Para lembrar a figura do poeta de Celanova rescatamos este videopoema realizado por Cristian, Miguel, Anxo e Miguel, ata o curso pasado magníficos alumnos do noso centro. Tamén vos convidamos a ver o vídeo sobre Celso Emilio Ferreiro elaborado por Xose Manuel para o ENDL. Acompañámolo doutro videopoema dos antigos alumnos citados.
Celebramos O Día do Libro na biblioteca con varias actividades: unha exposición de marcapáxinas organizada polo departamento de Plástica en que participou alumnado de 3º de ESO, entrega dos premios do concurso literario e gráfico de Carlos Casares e unha lectura dos textos gañadores por parte dos autores dos mesmos. Como ese día había excursión de 2º ciclo e BAC non houbo tanta afluencia de público como outras veces pero as persoas que acudiron, amantes dos libros, encheron a biblioteca de calor e aplausos. N?A Limia hai madeira artística!
No blog do EDNL O falar non ten cancelas están subidos os nomes das persoas gañadoras, os textos e os cómics sobre Carlos Casares. Non deixedes de lelos e velos, paga a pena!
Hoxe é o día do teatro e cómpre lembralo e dedicarlle unha entrada.
No noso insti temos un grupo de teatro que mañá vai celebrar o día representando dúas pezas creadas e ensaiadas de maneira autónoma. Ben merecen os seus membros unha homenaxe.
Que é e para que serve o teatro?
O teatro é unha forma de comunicación que serve para expresar pensamentos e emocións.
Na antigüidade, a través das máscaras as persoas imitaban escenas da realidade e creaban rituais para pedir algo aos deuses ou espantar perigos. A comunidade participaba en ceremonias que provocaban a catarse ou alivio emocional.
Os beneficios do teatro nas aulas son múltiples: favorece as habilidades sociais e comunicativas, incrementa a autoestima, potencia a observación, a concentración e a memoria, facilita o traballo grupal, ensina a respectar ao diferente, fomenta a sensibilidade, axuda a pórse na pel do outro estimulando a empatía, abre as portas á imaxinación, fai tomar conciencia da realidade e de un mesmo?