Club de lectura Nós tamén navegar IES Lagoa de Antela


ler sen cancelas

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MARCOS CALVEIRO IMPARTIU DÚAS CHARLAS NO INSTITUTO

O luns 10 de marzo recibimos a visita do escritor Marcos Calveiro, que impartiu dúas charlas, unha dirixida ao alumnado de 1º de ESO, que leu o libro Palabras de auga; e outra para o alumnado de 3º de ESO, que leu O pintor do sombreiro de malvas. As charlas foron moi interesantes, amenas e didácticas, pois o escritor acompañou o seu discurso dunha presentación moi gráfica, contounos detalles importantes do núcleo argumental e explicou as motivacións que o levaron a escribir as dúas novelas. Foi presentado por Sofía García e Xabier Pérez de 1º ESO e Paula Nogueira e Sheila Valencia de 3º ESO. Logo de cada charla asinou libros do alumnado e da biblioteca.

Agradecemos a visita foi un pracer contar de novo coa súa presenza no instituto.

Deixamos aquí unha crónica da visita realizada por Carmen Rodríguez Rodríguez, alumna de 1º A de ESO.

O día 10 de marzo visitounos Marcos Calveiro, escritor e avogado. Non puidemos recibilo no noso instituto xa que o salón de actos quedou estragado pola recente inundación, así que fomos ao I.E.S Cidade de Antioquía, o instituto que está situado ao lado do noso.

Contounos un pouco sobre a súa vida e díxonos que, como gran lector, el quería escribir libros igual que un músico quere escribir cancións.

Explicounos un pouco sobre o seu libro Palabras de auga. É un libro moi bonito que conta a historia dun neno e da súa familia e como loitan por sobrevivir na seca. Está ambientado en África, un continente tan rico en recursos e tan pobre ao mesmo tempo. Relatounos cousas horribles que están sucedendo alí. Mulleres que lle teñen que roubar a comida ás formigas. Nenos soldado e mineiros traballando de sol a sol. Xente que morre de fame e nais que teñen que vender ao fillo maior para alimentar os máis pequenos. Persoas que escapan daquel pesadelo e morren por intentalo. Pero non todo é traxedia. El coñece a unha familia que conseguiu escapar daquel horror.

Foi unha visita moi bonita na que aprendemos moitas cousas.




VISITA DE MARCOS CALVEIRO

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 22-03-2014 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA LITERARIA EN OURENSE

O xoves pasado mantivemos no Liceo da capital o primeiro encontro literario. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Educación de Ourense, reúne varios clubs do municipio e da provincia, que, primeiro, debaten sobre aspectos formais e temáticos dunha novela e, logo, acoden a unha cita co autor ou autora.

Nesta ocasión convocounos a novela de Manuel Portas Faneca Brava. O debate foi iniciado por Paula Nogueira, membro do noso club, a partir do tema dos roles femininos impostos polo franquismo e a posición da muller na sociedade da posguerra. Outros temas que se trataron foron as agresións a nenas no ámbito familiar, a pederastia na Igrexa, o mundo das aparencias, os desexos de vinganza, o afán de superación etc. Tamén se falou dos personaxes, as relacións entre eles e as voces narradoras. A discusión foi moi animada e algúns temas suscitaron algunha controversia, non obstante, en xeral, as valoracións coincidiron bastante entre os contertulios/as.

Só nos cabe felicitar os membros do noso club polo seu saber estar e polas súas intervencións. Unha mención especial merecen Paula Nogueira Nogueira e José Manuel Rodríguez Quintela, que participaron activamente no debate.

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 17-02-2014 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA LITERARIA EN ALLARIZ

O mércores pasado acudimos á nosa primeira cita literaria fóra do instituto. Os membros do club de lectura do 2º ciclo do IES Lagoa de Antela debateron cos integrantes dos clubs do IES Allariz e IES San Mamede sobre a novela Hora Zulú de Antón Lopo. Logo, realizouse un encontro co autor, quen contestou amablemente as preguntas que lle formularon os contertulios.

Mentres se celebraba a tertulia, alumnado dos tres clubs participaron nun programa radiofónico co escritor.

Entre as cuestións que foron obxecto de debate salientamos a estrutura da novela, un mosaico de textos, e temas como o tempo, a ecoloxía, as relacións e a saúde mental.


Agradecemos o convite a María, responsable da Biblioteca do IES Allariz, e felicitámola pola organización da actividade.

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 06-12-2013 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS FRANCISCO CASTRO

Francisco Castro visitou o instituto para dar dúas charlas, unha ao alumnado de 1º de ESO e outra ao alumnado de 2º de ESO.

Unha alumna de 1º ESO redactou esta crónica.



ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

O escritor galego Francisco Castro visitounos o pasado venres, vinte e seis de abril. Foi presentado por Nayara Conde e Iago Farto. Francisco contounos que el só escribe cando a súa familia está durmindo ou está só na casa. Grazas a el puidemos aclarar algunhas dúbidas, como cando empezou a escribir, pois díxonos que escribira o seu primeiro libro aos nove anos. Preguntámoslle por que na historia de Chamádeme Simbad o avó ten alzhéimer e non outra enfermidade e el explicounos que a súa nai tiña a mesma doenza e que escribiu esa historia para que nos désemos conta de que algún dos nosos pais pode chegar a tela e para que os coidásemos, porque esta enfermidade non se pode curar. Tamén nos dixo que el e Fina Casalderrey escribiran O neno can para que nos decataramos do afortunados que somos polas cousas que temos. A experiencia foi moi divertida. Ao final, Francisco asinou os nosos libros.

Nerea Joga 1ºC



Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 01-05-2013 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA LITERARIA EN OURENSE

O mércores asistimos á 2ª tertulia organizada pola Concellaría de Educación de Ourense sobre a novela Febre, de Héctor Carré. Compartimos autobús co club do IES Cidade de Antioquía e espazo de debate no Liceo co IES San Mamede e o IES Allariz. Desta vez aos asistentes custoulles arrancar, quizais polas altas temperaturas. Falouse das relacións entre os personaxes, da rebeldía frustrada, dos obxectivos truncados, da cobiza e das loitas polo poder, da discriminación sexual e da hipocrisía, do pouco que se ten avanzado en certos aspectos… Posteriormente celebrouse o encontro co autor de Febre, Héctor Carré Alvarellos, que contestou preguntas sobre o libro e falou da súa faceta de guionista e director de cine, evidenciada na novela, onde algunhas escenas son moi visuais, máis cinematográficas ca narrativas. Para rematar, asinou libros.
Tamén tivemos a oportunidade de ver un tráiler da nova película do polifacético Héctor Carré, Personal movie, non apta para menores de 18 anos.


Comentarios (1) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 21-04-2013 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
VISITOUNOS XOSÉ MIRANDA

O luns recibimos a visita do escritor Xosé Miranda, autor de Pel de lobo e Morning Star, libros que forman parte do noso itinerario lector e que leron as alumnas e alumnos de 3º de ESO, Diversificación e 1º de BAC. O escritor, que foi presentado polo alumnado, impartiu dúas charlas moi interesantes sobre a súa experiencia creadora, sobre aspectos dos seus libros e sobre a realidade actual: falou dos personaxes, de como se documenta, de como bebe das historias e lendas da terra; e tamén falou da necesidade de reflexionar sobre a realidade, da de apreciar o propio, do risco de involución pola situación que vivimos… Contestou as preguntas do público, asinou libros e fotografouse con integrantes do club de lectura.
Xosé Miranda é unha persoa afable, culta, que posúe unha habilidade notoria para contar historias tanto a nivel oral coma escrito: a súa palabra engaiola. Foi un verdadeiro pracer escoitalo.

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 21-04-2013 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO VISITOU O INSTITUTO

O 22 marzo recibimos a visita de Elena Gallego, autora da triloxía de Dragal, que charlou co alumnado de 3º de ESO, contándolles como xurdira o proxecto e as repercusións na rede. Foi presentada por José Sarmiento e Paula Nogueira, membros do club de lectura, respondeu as preguntas que lle formularon e asinou libros.
A triloxía será levada ao cine, ao cómic e aos videoxogos.
Máis información na páxina da autora.

Comentarios (1) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 07-04-2013 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
TERTULIA LITERARIA EN OURENSE

O xoves celebramos a 1ª tertulia literaria organizada pola Concellaría de Educación de Ourense capital. Compartimos autobús co club de lectura do IES Cidade de Antioquía e ás 16:30 reunímonos no Liceo para debater co club do IES Allariz sobre a novela de Rosa Montero Lágrimas en la lluvia. Lucía e Tiziana, dúas lectoras empedernidas e veteranas do club, abriron o debate con tan bo facer que arrancaron os aplausos dun público entregado. O coloquio foi intenso e cuestións como a memoria, a ética na ciencia, as relacións, o afán de poder e a corrupción suscitaron moita controversia.
Felicitamos o alumnado pola súa participación nesta actividade. A lectura sempre dá que pensar e falar, está claro.


Comentarios (3) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 09-02-2013 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
ENCONTRO CO ESCRITOR FRANCISCO CASTRO

O mércores día trinta de maio, os alumnos de 1º de ESO asistimos a un encontro co coñecido escritor Francisco Castro no salón de actos. El foi quen escribiu o libro “Chamádeme Simbad”,de lectura obrigatoria para a materia de Lingua Galega.
Falounos da súa mocidade, de cando era neno, do moito que lle gustaba ir ao cine para ver películas de piratas, e tamén das cousas da vida cotiá que o inspiran para escribir os seus libros. Contounos como o tema principal que se trata no libro de Chamádeme Simbad, o alzhéimer, supón un drama para as familias e como para esta e outras doenzas se empregan, moitas veces, máis recursos en cousas moito menos importantes que en investigar posibles solucións para estes problemas .
Una das preguntas que lle fixeron os alumnos foi se só escribía en galego. El contestou que unicamente emprega a nosa lingua no seu traballo de escritor pero que os seus libros son traducidos ao castelán, portugués, catalán etc.
O encontro gustoume moito e gustaríame que nos visitasen máis escritores no noso Instituto.


Sara Martínez Nogueiras 1º B


Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 03-06-2012 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
CITA LITERARIA EN ALLARIZ CON NEIRA VILAS

CRÓNICA DA CITA LITERARIA CON NEIRA VILAS


O pasado luns día 14 de Maio visitamos Allariz. Alí, alumnas e alumnos lectores de Xinzo de Limia, Maceda, Celanova e Allariz fomos á casa da cultura da vila para coñecer o gran escritor galego Xosé Neira Vilas e falar do seu libro Memorias dun neno labrego. O autor foi recibido polo alcalde, a concelleira de educación e polos alumnos alí presentes, que pertencen ós clubs de lectura. O alcalde agasallou ó autor con obxectos simbólicos da vila tales como a figura do “boi” e unha cesta de pan trigo con algúns amendoados.
Posteriormente, algúns dos alumnos presentes no acto procederon á lectura de diferentes partes da novela noutros idiomas como, por exemplo, en inglés, portugués, francés, castelán e, por suposto, en galego.

O autor recoñeceu que era a primeira vez na que oía ós alumnos ler o relato en distintos idiomas. A continuación, o autor deu unha breve explicación e, acto seguido, procedeu a responder as diversas cuestións plantexadas polos alumnos alí presentes.

Preguntáronselle sobre o libro que leva como título Memorias dun neno labrego cuestións tales coma:

- Inspirouse na súa vida para escribir este libro?


- Non, só me inspirei brevemente nalgunhas cousas - contestaba o autor- xa que eu tiven unha infancia moi diferente á que se relata no libro, porque meu pai era moi distinto a como era o pai do personaxe principal, Balbino. O que si que é verdade é que os meus pais eran campesiños pero eles posuían as súas propias terras e non precisaban arrendarllas a ningún Señor como sucede no caso de Balbino e de Manolito.

- A que idade comezou a escribir?

- Comecei a escribir dende pequeno, cando cos meus aforros puiden comprar libros que ía agochando no tellado, ata que un día meu pai os atopou e aconselloume que os mercara con máis moderación dado que tiña o tellado cheo de libros.

- Séguese producindo a mesma diferenza socioeconómica entre os ricos e os pobres hoxe en día?

-Si, pero en menor medida á que se podía atopar na época relatada no libro.

Estas foron algunhas das cuestións máis destacables da reunión que mantivemos. Acto seguido despedimos ó autor cun forte aplauso, xa que se quedou sen tempo para poder seguir respondendo as nosas cuestións, debido a que tiña que acudir a outra reunión cos alumnos do IES Allariz.


NURIA DOMÍNGUEZ GARCÍA 2º ESO



Na foto da cabeceira podemos ver o noso alumno Xosé Manuel Quintela ler un fragmento da novela. Seica leu moi ben, dándolle vida ás palabras. Noraboa, Xosé Manuel! Tamén felicitamos o alumnado que participou nesta xornada literaria, en especial o que interveu na tertulia e a moza que escribiu esta crónica.





Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS LITERARIOS - Publicado o 19-05-2012 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal