERIENCIA NO CLUB

A nosa compañeira Chus conta a súa experiencia no club.


O pasado mes de setembro incorporeime outra vez ao IES Lagoa de Antela despois de pasados oito anos e, a verdade, sentinme partícipe da frase que pronunciou fray Luis de León: “… como decíamos ayer…” ao incorporarse á súa cátedra despois de pasado anos. Poucos cambios había, tanto no troco de xente como no “desgaste” que producen os anos, máis ben parecía ao contrario.

A xente, na miña primeira etapa, tíñame por unha lectora ávida, pero cando voltei seguíanme recordando como tal; e pronto comenzáronme a recomendar libros, cheguei a ter lista de espera. Da noite para a mañá atopábame afiliada á biblioteca que, por certo, funciona fenomenal, levan todo “al dedillo”, non se lles escapa nada!; e tamén era membro do clube de lectura. Nunca pertencera a ningún e, ao principio, impúñame un pouco, pero, a verdade, atopeime cunha moi grata sorpresa: un grande respecto, unha boa amizade e, como non, unha diversidade de opinións que che fan reflexionar sobor o porqué das cousas e que non son tan simples como a primeira vista nos parece.

Para o clube de lectura recoméndanse entre os membros textos diversos, xa sexan artigos, relatos, libros ou películas para logo ser comentadas. Sempre vin que non había problemas; todo o mundo aceptaba, pero por convencemento, nunca por imposición ( dá gusto ver a democracia interna que existe e o bo ambiente que impera).

Outra das grandes sorpresas coas que me atopei foi co libro electrónico. Reacia onde as haxa a estes progresos, non por medo, senón por afianzamento ao papel, fíxenme defensora de tal aparello (crede que só ata un punto); máis ca nada pola comodidade que me supón poder facer outra cousa ó mesmo tempo (camiñar, facer ximnasia, estar na cama, etc) e sobor de todo polo peso e a comodidade de non ter que ir con “guías telefónicas” a tódolos sitios. Saber que tes outros libros gardados esperándote e cun coste cero é algo extraordinario: si, xa sei que na biblioteca tamén os tes, pero é distinto.

Remata o curso, e non sei se voltarei o ano vindeiro, pero o que si sei é que levo os mellores recordos e experiencias que se poden levar dos compañeiros. Todos temos “a nosa leira en Toledo”, pero é moi importante sabela repectar e delimitar (aí é onde se demostra a verdadeira liberdade e democracia); pois ben, aquí de verdade que existe. Levarei sempre estas experiencias, que aínda que non son “fortes”, non deixan de ser menos importantes e axudan a seguir formándonos como persoas.

GRAZAS A TODOS/AS

En Xinzo de Limia a 18 de xuño do 2014

Dende o club agradecemos estas palabras da nosa compañeira Chus, incansable e voraz devoradora de libros, excelente tertuliana e asidua visitante da biblioteca.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 24-06-2014 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
5ª REUNIÓN DO CLUB

A última reunión foi una festa. Xantamos no Langrina un restaurante situado na zona vella de Xinzo e que prepara uns menús deliciosos, exquisitos.

Debatemos sobre La cena, de Hermann Koch, sobre a película Un dios salvaje, de Roman Polanski, e sobre o poemario Penúltimas tendencias, de Carlos Negro. A charla foi moi animada, distendida, salpicada de reflexións pero tamén de moito humor, notábase que as clase remataran. Falouse da relación pais e fillos, da herdanza biolóxica, de natureza e sociedade, dos instintos primarios e a súa domesticación. Cando algo inesperado activa as emocións, salta o salvaxe reprimido que habita en nós, e xa non hai razón que valla, nin idea de xustiza nin ética, só instinto.


FELIZ VERÁN LECTOR!!
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 24-06-2014 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS A 4ª REUNIÓN DO CLUB DE PROFES

Celebramos a 4ª reunión do club de profes. O lugar escollido nesta ocasión foi Casa Outeiriño, no concello de Rairiz de Veiga, onde degustamos ricas viandas durante a tertulia.
Un libro dos que nos convocaron foi Unha lectora fóra do común, de Alan Bennet, que nos pareceu interesante porque fala do poder da lectura e dos beneficios que proporciona. Aínda así non foi un libro que convencese a algunhas persoas. Outro libro que xerou controversia foi A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor, pois a algunhas persoas resultoulles difícil de entender e a outras encantoulles. A novela conta como tres personaxes marxinais despois dun día de festa descontrolada acaban morrendo traxicamente. O exceso de alcohol desata os instintos máis primarios e conduce os mozos a un camiño sen retorno.
O terceiro libro, La cena, de Hermann Koch, suscitou moita discusión, pero como algunhas persoas non leran a novela, decidiuse aprazar o coloquio ata a seguinte reunión. O escritor holandés logra trazar unha historia que engancha, confunde e arrastra o lector por camiños insospeitados. Reservaremos os comentarios para a próxima reunión, que se prevé animada.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 18-05-2014 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
3ª TERTULIA DE ADULTOS

Celebramos a 3ª tertulia de adultos, non só de profes, na Taberna Acevedo cun menú composto de literatura, cine e ricas viandas.

Falamos sobre a peza teatral El chico de la última fila, de Juan Mayorga, da película baseada nela, Dans la maison (En la casa), de François Ozon, e da novela Morning Star, de Xosé Miranda.

No texto de Mayorga ficción e realidade acaban fundíndose no mesmo plano. Para algunhas persoas o motor do conflito é a frustración do profesor que leva o exercicio da docencia máis alá da aula e acaba sucumbindo á curiosidade; para outras persoas, é a propia curiosidade a que altera a rutina do profesor e precipita os acontecementos. As relacións persoais, os sentimentos de soidade, de abandono, as diferentes percepcións ou miradas, o egoísmo, a imaxinación, o desamor, todos estes temas están presentes neste texto breve e que foi levado ao cine por François Ozon co título de Dans la maison.
Morning Star é unha novela de aventuras ambientada na Galicia do século XIX, cando se produciu o levantamento do xeneral Solís, e que homenaxea a mítica novela de Robert Louis Stevenson A illa do tesouro. O nome remite ao barco do que se apoderou o famoso pirata galego Benito Soto. Xosé Miranda constrúe unha historia ben artellada con todos os ingredientes necesarios para conformar unha novela de aventuras: misterio, cofres secretos, bandos enfrontados, crueldade, ambición, amor, redención, superación e triunfo do ben; por outra banda, a novela inclúe referencias ao movemento provincialista e aos Mártires de Carral, acontecementos que marcaron a historia de Galicia e a lingua.


)
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 13-03-2014 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
2ª TERTULIA DE PROFES


Celebramos a 2ª tertulia do club de profes deste curso. Desta vez convocáronos dous textos breves: o relato “Ver las orejas al lobo” de Alice Munro, galardoada co Premio Nóbel de Literatura este mesmo ano; e a famosa e polémica carta do xefe Seatle ao presidente dos USA. Tamén falamos da película Lejos de ella, dirixida por Sarah Polley e baseada no relato da escritora canadense.

O relato conta como unha muller comeza a perder a memoria e toma a decisión de ser internada nun centro psiquiátrico. A enfermidade provoca turbulencias emocionais na aparente estabilidade matrimonial, liberando mentiras, reproches velados, sentimentos de culpa e medos agochados. O deterioro progresivo da muller e o seu comportamento”inadecuado” dende un punto de vista racional desconcertan o seu home que, ao principio, se resiste a aceptar os cambios condutuais derivados da enfermidade.

A polémica xurdiu coa expresividade emocional dos personaxes cinematográficos da película, demasiado contidos e fríos para algunhas persoas. Quizais a nosa pertenza a unha cultura máis ruidosa e xestual nos impide comprender e mesmo desconfiar da expresión emocional que non se axusta á nosa aprendizaxe cultural.

A carta do xefe Seattle foi interpretada como unha apoloxía da defensa da terra, a costa da idealización do bo salvaxe. Algunhas persoas sorprendéronse de que a carta fose en parte falsificada para favorecer a concienciación ecolóxica. A maior parte das contertulias coincidían en que o importante era a mensaxe, a denuncia da agresión á natureza exercida por unha parte da humanidade.


Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 15-12-2013 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZAMOS CO CLUB DE PROFES

Celebramos hai xa tres semanas a 1ª reunión do club de profes. Os textos escollidos para o debate foron a novela Sabor a canela, de José Carmona, un artigo de Noam Chomsky, "El control de las mentes", e o 1º capítulo de No logo, de Naomi Klein. O debate foi intenso dende o primeiro momento, con enfrontamentos dialécticos interesantes. O libro de José Carmona provocou a primeira discusión, pois algunhas persoas viron defraudadas as súas expectativas iniciais e sentíronse estafadas, mentres que outras sentiron a historia como un xogo de realismo máxico.

O tema das marcas, tema do libro de ensaio de Naomi Klein, No logo, foi moi controvertido, pois houbo un contertulio que discrepaba totalmente do enfoque do texto, restándolle actualidade e orixinalidade. Fronte á opinión xeral, defendía que o valor das marcas, a súa identificación cun estilo de vida e cuns valores afastados do produto en si, non é un fenómeno moderno, que xa se vendía a marca como un valor en si hai séculos nas transaccións comerciais dos pobos antigos.

Co texto de Noam Chomsky non se produciu moita discusión pois as persoas que quedamos na sobremesa compartiamos a mesma perspectiva do intelectual estadounidense, que ve os mercados e as grandes empresas como entidades con dereitos fronte a unha cidadanía cada vez máis indefensa, que ve na criminalización da opinión pública unha estratexia da oligarquía para preservar intereses, privilexios e poder.
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE PROFES - Publicado o 01-12-2013 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal