NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ENTROIDO 2010
O vindeiro día 18 de febreiro celebramos o ENTROIDO

O ENTROIDO: BREVE RESEÑA HISTÓRICA

O entroido celébrase tendo en conta a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas e aldeas de Galicia distinta duración,en especial en Ourense.
As datas para celebrar esta festa son:
Domingo fareleiro.
Domingo oleiro.
Xoves de compadres.
Domingo corredoiro.
Xoves de comadres.
Domingo de entroido.
Luns de entroido.
Martes de entroido.
Mércores de cinza.
Domingo de piñata.

O Entroido (do latín introitu, que significa entrada) é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas. Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo de Limia (o Entroido "Carnaval" de Xinzo de Limia está declarado de interese turístico Nacional. Fareleiro, Oleiro, Noite de Mulleres, Corredoiro, Entroido, Entierro da Sardiña e Domingo de Piñata), convértense por uns días nas capitais de Galicia. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes. Sen embargo non se sabe ben cal é a súa orixe. Hai quen di que veñen dos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Porén, tanto Vicente Risco coma Bouza Brey, viron neles unha orixe moito máis antiga. Risco cría que proviña das asociacións secretas primitivas ou de ritos sagrados. Bouza Brey supón que as súas orixes pertencen á prehistoria, coma unha evolución de vellas cerimonias tribais.
Outros protagonistas do Entroido son os "xenerais" en Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda; as Pantallas que dende o domingo Corredoiro ata o día 1 de marzo percorren Xinzo de Limia, os boteiros e "foliós" en Viana do Bolo, as máscaras traballadas dos Volantes en Chantada, ademais dos xa coñecidos Cigarróns de Laza e Verín son algúns dos sinais desta festa que se pechará o mércores de cinsa coa queima do Momo e o Meco ou o enterro do Ravachol en Pontevedra.

GASTRONOMIA NO ENTROIDO

Tempo para a diversión e para o bo xantar, porque outra compoñente importantísima do Entroido galego é a gastronomía: o porco é o auténtico protagonista (lacón con grelos, a androlla, o botelo, os chourizos, etc acompañado de doces como as orellas ou as filloas e freixós, as rosquillas son as comidas típicas destas festas.


CANTIGAS:

"Do enterro do loro do boticario
estamos noutro aniversario".

"Seguen estando proceados
os mesmos do ano pasado".

"Investigaron o chalé do alcalde
pois pensaron que fora feito de balde"

"Por se o alcalde era inhabilitado
outro xa estaba preparado".

"Farricoque, troque, troque
parece o cu do pote".

"Choremos todos a eito
que este enterro xa está feito".
(Cantigas do libro "O carnaval en Galicia", Federico Cocho).

Nas cantigas de Entroido cabe todo tipo de temática (política, amorosa, crítica social, etc.).

Categoría: FESTAS - Publicado o 10-02-2010 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
O SAMAÍN
O SAMÍN
A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta e a súa festa en honor dos defuntos, marcando a transición do outono ao inverno.

A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e o máis aló, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos. A festa do Samaín, a máis importante do período precristián, marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Nesa data prendíanse lumes sagrados con pólas de serbal e teixo. Con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas.
Polo Samaín era costume baleirar nabos de grande tamaño –posteriormente cabazas- para pórlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galicia- ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ter exportado aos Estados Unidos os irlandeses no século XIX e comezos do XX.
Os celtas celebraban catro grandes festas ao longo do ano:

- O IMBOLC: a primeira destas festas celebrábase a principios de febreiro, cando as primeiras flores empezan a crecer, e era dedicada á deusa Imbolc ou Brigit, á que se consagraban os animais sobreviventes ao paso do inverno, en especial ás femias, posto que era tempo xa de procrear para o futuro inverno.

- O BELTAINE: a segunda festa celebrábase o 1 de maio. Esta festa dedicábase a Belenos, o deus do lume. Neste día o lume era usado para purificar co seu fume aos animais e a todo o pobo. Acendíanse fogueiras no alto dos cerros (para os celtas isto tiña moita importancia: era moi forte a unión que sentían coa natureza, e desde o alto, podíase observar toda a grandeza da nosa nai Terra), e apagábanse estas ao día seguinte.

- O LUGHNASA: celebrábase a mediados do mes de xuño e dedicábase a Lug en Irlanda, Lugus nas Galias e Lleu en Escocia. Aínda que esta divindade coñécese por diversos nomes, era o deus da luz. Esta festa era a que máis carácter agraria tiña, celebrándose unha acción de grazas pola fertilidade dos animais e pola abundancia das reservas alimenticias.

- O SAMAÍN: a última e máis importante festa celta tiña lugar o 1 de novembro. Este día significaba o día de ano novo e á súa vez indicaba que comezaba unha etapa: o inverno.
O ano celta divídese en dous grandes períodos: o período de verán, que vai desde o Beltane (1 maio) ata o Samaín (1 de novembro), e o inverno (desde o Samaín ata o Beltane seguinte).

CRISTIANIZACIÓN DA FESTA

Como ocorre na historia das festas, son moitas as que tiveron que cambiar coa chegada do cristianismo. E o mesmo ocorre co ano novo celta. A Igrexa quixo quitar esta festa, e no seu lugar pon a festa de Todos os Santos en conmemoración de todos os santos anónimos Púxose nesa data para evitar que coincidise a celebración polos mortos o mesmo día (o día de todos os defuntos é o 2 de novembro). Finalmente é no século VIII cando se institúe oficialmente a festividade de Todos os Santos polo episcopado franco (sendo grazas a Alcunio, conselleiro de Carlomagno, a gran difusión). No século IX o emperador Ludovico Pío, a petición do Papa Gregorio IV, esténdea por todo o reino franco, instituíndose durante a Idade Media en máis países. É no ano 1475 cando o Papa Sixto IV faina obrigatoria.


TRADICIÓNS DO SAMAÍN

O LUME

O lume era moi importante para os celtas. Naqueles tempos a xente, nesta noite, prendía fogueiras para evitar os malos espíritos (este costume sobrevive nos nosos días na noite de San Xoán). Cando chegaba a mañá, os druídas daban unha faísca da fogueira a cada familia para que fixeran o seu propio lume e manter quente a casa e liberalos dos malos espíritos.
OS DISFRACES
Os celtas acostumaban a disfrazarse con peles de animais o 31 de outubro para non ser descubertos polos espíritos que, segundo eles, esa noite revivían. De aí o actual costume de disfrazarse este día.

A LENDA DA CABAZA

A lenda máis coñecida destas festas é a de Jack, o Lanternas. Trata dun irlandés trouleiro, rañas e moi astuto que logra enganar ao demo en dúas ocasións. A primeira vez foi cando coincidiu con el nunha taberna, díxolle que lle daría a súa alma se o invitaba a un último grolo. Como o demo tampouco tiña cartos converteuse nunha moeda, momento que aproveitou Jack para sacar da carteira a cruz que lavaba e así evitar que puidese volver á súa forma orixinal. Para poder transformarse novamente, o demo prometeulle que en dez anos non lle pediría a súa alma.
Pasados eses dez anos, cando o demo xa estaba preparado para levar a súa alma, prodúcese o segundo engano. Pediulle ao demo que subira a unha árbore e lle baixara unha mazá, o demo obedeceu novamente e dun salto púxose na copa da árbore; nese momento, Jack tallou rapidamente unha cruz no tronco para que non puidese baixar. Neste segundo engano fíxolle prometer ao demo que o deixaría baixar se endexamais lle pedía a súa alma. O demo aceptou.
Uns anos máis tarde, Jack morreu. Ao ceo non puido ir polas malas accións cometidas en vida, e cando tentou entrar no inferno, o demo enviouno do volta pois prometera que nunca tomaría a súa alma.
Para facer o camiño de regreso, o demo lanzoulle un carbón acendido directamente do inferno co fin de que se guiara na escuridade, e Jack púxoo nun nabo para que non se apagara co aire.
Como acabamos de ler, Jack fai a lanterna cun nabo, entón,… de onde vén a cabaza? A explicación é sinxelA. Cando chegaron a América os primeiros colonos ingleses e irlandeses descubriron a cabaza e déronse conta de que esta ofrecía mellores características que o nabo: é máis grande e pódese introducir nela unha candea, dando máis luz; proporciona máis alimento e é máis vistosa.
Categoría: FESTAS - Publicado o 26-10-2009 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
CONTACONTOS
Os días 2 e 3 de marzo de 2009 visítanos A TROPA DE TRAPO, que nos contará "contos sen medo", relatos sobre a liberdade. Contos en castelán e galego acompañados de música para promover a harmonía entre as dúas linguas que conviven connosco. Será o alumnado de 4º de ESO quen asista ás sesións.
Categoría: FESTAS - Publicado o 02-03-2009 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal