Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RELATOS DE MEDO: CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE, XABIER P. DOCAMPO

4 historias que arrepían coma aquelas que se contaban ao pé da lareira nas noites de inverno. Relatos de medo para non durmir e para homenaxear as persoas anónimas que non figuran nos libros e que son expertas en crear atmosferas de tensión e suspense.

?Non tardou en regresar cun bo brazado de leña que botou no lume da lareira. Agarrou un tallo e sentou diante de min. Daquela puiden verlle a cara por primeira vez e case caio da sorpresa: era en todo case igual á miña. Non se diferenciaba máis que no seu ollo esquerdo.?
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 07-01-2009 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
NOVIDADES LITERARIAS: SARDINIA BLUES, DE FLAVIO SORIGA


Illa de Sardeña, ano 2007, tres amigos apuran a vida entre pequenos roubos, noites de discoteca e relacións efémeras. Linguaxe a ritmo de blues para retratar a xuventude sarda.

?Conseguín chegar cando aínda era noite pero non vai durar moito, en poucas horas sairá o sol e as familias espertarán, prepararanse para ir á praia, pobres vidas ordenadas sen sorpresas nin desenfreos nin seducións nin noites en branco, baixo os chanzos que dan á praia e desvístome e métome na auga, non o fago nunca, nadar de noite, de verán non, en maio si, gústame moitísimo, nádase coma nun soño?
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 03-01-2009 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA PRIMAVERA PARA ALDARA, Teresa Moure

UNHA PRIMAVERA PARA ALDARA
Teresa Moure

Un convento no século XV ve perturbada a súa rutina polo desembarco do amor. As revoltas irmandiñas están protagonizando unha revolución e o seu ideario entra nas paredes do convento. Os preceptos relixiosos abanean.

NUNO [Ri]: Sabedes, madre prioresa, por que amo a forza e a liberdade dos paxaros? Porque lles permiten ser libres e non escravos! Non hei de defender os falcóns. Só quería anunciarvos que chegará un día en que os pardais deixen de ser criaturas asustadas e se lancen a perseguir a quen os fustriga. Se cadra xa estamos nos albores dese día...
SANCHA [soñadora]: Se cadra...!
XOANA: Os mozos serán señores...
SANCHA: E os pobres teremos as riquezas dos pazos.
XOANA: E os vestidos das condesas...
SANCHA: E bailaremos todas as noites...
XOANA: E durmiremos con quen nos pete e non co guerreiro do señor.
SANCHA: E erguerémonos tarde da cama...
XOANA: E só comeremos amorodos...
NUNO: Amorodos? Eu prefiro comer carne.
XOANA / SANCHA: Ha, ha! Non estades afeitos a ser falcón!
NUNO: Os auténticos pardais, que gañarán a revolta, son xentes coma vós.
XOANA: Aínda gozaba un pouco de mandar un escuadrón e poñer a todo o mundo a cociñar e refregar!
Comentarios (1) - Categoría: PARA LER - Publicado o 20-11-2008 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
O PROFESOR DE VEGLIOTA, DE MANUEL VEIGA

O profesor de vegliota, Manuel Veiga

Un profesor de vegliota, idioma en vías de extinción pola imposición da lingua oriental como lingua oficial, emprende unha viaxe á súa cidade natal coa intención de pór a salvo as súas investigacións sobre o idioma en perigo. Comparte travesía con personaxes diversos que parecen esconder algo. A reserva, a sospeita, a sombra dunha ameaza indefinida son elementos que, xuntos, constrúen unha atmosfera de misterio. Mentres, o pensamento deseña o seu propio universo ideolóxico.

?Unha amiga preguntoume unha evz por que escribía en vegliota. A pregunta que, non obstante, debería facer era: por que escribía? Podería así responderlle que non só escribo en vegliota, senón que, indo máis alá, escribo para darlle uso ao vegliota. Diriamos que é un caso semellante ao daquel que conduce ocasionalmente, non para ir a parte ningunha, senón para evitar que ao seu automóbil se lle descargue a batería.?
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 16-11-2008 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
UN BOSQUE CHEO DE FAIAS: ALEGATO CONTRA O RACISMO
Un bosque cheo de faias
Francisco Castro

A historia conta como un grupo de rapaces se enfronta a unha banda de ultras neonazis que lle dan unha malleira a un amigo inmigrante senegalés. Entre eles tamén se agocha a dúbida e agroma o conflito.

?Unha noite, os postos da feira ambulante que hai onda o concello apareceron queimados, e uns encapuchados bateran nun señor magrebí que vendía alfombras pola rúa. Todos os ataques eran iguais: catro ou cinco individuos coa cabeza tapada asaltaban no medio da noite a persoa que quixesen agredir. Case sempre en moto e sempre coas caras tapadas. Había nazis soltos pola cidade.?
Comentarios (2) - Categoría: PARA LER - Publicado o 06-11-2008 20:44
# Ligazón permanente a este artigo
MURAKAMI EN GALEGO: TRAS DO SOLPOR

Tras do solpor
Haruki Murakami

O escritor xaponés traza un relato que transcorre nunha noite, atmosfera de horas sen luz en que as historias de varios personaxes se cruzan creando unha sensación de desacougo. Dúas irmás diferentes configuran o eixo narrativo sobre o que xiran as demais personaxes. O racional mestúrase co irracional e produce o mesmo efecto narcotizante que emanaban as outras novelas máis coñecidas traducidas ao castelán: Kafka en la orilla e Tokio Blues.
Comentarios (1) - Categoría: PARA LER - Publicado o 06-11-2008 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
CABEZA DE MEDUSA, Marilar Aleixandre

A CABEZA DE MEDUSA
Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre aborda o tema da violación dende o mito de Medusa, a Górgona mortal que foi vítima dunha dobre condena. A historia transcorre polos corredores e as aulas dun instituto e mostra a repercusión emocional, xudicial e social das agresións sexuais máis abominábeis. A novela obtivo o Premio da Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil neste ano 2008.

? Contalo é sentirse culpábel, pois aínda que a policía non pregunte por que subiron ás catro e media da madrugada no coche duns descoñecidos, ela interrógase unha e outra vez como puideron facelo, que distinto sería todo se non o fixeran. Iso a pesar de que a muller repetía de cando en vez:
- Non te culpabilices. Os culpábeis son eles. Pasouche a ti como lle puido pasar a calquera outra rapaza.?
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 30-10-2008 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS RECOMENDADAS: NOVELA HISTÓRICA

O frío azul
Ramón Caride Ogando
Sotelo Blanco

Ao mosteiro de Oseira, no ano 1517, chega un cabaleiro con ansias de saber. O abade recíbeo ao cabo duns días e tece un sorprendente relato de guerras, nigromancia, amor, panteísmo e tiranía. O escenario desta historia é Xálima, nas terras do Val de Ellas en Extremadura. O cabaleiro, á súa vez, trae outra historia estarrecedora das terras do Caurel. A realidade é un fío que cose vidas nun territorio de lendas.
Comentarios (0) - Categoría: PARA LER - Publicado o 08-10-2008 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
FIN DE SÉCULO EN PALESTINA: UN LIBROO PARA A REFLEXIÓN

Fin de século en Palestina,
Miguel Anxo Murado,
Editorial Galaxia

Miguel Anxo Murado viviu varios anos no mesmo epicentro do conflito palestino-israelí, primeiro como cooperante das Nacións Unidas e logo como correspondente xornalístico. Este libro é produto das súas vivencias en Xerusalén e nos territorios ocupados de Gaza e Cisxordania e van acompañadas de interesantes reflexións sobre a orixe da intifada e os odios seculares que enfrontan a palestinos e israelís e que non parecen ter fin.

?Xerusalén é, en definitiva, o lugar da fin do mundo, onde as tres relixións monoteístas cren que terá lugar o Xuízo Final. ¿Non estaban acaso os xudeus ricos de medio mundo mercando a prezo de ouro un espazo no cemiterio do Monte das Oliveiras para seren os primeiros cando chegase ese día? ¿Non vivía eu mesmo no val onde os musulmáns crían que había sentar Mahoma para xulgar os fieis unha vez que se consumise o tempo? ¿Non crían millóns de cristiáns que ese día final Xesús Cristo estaría sentado un puco máis alá, entre as frescas oliveiras do Hospital Augusta Victoria? ¿Quen podía no fondo reprocharlle nada a unha cidade que tiña unha historia que era pura loucura e que vivía na loucura??


?Era ben certo, Palestina é un país de nenos. Máis da metade da súa poboación son nenos e esta era, en gran medida, unha revolta dos adolescentes. A icona, a imaxe de todo isto, non tardou en facer acto de aparición. Ese domingo, un cámara da televisión francesa captou unhas imaxes que deron a volta ao mundo: en Gaza, un neno palestino chamado Mohamed al-Durah morría cribado a balazos a carón do seu pai, quen tamén recibiu doce impactos mentres levantaba os brazos unha e outra vez para pedir axuda. Ían do norte ao sur da Franxa para mercaren un coche de segunda man, e víranse sorprendidos por un tiroteo no temible cruce de Netzarim, un campo de batalla arredor dun asentamento no que se intercambiaban pedras e disparos con tanta regularidade que o lugar se enchera de vendedores de limoada e xeados.?


?Estabamos ceando alí cando unha repentina ansiedade transmitiuse como unha descarga eléctrica naquel local cheo de xente. Empezaron a soar teléfonos móbiles e algúns clientes saíron ás présas do restaurante, berrando. Nin sequera preguntamos que pasara. non podía ser outra cousa que un atentado en Xerusalén. pero non. non era un, eran tres: tres rapaces voáranse a poucos metros un do outro no peonil de Ben Yehuda. Mais ao pasar por aí máis tarde, camiño da casa, non vin apenas nada que saíse do normal, tan só máis policía na zona. Así é en Xerusalén: retírase axiña da rúa a iconografía do atentado para evitar que a poboación se desanime, e tamén como unha estraña forma de desprezo. Un home que varría cristais diante dun comercio era o único que delataba que esa noite morreran alí dezaseis persoas.?

?Nestes días, os prisioneiros eran tan numerosos en toda Cisxordania que o exército empezou a pintarlles números nos antebrazos. Cando se soubo, estoupou un escándalo no parlamento israelí. Un deputado, antigo supervivente dos campos de exterminio nazis, pedía explicacións desde a tribuna, louco de ira. Pero a explicación era evidente. ?Son demasiados?, dicía un militar nas noticias, ?¿Qué queren que fagamos? Os nazis facíano porque é un sistema que funciona ben. Non o copiamos deles, é que así é como se fan estas cousas...?
Era así como se facían esas cousas...?


Comentarios (1) - Categoría: PARA LER - Publicado o 19-09-2008 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
RESISTENCIA, DE ROSA ANEIROS

Seguimos con suxestións para o verán

Resistencia, Rosa Aneiros, Xerais

Unha historia de amor maldito entre dúas persoas de diferentes clases sociais na ditadura de Salazar, en Portugal. A loita contra a miseria, o compromiso, o amor marcado polas circunstancias políticas...

?Na estrada de San Pedro de Moel, Dinis agardou máis dunha hora a que alguén se apiadase del e empezou a andar polo piñeiral. A imaxe de Filipa resultaba cada vez máis nítida ó percorrer os lugares dos seus encontros. Reconfortouno sentir o rumor xordo dos piñeiros sobre a súa cabeza, o cheiro do salitre atlántico e a area nos ollos?E aquela morriña salgada da casa que o invadira en Mozambique foise atenuando. Alegrábase de volver e, malia que a crera perdida, necesitou a Filipa. Necesitouna-
Hai quen di que a guerra dá máis do que rouba, que a guerra aprende a vivir. A Dinís ensináralle a morrer cada instante de desacougo e recordos.?

Comentarios (2) - Categoría: PARA LER - Publicado o 16-06-2008 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0