Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TERTULIA EN OURENSE CON RENDICIÓN E ENCONTRO CON RAY LORIGA

O xoves 4 de maio acudimos á 2ª cita coa literatura que organiza cada ano a Concellaría de Educación de Ourense. Nada defraudou neste encontro, nin o debate nin a sorpresa que nos tiña preparada Sara, a nosa eficiente xestora: a presenza do autor do libro. A novela que nos convocou nesta ocasión foi Rendición, de Ray Loriga, unha historia distópica moi atractiva que abriu moitas portas para a discusión (a tiranía das redes sociais, os sistemas totalitarios, as drogas legais, a perda da individualidade, o control da educación, a manipulación da información…). Cando nos decatamos tivemos que pechar bruscamente o acto para poder asistir á cita co escritor.

O encontro con Ray Loriga tampouco decepcionou, pois este falou sobre o oficio de escribir e a novela e, por suposto, respondeu as múltiples preguntas do público lector. Parecía que non se esgotaba nunca a curiosidade e o tempo voaba para o noso desgusto.

Cómpre salientar a participación dos integrantes do noso club no debate e no encontro co escritor, as súas intervencións e reflexións merecen un recoñecemento explícito.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 05-05-2018 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE RENDICIÓN, DE RAY LORIGA

O club de lectura está lendo Rendición, de Ray Loriga, unha historia distópica que nos lembra nalgúns aspectos á novela 1984 de George Orwell. Este libro foi o escollido para a 2ª sesión das tertulias organizadas pola Concellaría de Educación do municipio ourensán.

Aquí aparecen algúns membros do club na biblioteca coa novela de Ray Loriga
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 25-03-2018 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA EN OURENSE CON IZAN O DA SACA E ENCONTRO CON XABIER QUIROGA

O pasado xoves, 1 de febreiro, asistimos á cita coa literatura no Liceo de Ourense. Membros do noso club de lectura compartiron unha sesión de intenso debate con alumnado do IES Cidade de Antioquía, IES Allariz, Universidade Laboral, IES de Mende e IES As Lagoas. O coloquio xirou en torno á novela de Xabier Quiroga Izan o da saca, novela que trata a presenza do nazismo en Galicia e as súas conexións co réxime franquista xunto co papel colaboracionista da Igrexa, que agochou nazis escapados de Alemaña ao remate da 2ª Guerra Mundial e facilitou a súa fuxida a Latinoamérica, o que se denominou a Ruta das Ratas. A historia tamén aborda a corrupción política e do sistema xudicial, que impiden que a verdade saia á luz e que son capaces de mandar asasinar para que o sistema, a maquinaria que favorece a oligarquía, non se deteriore.

O alumnado manifestou que a lectura fora difícil e que algúns capítulos ("No escuro", "O Graciano") non os entenderan ata o final. O personaxe de Lelia e a súa relación co taxista investigador Reina, a represión na Guerra Civil, a violencia de xénero… tamén foron obxecto de debate.

Ao remate do coloquio, celebrouse o encontro co autor, Xabier Quiroga, o cal foi desvelando datos reais e probas documentais en que se baseou para escribir a novela. O escritor, oriúndo da Ribeira Sacra, espazo e escenario de Izan o da saca, contestou amablemente as preguntas que lle formularon algunhas persoas e, a continuación, procedeu a asinar os libros.


A experiencia resultou moi atractiva para os integrantes do club de 3º ESO, que asistían por primeira vez e que aparecen na foto xunto con Ana Posada, unha das tertulianas máis veteranas e que sempre realiza unhas intervención moi agudas e interesantes.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 12-02-2018 11:10
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE IZAN O DA SACA, DE XABIER QUIROGA

Parte do club de lectura le o libro Izan o da saca, de Xabier Quiroga, novela elixida para a 1ª tertulia que organiza a Concellaría de Cultura e Educación do Concello de Ourense.

A tertulia celebrarase no Liceo de Ourense a finais de xaneiro.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 30-12-2017 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA EN OURENSE E ENCONTRO CON CARLOS MONTERO

Con algo de retraso subimos esta noticia: a asistencia do club de lectura á 2ª tertulia organizada pola Concellaría de Educación de Ourense. Nesta ocasión foi o libro de Carlos Montero, El desorden que dejas, o que nos convocou. A novela provocou moita polémica en todos os ámbitos pois a algunhas profesoras, entre as cales me encontro, non nos gustou. Logo da tertulia celebrouse un encontro co escritor, o cal foi acribillado a preguntas.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 20-05-2017 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA EN OURENSE E ENCONTRO CON MARÍA SOLAR

Celebrouse no Liceo ourensán a 1ª tertulia organizada pola Concellaría do concello de Ourense. A novela escollida para o coloquio foi As horas roubadas, de María Solar. Todos os clubs que acudiron á cita coa literatura (IES Lagoa de Antela, IES Cidade de Antioquía, IES San Mamede, IES O Ribeiro e IES Allariz) participaron nun intenso debate sobre as relacións, os factores sociais e culturais que as condicionan e a violencia de xénero. Falouse de liberdade, de capacidade para decidir ou non, de valores…

Despois do coloquio tivo lugar un encontro coa escritora que foi debullando a historia e os personaxes, satisfacendo así as dúbidas e curiosidade de lectoras e lectores.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 07-02-2017 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA EN ALLARIZ CON NÚÑEZ SINGALA

No 1º trimestre participamos na tertulia literaria organizada polo equipo de Biblioteca do IES Allariz. As persoas que forman parte do club de lectura achegáronse á vila veciña para compartir unha xornada literaria cos membros dos clubs dos institutos de Maceda, Bande, Allariz e Viana do Bolo. Acudimos a esta nova cita coa literatura compartindo cos nosos veciños do IES Cidade de Antioquía.
O libro escollido para o debate foi Instrucións para tomar café, de Núñez Singala, un interesante conxunto de relatos que non deixan indiferente. A través do humor e a sorpresa, o narrador obríganos a reflexionar sobre a idiosincrasia e identidade galegas, tamén sobre tópicos e estereotipos. O coloquio foi intenso e apaixonado, por veces excesivo. Logo do debate, lectoras e lectores tiveron a oportunidade de departir co escritor, o cal contou algunhas anécdotas que inspiraron certos relatos que compoñen o libro. Previamente, Núñez Singala participou nun programa de radio con integrantes dos diferentes clubs, entre eles Paula Nogueiras, a moza da foto.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 24-01-2016 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIAS EN OURENSE

O pasado mesde abril acudimos á 2ª tertulia que organiza cada ano a Concellaría de Educación do municipio de Ourense. O debate foi intenso e controvertido pois expresáronse opinións moi diverxentes.

A novela Matarte lentamente, do escritor e guionista ourensán Diego Ameixeiras, provocou moita discusión entre o público en relación a algúns temas: sexualidade, moral, delincuencia, consumo de drogas, aborto…

Logo da tertulia, asistimos a un encontro co autor, compartindo espazo cos integrantes doutros clubs. O escritor falou do oficio de escribir e de como vai madurando unha historia na súa cabeza e no papel; tamén respondeu as preguntas que lle formularon. Finalmente, Diego Ameixeiras asinou con infinita paciencia todos os libros de mozas e mozos presentes.


Matarte lentamente é unha novela negra-social que narra a derrota duns personaxes que viven á deriva, nunha realidade opresiva. As circunstancias, a falta de comunicación, os conflitos persoais colócaos en situacións tan límite que acaban tomando decisións desesperadas, á marxe da lei. As historias, fragmentadas, conforman a radiografía dunha sociedade en crise, onde a ausencia de valores non deixa lugar para a esperanza.


Parabéns para o escritor Diego Ameixeiras, que acaba de gañar o premio Antón Losada Diéguez.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 18-05-2015 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB PARTICIPOU NAS TERTULIAS OURENSÁS

O pasado martes 2 de febreiro asistimos á tertulia no Liceo de Ourense para debatermos sobre a novela de Clara Sánchez Lo que esconde tu nombre. Un membro do club de Allariz iniciou a sesión co tema do nazismo e logo fóronse unindo outras voces ao diálogo compartido. As relacións entre os personaxes, os movementos neonazis, o desexo por permanecer novos, a falta de madurez na protagonista, o final inconsistente, foron algúns dos temas que acapararon a atención dos presentes.

Agradecemos de novo, coma todos os anos, á Concellaría de Educación que nos convidase a participar nesta actividade e ás nosas alumnas un recoñecemento pola súa implicación, pois estiveron moi activas.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 10-02-2015 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
O CLUB LE A CLARA SÁNCHEZ

O club le a novela de Clara Sánchez Lo que esconde tu nombre para participar nas tertulias que organiza a Concellaría de Educación do Concello de Ourense. Temas como o nazismo e os movementos neonazis son abordados nesta historia de certa intriga e clima desasosegante.


Entrevista á escritora.




Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DO CLUB - Publicado o 22-01-2015 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal