NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POLA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA COMO ESTRATEXIA EDUCATIVA
Os expertos avogan pola convivencia lingüística como estratexia educativa
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2010.- Os diferentes expertos reunidos na segunda sesión do Seminario sobre Lingua, Sociedade e Política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega presentaron hoxe as súas reflexións sobre a incardinación das linguas oficiais no modelo educativo galego e español. Os expertos coincidiron na necesidade de facer énfase na convivencia e no multilingüismo como solución para as problemáticas actuais de encaixe das linguas oficiais no ensino.


Ángel López García-Molins, profesor da Universidade de Valencia, analizou a política lingüística do Estado. Para o profesor, “cómpre sensibilizar a toda a poboación española no sentido de que España é historicamente un país tetralingüe e, polo mesmo, un Estado con catro linguas. É conveniente preparar a toda a poboación para entender o catalán e o galego escritos e orais, así como para que posúan nocións de éuscaro”. Segundo este profesor, “é inadecuado presentar a convivencia lingüística como conflito”.
... MÁIS INFORMACIÓN NA PÁXINA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA
CONSELLO DA CULTURA GALEGA.http://consellodacultura.org/
Categoría: ORGANISMOS OFICIAIS - Publicado o 22-03-2010 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
22 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA
O Centro PEN de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan o luns 22 de marzo ás 20:00 h. no Centro Social Caixanova, na Praza de Cervantes (Santiago de Compostela) a Celebración Mundial da Poesía 2010 (World Poetry Day). Nesta ocasión, recitarán Luisa Castro, Federica D’Amato, Luís González Tosar, Sergio Macías Brevis e James Nöel.
22 DE MARZO DÍA MUNDIAL DA POESÍA.http://consellodacultura.org/
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 21-03-2010 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955). Licenciado en Pedagoxía. Profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Coautor xunto con Luís Bará de libros de texto de Lingua e Literatura destinados ao 2º ciclo de ESO (Xerais 1995-1998). Ten publicados os libros de relatos: Algúns outros (1991); Da esfinxe (1992); As paisaxes compartidas (1996), Premio Carvalho Calero; Noites de papel (Xerais 1996), Premio Café Dublín 1995 e Infidelicidades (2001), premio de Literatura Erótica “Narrativas Quentes”. Tamén publicou as novelas: Arqueofaxia (Xerais 1995), Premio García Barros 1995; O que é a vida (Xerais 2001), Irmán do vento (Xerais 2003) Premio Merlín 2003 e O xardín das pedras flotantes (Xerais 2008) XXVº Premio Xerais de novela. Como autor de libros infantís ten publicado No outono das fragas (1995), Tanis I o Mocos (Xerais, 1998), Estanislao, príncipe de Sofrovia (Xerais, 2002), Animais de compañía (1998), A leiteira (1999) e O patadón (Xerais 2001). Asemade, participou nos libros colectivos Muralla de Cresconio, 2º volume (Premiados no Concurso Cidade Vella de Santiago), Premios Pedrón de Ouro 1990 e 1991, Galicia Solidariedade (1994), Unha liña no ceo (Xerais 1996) e Novo do trinque (1997). Ten publicadas as obras de teatro Auto do Entroido (1995), Premio O Facho e A música da noite (2001), Premio Estornela.

O QUE É A VIDA
Teo Runner, o repartidor máis rápido do Interpizza, aguanta a un xefe irascible e moi esixente. Aproveita as súas saídas na Bultaco para emular os heroes cinematográficos e restaurar a orde e a xustiza na cidade. Runner non esquecerá botar a Primitiva que xoga a medias co seu amigo Fins ou chamar a Susi e a Lore, esas mozas que tanto o queren. Na súa vida, pois, hai un lugar para a amizade, e de repente aparece o amor. Pero da orde e da xustiza tamén se ocupan os policías Santos e Palmeira, e tamén viven a amizade e o amor. Unha proba máis do que a vida. Santos e Palmeira patrullan incansables a cidade ata que o seu coche se atopa, sorpresivamente, coa Bultaco de Runner. O que é a vida é unha novela urbana de ritmo vertixinoso, unha homenaxe á cultura do cine e do cómic contemporáneo.
Categoría: ESCRITORES - Publicado o 09-03-2010 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal