Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VISITA DE MARCOS CALVEIRO

O luns 5 de xuño tivemos a honra de contar, de novo, coa presenza do escritor Marcos Calveiro, quen impartiu unha charla moi interesante ao alumnado de 1º ciclo, 1º e 2º de ESO, sobre Palabras de auga, novela que mergulla o lector na cultura africana e tamén describe unha viaxe iniciática cara á madureza.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 16-06-2017 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS DIEGO AMEIXEIRAS

O escritor Diego Ameixeiras achegouse ao IES Lagoa de Antela para impartir unha charla ao alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC. O novelista ourensán falou do oficio de escribir e dos seus libros, centrándose, sobre todo, nos lidos polo alumnado: Matarte lentamente e Baixo mínimos. As historias que compoñen o puzle de Matarte lentamente suscitaron moito debate polos temas de alta voltaxe social e os conflitos éticos que se presentan.

Diego Ameixeiras confesou que a súa incursión na novela negra bebe da literatura de vaqueiros dos anos 70, asinada baixo pseudónimos anglosaxóns, e da novela negra norteamericana.
O escritor foi presentado pola alumna de 1º BAC, integrante do club de lectura, Paula Nogueiras; impartiu a charla, contestou amablemente as preguntas que se lle formularon e, finalmente, asinou exemplares dos seus libros.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 10-06-2016 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA EN OURENSE CON BERTA DÁVILA

Acudimos a unha nova cita coa literatura no Liceo de Ourense. Viaxamos cos integrantes dos clubs de lectura do IES Cidade de Antioquía e IES ALLariz para reunírmonos máis tarde, xa no Liceo ourensán, cos lectores e lectoras do IES San Mamede e IES Ribadavia. O libro que nos convocou nesta ocasión foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

Serafín Alonso, profesor de Lingua do IES Ribadavia, deu uns datos sobre a escritora e abriu o camiño para o debate co tema da identidade e a partida. Ao principio ao alumnado custoulle entrar no coloquio pero logo foron agromando temas que suscitaron moita discusión como: a relación dependente entre Clarissa e Emma, a relación homosexual entre mulleres, o ambiente abafante de Faith, a literatura como coñecemento e liberación…

Para finalizar, xa no Salón de Actos e xunto cos integrantes dos clubs da capital, celebrouse o encontro con Berta Dávila. A escritora falou de como concibiu a historia, respondeu as numerosas preguntas formuladas polas lectoras e lectores e asinou libros. Durante a súa intervención, a autora do libro O derradeiro libro de Emma Olsen fixo gala dunha fina ironía.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 10-06-2016 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO VISITA O INSTITUTO

Hai dúas semanas Elena Gallego visitou o noso instituto e impartiu unha charla sobre o proceso de creación de Dragal, que tanto éxito lle ten reportado á escritora, ao alumnado de 2º ESO, que previamente lera o libro que inicia a triloxía: A herdanza do dragón. As alumnas e alumnos de 2º ESO tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como se xestou o proxecto e algúns gardaron cola para que lles fosen asinados os seus libros.


Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 29-05-2016 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS FRAN ALONSO

O escritor Fran Alonso impartiu dúas charlas no instituto: co alumnado de 3º e 4º de ESO falou de Cartas de amor ( un libro de relatos protagonizados por mulleres que viven circunstancias dolorosas)e co alumnado de 1º ciclo falou de Cidades e de creación poética.

Nas dúas sesión compartimos espazo co alumnado do IES Cidade de Antioquía.

Velaquí a crónica dun alumno de 1º de ESO, Álex Cabido Martínez.


O mércores 15 de abril, visitou o noso IES o escritor Fran Alonso. Foi unha charla moi agradable e amena. Comezou coa presentación do autor por parte duns compañeiros de 3º de ESO.

Logo, Fran Alonso explicounos o que era a poesía, da que nos dixo que estaba formada por catro patas. Ademais fixonos a demostración de que as palabras teñen máis significado na poesía que no léxico normal. A súa demostración consistiu en coller un globo, inchalo ata que non cabía máis aire e logo, de súpeto, pinchouno e fixo un ruído que penso que fixo estremecer ata aos que estaban ao final do salón de actos.

Tamén nos recitou poemas facendo ruídos de animais coma un moucho e un pato.

Por todas estas cousas, encantoume a súa visita e pareceume moi interesante.



Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 26-04-2015 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS LEDICIA COSTAS

O alumnado de 1º de ESO asistiu a unha charla da escritora Ledicia Costas.

Velaquí a crónica dun alumno.

O pasado día 14 de abril, a escritora Ledicia Costas visitou o noso IES para falarnos sobre o seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta.

Dous compañeiros presentaron a autora e logo ela contounos algunhas cousas máis da súa vida.
Os alumnos fixéronlle á escritora as preguntas que tiñan sobre a novela, ás que ela respondeu amablemente. Tamén nos contou algunhas anécdotas que lle ocorreran a ela ou que lle contaran outros rapaces e que tiñan relación co seu libro.

Xa no final do encontro, a autora asinounos os libros e unha compañeira entregoulle como agasallo un libro que narra a historia da lagoa de Antela, tema sobre o que a escritora se mostrou moi interesada.

Segundo as opinións dos rapaces, a charla foi un encontro moi interesante, que lles agradou moito, e no que o pasaron moi ben.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 26-04-2015 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA DE CARLOS VILA SEXTO, AUTOR DE AS SETE MORTES

O venres 13 de marzo recibimos a visita de Carlos Vila Sexto, autor de As sete mortes, unha novela de intriga ambientada en Galicia e que trata o tema da inmortalidade. A historia contén elementos da mitoloxía e simboloxía celtas que engaden atractivo á lectura.

O escritor, que foi presentado polas alumnas Paula Nogueiras e Carmen Canal, contounos como se converteu en escritor e como as súas historias son produto dunha adolescencia influenciada polos videoxogos. Respondeu algunhas preguntas e asinou libros.

Agradecemos a visita a Carlos Vila Sexto, as súas palabras e a súa amabilidade.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 17-03-2015 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
RECIBIMOS A RAMÓN CARREDANO

O luns 7 de abril recibimos a visita do escritor Ramón Carredano que impartiu dúas charlas, unha a 2º de ESO sobre o libro Unha branca de cobre para Martiño e outra para 3º de ESO sobre Veleno tinto. Foi presentado por alumnas e alumnos dos diferentes niveis, respondeu as preguntas dos presentes e asinou exemplares das súas novelas. Tamén estiveron presentes alumnas e alumnos do IES Cidade de Antioquía.

Agradecemos a Ramón Carredano a súa visita.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 15-04-2014 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS MANUEL NÚÑEZ SINGALA

O mércores 18 de decembro recibimos a visita de Manuel Núñez Singala, autor de Menú de enganos, En galego por que non? e O achado do castro entre outros libros. O escritor falou co alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC sobre como concibiu os relatos de Menú de enganos, respondeu amablemente as preguntas que lle formularon e asinou libros. O alumno de 1º de BAC e membro do club de lectura Xosé Manuel Rodríguez Quintela foi o encargado da súa presentación, que realizou de maneira impecable, sen soporte textual.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 07-01-2014 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS RAMÓN CARIDE OGANDO
O xoves 22 recibimos a visita de Ramón Caride Ogando, autor dos libros Perigo vexetal e Exogamia 0.3, o primeiro lido polo club de aula de 2º de ESO e o segundo lido polos clubs de aula de 4º de ESO e 1º de BAC. A lectura de Perigo vexetal foi guiada polo profesor Francisco Prol, de Lingua, e a lectura de Exogamia 0.3 foi guiada polos profesores Tomás García, de Bioloxía, e Miguel Yebra, de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
O escritor, biólogo e profesor de ensino medio, foi presentado polo alumnado nas dúas charlas que impartiu e respondeu as preguntas formuladas e previamente traballadas na aula.

Destacamos as seguintes preguntas:

Se as cousas que relatas ocorresen, cre que sería posible a vida na terra?

Algunha vez pensou en tomar algún medicamento que producise amnesia para esquecer algo?

Que opina sobre a alteración xenética nos animais para o seu uso na medicina?

O encontro resultou moi interesante ao abordar cuestións sobre a ética dalgúns experimentos científicos e o mercantilismo dalgúns produtos tecnolóxicos que supoñen a sobreexplotación de recursos medioambientais e humanos. Tamén lembrou o desastre do Prestige, xusto cando se producen 10 anos da catástrofe que asolou as nosas costas.

Parabéns para as persoas que interviñeron e gratitude para Ramón Caride e a súa amabilidade, foi un pracer contar coa súa presenza e escoitar as súas palabras, que nos fixeron reflexionar.



Comentarios (0) - Categoría: VISITAS - Publicado o 24-11-2012 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal