NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA


BLOG DO E.N.D.L. DO I.E.S. EBA DE CULLEREDO

____________________________________

"TODAS AS LINGUAS SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
___________________________________


CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 3

2- As demais linguas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus ESTATUTOS.

Artigo 148

1. As Comunidades Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:

17- O fomento da cultura, da investigación e, no seu caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma.

____________________________________


ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

_______________________________


A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

(Manuel Curros Enríquez)
_____________________________________

VIAXEIRO

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Coa palabra máis viva
do meu linguaxe, falo.

Repudio as inxusticias
e a liberdá procramo.
Digo a miña verdade
e no pobo descanso.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
Teño a luz dos abrentes
e as estrelas reparto.

Estou cos sufridores
vivo co desherdados
pelexo contra noite
e non creo nos anxos.

Viaxeiro que vés de lonxe
e vas de paso.
dille aos irmaus da terra
que é moi triste o Pais dos Ananos.

(Celso Emilio Ferreiro)

____________________________________

24 DE FEBREIRO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO. SEMPRE NA MEMORIA.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POLA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA COMO ESTRATEXIA EDUCATIVA
Os expertos avogan pola convivencia lingüística como estratexia educativa
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2010.- Os diferentes expertos reunidos na segunda sesión do Seminario sobre Lingua, Sociedade e Política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega presentaron hoxe as súas reflexións sobre a incardinación das linguas oficiais no modelo educativo galego e español. Os expertos coincidiron na necesidade de facer énfase na convivencia e no multilingüismo como solución para as problemáticas actuais de encaixe das linguas oficiais no ensino.


Ángel López García-Molins, profesor da Universidade de Valencia, analizou a política lingüística do Estado. Para o profesor, “cómpre sensibilizar a toda a poboación española no sentido de que España é historicamente un país tetralingüe e, polo mesmo, un Estado con catro linguas. É conveniente preparar a toda a poboación para entender o catalán e o galego escritos e orais, así como para que posúan nocións de éuscaro”. Segundo este profesor, “é inadecuado presentar a convivencia lingüística como conflito”.
... MÁIS INFORMACIÓN NA PÁXINA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA
CONSELLO DA CULTURA GALEGA.http://consellodacultura.org/
Categoría: ORGANISMOS OFICIAIS - Publicado o 22-03-2010 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
COMUNICADO DA REAL ACADEMIA GALEGA DA LINGUA
COMUNICADO DA REAL ACADEMIA GALEGA:

UNHA LINGUA PARA TODOS

Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos, que consideramos fundamentais.

1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos, lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo, para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu. E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.

2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.

3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos, creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería gravísimas consecuencias para o futuro.

4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente: un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso. O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.

5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.

6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades, para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua vehicular doutros coñecementos na escola.

7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a
publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza,a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e avivar todos os sectores que configuran o corpo social.

A REAL ACADEMIA GALEGA OBSERVA CON PREOCUPACIÓN OS PRONUNCIAMENTOS E AS POLÉMICAS QUE, PARTIDARIAS AS MÁIS DAS VECES, NACIDAS BEN DO EXCESODE CELO, BEN DO PREXUÍZO LINGÜÍSTICO, deben ser superadas pola acción dun goberno que aspire a ser de todos os cidadáns.
Tamén resulta preocupante que as primeiras decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas desprotectoras da lingua galega.
Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse en catro principios básicos:

1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.

2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
(galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes das novas tecnoloxías.

3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).

4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá. Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade.
Categoría: ORGANISMOS OFICIAIS - Publicado o 12-05-2009 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
EUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍTICA
Os equipos de normalización e dinamización lingüística teñen como obxectivo potenciar o uso da lingua galega nos centros dependentes da Consellería de Educación.

Segundo o decreto que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, deben actuar baixo a supervisión da dirección do centro e, na a súa composición, contan con membros do profesorado, do alumnado (menos no ensino infantil e primario) e do persoal non docente.

En canto ás súas competencias, contan cun papel destacado no deseño, na posta en práctica e na revisión dos programas de normalización lingüística nos centros educativos.

Por outra banda, para desenvolver o seu labor, estes equipos sérvense dun apoio técnico mediante a dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e de materiais.
EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓNLINGÜÍSTICA. http://www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_norm
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.http://xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion
Categoría: ORGANISMOS OFICIAIS - Publicado o 30-01-2008 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal