O pasado xoves 28 de maio asistimos, por fin, á entrega de premios do XX Concurso Literario Arcebispo San Clemente e no que participaran como xurado alumnas do IES Lagoa de Antela o curso pasado. Acudiron á cita Lorena, Eva, Clara e Kimberly, esta última entregou o premio ao escritor Jöel Dicker, autor de La verdad sobre el caso Harry Quebert, gañador na modalidade de mellor novela en lingua estranxeira. Carlos Reigosa, gañador na modalidade de lingua galega con A victoria do perdedor, e Juan Gabriel Vásquez, gañador na modalidade de lingua española con Las reputaciones, recibiron os premios de mans do alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago, o instituto que organiza o concurso.
Logo do acto de entrega de premios, en que alumnas e alumnos do Rosalía presentaron e leron fragmentos das novelas premiadas, os escritores asinaron exemplares dos seus libros. Para rematar, celebrouse unha cea no Hostal dos Reis Católicos, onde o alumnado que formou parte do xurado compartiu mesa cos escritores galardoados.
Agradecemos ao profesorado do IES Rosalía de Castro, en nome das nosas ?antigas? alumnas, a oportunidade que nos brindaron de vivir esta experiencia inesquecible. Mención especial merecen Lara e Leticia, as dúas ex - alumnas que non puideron asistir ao acto por encontrarse estudando en Salamanca.
O martes 16 de xuño acudimos a unha cita coa literatura en Santiago. Seis das nosas alumnas de 2º de BAC, Clara, Lara, Kimberly, Eva, Lorena e Leticia, participaron, xunto con alumnas e alumnos doutros institutos de Galicia e do IES Rosalía de Castro de Santiago, como xurado no prestixioso premio literario San Clemente que convoca o instituto compostelán. Despois de reunirse, defender a súa escolla e votar, os membros do xurado comunicaron aos medios os gañadores en cada unha das tres categorías convocadas. En Lingua Galega o premio foi para Carlos Reigosa pola súa novela A vitoria do perdedor, en Lengua Española o premio recaeu no escritor colombiano Juan Gabriel Vászquez por Las reputaciones e o premio en Lingua Estranxeira levouno o escritor suízo Joël Dicker, pola novela La verdad sobre el caso Harry Quebert. Logo dunha sesión de fotos xantamos no Casino e paseamos polas rúas cargadas de historia de Santiago. Algunhas das nosas alumnas percorrerán as rúas de Santiago moitas veces nos próximos anos, deixarán pegada nelas e sucumbirán ao seu magnetismo, inevitablemente.
Foi unha xornada inesquecible. Pero máis inesquecible supoñemos que será o día da entrega de premios, cando as nosas alumnas e nón teñamos a oportunidade de saudar e intercambiar palabras cos escritores galardoados.
O noso acompañante e profesor de inglés, Pablo Antorrena, viviu con especial emoción esta cita, pois estudou o bacharelato no instituto Rosalía de Castro e fartouse de saudar o profesorado e lembrar vellos tempos.
Laura Gallego, a prolífica escritora de literatura infantil e xuvenil, conseguiu a semana pasada o galardón pola novela Donde los árboles cantan. @s fans do IES Lagoa de Antela, que non son poucos, seguro que se van alegrar. Noraboa!
O noso querido Agustín, que tanto ten feito pola normalización e a literatura no noso país, segue a recibir homenaxes. GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) nomeou a Agustín Fernández Paz Socio de Honra e o escritor agasallou os presentes cun conto que está neste blog: Abrir as portas.
Abrimos unha nova canle de recursos didácticos, ferramentas tecnolóxicas,novas sobre a competencia lectora e información de actividades da biblioteca. Este espazo web vai destinado a toda a comunidade educativa do IES Lagoa de Antela e desexamos que se converta nun instrumento útil para potenciar e mellorar as competencias dende todas as materias. Ese é o noso compromiso, un compromiso fiel ao ensino público.
O venres recibiremos a visita de Tokio, artífice da novela gráfica Cabana de Balieiros, unha historia ambientada nunha vila do s.XIX que agocha segredos. Misterios relacionados cos barcos, naufraxios e costumes ancestrais.
O venres 25 de novembro asistimos a unha conferencia dada no salón de actos do noso instituto polo escritor Joan Manuel Gisbert, autor dun dos relatos que compoñen o libro Cinco cuentos sobre Velázquez lido este ano polo alumnando de 3º e 4º de ESO.
Pasamos con el un agradable momento que nos permitiu ver as cousas dende un punto de vista distinto e comprender mellor a orixe das súas ideas e do relato que lemos.