Este vídeo confeccionado para conmemorar o 8 de marzo é unha homenaxe a todas as mulleres, as recoñecidas e as anónimas, as que traballan no ámbito doméstico e as que traballan no ámbito público... Unha pequena contribución á visibilización das mulleres e a que se lles recoñeza o seu traballo.
Este mes de marzo comezámolo lembrando que a igualdade de xénero aínda é un obxectivo incumprido. Elaboramos varias propostas para abordar o tema nas aulas.
Achégase o 8 de marzo e xa agroman iniciativas e propostas didácticas interesantes. Dámoslle publicidade a esta completísima batería de actividades deseñadas polo STEG.
Celebramos o Día da Paz con varias actividades:
En plástica o alumnado pintou 50 paraugas participando así no proxecto internacional de Lamb pola Paz. A idea partiu dun profe de Historia ao que se sumaron as profes de plástica. No 1º recreo do día 30 expuxéronse os paraugas no patio interior, desafiando o frío intenso, e formouse un dos símbolos máis repreentativos da paz. No 2º recreo léronse textos pola paz na biblioteca, proxectouse o vídeo dos abrazos e houbo apertas.
Unha xornada moi emotiva e na cal se implicaron moitas persoas da nosa comunidade!
O venres, 25 de novembro, celébrase o Día Mundial contra a Violencia de Xénero.
Vía Trafegando ronseis chégannos estes vídeos, unha campaña contra a homofobia e unha curtametraxe, Propiedad privada, contra o micromachismo.
Na páxina web do STEG existen propostas didácticas para traballar nas aulas sobre este tema.
Celebramos o Samaín con diferentes actividades: concurso de contos de medo, concurso de cabazas e lecturas dramatizadas de contos elaborados e escenificados polo grupo de teatro de 3º C de ESO. Preparamos o ambiente con elementos decorativos de terror, sombras e sons de medo, escenario propicio para que a Santa Compaña e un monicreque diabólico se paseasen pola biblioteca. Ao final houbo doces propios da época para os asistentes: mouse de castaña, brazo de xitano e pastas deliciosas preparadas polas alumnas do PCPI de Cociña, guiadas pola profesora Ivana. Que rico estaba todo! E como devoraban algúns!
Esta semana celebramos o Día da Biblioteca. O luns 24 de outubro, o equipo da biblioteca fixémoslles entrega dun libro de Os megatoxos, un adhesivo, un marcador e un folleto a todos os alumnos e alumnas de 1º de ESO, que visitaron a biblioteca en diferentes quendas. Tamén realizamos un exercicio para a formación de usuarios: un xogo-concurso entre equipos para aprender a buscar libros de diferentes materias na biblioteca e interpretar as sinaturas, para o cal se lles entregou unha folla coa CDU a cada grupo. Este xogo resultou moi entretido e eficaz para a aprendizaxe. Como premio simbólico os membros dos equipos gañadores recibiron un diploma.
Colgamos as fotos de "Ramón" (adaptación da peza de de Sergi Belbel realizada por Begoña Muñoz Saá), representada polo grupo de teatro de 3º B (Alba, Carlos, Juanjo, Benita, Álvaro e Marcos) na Biblioteca. O vídeo está subido no blog do EDLG: O falar non ten cancelas.