O club leu Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher, unha novela que chega ao fondo da corazón, que conmove. O libro formou parte das lecturas do club de profes hai dous anos. Nesta entrada hai máis información.
O club de aula de 1º de BAC le La evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, libro que xa foi lectura do club de profes hai dous anos e que este curso aborda o profesorado de Bioloxía e CMC.
Calpurnia é a única moza de seis irmáns na Texas de principios de S.XX. A nai quere que aprenda actividades ?propias? do seu rol feminino para converterse en futura esposa e nai: cociñar e coser, comportarse como unha dama, deixar de meterse en pelexas e tocar o piano. Con todo ela séntese atraída pola biblioteca e polo laboratorio de seu avó, quen lle regalará un exemplar de A orixe das especies de Darwin e facilitaralle o camiño da ciencia: sairá a observar a natureza, recollerá datos e extaerá conclusións, aplicando o método científico.
Cada capítulo deste libro de aprendizaxe comeza cunha cita do libro de Darwin A orixe das especies.
Morning Star é unha novela de aventuras de Xosé Miranda publicada en 1998. Obtivo o Premio Xerais de Novela ese mesmo ano.
O rapaz Lourenzo Tasende vive con seus pais na taberna da Disputa. Un día aparece polo negocio familiar un antigo amigo de seu pai chamado Lázaro Rivadulla e a rutina familiar comeza a sufrir unha serie de cambios ata transformar por completo a vida dos seus membros. Lourenzo acaba formando parte dunha gavela e participando nos asaltos que esta perpetra.
A historia está ateigada de intrigas, segredos e personaxes turbios que perseguen un tesouro.
O 15 deste mes recibiremos a visita de Xosé Miranda.
O neno can, de Francisco Castro e Fina Casalderrey, ilustrado por Patricia Castelao.
Un libro de historias de nenas e nenos que carecen de dereitos : cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas... Velaquí unha pequena mostra dunha realidade infame que existe no mundo que habitamos.
Unha historia conmovedora. Paulo é un neno que comprende o seu avó: un ser adulto que tornou á infancia. Os outros adultos non poden entender nada, orfos da mirada dos cativos.
Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
Unha historia de profecías, intrigas e segredos que se remontan á época medieval.
Hadrián é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá ao rapaz as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Mónica, compañeira de clase, axudarao nesta aventura.
O alumnado está a ler este sorprendente relato de Birgit Vanderbeke que xa debatemos co club de profes. Máis información da historia no blog.
Aquí deixamos algunhas pezas musicais dos compositores mencionados na historia e que teñen valor simbólico na caracterización dos personaxes. Grazas á profesora de Música descubrimos o seu significado.
O alumnado de PCPI le ¿Quién se ha llevado mi queso? de Spencer Johnson, un libro de motivación para afrontar os cambios. Empregando o estilo dunha parábola, con ratos á procura do queixo, abórdase a necesidade de vencer resistencias e medos e emprender cambios con confianza e optimismo.
O alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC len El síndrome de Mozart, de Gonzalo Moure, unha novela que trata sobre o síndrome de Williams, que se sospeita que puido ter Mozart, e que consiste en posuír un extraordinario talento musical. No relato Irene coñece a Tomi, un rapaz sensible que é capaz de tocar calquera instrumento sen ter recibido leccións previas, e namórase del, enfrontándose a seu pai, que trata a Tomi como un experimento.