Os de Noriega



Este caderno dos de Noriega, adicado ao poeta Antonio Noriega Varela, pretende ser unha xanela aberta a todo o mundo que queira coñecer a infinda sensibilidade poética do "Bardo da Montaña" e "Cantor do Ermo". Calquera pode facer uso desta bitácora e deixar a súa opinión ou comentario nela.
Sexan benvidos e benvidas!.
Graciñas por visitarnos.
xosedenoriega@gmail.com


O Cantor do Ermo
 Espazos
 Fotoblogue
 Enlaces
 Busca por calquer elemento nesta bitácora
 Atopar blogues galegos
 No faiado
 Artigos morniños
 Artigos destacados

HOMENAXE A NORIEGA VARELA
Antonio Fernández Noriega Meitín
MONDOÑEDO É POESÍA (1 de maio de 2015)
-“Naide mellor que vosoutros sabe, queridos paisanos, que apenas si eu son un pobre, insignificante bardo, rudo para as "etiquetas", sin méritos pra agasallos.” Así falaba meu avó, Antonio Noriega Varela, o luns 20 de outubro de 1930 na Praza da Catedral de Mondoñedo, en agradecemento á homenaxe que recibía xunto con outros dous persoeiros senlleiros desta terra: Pascual Veiga e Manuel Leiras Pulpeiro.
Pasaron oitenta e cinco anos, avó; daquela eu non nacera, máis agora poño o teu corazón na miña voz de emigrante para anunciarche que hoxe en Mondoñedo, veciños e visitantes, xuntos coma grans na espiga, ofrécenche nova homenaxe, tan fermosa e tan sentida que honrándonos como familia tamén dá cumprimento á nosa promesa e obriga de que o teu espírito e a túa obra de entre nós nunca desapareza e así eternamente siga viva. Aclareiche este asunto pola dúbida que nos deixaches ao saíres deste mundo cando nos preguntaches: “¿esquencerá Mondoñedo os píncaros do Parnaso? Non xerarán máis que ortigas,”…. Como ves tamén te enganaches pois aínda queda xente agradecida. Mais este agradecemento has de facelo extensivo aos teus compañeiros do Parnaso, sentinelas da lembranza: irmáns Corral, Castro e Neira, Romualdo López, Guillermo Alonso, Francisco de Paula, José María Chao, Felipe Lence e tantos outros creadores de poemas nos que aínda se garda a semente da esperanza para o noso Mondoñedo.
Por ser día das Quendas acudiron e acoden xentes de pobos ou zonas diversas para disfrutar e convivir, respectando as súas diferenzas, segundo aprendemos do exemplo senlleiro que coas vosas vidas nos deixastes ti e máis Leiras Pulpeiro. Os vosos versos seguirán sostendo a ponte pola que pasaron e chegaron ata aquí a tradición poética mindoniense na compaña de Cunqueiro, Díaz Jácome, as xeracións posteriores, as presentes e as que están por vir para convidarnos a respirar e a sentir nun só día tal exquisitez de aromas mesturados que ninguén poderá esquecer pois somos privilexiados por poder disfrutar todos xuntos de Mondoñedo é poesía.
-E das túas musas que foi? Ai, se eu che contara! Lembras aquelas que lles prestaba unha fadiña o refaixo? Pois xa non queda ningunha polos carreiros do monte coloreando, nin nas airas das Coruxeiras, nos ribazos de Cesuras nin siquera bailan o día da festa nos adros. Nin que nos tentara o diaño! Mira que levamos tempo observando como a Mondoñedo só lle medran cada vez máis cabelos brancos! De non atopar remedio non tardaremos en camiñar coas mans dereitas e cos peíños descalzos implorándolle ao Deus do ceo que por favor vos ergades todos do camposanto para ensinarnos de novo a mazar nas ortigas, e xuntos eliminar os samargos sen facer coma o raposo que botou a noite mirando o altas que estaban as uvas e por non pidir axuda dixo:
-Dá igual. Total, non están maduras!
Meus amigos, confiemos nos poetas. Eles son as voces proféticas dun futuro asentado no respecto ao pasado, eles son quen nos espertan cando quedamos durmidos á sombra dos recordos, eles son os que, chiscando tan só un ollo, espabilan a un vivo ou fanlle sorrir a un morto.
Escoitemos aos poetas dando valor ao noso. Foi costume entre os galegos non aprezar o que temos mais, en verdade lles digo: os que transterrados andivemos, cando da terra saímos realmente sabemos o que nela deixamos e o que nela perdemos.
A meu avó os mellores premios déronllos en Portugal onde dixo: “…desde a miña insignificancia e coa ruda franqueza que me caracteriza direilles que eu son de Mondoñedo, vella e levítica cidade de rúas moi silenciosas onde resoan os pasos dos forasteiros, a música e os toques das campás”… “xamais levei vida monorrítmica de café provinciano nin das pequeniñas traxedias das políticas de campanario pois vivín na aldea xenuína a existencia dos meus pobres paisanos e tamén convivín entre os homes do mar que fuman, taciturnos, meditando nas anguriosas testemuñas dos náufragos aos que certamente comprendín a máis non dar cando sentín os aires de Ourense, onde, logo cheguei a ser feliz”… “non obstante sinto devoción por aquela terra verde e húmida da que nunca saín porque da súa materia se formaron os meus osos, o meu sangue e a miña alma”.
Os poetas coa súa obra axudan a comprender que a esencia dun país non se ve nin se amosa polas vidreiras viaxeiras dun autobús de turistas. Un país hai que sentilo día a día; así vai quedando gravado na alma e cando dela un anaquiño se arranca descubrimos como nace a poesía vencellada á fala materna, o cadillo da terra. Por esa razón meu avó se laiaba exclamando en verso: “… a nosa Fala, ¡a floriña humilde dos ermos! non desaparecerá conmigo, cando expiren os meus beizos! O galego, o idioma patrio no que as fonteliñas rezan, Cristo das linguas, numen do Rei Sabio, ti has de ser sempre suspiro dos desterrados, raio dos opresores e o agarimo dos paisanos”.
Chegada a hora da despedida, saiban da miña voz o que Antonio Noriega Varela a tódolos presentes nos diría: “… co meu humilde traballo literario xamais ambicionei mellor recompensa que a de ser aprezado na miña propia terra. Síntome ledo de que a pesares dos anos, grazas a vós, seguirei vivo, loitando polo futuro de Mondoñedo e da nosa terra galega”.

Moitas grazas a todos
Antonio Martín Fernández Noriega Meitín

Comentarios (1) - Categoría: DATOS BIOGRÁFICOS - Publicado o 19-02-2016 00:05
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 No estoy seguro de que el lugar en el que está recibiendo su información, sin embargo buen tema. Me tiene que pasar un tiempo para encont#blgtk08#rar más información o hacer ejercicio más. Gracias por información fantástica que solía ser en busca de esta información para mi misión.
Comentario por voyance par mail (19-02-2016 17:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe. É un filtro anti-spam. Serve para comprobar que é unha persoa e non un programa spam.)
© by Abertal
Edizón e deseño de Pepe de Noriega. Rúa de Josef Febrero, nº 22, C.Postal 27740, Mondoñedo (Lugo). Este blog é un sitio co exclusivo fin de difusión cultural da vida e obra de Antonio Noriega Varela e familia. Permítese a reproducción parcial ou total de todos os contidos. Todos os artigos que integran este espazo foron editados de forma gratuita o mesmo que a inclusión dos iconos da web na parte superior da portada. As imaxes incluidas proceden de diversas fontes e responden á soa finalidade de acompañar o contido cultural deste sitio. Os comentarios, Logos e Marcas son propiedade dos seus respectivos autores. De contado ollarán vostedes algunhos dos dialeutismos mindonienses máis enxebres, dun galeguista non político.
A normativa lingüística destes contidos?: quen fai algo aplica a súa. Porque o que escribe en galego por mal que o faga, pon algún grau de area na moreada. Porque di un dito: Axuntando pingotas formas un cirio.
(Benito Losada)
www.blogoteca.com/noriegamindoniense/