NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

22 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA POESÍA
O Centro PEN de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan o luns 22 de marzo ás 20:00 h. no Centro Social Caixanova, na Praza de Cervantes (Santiago de Compostela) a Celebración Mundial da Poesía 2010 (World Poetry Day). Nesta ocasión, recitarán Luisa Castro, Federica D’Amato, Luís González Tosar, Sergio Macías Brevis e James Nöel.
22 DE MARZO DÍA MUNDIAL DA POESÍA.http://consellodacultura.org/
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 21-03-2010 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
XULIO LÓPEZ VALCÁRCEL
POETA MÁIS IMPORTANTE DE 2008

Xulio López Valcárcel naceu en Lugo en 1953 e leva dedicándose ao traballo poético uns 25 anos. Participou nos colectivos "Cravo fondo" e "De Amor e Desamor", tendo publicado individualmente, Véspera do día (Edit. Follas Novas, Santiago, 1979), ao que seguiron Alba de auga sonámbula (Edicións Celta, Lugo, 1983); Solaina da ausencia (Editorial Vía Láctea, A Coruña, 1987); O sol entre os dedos (Ediciós do Castro, Sada, 1993, 2ª Ed, Sada, 1995); Memoria de Agosto (Deputación da Coruña, 1993) e En Voz Baixa (3 ª edic. Esquío. Ferrol, 2002).
Foi Premio Nacional de Poesía para menores de 25 anos, Premio Guimarães, en Portugal, gañador do Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago en 1979, Premio "Antonio Tovar" en Ourense, 1993, e "Premio da Crítica Española" en 1994, entre outros.
A súa obra está recollida en diversas antoloxías, como Desde a palabra doce voces de Luciano Rodríguez (1986), Escolma da Poesía galega de hoy (Colección Visor, Madrid, 1991), Los caminos de la voz, seis poetas gallegos de hoy (Colección Maillot Amarillo, Granada 1995) e Poesía Gallega Contemporánea (Litoral, Málaga, 1996). Poemas seus foron traducidos ao castelán, catalán, inglés, italiano, ruso, francés e macedonio.
Asimesmo é autor de diversos traballos sobre arte e literatura e dos libros de relatos Anel de Mel (Editorial Vía Láctea, 1991) e Campo de Marte (Espiral Maior, 1999). No 2001 publicou en A Nosa Terra, Viaxe ao corazón de Galicia. Colabora ademáis na prensa (Páxina literaria de El Ideal Gallego, Premio "Irmandade do libro", outorgado pola Federación de libreiros, 2002), e desde hai anos na radio (Entre libros con X.L.V. Radio Coruña, Cadena SER).
Casa última, con prólogo de Darío Xohán Cabana e cuberta de Fidel Vidal, está a piques de saír publicado por Espiral Maior.


POR VECES SORPRÉNDOTE

Por veces sorpréndote
nun recanto
calquera da lembranza.

Regresas de portos esquecidos,
de lonxanas estacions desarraigadas.

Síntote nas palabras en voz baixa,
no fresco afago do vento,
na morneza da almofada.

Baixo o melancólico licor
da túa ausencia
busqueite nos trens de medianoite.

Na calma das tardes
escoitei a túa voz chamándome.

Decote me falas.

A carón meu, vas,
polas rúas que recorremos xuntos,
polos pobos que coñecemos xuntos,
polos mares que
nos prometemos atravesar xuntos.

Chega, calada,
na sedosa melodía do silencio
a túa fragancia
e es a miña compañeira de butaca,
a adolescente que me cruza,
a nena que xoga
no medio dunha praza solitaria.

Por veces sorpréndesme
nalgún recanto escuro da memoria.

Alí me agardas
e fálasme
como a través dun cristal,
da fúnebre poesía daquel inverno,
dos días compartidos,
dos xaroposo que soñamos
como illas que xa nunca serán certas.



AS MAZAROCAS DOMILLO

Os seus grans de ouro.

As chorimas acendidas,
sobre o verde dos soutos.

Amarelo e lento o solpor
tinguindo de amarelo todo.

Dóame a vida a ofrenda
do esplendor máis piro:
o sol entre os dedos
do meu fillo.
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 12-05-2009 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
VÍCTOR CAMPIO PEREIRA
VÍCTOR CAMPIO PEREIRA

Chámase Víctor Campio Pereira González, naceu na aldea de Garabás (Maside) en 1928, foi catedrático de Literatura Española nun instituto de Ourense, cidade na que vive, e é un home de ben, o que non é pouco neste tempo.
Aínda que moitos non o saiban, Víctor Campio é escritor, escritor moi responsable en varios xéneros literarios. Algúns, mesmo fóra de Ourense, saben que Víctor Campio é un poeta, un poeta verdadeiro, autor de poucas pero moi escolleitas páxinas. Lectores hai, entre os que me conto, que pensan que o seu soneto Se chego no solpor son catorce versos de ouro: unha páxina antolóxica da nosa Literatura. Pero a Víctor Campio, que nunca está nos proscenios nin na punta da póla, hai que facerlle xustiza. É de xustiza.
Excelente ocasión esta en que mans sensibles acaban de publicar dous volumes seus: un en verso, Perdida luz (Escolma poética), e outro en prosa, Escritos en do menor, ámbolos dous na colección Libros de Frouma (Santiago). Prológaos, con datos e sentido da oportunidade, Luís Alonso Girgado. En canto á obra en verso, algún día haberá que recupera-los textos inéditos escritos «nos anos cincuenta, baixo a férula do franquismo». Mandoumos a min, en setembro de 1997, cunha carta demasiado humilde: «... que nunca viron a luz (nin falta que fai)». Estou totalmente en desacordo porque hai poemas sociais de nobre feitura literaria, entre eles, Medo e Foi un mencer, soneto que ben podía se-lo epitafio de calquera dos paseados no verán do 36.
O volume en prosa é unha escolma dos artigos que Víctor Campio publicou en La Región, de Ourense, nos últimos cinco anos. Predominan os de tema literario, tratados sempre con sensibilidade de bo lector e coa delicadeza moral que caracteriza ó comentarista.
Escritos nun galego moi coidado por quen escribe o galego desde dentro, estas páxinas en prosa xustifican, moi claramente, que eu fale delas nunha sección que se titula Beatus qui legit. Felicidade -ademais de utilidade- acadará o lector das páxinas nas que Víctor Campio fala de Mendiño, de Ben-Cho-Shey, de Blas de Otero, de Sánchez Ferlosio, de Curros Enríquez, de Xosé Conde, de Lucas Moreno, da revista Vieiros...


Poesías do libro "O aire, a luz e o canto".

NAI
Aquelas mans
estaban feitas para me encariñar

Aquela voz falábame
coa rumorosa música do mar.

Aqueles ollos tiñan
a claridade toda da mañá.

Aqueles brazos eran
eran aqueles brazos un bambá
E eu era aquel rapaz.

PAI
Un lóstrego de dor atravesoute
e quedaches alí, soño tronzado,
sen voz e sen mañá,
na túa noite.

Apagouse o teu sol que me quentaba
como un sagrado lume
e andei ó ventimperio, orfo de ti,
vestindo xa por sempre
os farrapos
da ausencia.

Eu cumpría daquela nove anos.

Agora cumpro nove veces nove
e aínda me parece que foi onte
cando nos despedimos
e te dexei alí, sen mín, durmindo,
(alleo, frío, indiferente)
no teu xergón de terra.

A LUZ DO TEU CANTO
Dáme a luz do teu canto Rosalía,
na noite pecha deste mar acedo,
que vou cara o teu reino e teño medo
de que se apague a voz que a tí me guía.

Quero esa túa clara melodía
onde afondei na dor, onde tan cedo
convivín coa saudade, mudo e quedo,
tecendo soños de melancolía.

E cando no solpor teña que ser
soño de mín no límite do cero
dese infinito mar onde hei caer,

quero cruzar contigo a noite fría.
Nin luz de faro nin estrela quero.
Quero a luz do teu canto, Rosalía
CHEGOU O SOLPOR
Se chego no solpor, se por degaro
de incanxeable luz chego a deshora
e me poño a cantar coma quen chora
pranto de noite pecha en día claro;

se chego no solpor, si me declaro
eivado vagaxeiro nesta hora
de encandecida lúa delatora
serodio corazón, triste paxaro;

se chego, digo, no solpor, e veño
manco de luz, perdido, a este recanto,
e me poño a cantar, é porque teño

no corazón a mar xa presentida
Mais non me importa que se perda o canto.
Tanto me tén. A luz xa está perdida

ROMANCE RIBEIRANA
Polas ribeiras de Laias
baixa o Miño entre viñedos
cantando unha ribeirana
con saibo de amor labrego.

(Baixa o meu río cantando
ailalelo).

Leva nas ondas un son
antigo de romanceiro
e cruza as terras do val
con camiñaar de romeiro.

No piñeiral ergue a voz
cantando a dúo co merlo
e máis abaixo remánsase
no corazón de Castrelo.

(Ribeirana do meu río
ailalelo).

Por Francelos e Filgueira
espállase en campo aberto,
as augas abrazan lirios
e bican a flor dos érbedos.

(Ribeirana de romaxe,
ailalelo).

O meu río cruza o val
coma quen navega un ceo,
buscando as terras guardesas
para morrer mar adentro.

* * *

Eu tamén vou pola vida
coma o meu río romeiro,
navío de xunco e liño
sen timón, vela nin remo.

Eu tamén vou cara o mar
coma quen navega un ceo,
lixeiro de arboradura,
ceibe na rosa dos ventos.

(Os dous baixamos cantando,
ailalelo)

Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 12-05-2009 20:44
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA, UNHA TERRA DE POETAS
Desde aquí podes acceder a páxina de GALICIA ESPALLADA na que atoparás moitos escritores galeg@s e as súas obras literarias. MOI INTERESANTE.
GALICIA, UNHA TERRA DE POETAS.http://www.galespa.com.ar/galiciaterrapoetas.htm#curros
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 28-02-2008 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
POESÍA GALEGA
Cambio climático

Voan areas das praias máis sórdidas,

infernos escuros e falas tremulentas.

Suspiros feridos, olladas esquivas

que fican á sombra dun sol de tormenta.

Fuxiron os homes adentro das casas,

chegaron os ventos cargados de ira.

Escóndense os bechos debaixo das plantas

escóndense todos da naturaza viva.

(Antón Rodríguez Casal)


POESÍA GALEGA. http://www.poesiagalega.com/
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 15-11-2007 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
Que é a AELG?

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 335 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica, traducións...

Foi fundada no ano 1980 por algúns dos escritores máis sobranceiros da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta, entre outros.

A AELG é o órgano instituído pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel. Forma parte do European Writers' Congress.

A AELG agrupa autores e autoras residentes tanto en Galiza canto fóra dela, asumindo como único requisito de afiliación a condición de contar cando menos cun libro individual publicado en lingua galega.



Desde aquí podes acceder a ASOCIACIÓN DE ESCRITOR@S EN LINGUA GALEGA, onde poderás consultar a vida e obra de cada autor, así como a súa VIDEOTECA.
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN GALEGO:http://www.aelg.org/MainPage.do;jsessionid=5DB7F89C98332556BB71C
CENTRO DE DUCUMENTACIÓN.http://www.aelg.org/Centrodoc/GetAuthors.do?letter=A
Categoría: POESÍA e A.E.L.G. - Publicado o 02-11-2007 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal