NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HISTORIAS DO SAMAÍN
HISTORIAS DO SAMAÍN

Os catro amigos formaron un círculo ao redor das súas catro lanternas.
_Vouvos contar a terrorífica historia de Hilary Alinor. Era unha muller que vivía nos Estados Unidos. Tiña unha colección de bonecas que lle daría envexa ata á miña irmá pequena. Non podía parar de mercalas e tiña cada día máis e máis. Ademais, tíñalles nomes a todas: Sue, Sally, Amanda, Cindy, Ashley... Tantas tiña que na declaración da renda poñía que había 2583 persoas vivindo con ela. Un día, misteriosamente, o edificio no que vivía ardeu, e despois de investigar o caso chegaron á conclusión de que fora Hilary Alinor. Ela declarou que non fora culpa súa, que foran as súas bonecas de porcelana as que a obrigaran a facelo. Despois deste testemuño pensaron que estaba tola e decidiron encerrala nun manicomio no lugar de levala presa ó cárcere. De alí a unha semana os gardas oírona berrar dende o seu cuarto: <> Cando subiron atoparon a Hilary morta e cando investigaron a súa morte descubriron que nas feridas tiña anaquiños de porcelana e no interior da súa gorxa, un cabelo de plástico da súa boneca preferida: Amanda.
Fíxose un incómodo silencio.
_Unhas bonecas asasinas! -berrou Abel- Isto que é, unha historia de medo ou un anuncio de "Halloween" das bonecas de Famosa?
_Abel -dixo Laura- non sexas así, a historia está moi, moi ben, eu xa case tremía.
_ De momento, é a mellor historia de todas as que contamos, noraboa Sara -sentenciou Pablo.
_ De momento, é a única historia que contamos - replicou Abel
_ Pfff... se te pos así, eu xa non conto a que traía preparada... - dixo Laura.
_ A ver, conta -dixo Abel nun suspiro.
_ Pois é a historia do famoso empresario Xoán Suárez. Era moi egoísta, pero moito moito.Ninguén o quería ben. Cando tiña cartos, en lugar de usalos para necesidades e gastos familiares, gastábaos en cousas para el: xogaba ás cartas, facía apostas,bebía sen xeito...Un día mercou un gran anel coas súas iniciais. A xente dicÍa:<>.<< Oxalá acabe os seus días coma o que é >> Sen saber por que o empresario desapareceu e ninguén foi quen de atopalo. Un día cando a súa muller ia a coller o último anaco de pan,atopou unha rata morta A rata, como despois comprobaron, tiña nunha pata un anel coas letras "X S", Xoán Suárez.
_ Anda que vaia Samaín! - Abel comezou cos seus argumentos - aínda prefería o das bonecas de Sara.
_ Non sexas tan duro, Abel - dixo Pablo- está ben o conto, e agora é a miña quenda. Isto que vos vou contar pasoulle de verdade ao meu avó. El vivía coa súa nai nunha vella casa.Eran moi pobres, por iso cando tiña dezanove anos decidiu poñerse a traballar para gañar cartos. Despois de buscar en moitos sitios só atopou traballo no cemiterio. O único que tiña que facer era vixiar que ninguén fose roubar nos mausoleos dos señores da vila. O primeiro día atopouse coa súa nai,sorprendeuse ao vela vestida cun camisón branco e ela díxolle:<>, o meu avó dixo<>. O segundo día pasou o mesmo:<>, e o meu avó:<>.E así tres, catro, cinco días. Ao sexto día, o meu avó,canso,decidiu facerlle caso e saíu do cemiterio.Ao instante un camión chocou contra o muro do cemiterio e este explotou.O meu avó correu ao pobo para pedir axuda:<>.Un home do pobo díxolle:<>.
_Uf...esta historia si que da medo.-confesou Laura.
_¿Quen che contou esa historia?-preguntou Abel.
_O meu avó -respondeu orgulloso.
_É,sen dúbida,a mellor de todas.-dixo Sara en voz baixa,aferrada fortemente ao brazo de Laura.
_Ei,ei,ei...aínda falta a miña.-e Abel comezou a súa historia- Esta historia dise que pasou nunha aldea preto de Vila de Cruces.Cóntase que nun baile da festa da vila, un rapaz coñeceu a unha moza,moi guapiña ela,coma Susi,a do terceiro...-Abel púxose roibo- Estiveron bailando, tomando algo na barra e comezaron a falar.Ao rapaz gustáballe moito a moza e cando lle dixo que se tiña que marchar,el acompañouna ata fóra.A rapaza tiña frío e el deixoulle a súa chaqueta.Ela deulle o seu enderezo para que fose pola chaqueta.O mozo marchou moi contento,xa que coa escusa da chaqueta podería volver a vela.Ao día seguinte foi ata a casa da moza,pero en lugar de ver á moza que tanto lle gustaba,atopouse cunha muller de ollada tristeira.El preguntoulle pola súa filla,e cal foi a súa sorpresa ao decatarse de que a moza morrera dous anos atrás.A nai mostroulle fotos da súa defunta filla.Era ela,non había dúbida.A nai convidouno a ir con ela a cambiarlle as flores da tumba da súa filla,e el,que estaba convencido de que todo fora un erro,decidiu ir.Ao chegar ao cemiterio,sobre da tumba viu un vulto escuro,colleuno e decatouse de que era a súa chaqueta.
_Abel...comparadas coas vosas historias,as nosas dan vergoña -confesou Laura.
_Se non fora por vós o Samaín sería coma...eu que sei...coma un día calquera -dixo Sara.
Os nenos colleron as lanternas e marcharon para cadansúa casa.
Como cada ano os nenos acudiran polo Samaín á vella casa abandonada.Mentres os nenos pequenos se divertían celebrando o "Halloween" e os nenos da súa
idade,trece e catorce anos,esperaban aburridos na casa,créndose xa moi maiores para o Samaín,os catro protagonistas deste conto pasábano de medo,nunca mellor
dito,contando historias terroríficas.
De camiño para as súas casas os nenos pararon diante da porta do vello cemiterio.Repararon nos seus muros por primeira vez.Eran novos,quero dicir,relativamente novos.Había xa uns anos que puxeran un enreixado negro,bastante lúgubre.
Sara rompeu o silencio:
_Que vos parece se entramos e buscamos anacos do antigo muro?Máis que nada, para saber se a historia do avó de Pablo ocorreu de verdade.
_Que boa idea!-exclamou Abel.Sorprendeuse usando un ton máis alto do que pretendía.
Os catro nenos entraron no cemiterio.
_Creo que nesa época a estrada estaba pola zona sur do cemiterio.
Atravesaron o vello camposanto.Era mais grande do que parecía dende fóra.
No fondo do cemiterio había un muro medio derrubado e algo chamuscado.Ollando as tumbas decatáronse de que eran relativamente novas, coma se algo destruíse todo o anterior, coma unha explosión...
_Isto non quere dicir nada, un conto é un conto.-aclarou Pablo.
Sentaron no chan,diante do muro.Viron ao lonxe unha figura branca achegándose.
_U...unha pantasma...-dixo Laura polo baixo.
A figura foise facendo máis nítida ata que distinguiron a unha anciá con camisón branco.
Os nenos respiraron aliviados.
_Que facedes aquí!Liscade!Liscade!-a anciá achegouse a eles e situouse ao carón do muro.-Estades xordos?Veña,liscade!
Os nenos apartáronse asustados da anciá e do muro.Ao instante,o muro caeu sobre a velliña.Os nenos berraron do susto,non esperaban iso.
Comezaron a quitar anacos de rochas,pero non atoparon a anciá que lles salvara a vida, nin viva nin morta,non deixara rastro algún.
Os nenos marcharon tremendo,chorando e correndo cara á casa de Pablo. Dende alí cada un chamaría aos seus para dicirlles que quedarían todos a durmir xuntos.Tiñan medo de que a misteriosa anciá aparecese nos seus soños.
Ao chegar á casa,sorprenderon o avó de Pablo ollando unha vella foto.Os nenos achegáronse.
_Ola avó.Que fas?
_Ola,nenos.Pablo,a historia que che contei o outro día fixo que me lembrara da miña nai,e buscando no faiado,atopei unha vella fotografía súa.
Os nenos achegáronse máis, ollaron curiosos e viron algo que non esquecerán nunca:aquela anciá de camisón branco que lles salvara a vida, era en realidade a bisavoa de Pablo.

NOELIA BELLO 2ºB
_____________________________________________
O RAPAZ QUE SE ATOPOU COA MORTE

Un rapaz encontrouse coa morte unha vez e fixeronse amigos. Entón o rapaz díxolle á morte que, xa que eran amigos, que lle ía pedir un favor: que se o podía avisar antes de ir por el, porque asi podía divertirse mellor. A morte prometeulle o rapaz, que así o faría. Despedíronse, e pasaron moitos anos sen que o rapaz recibira ningún aviso da morte. Pero un día presentouse a morte diante do rapaz, que agora xa ía indo vello, e díxolle que viña por el. O home, todo asustado, dixolle que iso non era o convido, que quedara de avisalo con tempo e que esas non eran palabras. A morte contestoulle:
- Branqueouche o pelo?
- Branqueou - contestou o home.
- Caéronche os dentes?
- Caeron.
- Cansáronseche as pernas?
- Cansaron.
- Perdiches as forzas?
- Perdín.
- E logo, que máis avisos querías?
(Conto popular)
Categoría: TRABALLOS DO ALUMNADO - Publicado o 28-10-2009 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
O SAMAÍN
O SAMÍN
A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta e a súa festa en honor dos defuntos, marcando a transición do outono ao inverno.

A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. A festa do Samaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendíanse lumes sagrados con pólas de serbal e teixo. Con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas.
Polo Samaín era costume baleirar nabos de grande tamaño –posteriormente cabazas- para pórlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galicia- ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ter exportado aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX e comezos do XX.
Os celtas celebraban catro grandes festas ao longo do ano:

- O IMBOLC: a primeira destas festas celebrábase a principios de febreiro, cando as primeiras flores empezan a crecer, e era dedicada á deusa Imbolc ou Brigit, á que se consagraban os animais sobreviventes ao paso do inverno, en especial ás femias, posto que era tempo xa de procrear para o futuro inverno.

- O BELTAINE: a segunda festa celebrábase o 1 de maio. Esta festa dedicábase a Belenos, o deus do lume. Neste día o lume era usado para purificar co seu fume aos animais e a todo o pobo. Acendíanse fogueiras no alto dos cerros (para os celtas isto tiña moita importancia: era moi forte a unión que sentían coa natureza, e desde o alto, podíase observar toda a grandeza da nosa nai Terra), e apagábanse estas ao día seguinte.

- O LUGHNASA: celebrábase a mediados do mes de xuño e dedicábase a Lug en Irlanda, Lugus nas Galias e Lleu en Escocia. Aínda que esta divindade coñécese por diversos nomes, era o deus da luz. Esta festa era a que máis carácter agraria tiña, celebrándose unha acción de grazas pola fertilidade dos animais e pola abundancia das reservas alimenticias.

- O SAMAÍN: a última e máis importante festa celta tiña lugar o 1 de novembro. Este día significaba o día de ano novo e á súa vez indicaba que comezaba unha etapa: o inverno.
O ano celta divídese en dous grandes períodos: o período de verán, que vai desde o Beltane (1 maio) ata o Samaín (1 de novembro), e o inverno (desde o Samaín ata o Beltane seguinte).

CRISTIANIZACIÓN DA FESTA

Como ocorre na historia das festas, son moitas as que tiveron que cambiar coa chegada do cristianismo. E o mesmo ocorre co ano novo celta. A Igrexa quixo quitar esta festa, e no seu lugar pon a festa de Todos os Santos en conmemoración de todos os santos anónimos Púxose nesa data para evitar que coincidise a celebración polos mortos o mesmo día (o día de todos os defuntos é o 2 de novembro). Finalmente é no século VIII cando se institúe oficialmente a festividade de Todos os Santos polo episcopado franco (sendo grazas a Alcunio, conselleiro de Carlomagno, a gran difusión). No século IX o emperador Ludovico Pío, a petición do Papa Gregorio IV, esténdea por todo o reino franco, instituíndose durante a Idade Media en máis países. É no ano 1475 cando o Papa Sixto IV faina obrigatoria.


TRADICIÓNS DO SAMAÍN

O LUME

O lume era moi importante para os celtas. Naqueles tempos a xente, nesta noite, prendía fogueiras para evitar os malos espíritos (este costume sobrevive nos nosos días na noite de San Xoán). Cando chegaba a mañá, os druídas daban unha faísca da fogueira a cada familia para que fixeran o seu propio lume e manter quente a casa e liberalos dos malos espíritos.
OS DISFRACES
Os celtas acostumaban a disfrazarse con peles de animais o 31 de outubro para non ser descubertos polos espíritos que, segundo eles, esa noite revivían. De aí o actual costume de disfrazarse este día.

A LENDA DA CABAZA

A lenda máis coñecida destas festas é a de Jack, o Lanternas. Trata dun irlandés trouleiro, rañas e moi astuto que logra enganar ao demo en dúas ocasións. A primeira vez foi cando coincidiu con el nunha taberna, díxolle que lle daría a súa alma se o invitaba a un último grolo. Como o demo tampouco tiña cartos converteuse nunha moeda, momento que aproveitou Jack para sacar da carteira a cruz que lavaba e así evitar que puidese volver á súa forma orixinal. Para poder transformarse novamente, o demo prometeulle que en dez anos non lle pediría a súa alma.
Pasados eses dez anos, cando o demo xa estaba preparado para levar a súa alma, prodúcese o segundo engano. Pediulle ao demo que subira a unha árbore e lle baixara unha mazá, o demo obedeceu novamente e dun salto púxose na copa da árbore; nese momento, Jack tallou rapidamente unha cruz no tronco para que non puidese baixar. Neste segundo engano fíxolle prometer ao demo que o deixaría baixar se endexamais lle pedía a súa alma. O demo aceptou.
Uns anos máis tarde, Jack morreu. Ao ceo non puido ir polas malas accións cometidas en vida, e cando tentou entrar no inferno, o demo enviouno do volta pois prometera que nunca tomaría a súa alma.
Para facer o camiño de regreso, o demo lanzoulle un carbón acendido directamente do inferno co fin de que se guiara na escuridade, e Jack púxoo nun nabo para que non se apagara co aire.
Como acabamos de ler, Jack fai a lanterna cun nabo, entón,… de onde vén a cabaza? A explicación é sinxelA. Cando chegaron a América os primeiros colonos ingleses e irlandeses descubriron a cabaza e déronse conta de que esta ofrecía mellores características que o nabo: é máis grande e pódese introducir nela unha candea, dando máis luz; proporciona máis alimento e é máis vistosa.
Categoría: FESTAS - Publicado o 26-10-2009 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
XOAN BABARRO
Xoan Babarro González resultou gañador da VII edición do premio “Pura e Dora Vázquez” de narración, por acordo unánime do xurado, reunido hoxe no Centro Cultural da Deputación de Ourense, co seu traballo titulado “Palabra era un universo paralelo”.

Este premio, que convoca anualmente a Deputación de Ourense nas súas modalidades de narración e ilustración, chega á súa sétima edición e está dotado con 3.000 euros para cada unha das categorías (narración e ilustración).

O xurado avaliou de maneira especial a calidade léxica do texto e a relación coas novas tecnoloxías, chegando a definilo como “un conto informático no mundo das letras” e que vai gañando en intensidade segundo avanza a historia. Trátase dun traballo altamente elaborado, cunha liña argumental claramente definida.

O xurado desta edición estivo integrado por Concha Blanco (gañadora da pasada edición), José Manuel Fernández López (educador), Xosé Paz (pedagogo) e Antonio Piñeiro (xornalista). Como secretario oficióu o director do Centro Cultural, Francisco González, e presidíu o xurado o deputado de cultura, José Luis Valladares.

Xoán Babarro é natural de Ourense aínda que reside dende hai anos na Coruña.

Máis información en:

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XoaBabar1

XOÁN BABARRO.http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XoaBabar1
Categoría: ESCRITORES - Publicado o 19-10-2009 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
PROLINGUA
PROLINGUA. http://prolinguagalega.org/
Categoría: ORGANISMOS DE INTERESE. - Publicado o 07-10-2009 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal