NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

17 DE MAIO 2010. UXÍO NOVONEYRA
UXÍO NOVONEYRA
O poeta Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, na serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada. De neno vive no Courel onde se asolaga das tradicións do lugar, que marcarán a súa poesía. O ambiente histórico represivo da década dos trinta e comezos dos corenta (que coincide coa nenez e a mocidade) que dará reflectida máis tarde na súa poesía cívica. Entre 1945 e 1948 trasládase remata bacharelato en Lugo, onde coñece a Manuel María, escritor da Terra Cha e compañeiro de xeración. Xunto con el, frecuentou o ambiente de intelectuais da xeración anterior, como Luís Pimentel -mestre de poesía para os dous-, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Johán e Ramón Piñeiro. En Parada coñeceu María Mariño Carou e o seu marido Roberto Pose, mestre de Parada e antigo militante das Mocedades Galeguistas, os dous en amizade cordial coa súa familia, propietaria da casa da escola, con quen Uxío iniciará unha profunda relación persoal que durará ata a morte da poeta en 1967 e que deixará a súa forte pegada na obra de ambos.
Aos 19 anos Uxío trasladouse a Madrid, onde viviu ata 1951, matriculándose como ouvinte na Facultade de Letras. Volveu a Galicia para facer o servizo militar, coincidiu de novo no campamento de Parga con Manuel María. Despois da instrución, destinaron aos dous a Santiago, onde seguiron en fraternidade, frecuentando de novo Ramón Piñeiro e outros.
En Santiago, Novoneyra enfermou dunha pleuresía que o tivo ás beiras da morte e lle deixou longas secuelas. Aínda que ás veces facía pequenas escapadas a Lugo, a Compostela, a Madrid e a outros lugares, entre 1953 e 1962 viviu case recluído no Courel. Cando volveu para a aldea, había nela veciños vidos de fóra: María Mariño Carou e o seu marido Roberto Pose, mestre de Parada e antigo militante das Mocedades Galeguistas, os dous en amizade cordial coa súa familia, propietaria da casa da escola. A fraternal relación entre o mozo poeta, que xa escribira ?Os eidos?, e aquela muller de Noia, xa de mediana idade , foi de parte a parte unha das grandes e frutíferas amizades literarias de Galicia.
En 1962 Uxío viviu un tempo en Madrid. Traballou en programas de radio e televisión como comentador e recitador de poesía. Mantivo unha fraternal amizade co pintor Reimundo Patiño, e participou nalgunhas actividades do grupo Brais Pinto. Tamén coñeceu o ambiente do Café Gijón. Fixo amizade co gran poeta galego de expresión castelá Carlos Oroza.
No 1966 volveu para a casa no Courel por mor vellez e enfermidade de seus pais. No 1968 coñeceu a Elba Rei, enfermeira («leve azafrán entre laranxa e cera», diría moitos anos despois en verso perfecto) coa que casa en 1973 e coa que tivo tres fillos, Branca-Petra, Uxío e Arturo. De casados residiron entre o Courel e Lugo, até que en 1983 foron para Santiago.
No 1982 Novoneyra foi elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ostentou até a súa morte.
En compostela, Novoneyra incrementou a súa actividade pública (máis intervencións públicas e recitais convidado por asociacións culturais, centros de ensino, etc.) Foi un grande dicidor (recitador)dos seus propios poemas e alleos, en especial das cantigas dos trobadores.
Foi un poeta comprometido co seu pobo e coa súa lingua.
30 de outubro de 1999, e foi enterrado en Lugo, no cemiterio municipal de San Froilán.

A LETANÍA DE GALICIA

GALICIA digo eu ún di .......... GALICIA
GALICIA decimos todos .......... GALICIA
hastr?os que calan din ......... GALICIA
e saben ........................ sabemos

GALICIA da door chora ........ á forza
GALICIA da tristura triste ..... á forza
GALICIA do silencio calada ..... á forza
GALICIA da fame emigrante ..... á forza
GALICIA vendada cega ........... á forza
GALICIA tapeada xorda .......... á forza
GALICIA atrelada queda ......... á forza

libre pra servir ............... libre pra servir
libre pra non ser .............. libre pra non ser
libre pra morrer ............... libre pra morrer
libre pra fuxir ................ libre pra fuxir

GALICIA labrega ................ GALICIA nosa
GALICIA mariñeira .............. GALICIA nosa
GALICIA obreira ................ GALICIA nosa
GALICIA irmandiña .............. GALICIA viva inda
recóllote da TERRA ............. estás mui fonda
recóllote do PUEBLO ............ estás n?il toda
recóllote da HISTORIA .......... estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d?argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.
(Elixías dos (Courel)

? Canta o cuco cala e canta
Dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
E volta o cuco a cantar?.
(Os Eidos)

Fentos secos do Inverno!
Fainteiras do Val Arcón e Fontela!
Manchas de tempo
esperdigadas eiquí i aló pola serra!
Os Eidos (1955)

Xestas froridas da Sítima!
Virtas de xesta piornal!
Terra probe sequiza
de penedo i erba-chá!
Os Eidos (1955)

CARQUEIXAS uces e penas!
Camiños da serra aberta
pra lonxes terras de serras!
Os Eidos 2 (1974)
BIDUEIROS cimeiros!
Pena das Augas!
Xardois teixos
Rebolos tocos faias derrubadas!
Os Eidos 2 (1974)

(Fonte: RAG e páxina de Uxío Novoneyra,Xunta.)
VÍDEOS YOUTUBE SOBRE UXÍO NOVONEYRA.http://www.youtube.com/watch?v=y-k2fICRfqM
Categoría: DÍA DAS LETRAS GALEGAS - Publicado o 30-04-2010 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE CRÍTICOS LITERARIOS
Luz Pozo Garza con "Deter o día cunha flor", e Xabier Quiroga con "O cabo do mundo", premiados pola Asociación Española de Críticos Literarios o día de 17 de abril na cidade de Barcelona.Os Premios da Crítica Española, concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios, que cada ano salientan os mellores títulos de poesía e narrativa en cada unha das linguas do estado español, están considerados entre os máis prestigiosos do estado español.

En lingua castelá, José María Pozuelo Ybanco, anunciou que os galardóns correspondían a El viajero del siglo, de Andrés Neuman , en narrativa, e a Fämulo en poesía, poemario do autor Francisco Javier Lerín.

En lingua vasca corresponderon a Autokarabana, de Fermín Etxegoien, en narrativa, e a Eroriaren logica, de Juanra Madariaga, en poesía.

En lingua catalá, que recaeron en Contes Russos, de Francesc Serés, en narrativa, e a L´ombra dels dies vermells, de Carles Miralles, na modalidade de poesía.


MÁIS INFORMACIÓN NA AELG.
AELG. http://www.aelg.org/MainPage.do;jsessionid=5DB7F89C98332556BB71CBC8DD1E453D
Categoría: ESCRITORES - Publicado o 18-04-2010 16:39
# Ligazón permanente a este artigo
LUIS SEOANE: 2010, centenario do seu nacemento.
Luis Seoane

Naceu en Bos Aires no ano 1910, fillo de emigrantes galegos. Cando era un neno volveu a Galicia. Fixo o bacharelato na Coruña e Dereito en Santiago de Compostela, onde realizou a súa primeira exposición en 1929. Alí participou na actividade política e cultural estudiantil viculado ao nacionalismo galego e ao republicanismo. Exerceu de avogado laboralista na Coruña e foi membro do Partido Galeguista.


PARA SABER MÁIS VISITAR A FUNDACIÓN LUIS SEOANE.
FUNDACIÓN LUIS SEOANE.http://www.luisseoanefund.org/fundacionls/gl
Categoría: ESCRITORES - Publicado o 08-04-2010 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
OUFF ESCOLA. II CERTAME DE CINE 2010
O Consorcio do Festival Internacional de Cine
Independente de Ourense (OUFF), a Secretaría
Xeral de Política Lingüística e a Concellaría
de Normalización Lingüística do Concello de
Ourense convocan o II Certame de Cinema
OUFF Escola, dentro da XV edición do Festival
de Cine Internacional de Ourense.

O II Certame de Cinema OUFF Escola nace
co obxectivo de impulsar o uso do idioma
galego entre a mocidade, coñecer a visión
desta sobre o seu contorno sociocultural
e fomentar a creatividade audiovisual e o
traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva
para o alumnado, que contribúa a xerar un
espírito crítico.
Este certame pretende, así mesmo, potenciar
o uso das tecnoloxías da información e da
comunicación nos centros de ensino e crear
un espazo de referencia para a mostra do
audiovisual feito nas aulas.
Esta iniciativa encádrase como ferramenta
dentro da Directiva Europea de Alfabetización
Mediática, que procura darlles formación aos
mozos sobre o coñecemento e a avaliación do
audiovisual.

PARA LER AS BASES PINCHA NO ENLACE DESTE ARTIGO.
OUFFESCOLA. http://correo.edu.xunta.es/attach/ouffescola2010_rgb.pdf?sid=Ffl82sc/fVI&mbox=INBOX&ch
Categoría: CONCURSOS - Publicado o 05-04-2010 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
POLA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA COMO ESTRATEXIA EDUCATIVA
Os expertos avogan pola convivencia lingüística como estratexia educativa
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2010.- Os diferentes expertos reunidos na segunda sesión do Seminario sobre Lingua, Sociedade e Política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega presentaron hoxe as súas reflexións sobre a incardinación das linguas oficiais no modelo educativo galego e español. Os expertos coincidiron na necesidade de facer énfase na convivencia e no multilingüismo como solución para as problemáticas actuais de encaixe das linguas oficiais no ensino.


Ángel López García-Molins, profesor da Universidade de Valencia, analizou a política lingüística do Estado. Para o profesor, ?cómpre sensibilizar a toda a poboación española no sentido de que España é historicamente un país tetralingüe e, polo mesmo, un Estado con catro linguas. É conveniente preparar a toda a poboación para entender o catalán e o galego escritos e orais, así como para que posúan nocións de éuscaro?. Segundo este profesor, ?é inadecuado presentar a convivencia lingüística como conflito?.
... MÁIS INFORMACIÓN NA PÁXINA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA
CONSELLO DA CULTURA GALEGA.http://consellodacultura.org/
Categoría: ORGANISMOS OFICIAIS - Publicado o 22-03-2010 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
22 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA
O Centro PEN de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan o luns 22 de marzo ás 20:00 h. no Centro Social Caixanova, na Praza de Cervantes (Santiago de Compostela) a Celebración Mundial da Poesía 2010 (World Poetry Day). Nesta ocasión, recitarán Luisa Castro, Federica D?Amato, Luís González Tosar, Sergio Macías Brevis e James Nöel.
22 DE MARZO DÍA MUNDIAL DA POESÍA.http://consellodacultura.org/
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 21-03-2010 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955). Licenciado en Pedagoxía. Profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Coautor xunto con Luís Bará de libros de texto de Lingua e Literatura destinados ao 2º ciclo de ESO (Xerais 1995-1998). Ten publicados os libros de relatos: Algúns outros (1991); Da esfinxe (1992); As paisaxes compartidas (1996), Premio Carvalho Calero; Noites de papel (Xerais 1996), Premio Café Dublín 1995 e Infidelicidades (2001), premio de Literatura Erótica ?Narrativas Quentes?. Tamén publicou as novelas: Arqueofaxia (Xerais 1995), Premio García Barros 1995; O que é a vida (Xerais 2001), Irmán do vento (Xerais 2003) Premio Merlín 2003 e O xardín das pedras flotantes (Xerais 2008) XXVº Premio Xerais de novela. Como autor de libros infantís ten publicado No outono das fragas (1995), Tanis I o Mocos (Xerais, 1998), Estanislao, príncipe de Sofrovia (Xerais, 2002), Animais de compañía (1998), A leiteira (1999) e O patadón (Xerais 2001). Asemade, participou nos libros colectivos Muralla de Cresconio, 2º volume (Premiados no Concurso Cidade Vella de Santiago), Premios Pedrón de Ouro 1990 e 1991, Galicia Solidariedade (1994), Unha liña no ceo (Xerais 1996) e Novo do trinque (1997). Ten publicadas as obras de teatro Auto do Entroido (1995), Premio O Facho e A música da noite (2001), Premio Estornela.

O QUE É A VIDA
Teo Runner, o repartidor máis rápido do Interpizza, aguanta a un xefe irascible e moi esixente. Aproveita as súas saídas na Bultaco para emular os heroes cinematográficos e restaurar a orde e a xustiza na cidade. Runner non esquecerá botar a Primitiva que xoga a medias co seu amigo Fins ou chamar a Susi e a Lore, esas mozas que tanto o queren. Na súa vida, pois, hai un lugar para a amizade, e de repente aparece o amor. Pero da orde e da xustiza tamén se ocupan os policías Santos e Palmeira, e tamén viven a amizade e o amor. Unha proba máis do que a vida. Santos e Palmeira patrullan incansables a cidade ata que o seu coche se atopa, sorpresivamente, coa Bultaco de Runner. O que é a vida é unha novela urbana de ritmo vertixinoso, unha homenaxe á cultura do cine e do cómic contemporáneo.
Categoría: ESCRITORES - Publicado o 09-03-2010 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO 2010
O vindeiro día 18 de febreiro celebramos o ENTROIDO

O ENTROIDO: BREVE RESEÑA HISTÓRICA

O entroido celébrase tendo en conta a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas e aldeas de Galicia distinta duración,en especial en Ourense.
As datas para celebrar esta festa son:
Domingo fareleiro.
Domingo oleiro.
Xoves de compadres.
Domingo corredoiro.
Xoves de comadres.
Domingo de entroido.
Luns de entroido.
Martes de entroido.
Mércores de cinza.
Domingo de piñata.

O Entroido (do latín introitu, que significa entrada) é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas. Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo de Limia (o Entroido "Carnaval" de Xinzo de Limia está declarado de interese turístico Nacional. Fareleiro, Oleiro, Noite de Mulleres, Corredoiro, Entroido, Entierro da Sardiña e Domingo de Piñata), convértense por uns días nas capitais de Galicia. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes. Sen embargo non se sabe ben cal é a súa orixe. Hai quen di que veñen dos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Porén, tanto Vicente Risco coma Bouza Brey, viron neles unha orixe moito máis antiga. Risco cría que proviña das asociacións secretas primitivas ou de ritos sagrados. Bouza Brey supón que as súas orixes pertencen á prehistoria, coma unha evolución de vellas cerimonias tribais.
Outros protagonistas do Entroido son os "xenerais" en Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda; as Pantallas que dende o domingo Corredoiro ata o día 1 de marzo percorren Xinzo de Limia, os boteiros e "foliós" en Viana do Bolo, as máscaras traballadas dos Volantes en Chantada, ademais dos xa coñecidos Cigarróns de Laza e Verín son algúns dos sinais desta festa que se pechará o mércores de cinsa coa queima do Momo e o Meco ou o enterro do Ravachol en Pontevedra.

GASTRONOMIA NO ENTROIDO

Tempo para a diversión e para o bo xantar, porque outra compoñente importantísima do Entroido galego é a gastronomía: o porco é o auténtico protagonista (lacón con grelos, a androlla, o botelo, os chourizos, etc acompañado de doces como as orellas ou as filloas e freixós, as rosquillas son as comidas típicas destas festas.


CANTIGAS:

"Do enterro do loro do boticario
estamos noutro aniversario".

"Seguen estando proceados
os mesmos do ano pasado".

"Investigaron o chalé do alcalde
pois pensaron que fora feito de balde"

"Por se o alcalde era inhabilitado
outro xa estaba preparado".

"Farricoque, troque, troque
parece o cu do pote".

"Choremos todos a eito
que este enterro xa está feito".
(Cantigas do libro "O carnaval en Galicia", Federico Cocho).

Nas cantigas de Entroido cabe todo tipo de temática (política, amorosa, crítica social, etc.).

Categoría: FESTAS - Publicado o 10-02-2010 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO DE POEMAS DE AMOR EN GALEGO. 14 DE FEBREIRO

POESÍA DE AMOR EN GALEGO
14 DE FEBREIRO

BASES:

- Con rima e rima libre
- Extensión mínima, 6 versos; máxima, 20versos.
- O prazo de entrega remata o 10 de febreiro.
- Os traballos entregaranse ao profesorado de galego ou no blogue desde o apartado de comentarios da propia convocatoria.

O E.N.D.L.
Categoría: CONCURSOS - Publicado o 03-02-2010 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
IRMÁN DO VENTO. MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ
IRMÁN DO VENTO

Irmán do vento é a historia dun rapaz iraquí chamado Khaled, que ten unha vida normal.
Todo cambiou cando estalou a guerra en Iraq. O seu pai tivo que irse á guerra e días máis tarde chegou unha carta dicindo que desaparecera. Entón Khaled marcha da casa á procura do seu pai
O libro conta a viaxe heroica que fixo Khaled, dende a súa pequena aldea ata a capital do imperio iraquí, Bagdad.
Esta novela foi galardoada co premio Merlín 2003.

M. Lourenzo González

Christian Cano Villar 4ºA
Categoría: O RECUNCHO DO LECTOR - Publicado o 27-01-2010 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
O TEMPO DAS PALABRAS EN VOZ BAIXA?. Anne-Lise Gróbety
Óscar e Benxamín, o noso protagonista, son moi amigos. Os seus pais tamén, e aman a poesía por enriba de calquera cousa.
Pero un día as súas amizades e todo o seu mundo vense terriblemente ameazados pola chegada do ?tempo das palabras en voz baixa?.
Nesta historia cóntase o que supuxo para os xudeus,como Óscar,o inferno nazi.
Escrito dunha forma emocionante e respectuosa,fainos mirar atrás,e recordar unha das peores etapas da historia da humanidade.

Esta novela foi galardoada co premio Saint Exúpery 2001.
?O TEMPO DAS PALABRAS EN VOZ BAIXA?
Anne-Lise Gróbety

Jorge Oubel 4ºA
Categoría: O RECUNCHO DO LECTOR - Publicado o 27-01-2010 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
IRMÁN DO VENTO. MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ
IRMÁN DO VENTO
AUTOR: MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ

Eu aconséllolles a todos os rapaces e rapazas que lean Irmán do vento.
Este libro conta a historia dun neno (de Iraq) que vive a guerra na súa propia pel e que está namorado dun amor imposíbel.
O seu pai vai loitar á guerra e el queda só co seu curmán, co seu avó e coa muller do seu pai (porque a súa nai morrera había moito tempo).
Pero antes de que o seu pai marchara á guerra, a súa muller díxolles que estaba embarazada.
Despois dun tempo, o pai desapareceu e o neno marchou á cidade (onde estalara a guerra) a buscalo.
Logo conta todo o que vive o neno durante a busca do seu pai na cidade.
Alba Barrós Castro 4ºB
Categoría: O RECUNCHO DO LECTOR - Publicado o 27-01-2010 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
CONTOS PARA LER: UNHA LIÑA NO CEO
Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996.)
´Neste libro participan unha serie de escritores de distintas xeracións que propoñen enfoques narrativos diversos. 58 contos da nosa narrativa contemporánea que merece a pena ler.
UNHA LIÑA NO CEO. http://bvg.udc.es/ficha_obra.jsp?id=OB_Unlinoce1&alias=Xos%25&solapa=edicion
Categoría: O RECUNCHO DO LECTOR - Publicado o 26-01-2010 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
COMENTARIOS ...
PEL DE LOBO

É un apaixonante libro que trata sobre as antigas lendas do lobishome en Galicia.
Está moi ben redactado, dunha maneira complexa e cun vocabulario moi enxebre que engade un grande interese pola obra.

Fulxencio Nóvoa e o seu fillo Xosé, son dous cazadores de lobos experimentados, pero tanta experiencia non lles servirá de nada para
o que lles espera. Son chamados dende o Incio, Lugo, para acabar cunha manda de lobos e o seu xefe, o gran Lobo Negro, ou branco
como din algúns. Esperaban que fosen supersticións ou contos de vellas pero, máis adiante aprenderán que é mellor non xulgar antes de coñecer.

Comezará entón unha loita entre a mente humana e a animal, na que as dúas quedarán marcadas por traxedias ou vitorias, que celebrarán
ou sufrirán.
Este é un libro no que nada é o que parece ser.

Autor: Xosé Miranda.

_________________________________________

ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA

Moncho tiña unha vida normal ata que Anxos,a súa irmá, morre nun accidente de tráfico xunto con: Dani, Xurxo e Nando(o mozo de anxos) por causas que se descoñecen.Moncho non cre as explicacións que dá a policía e chégase a preguntar se de verdade foi un accidente.Así, iniciará unha investigación na que contará coa axuda de Sandra, a irmá de Nando, da que posteriormente se namorará.Ao pouco de comezar a investigación, Moncho atopará o diario que a súa irmá escribira antes de morrer, que lle descubrirá a unha Anxos moi distinta da que el coñecía e que se negará a aceptar?
Anxos en tempos de chuvia é un libro moi interesante, cuns personaxes un pouco estraños que nos levarán por mundos escuros e perigosos cos que nos ensinarán que as aparencias enganan e que os erros da xuventude poden pagarse moi caros.É un libro capaz de facernos abrir os ollos cara ós perigosos mundos que nesta historia aparecen e que, por desgraza, están presentes tan preto de nós;capaz de facernos chorar e mergullarnos por uns intres nesa historia apaixoante na que, ademais, aparecerán numerosas historias de amor?
Por todo isto, e pola cantidade de realismo e a capacidade de facernos sentir un personaxe máis, con todas as sensacións ou sentimentos que isto conleva, recoméndolle esta novela a todo o mundo.
O autor desta bela historia é Miguel Vázquez Freire.Naceu en Corcubión(A Coruña) no 1951.Foi profesor de Filosofía e é codirector da Colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia dende a súa creación.
Noelia Noya López nº17 3ºA

____________________________________________


FINIS MUNDI

Michel é un monxe que viviu dende pequeno nun mosteiro, illado do mudo exterior, pero cando no seu mosteiro se produce un incendio que acaba coa vida dos seus compañeiros vese na obriga de fuxir levando con el un segredo que só el coñece: o mundo rematara no ano 1000.
Xa están no ano 997 e Michel aínda non sabe o que facer. Conseguirá este monxe salvar a humanidade?
Finis Mundi recibiu o Premio Barco de Vapor no ano 1998 e quedou finalista no premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
É un libro de misterio, aventuras, viaxes e fantasía ambientado na Idade Media que seguro vos conseguirá atrapar e non poderedes parar de lelo.
A autora desta novela é Laura Gallego García. Esta é a súa primeira publicación e a obra que a impulsou á fama.

Noelia Bello 2ºB nº8
_______________________________________________

O CEO DOS AFOGADOS
Golfiños ?afogados? en círculos por todos os océanos, un neno cunha enfermidade ?indeterminada? , un matemático tolo, unha loba á que lle morre o seu cachorro? Que teñen todos eles en común?
Os humanos somos moi crueis coa natureza. Parece que non nos queremos percatar que os demais seres vivos viven con nós na Terra e, que, senten dor e padecen todas as atrocidades que con eles facemos. Non somos capaces de comprender o mal que estamos actuando e o dano tan terrible e irreversible que lle estamos facendo ao noso planeta.
Nesta novela cóntasenos como os golfiños de todo o mundo agrupáronse en círculos por diferentes lugares nun estado de hibernación. Ninguén sabe o que pasa. NINGUÉN? Pois non, porque parece ser que Jhonnatan, un neno cunha enfermidade ?indeterminada? que só se comunica cos animais, sabe o que os golfiños, alarmados pola contaminación das augas, nos queren transmitir. Será precisamente grazas a este neno e á preocupación doutros personaxes (o pai de Jhonnatan, o científico tolo?) polo que a sociedade, ao final, dáse conta do verdadeiro significado desta ?rebelión? dos golfiños : é un aviso moi serio sobre as terribles consecuencias da contaminación das augas e da atmosfera.

Francisco Castro, o autor, a través desta novela quere abrir os ollos ao lector e conciencialo de que se non coidamos a natureza, se non nos preocupamos por ela, corremos serios riscos de desaparecer con ela.
Clara Guisán 2º B
Categoría: O RECUNCHO DO LECTOR - Publicado o 21-12-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
PARA LER. DOMINGO VILLAR

Editorial Galaxia publica Ollos de auga, novela coa que Domingo Villar inicia a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humos nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.

Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores
_______________________________________

Despois do éxito de Ollos de auga, con máis de 10.000 exemplares vendidos, Domingo Villar preséntanos A praia dos afogados, unha apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.


Categoría: ESCRITORES - Publicado o 18-12-2009 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [16]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0