Este curso sacamos o segundo número da nosa revista Abrindo Paso . Aquí tedes a portada. Os que non dispoñades dela impresa podedes descargala en pdf desde a páxina web do centro.
Realizamos unha exposición verbo da vida e obra de Lois Pereiro con carteis e volumes sobre esta figura. As visitas do alumnado deron lugar a posteriores traballos individuais e en grupo na aula.
Conferencia de María Xesús Nogueira sobre a vida e obra de Lois Pereiro. A relatora é autora do volume titulado Dicionario Lois Pereiro publicado na editorial tresctres.
Aquí tedes este vídeo feito con moitas das fotos que tomastes o 27 de maio polos lugares de Vilar, Froxán e Vilamor, aló no Courel. Esperamos que o disfrutedes.
Pódese ver este vídeo con maior calidade en Youtube.com
Desde este curso o noso centro conta cunha revista escolar: Abrindo paso, título proposto por Xoán Carlos García Souto que foi o gañador do certame convocado polo E.N.D.L. para denominar esta nosa primeira publicación.
Quixemos realizar unha revista para que servise de canle ás nosas ideas e aos nosos intereses.
Podes consultala en liña na páxina web do noso centro no apartado do menú: Revista escolar
Sempre Xonxa
O 25 de novembro de 1989 estreábase esta película, dirixida por Chano Piñeiro. Foi a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm, e comparte con Urxa de Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal e Continental de Xavier Villaverde a honra de ser unha das primeiras longametraxes de ficción en galego.
Quixemos lembrar esta cinta e por iso proxectámola no noso centro, en horario matutino e vespertino o día 3 de marzo. Resultou especialmente interesante porque a ampla marxe de idades con que conta o noso centro provoca que algúns alumnos e alumnas tivesen xa coñecemento desta película e mesmo a viran no momento da súa estrea, en tanto que outros e outras nin sequera naceran a aquela altura.
Realizamos esta excursión ao Courel o día 27 de maio. Fomos en autobús ata Vilar (con parada previa en Quiroga) e aí visitamos o museo etnográfico de Xan de Vilar. De seguido fixemos unha ruta de sendeirismo entre Vilar e Froxán na que pasamos polo Castro de Vilar, Río Lor, Souto e sobreiral de Froxán amais de observar a arquitectura tradicional de Vilar e Froxán.
Comida en Vilamor e despois asistencia a un taller de fiado tradicional con la e de novo en Froxán xogos tradicionais (ra, chave, bolos). Agradecemeos a colaboración á Asociación Cultural Fonte do Milagro
O día 6 de abril recibimos a visita destes dous campións e tivemos a oportunidade de coñecelos un pouco mellor e repasar a súa traxectoria.
Levan máis de vinte anos no mundo do rally. Sergio (piloto) e Diego (copiloto) comezaron desde o máis baixo coma todos os pilotos e pouco a pouco foron escalando, pasando por diversas marcas, ata chegar a ser campións de España, o que supón todo un orgullo para os galegos en xeral e os lucenses en particular. Desexámoslles moita sorte no seu futuro profesional, en especial nestes momentos polos duros momentos que están a vivir.Podes manifestarlles o teu apoio en Facebook.
Luís Villares Naveira, xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único da Fonsagrada, pronunciou unha conferencia no noso centro o día 7 de abril.
Na mesma realizou unha breve reseña histórica sobre a orixe dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución e no Estatuto de Autonomía, en especial no relativo á liberdade individual.
Demostrou que o noso ordenamento xurídico supera a concepción tradicional da igualdade ante a lei para convertela nunha igualdade social real, e que as políticas de normalización lingüística son unha modalidade das políticas de igualdade social que contribúen a acadar a liberdade individual e a igualdade entre os individuos que compoñemos a sociedade galega.
Luís Villares é membro da Irmandade Xurídica Galega e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
Visitamos o Museo Provincial en tres ocasións. Na primeira, o día 18 de marzo realizamos unha visita guiada á parte histórica do mesmo (refectorio, cociña, claustro), aos seus fondos (arqueolóxicos, mosaicos, ourivería, cerámica e pintura) e á exposición sobre a Historia do feminismo en Galicia que estaba presente nesas datas.
Centrámonos dun xeito especial na obra dos gravadores (Castro Gil e Castelao) antes de proceder a realizarmos nós a nosa propia obra utilizando linóleo, gubia e tinta (por problemas de tempo esta segunda parte da actividades adiámola para o día 9 de abril).
Outro grupo participou o día 14 de marzo e nese caso unicamente visitamos as salas dos gravadores antes de iniciarmos o noso propio traballo.