NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MARIO BENEDETTI, UNHA PEQUENA HOMENAXE
Desde aquí queremos homenaxear ao escritor MARIO BENEDETTI que faleceu o día 17 de maio de 2009. Traducimos algúns dos seus poemas ao galego incluido a súa versión orixinal en castelán.

ESTADOS DE ÁNIMO
A veces me siento
como un águila en el aire.
(Pablo Milanés)

Unas veces me siento
como pobre colina
y otras como montaña
de cumbres repetidas.

Unas veces me siento
como un acantilado
y en otras como un cielo
azul pero lejano.

A veces uno es
manantial entre rocas
y otras veces un árbol
con las últimas hojas.
Pero hoy me siento apenas
como laguna insomne
con un embarcadero
ya sin embarcaciones
una laguna verde
inmóvil y paciente
conforme con sus algas
sus musgos y sus peces,
sereno en mi confianza
confiando en que una tarde
te acerques y te mires,
te mires al mirarme.

ESTADOS DE ÁNIMO

Ás veces síntome
como unha aguia no aire.
(Pablo Milanés)

Unhas veces síntome
como pobre outeiro
e outras como montaña
de cumes repetidos.

Unhas veces síntome
como un cantil
e noutras como un ceo
azul pero afastado.

Ás veces un é
manantial entre rocas
e outras veces unha árbore
coas últimas follas.
Pero hoxe síntome apenas
como lagoa insomne
cun embarcadoiro
xa sen embarcacións
unha lagoa verde
inmóbil e paciente
conforme coas súas algas
os seus musgos e os seus peixes,
sereno na miña confianza
confiando en que unha tarde
te achegues e te míres,
e te míreste ao mirarme.

_________________________________

CHAU NÚMERO TRES

Te dejo con tu vida
tu trabajo
tu gente
con tus puestas de sol
y tus amaneceres.

Sembrando tu confianza
te dejo junto al mundo
derrotando imposibles
segura sin seguro.

Te dejo frente al mar
descifrándote sola
sin mi pregunta a ciegas
sin mi respuesta rota.

Te dejo sin mis dudas
pobres y malheridas
sin mis inmadureces
sin mi veteranía.

Pero tampoco creas
a pie juntillas todo
no creas nunca creas
este falso abandono.

Estaré donde menos
lo esperes
por ejemplo
en un árbol añoso
de oscuros cabeceos.

Estaré en un lejano
horizonte sin horas
en la huella del tacto
en tu sombra y mi sombra.

Estaré repartido
en cuatro o cinco pibes
de esos que vos mirás
y enseguida te siguen.

Y ojalá pueda estar
de tu sueño en la red
esperando tus ojos
y mirándote.

CHAU NÚMERO TRES

Déixote coa túa vida
o teu traballo
a túa xente
coas túas postas de sol
e os teus menceres.

Sementando a túa confianza
déixote xunto ao mundo
derrotando imposibles
segura sen seguro.

Déixote fronte ao mar
descifrándote soa
sen a miña pregunta a cegas
sen a miña resposta rota.

Déixote sen as miñas dúbidas
pobres e malferidas
sen as miñas inmadureces
sen a miña experiencia.

Pero tampouco creas
sen máis todo
non creas nunca creas
este falso abandono.

Estarei onde menos o esperes
por exemplo
nunha árbore anosa
de escuros cabeceos.

Estarei nun afastado
horizonte sen horas
na pegada do tacto
na túa sombra e a miña sombra.

Estarei repartido
en catro ou cinco "pibes"
deses que "vos mirás"
e axiña te seguen .

E oxalá poida estar
do teu soño na rede
esperando os teus ollos
e mirándote.

_________________________________

SÍNDROME

Todavía tengo casi todos mis dientes
casi todos mis cabellos y poquísimas canas
puedo hacer y deshacer el amor
trepar una escalera de dos en dos
y correr cuarenta metros detrás del ómnibus
o sea que no debería sentirme viejo
pero el grave problema es que antes
no me fijaba en estos detalles.


SÍNDROME

Aínda teño case todos os meus dentes
case todos os meus cabelos e poucas canas
podo facer e desfacer o amor
subir unha escaleira de dúas en dúas
e correr corenta metros detrás do autobús
ou sexa que non debería sentirme vello
pero o grave problema é que antes
non me fixaba nestes detalles.

_________________________________________
VICEVERSA

Tengo miedo de verte
necesidad de verte
esperanza de verte
desazones de verte.
Tengo ganas de hallarte
preocupación de hallarte
certidumbre de hallarte
pobres dudas de hallarte.
Tengo urgencia de oírte
alegría de oírte
buena suerte de oírte
y temores de oírte.
o sea,
resumiendo
estoy jodido
y radiante
quizá más lo primero
que lo segundo
y también
viceversa.

VICEVERSA

Teño medo de verte
necesidade de verte
esperanza de verte
desacougo de verte.
Teño ganas de atoparte
preocupación de atoparte
certeza de atoparte
pobres dúbidas de atoparte.
Teño urxencia de oírte
alegría de oírte
boa sorte de oírte
e temores de oírte.
ou sexa,
resumindo
estou malferido
e radiante
quizá máis o primeiro
que o segundo
e tamén
viceversa.








Categoría: HOMENAXE DO MES - Publicado o 18-05-2009 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
ESCRITORES QUE HOMENAXEAMOS CADA MES
HOMENAXE DO MES DE OUTUBRO DE 2008

JOHN RUTHERFORD

Neste mes de outubro queremos HOMENAXEAR ao escritor inglés JOHN RUTHERFORD que foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega. Homenaxe que ten lugar o día 4 de outubro de 2008, e que se lle outorga polo labor de divulgación realizado a prol do galego.

Naceu en Inglaterra no ano 1941, nunha aldea que se chama Saint Albans. É profesor de lingua e literatura hispánicas no Queen’s College de Oxford, amais de director do Centro de Estudos Galegos da mesma universidade. No ano 2007 recibiu o premio Trasalba (24 edición), que se lle entregou na Casa Grande de Cimadevila do concello de Amoeiro, Ourense, por unir o galeguismo a outras culturas. Ao fío desto Víctor F. Freixanes comenta (La Voz de Galicia 23-6-07) que “non só homenaxeamos os seus méritos, que serían de abondo. Homenaxeamos unha tradición que se cadra poucos coñecen: a daqueles que, non sendo galegos de nación de nós, dedicaron (e dedican) o seu esforzo, o seu talento, os seus recursos e o seu tempo a estudar e difundir dende fóra de Galicia a nosa identidade cultural e a nosa lingua.” Nesta edición o premio, feito por Isaac Díaz Pardo, foi unha lámina e un debuxo que di: “somos un pobo abandonado dende hai nove séculos que agarda restos deturpados da súa identidade, e agradecemos a quen nos bota unha man dende fóra estudándonos, como fai o profesor Rutherford”. Ademais recibiu un exemplar do libro titulado John Rutherford, Mar por medio, título que obedece aos encontros anuais chamados así, Mar por medio, que John R. mantiña cos seus amigos entre 1991 e 2004. Nel, grazas a María Liñeira e Dolores Vilavedra, podemos ler os comentarios que os seus amigos foron deixando.
A súa vinculación con Galicia está ligada a Ribadeo, tal e como conta na entrevista publicada en La Voz de Galicia o 23 (Víctor F.Freixanes) e 25 (Jesús Manuel García)de xuño de 2007, polo que se considera galego de Ribadeo. “Nacín inglés e funme facendo galego”. Alí chegou por casualidade, pois ía estudar Historia pero cambiou para linguas. Como el di, “non era bo estudante e non dominaba ben o español, así que os profesores recomendáronme que fose a España”. Coincidiu que naquel intre alguén pediu un intercambio para Ribadeo. Unha vez alí descubriu que a xente se sentía orgullosa de seu lugar, que gustaba do seu. Sentimento do que carecía no barrio onde el vivía en Londres. Sorprendido pola defensa que a xente facía do seu, el asumiuno como propio e pasou a formar parte da súa idiosincrasia; é dicir, é galego de seu. Iso non quere dicir que non bote de menos na actualidade os costumes daquela Galicia que coñeceu ao arribar a Ribadeo no ano 1959, que penetrou nel dun xeito determinante, e que para elo colaborou, sen lugar a dúbidas, a muller coa que casou Tita García Méndez. Na entrevista prosegue comentando que a literatura galega conseguiu moitas cousas e avanzou, pero precisa de máis presenza fóra do país. En Inglaterra fixo unha antoloxía de contos de Ferrín, que publicou unha editorial galesa e como era galesa, a prensa inglesa non publicou nin unha soa referencia.
A publicación en galego da novela “As frechas de ouro” considéraa como a culminación da súa plena integración en Galicia. Empezouna a escribir en inglés, pero, como el di: “non me saía, resultábame fría, pouco literaria, pensei que non estaba dotado para a literatura e que só podía escribir nesa prosa académica.” Antes de aparcar o libro probou a escribir en galego e viu que a cousa funcionaba. Escribiu este libro, que trata sobre o Camiño de Santiago, cunha carga chea de ironía e humor, onde describe as dificultades e satisfaccións dos peregrinos, a súa vivencia cotiá reflíctidas nunha viaxe literaria na que a ficción e a realidade se superpoñen e mesturan para chegar a unha obra deliciosa, unha sorpresa para as nosas letras


_______________________________________________


HOMENAXE DO MES DE NOVEMBRO de 2008

CONSTANTINO GARCÍA GONZÁLEZ

Por ser unha persoa que destacou pola defensa do galego e da cultura galega como un patrimonio de todos, queremos homenaxear dendo o noso blogue a
CONSTANTINO GARCÍA GONZÁLEZ, nado en Oviedo o 20 de xullo de 1927 e falecido en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 2008, foi un lingüista e escritor galego.
Logo de formarse nas universidade de Oviedo, Madrid e Bonn, en 1965 chegou á Universidade de Santiago para ocupar unha praza na facultade de Filosofía e Letras. Foi un dos fundadores do Instituto da Lingua Galega en 1971 e do Centro Ramón Piñeiro en 1993, e a ambos os dous dirixiunos en diferentes etapas. En 1982 ingresa na Real Academia Galega, entidade da que foi secretario entre 1997 e 2001.
Nos anos oitenta foi codirector e copresentador na Televisión de Galicia do programa Cousas da lingua, un microespazo con comentarios lingüísticos. Moitos deses apuntamentos foron recollidos en libros. Foi ademais un dos impulsores e coautores do Atlas Lingüístico Galego e de diversas obras lexicográfica.
Nos últimos anos da súa vida, gravemente enfermo dun mal dexenerativo[1], retirouse da actividade cultural e intelectual.

OBRA

• Contribución a la historia de los conceptos gramaticales. La aportación del Brocense (1960)
• Léxico de la comarca compostelana (1974)
• Recantos da lingua (1982)
• Glosario de voces galegas de hoxe (1985)
• Follas da lingua (1987)
• Retrincos da lingua (1982)
• Temas de lingüística galega (1985)
• Cousas da lingua (1989)
• Cartafol da lingua (1990)
• Peneirando palabras (1990)
• Contribución ó léxico de Alvaro Cunqueiro (1991)
• Tesouros da lingua (1993)
• Glosas da lingua (1995)
• El castellano de Galicia (1998)
• O libro das palabras (2003)


Ingresou na RAG o 12-3-1982.
(Fragmento do seu discurso cando entrou a formar parte da RAG)
...
“O home está vencellado á súa circunstancia e ó seu contorno. Unha comunidade que non coñeza nada de pesca, dos barcos, do mar, non necesita ningún nome pra nomear os diferentes obxectos e actividades da pesca ou da construción dos barcos, pro ten no propio sistema da lingua os medios pra chegar a formar un vocabulario axeitado a ese mundo. Vemos que no mundo de hoxe se está continuamente a crear unha serie enorme de inventos e novos obxectos que necesitan novos nomes. Cada lingua busca diversos procedementos pra crear os nomes correspondentes a eses novos obxectos. A xente identifícase axiña con esas novas verbas que pasan a formar parte do propio acervo cultural.

... Non se pode falar de que nun lugar determinado ou de que tal ou cal individuo fala o mellor galego ou o galego ideal, porque esa idea de galego está en todos os falantes galegos e en cada un deles en particular.

... Por iso é mester que os que temos a obriga de axudar a restaurala e convertela no vehículo de comunicación diario e natural dos galegos en todas as esferas da vida manteñamos, agora que non se ve como inalcanzable a meta da normalización, o espírito de amizade e camaradería que uniu ós fundadores desta institución e, en xeral, a cantos participaron na empresa do rexurdimento. Porque sen simpatía, estima, confianza e mesmo espírito de corpo e complicidade, as aspiracións que nos unen serán moito mais difíciles de realizar.”
________________________________________________

HOMENAXE DO MES DE DECEMBRO DE 2008

MARGARITA LEDO ANDIÓN

Neste mes de decembro queremos homenaxear a
MARGARITA LEDO ANDIÓN, a quen o Plenario da REAL ACADEMI GALEGA, reunido en sesión ordinaria o 29 de marzo de 2008, ACORDOU NOMEAR ACADÉMICA ELECTA, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento don Miguel Anxo Araúxo Iglesias.
Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Terra Chá, 1951), escritora, cineasta, é actualmente catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Estudou xornalismo na Escola Oficial de Barcelona e foi lectora da Facultade de Letras do Porto (Portugal). De volta en Galicia, puxo en marcha e dirixiu durante tres anos o semanario nacionalista A Nosa Terra. Anos despois, exerceu a docencia na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona, fixo o doutoramento e, de volta outra vez en Galicia, organizou a Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, da que foi decana. Os seus estudos profesionais, de gran novidade, están plasmados en varios libros e revistas. Como poeta, publicou dous importantes libros nos primeiros anos da década dos setenta, dentro dunha estética máis avanzada ca a dominante naqueles anos, e que en gran medida anuncian camiños que se impuxeron máis tarde. Margarita Ledo Andión, aínda que a súa activa vida de profesional da información poida facer esquecelo ás veces, é unha das personalidades literarias máis interesantes do noso tempo.
A destacar entre a súa obra fílmica, a dirección e guión da longametraxe Santa Liberdade (2004) e Liste, pronunciado Líster (2007).



POESÍA

Pra que veñas mañá
moito máis cedo
e me biques
as tempas lenemente
camiñarei traiciós,
carpis feitos a mau,
terra e semente.

Pra que veñas mañá
moíto máis cedo
hei manter como sexa
o lume ben aceso.

Pra que veñas mañá,
amigo e compañeiro,
hei ter ollos de neno
i o riso trasparente
pra que veñas mañá
i apreixas o meu corpo.

Pra que veñas mañá
moito máis cedo.

_________________________________

HOMENAXE DO MES DE XANEIRO DE 2009

XOSÉ NEIRA VILAS

Homenaxeamos neste mes de xaneiro ao escritor Xosé Neira Vilas que naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro galego en América. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.
Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É MEMBRO NUMERARIO DA REAL ACADEMIA GALEGA. Premio da Crítica Española (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.

MEMORIASDUN NENO LABREGO

Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así comezan os pensamentos, do neno protagonista, no territorio limitado do mundo rural galego.
Conta neste seu diario as súas experiencias, desde as festas tradicionais como o Entroido ou as da parroquia ata a vivencia dramática do loio familiar pola morte do padriño esmagado por un carro, que lle impide disfrutalas. A morte tamén está presente na trampa para raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta logo unha cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca dun futuro non escrito. Así, cando non pode disfrutar da festa, vai á rebusca ao campo o día seguinte: atopa unha caixa, que non dá aberto, e despois lévalle a auga. Con ela marchou o soño imposible das moedas de ouro.
Neste xogo de contradiccións a emigración pode se o mellor camiño, como asegura seu pai cando marcha para América o irmán Miguel, ou unha falsa saída, como defende o padriño.
Ás veces, certamente, a única saída rebelde contra a inxustiza é a fuxida. É o que fai cando seu pai lle pega por enfarruscarlle a cara ao ricachón e mimado Manolito; atópao Pachín. Na procesión escapa para pillar as canabelas dos foguetes e dá na casa do xudío, que lle reflexiona sobre a hipocrisía da xente, que non busca a verdade nin a xustiza. O castigo, en forma de malleira paterna, dóelle máis na alma que no corpo.
A escola é frustrante e non abre moitos vieiros. Primeiro, o mestre andaluz non entende a terra na que está nin o entenden a el. Logo, namórase da mestra de Betanzos, converténdose nun dos mellores alumnos. Pero ela casa, marcha e entón Balbino négase a volver ao colexio.
Seu pai castígao poñéndoo a servir. Parece o seu destino. Pero aprendeu do xudeu que o que importa na vida é ser honesto, solidario, e do enterrador que deixando feito algo de valor non se morre de todo.
Cando emigra o amigo Lelo e comeza a escribirlle contándolle cousas de alá, aparca a escrita do caderno pois agora ten con quen desafogar os seus pensamentos. Déixallo a Alberte, universitario que escribe libros, que disque non llo vai ensinar a ninguén.
É este un texto clásico da literatura infantil-xuvenil galega, con traduccións a diversas linguas e centos de milleiros de exemplares vendidos, incuestionado e verosímil testemuña literaria dunha Galicia realmente existente.

_________________________________________________

HOMENAXE DO MES DE FEBREIRO DE 2009

XOHANA TORRES FERNÁNDEZ (Santiago de Compostela 22-11-1931)
Escritora. Integrante da Xeración das Festas Minervais e incluída no movemento da Nova Narrativa, foi alumna de R. Carballo Calero en Ferrol, quen a iniciou no coñecemento da literatura galega e no gusto pola escrita. Tras a consecución do Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo con “Nuestra primavera, tojos” (1958) e a súa participación en diversos recitais poéticos, incluíu algunhas composicións en diversas publicacións periódicas, como Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros. No eido teatral foi actriz do grupo vangardista Teatro-Estudio de Ferrol e escribiu os dramas A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968, Premio Castelao de Teatro). Crea o primeiro programa radiofónico en galego desde a Guerra Civil española, Raíz e Tempo (1963), participou na gravación de discos sobre Castelao e Cunqueiro. Da súa obra lírica, onde reivindica o papel da muller e a súa loita por Galicia, destacan Do sulco (1957), Estacións ao mar (1980, Premio de la Crítica Española 1981), e Tempo de ría (1992), onde afonda no lirismo e na visión simbólica da paisaxe. Escribiu unha novela, Adiós, María (1970, premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires), nela relata o enfrontamento do mundo rural e urbano, coas características propias do Nouveau Roman, como o monólogo interior e a descrición dos personaxes desde o punto de vista da protagonista. No apartado da literatura infantil destaca Polo mar van as sardiñas (1967) e Pericles e a balea (1984), ademais da tradución do catalán de diversos libros, como Todos os nenos do mundo seremos amigos (1966). No eido do ensaio publicou San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, co que conseguiu o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña. Recibiu o Pedrón de Ouro (1972), pola súa contribución á cultura galega.



EU TAMÉN NAVEGAR (Do libro ‘Tempo de ría’)

PENÉLOPE

Declara o oráculo:

"Que á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
Que ramos de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.
Que acades desas patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.
Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.
Así falou Penélope:
"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR."
Xohana Torres
(Do libro “Tempo de ría”)

_______________________________________________

HOMENAXA DO MES DE MARZO DE 2009

LUZ POZO GARZA

Ingreso una Real Academia Galega o 29 de novembro de 1996. Proposta por Xesús Alonso Montero, Carlos Casares Mouriño, Salvador García-Bodaño Zunzunegui.
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi catedrática de Ensino Medio e é directora da revista Nordés. Publicou os poemarios: O paxaro na boca (1952), Últimas palabras/Verbas derradeiras (1975), Concerto de outono (1981), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992), Vida secreta de Rosalía (1996). Como ensaísta deu ao prelo A bordo de Barco sin luces, Galicia ferida (A visión de Luís Seoane) (1994), Álvaro Cunqueiro e 'Herba de aquí e acolá' (1991), ademais de varios artigos en Nordés e Grial. O seu labor editorial comezou coa revista Nordés, revista de poesía y crítica, que na súa primeira andaina (1975-1976) codirixiu con Tomás Barros. Na segunda etapa dirixiu en solitario desde Vigo vinte e dous números máis de Nordés. Mantiña agora as liñas proxectadas orixinariamente, dar a coñecer a poesía galego-portuguesa actual, proporcionar unha plataforma aos novos poetas e publicar as últimas producións de ensaio e narración breve en galego: Cunqueiro, Dieste, Eduardo Moreiras, Neira Vilas, Xosefa Goldar, Fernando Agrasar, Fernández del Riego, X. María Álvarez Cáccamo, Tomás Barros, etc. Dirixe na actualidade Clave Orión: poesía, arte, música, en once números de carácter universalista. O seu intenso labor literario fíxoa merecedora, entre outras, das seguintes distincións e premios: en 1974 foi premiada na VII Festa da Cantiga polo poema 'Noticia dende a Cruña a un amigo foraño' (Flor Natural); en 1990 gañou o premio Tomás Barros de ensaio; no ano 1992, o primeiro Premio de Poesía da Deputación da Coruña; en 1994, o Premio Gallegas distinguidas, de Diálogos 90; en 1995 foille concedida a Medalla Castelao; no ano 2001 recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (co Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia: monólito e dedicación dunha rúa en Ribadeo) e o Premio Celanova. Casa dos poetas; No ano 2002, o Premio Galicia en Feminino: Premio á participación artístico cultural das mulleres.Os seus poemas foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.

O GAITEIRO

Anxos de Galicia
tocaban harmónicas negras.

Este home trae herba nos pés
e un regato de violís nas maus.
Polas súas coxas
ruben hedras de música.

Non petedes nas portas de noite
nin botedes a rolo as pombiñas,
que este home
trae tódolos paxaros na súa gaita.

Xa non se deitan nenos polos prados.
O gaiteiro fai fitas de millo .
e na súa boca hai vento de oriolos.

A mesma chuvia, vertical citola,
non baixa desde Deus, rube da gaita.



HAY UNHA VOZ

Hai una voz
No tempo de Galicia.
Hai una voz sen verbas.

A que todos ouvimos no silencio.
Lembrando nomes para que naza o millo.

Chámase norte ou mágoa.
Xuramento de anguria.
Soedade.
Pensamento de pedra.
Chámese berro de auga.

Desamparo.
Chámese olvido.
E chámese arelanza.

E vida e liberdade compaña dos nosos.
Chámese sono. Sorte. Lar. Saudade.
Chámese choiva que lourea os froitos.

Hai una voz.
Chámese Rosalía.
Sete letras de Laio.
Saudade
dunha fala ferida.
Esperanza
dun mundo que inda fica nun berro
de liberdade.
Hai una voz. A súa. Benzoada.
(Do poema en cinco lembranzas para Rosalía)



O NENO MURCHO

En tódolos pobos hai un neno murcho
Sen niños, nin merlos, nin píos.
Un neno que coñece as esquinas tristes,
cidades sumerxidas, peixes mortos
i o laiar da noite como un anxo negro.
Polo vento morno bulen os paxaros
i as pedras reloucan embaixo das herbas.
Os peixes máis craos esbaran.
Hai festas nos prados,
máis en todas partes hai un neno murcho.
As arbres son gaitas,
máis en todas partes hai un neno murcho.
As rapazas fían,
máis en todas partes hai un neno murcho.
Roca bullangueira,
En tódolos pobos hai un neno murcho.
(De o Paxaro na boca)

_____________________________________________

HOMENAXE DO MES DE ABRIL DE 2009

ROSARIO ÁLVAREZ BLANCO

(Pontevedra, 1952), é profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) .
Licenciouse en Filosofía e Letras (Filoloxía Románica-Español) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa memoria "Notas lingüísticas e etnográficas de Ramirás" (1974). Tras doutorarse en 1980 coa tese "O pronome persoal en galego", desenvolveu o seu labor docente ata 1982 no Departamento de Filoloxía Románica da USC, para logo continuar no Departamento de Filoloxía Galega, onde acadou en 1998 a condición de Catedrática de Universidade da área Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego dende os inicios. Entre os cargos académicos máis relevantes ocupados ata agora están o de Directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e Vicerreitora de Profesorado (1990-1994).
O 8 de setembro de 2001 foi proposta como membro numerario da RAG, onde ingresou o 6 de xuño de 2003 cun discurso titulado "Variedade e diversidade da lingua. Algunhas reflexións sobre cambio, variación e galego estándar", contestado por Antón Santamarina. Pertence ao Instituto da Lingua Galega desde 1974. Na actualidade dirixe o ILG e sucede a A. Santamarina á fronte do Seminario de Gramática da RAG.

A investigación de Rosario Álvarez segue tres liñas fundamentais:
O estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego.
O cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio.
A edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ó Rexurdimento.
É autora, xunto con Xosé Xove, da Gramática da lingua galega editada na Editorial Galaxia.

Para máis información ir á páxina da RAG.

_________________________________________________

HOMENAXE DO MES DE MAIO DE 2009

RAMÓN PIÑEIRO LÓPEZ

Ramón Piñeiro López naceu en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e morreu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990.


Ramón Piñeiro, primeiro presidente do Consello da Cultura Galega e membro fundador de Galaxia, é o home que liderou o galeguismo da segunda metade do século XX. Exerceu unha grande influencia na vida política e cultural desta etapa. Destaca como ensaísta.
A dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións.
Os seus traballos sobre pensamento e filosofía, maiormente os dedicados á saudade, así como as súas traducións en colaboración con Celestino Fernández de la Vega das obras de Pokorny e Heidegger, supuxeron no seu momento un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua "rural e poética" na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra.
O seu labor ensaístico recollido parcialmente nos libros Olladas no Futuro, Galicia, A Linguaxe e as linguas, Lembrando a Castelao son o celme do seu pensamento, que salientan a necesidade da reafirmación cultural de Galicia para a súa realización como pobo.
O seu labor como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra fica recollido en numerosos artigos e actividades, entre as que se poderían citar feitos tan sinalados como o da publicación do Diccionario Enciclopédico de don Eladio González (1958-1961).
Cómo Director Literario da Editorial Galaxia, á que se incorporou desde os seus primeiros tempos, contribuíu á publicación de numerosos libros en galego, enchendo este baleiro, coma ningunha outra institución, nos anos anteriores á Transición.
O labor de animación cultural galeguista que tamén desenvolveu Galaxia, a iniciativa de Piñeiro, deu lugar a actividades tan singulares como a colección Grial e posteriormente á Revista Galega de Cultura do mesmo nome, na que se recolle a maioría do traballo ensaístico galego da posguerra.
En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso levou por título A linguaxe e as linguas.
Consonte a súa defensa da nosa cultura, participou na creación do Consello da Cultura Galega no ano 1983, do que foi o seu primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990. E non cabe ignorar o seu intenso influxo na normalización política do galego, facendo a nosa LINGUA COMÚN POR ENRIBA DAS OPCIÓNS DE PARTIDO. (O GALEGO É PATRIMONIO DE TODOS)Cando chega a democracia, Piñeiro, que nunca deixou de defender a postura do "galeguismo difuso" (isto era, "tinguir todos os partidos de galeguismo en vez de ter un único partido galeguista"), deu exemplo desta postura e formou parte do primeiro Parlamento autonómico, como deputado pola provincia da Coruña, como independente dentro das listas do PSdeG-PSOE.
Finalmente, e non menos importante, foi o seu labor socrático, exemplarizado nas conversas na súa "mesa camilla", na súa intensa e xenerosa correspondencia epistolar dentro e fóra de Galicia, moi en concreto en relación coa xuventude, tanto nos escuros tempos inmediatos á posguerra como, posteriormente, con toda persoa que tivese Galicia como referente das súas actividades ou ideais.
________________________________________________

HOMENAXE DO MESDE XUÑO DEDICADO A ESCRITORA E ACEDÉMICA DE RAG OLGA GALLEGO DOMÍNGUEZ

Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923) cursou Filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela e en 1955 ingresou por oposición no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, tres anos despois, por nova oposición, ingresou no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e foi destinada á Biblioteca Pública e ó Arquivo da Delegación de Facenda de Vigo. Nesta cidade realizou un importante labor, non só á fronte dos organismos que dirixiu, senón que tamén verificou os catálogos da Fundación Penzol, os das bibliotecas da Escola de Comercio e do Instituto de Ensino Medio Santa Irene, o da biblioteca da Caixa de Aforros e tamén colaborou durante tres veráns na catalogación da biblioteca do Mosteiro de Guadalupe, en Cáceres.
En virtude dun concurso de traslado accedeu aos cargos de directora do Arquivo Histórico Provincial e do Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense, cargos desempeñou ininterropidamente desde 1968. Durante os anos 1951-1954 ordenou e clasificou o Arquivo Diocesano de Ourense.
É membro e directora de sección do grupo de colaboradores Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense desde a súa fundación por Ferro Couselo no ano 1972. Pertence ao Padroado da Fundación Penzol, ao Padroado Ramón Otero Pedrayo; é membro correspondente da Ral Academia da Historia desde 1980 e pertence á Real Academia Galega como membro umerario desde novembro de 1986, data en que deu lectura ao discurso As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime e a quen contestou en nome da institución Antonio Gil Merino. En 1974 foi condecorada co Lazo da Orde de Alfonso X.
É autora de diversas publicacións e traballos, entre eles, "Plata labrada que en 1601 había en Orense" Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense, 1949; "La obra del entallador Aymon Pourchelet en Orense, 1580-1630" Boletín Auriense, 1971; "Unha xoia bibliográfica da Biblioteca Penzol" 1972; "Torres, puertas y cerca de la ciudad de Orense" Boletrín Auriense, 1973; "Demografía orensana desde el siglo XIV al XIX" Boletín Auriense, 1973; "La peste en Orense desde el siglo XIV al XIX" 1973; "Notas sobre algunas ermitas orensanas" 1975; "Hospitales de la provincia de Orense", Boletín Auriense, 1976; El Monasterio de Celanova a mediados del siglo XIX" 1977; "El catastro del Marqués de la Ensenada en Orense y Pontevedra, y su mecanización" 1976, en colaboración con Pedro López Gómez; "Arquivos, autonomía e dereitos cidadáns" 1978, en colaboración con varios autores; "El Archivo Histórico Provincial de Orense" Orense, 1978; "Evolución de la propiedad de los montes en la provincia de Orense" Boletín auriense, 1978; "Catálogo de textos y disposiciones legales impresos" 1979; "Clasificación de los fondos documentales de los Archivos Históricos Provinciales" 1980, en colaboración con Pedro López Gómez; "Guía das coleccións bibliográficas e documentais da Fundación Penzol" 1980, en colaboración con Pedro López Gómez.


A Casa Grande de Viloira acolleu a presentación do libro da historiadora Olga Gallego Domínguez baseado na linaxe dos Quiroga, antigos propietarios da construción. O acto organizouno o Instituto de Estudios Valdeorreses. Podes ver o vídeo no que intervén Olga Gallego domínguez desde a ligazón desta páxina.







OLGA GALLEGO DOMÍNGUEZ. http://www.laregion.es/noticia/69244/CasaGrande/Viloira/OBarco/InstitutodeEs
Categoría: HOMENAXE DO MES - Publicado o 03-11-2008 16:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal