Asistimos á cita coa literatura en Allariz, como vén sendo habitual nestes últimos anos.
O libro que nos convocou nesta ocasión foi Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Aínda que ao principio custou entrar en calor, non era moi propicia a temperatura do local, logo se sucederon as intervencións máis animadas do coloquio. Para rematar, a presenza da escritora proporcionou un clima favorable ao diálogo e á confidencia. A partir desta novela con personaxes femininas como Margot, Sor Mercedes, Valentina e Laura foron abordados temas como: a falta de liberdade e o fráxil que é a fronteira que separa a quen está dentro de quen está fóra, as circunstancias que levan a delinquir e que converten as vítimas en culpables, as relacións entre mulleres, o machismo, o acoso, a maternidade? A verdade é que a lectura da novela fíxoseme algo pesada pero, non obstante, pagou a pena escoitar a Inma López Silva. Seduciunos tanto coa palabra que foi como se nos roubasen o tempo, cando nos demos conta xa había que marchar.
Celebramos a 3ª tertulia de profes e foi moi animada.
Comezamos por Las cruzadas vistas por los árabes, de Amin Malouf, e as persoas que fomos capaces de rematar o libro (6) confesamos ter aprendido moito dese período convulso da historia. A perspectiva dos historiadores árabes contribuíu a incrementar un pouco os nosos precarios coñecementos sobre a famosa Guerra Santa e a ocupación dos territorios árabes. Manuel, o noso benquerido profe de Historia, aclarou as nosas dúbidas dunha maneira didáctica. Soubemos dos conflitos, rivalidades e divisións entre faccións musulmán (chiitas e sunitas, a seita dos asasinos, os fatimitas?); da crueldade e fanatismo dos cristiáns (canibalismo incluído); da personalidade de Saladino, unha figura que ensombrece e anula ao cinematográfico Ricardo Corazón de León; da orixe dalgunhas palabras como azar e asasino; das diferenzas entre sultán, califa, emir e visir, as. Viaxamos no tempo por Alepo, Mosul, Beiruth, Antioquía?
O que está claro é que as guerras santas son guerras polo poder.
Na sobremesa, tocou falar de O curioso incidente do can a medianoite, de Marck Haddon e o debate xirou en torno ao tema das relacións, as emocións e as dificultades de comunicación do protagonista fronte á súa extraordinaria capacidade analítica e matemática. Tamén se comentou a maneira de procesar a información dos Asperger, as reaccións ante o que non comprende, o que se sae do programa; a maneira de escribir a historia dende o punto de vista do rapaz, cunha redacción sinxela, ordenada e lóxica. Pero foi un problema de lóxica que se aborda na historia o que provocou un serio enfrontamento entre tertulianos, o tema das probabilidades deu moito de si.
Xa comezamos a nosa campaña de lectura para o Nadal. Á beira da nosa árbore de Nadal, unha pirámide de libros, colocamos unha mesa chea de lecturas variadas para todo tipo de lectoras e lectores. Tamén elaboramos este boletín de promoción con algunhas novidades. De paso, xa que estamos a preparar o PI entre Lingua e Plástica, confeccionamos un boletín con recomendacións de banda deseñada.
Para rematar a nosa campaña pola lectura en galego editamos un tríptico con lecturas recomendadas e novidades para repartir entre alumnado, profesorado, persoal non docente, familias e contorno. Tamén imos deixar na biblioteca municipal un lote de folletos.
Ler é de balde e enriquece o espírito, abre as mentes, axuda a pensar e a medrar, faite vivir aventuras, provoca emocións, estimula a imaxinación, contribúe a entender os demais e a coñecerse... Ler é un pracer!