Retallos


BLOG DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO IES VALLE INCLÁN DE PONTEVEDRA
"Un idioma é o corpo sensible dunha cultura"
(CASTELAO)

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O POEMA"O MAIO" DE CURROS EN IMAXES CANTADO POR LUÍS EMILIO BATALLÁN
target=_blank class=tEnlac>O MAIO
AÍ VÉN O MAIO
Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA - Publicado o 05-05-2009 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ARTIGO DE XOSÉ GRAÑA NÚÑEZ EN GALICIA HOXE
Ímonos permitir recoller aquí parte do interesantísimo artigo que Xosé Graña Núñez escribiu hai uns días en Galicia Hoxe como resposta á intención do goberno do PP de derrogar o Decreto 124/2007:
Despois de cincocentos anos de marxinación e de discriminación da lingua vernácula, a ninguén debería escandalizar que reivindiquemos unha discriminación (neste caso positiva) para unha lingua ferida de morte que precisa de coidados intensivos... Menos falar de entelequias como "bilingüismo amable ou harmónico", de que "as linguas non se impoñen senón que se aman.." (hai amores que matan, Sr. Feijóo) e centrémonos na crúa realidade: Galicia arrastra dende hai séculos unha diglosia esquizofrénica, de tal magnitude, que a día de hoxe os cidadáns que optan por "vivir en galego" téñeno moito máis complicado do que o teñen os que optan por "vivir en castelán". Como galegos, deberíanos caer a cara de vergonza de que isto pase na nosa terra, no século XXI...
Agora ben, con todo isto ser absolutamente delirante, un queda, se cabe, aínda máis desconcertado cando constata a apatía e indiferencia dalgúns estamentos sociais que en calquera país, cun mínimo de decencia, saltarían coma un resorte...Aquí, máis ca tocar a arrebato tocou a retirada. Xa se sabe, o que se mova non sae na foto... Alguén é capaz de imaxinar este escenario en Euskadi ou Cataluña; que Basagoiti lle esixa a Patxi López, no pacto de goberno, liquidar as Ikastolas, ou a un PP catalán vitorioso anunciar que vai suprimir os programas de inmersión lingüística en catalán? Pero Galicia é distinta; seguimos sendo ese pobo submiso e resignado ó que lle resulta indiferente que xoguen co máis sagrado da súa identidade.
Onde está a Real Academia Galega que nin se atreve a publicar os datos do último Mapa Sociolingüístico antes do un de marzo, por temor de prexudicar... a quen? Onde está o Consello da Cultura Galega que se reúne con Feijóo sen que ninguén lle afee semellante despropósito. Onde están os departamentos de galego das universidades, a intelectualidade galega, o vello e o novo galeguismo e tantos profesionais ós que lles deu notoriedade este idioma no que tan pouco parecen crer? E que dicir do numeroso colectivo de ensinantes que comemos a conta desta lingua...? E que fan as forzas políticas e sindicais autóctonas e non autóctonas... ? Salvo honrosas e puntuais excepcións (as xeneralizacións sempre son inxustas) a anestesia funcionou e a parálise é case total. Un ten a amarga sensación de que nesta terra galaica sobra tanto "pesebrismo" como falta dignidade.
A traxedia para a nosa lingua é que, a diferenza do que ocorre noutras partes, aquí pode ser atacada impunemente, sen que iso comporte un rédito electoral negativo. Isto os políticos (especialmente os dos partidos estatais) sábeno e xogan en cada momento a baza que máis lles convén. Cando toca españolismo : "no a la imposición del gallego". Cando toca galeguismo (pseudogaleguismo, diría eu) : cámbiase o "chip" e a practicar niso que se chama "diglosia invertida" ou "uso ritualizado do galego". E todos tan felices e contentos. Xa o dixo o xenial Laxeiro : ¡¡Que fermoso país, pero que carallo de xente!!

(de "UNHA LINGUA SENTENCIADA NUN PAÍS ANESTESIADO" publicado o 26-03-09)
Comentarios (0) - Categoría: OPINIÓN - Publicado o 29-04-2009 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A LÍNGUA SEICA TEM QUE SEDUZIR
Está-se a fala de língua amável, dos sentimentos, cordial (e nom cardíaca polo que puidera recordar de enfarte de miocárdio, taquicardia, et cetera) e que <>. De ir ao Dicionário achas que tal palabra, en sentido recto (nom tropológico ou figurado), aparece como tratar de enganar, corromper por meio de insinuaçons ou falsas promessas… E somente nas acepçons finais vem de significar encantar, fascinar, atrair… E no fecho “dominar a vontade de”. Com qual ficamos?
As línguas imperiais nom tenhem de seduzir, estám aí como algo natural. Som as línguas B, as minoradas as que ham de enfeitiçar.
O galego é a língua que muitos pais ainda falam com os seus pais, com os seus amigos, com os seus vizinhos…
O espanhol é a língua que demasiados pais estám a falar com os seus filhos, com a Administraçom, em boa parte das instituiçons…
Um típico caso de zoodiglossia: o galego para falar com os animais e o espanhol com as pessoas… Mas por vezes som atraizoados por sonhos diglóssicos. Mesmo semelha que as estruturas profundas seguem a ser as da língua represada…
A nossa língua vem a ser umha língua simpática, deleitosa, agarimosa, afectuosa, mas de andar pola casa. Umha língua na que funcionam ininterruptamente estratégias de condescendência.
O galego é língua de vassalagem, resíduo… Mas também é issa língua que emerge, como umha afogada, no meio de falares em espanhol…
Há um antagonismo entre a língua da economia doméstica e a da economia formal; a língua de <> e a língua culta; a língua eleiçoeira e a da alta política; a má e a boa ; a útil e a inútil… Pido desculpas por ista reducçom binária.
Pois que Galiza é umha naçom dependente e submetida, com um papel periférico num dos principais centros do Capitalismo Mundializado, a sua língua, o seu imaginário social, as suas representaçons, o seu mundo simbólico leva séculos num processo de assimilaçom crescente. O Galego está a ser engolido.
Há, portanto, que lutar para que a nossa língua se integre (sem perdas fonológicas, semánticas e sintácticas) no mundo da lusofonia e polo direito a ser monolíngues em galego.
Sabe-se que a idade dos idiomas som os primeiros anos (as palavras nascem entre mamadeiras!, que a habilidade lingüística princípia a esfumar-se arredor dos seis anos e que aos doze teria de produzir-se um domínio quase completo. Aprender quantas línguas se puder, mas a nossa somente é umha e tem ser a língua da nossa cultura (uso ista palabra em sentido antropológico ao abranguer a economia, as relaçons sociais, a política e todas as formas de pensamento). O galego tem de ser a língua do Ensino, dos meios de comunicaçom, et cetera: a língua total. Ou é que se considera, como os <> que o desaparecimento das línguas é consoante com o progressar para a modernidade?
Quando alguem di que nom é o momento oportuno para o anterior, que há que ir com jeito, pouco a pouco, pensa em verdade isso ou mais bem dá-se tempo para seguir instalado no sistema? Está muito difundida a ideologia de que a gente nom está lista, que nom se pode favorecer o ódio ao galego, que há que proceder com meiguice. Como é que o sabe? Importa também a determinaçom.
O radicalizar-se a favor do monolingüismo vai levar a que os que tenhem umha visom morna, tépida, da língua se enfastiem e renunciem ao seu escaso compromisso?
As interpretaçons anteriores, cheias de psicologismo, nom serám pérfidas para o porvir da língua?
Claro que sempre haverá quem dizer: como é que estás a falar por mim? Som eu quem escolho a língua e marco os ritmos… Quem pode crer por mais tempo que a língua é umha questom individual, que o imaginário social e a sua expressom nom é colectivo?
O poder simbólico, escrevia Pierre Bourdieu, é um poder económico, político, cultural. As palavras fam ver, crer, actuar. Mas onde é que reside o princípio dissa acçom, que condiçons sociais fam possível a eficácia das palavras? O poder das palavras desempenha-se sobre os que estám em disposiçom de as ouvir. Há toda umha complicidade entre um corpo social encarnado num corpo biológico, o do “porta-voz autorizado”, e os corpos formados para reconhecer as suas ordens. A submissom está inscrita nas posturas, nas pregas do corpo e nos automatismos do cerebro.

DOMINGOS ANTÓN GARCÍA FERNÁNDEZ
Comentarios (0) - Categoría: OPINIÓN - Publicado o 27-04-2009 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CONTANDO...

En febreiro algúns alumnos e alumnas de 1º e 4º de ESO actuaron como "contadores de historias" no Pazo de Cultura durante a celebración do "Salón do Libro infantil e xuvenil"

VER FOTOBLOGOTECA
Comentarios (0) - Categoría: CONTACONTOS - Publicado o 23-04-2009 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
VERSOS PARA "A CANCIÓN DE SÁLVORA"
Xoán, Nereida e a canción

Dous soños dun mar a bordo
dun barco que naufragou,
un de Xoán, orfo de Sálvora
preso dunha maldición,
de Nereida que engaiola
pasaxe e tripulación
co seu canto de serea
e da guitarra o seu son
é o outro que atrapada
nunha tristura a deixou.

Do océano a inmensidade
vai arredar un amor
nacido no seo dos soños
que en realidade tornou,
mais vence Xoán a distancia
navegando unha canción
que pondo rumbo a Nereida
derrotará a maldición.

Tras anos de longa espera
a Sálvora regresou
polo seu mar nunha dorna
Xoán, Nereida e a canción.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS LITERARIOS - Publicado o 13-04-2009 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un poema de RAMIRO FONTE
ABRIL

Quen teña tenda que a atenda!
Sentenciou o mes de abril,
que fai chover augas mil
e é tendeiro sen fachenda.

Vestido cun sobretodo
de cor gris pasa a vasoira,
e despois colle a tesoira
e vai retallando amodo,

con coidada perfección,
un papel. Caligrafía
O seu sentir verdadeiro.

Hoxe fai o trinta día.
Ten aquelado o letreiro:
“fechado por defunción”


(Nacido en Pontedeume en 1957, morreu en Barcelona o 10 de outubro de 2008. Deuse a coñecer como poeta no grupo Cravo Fondo a finais dos setenta. Foi director do instituto Cervantes de Lisboa ata a súa morte e membro correspondente da Real Academia Galega. O seu libro máis premiado foi Adeus norte (1991) )

Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS LITERARIOS - Publicado o 13-04-2009 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal

jujel

Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego