Os de Noriega



Este caderno dos de Noriega, adicado ao poeta Antonio Noriega Varela, pretende ser unha xanela aberta a todo o mundo que queira coñecer a infinda sensibilidade poética do "Bardo da Montaña" e "Cantor do Ermo". Calquera pode facer uso desta bitácora e deixar a súa opinión ou comentario nela.
Sexan benvidos e benvidas!.
Graciñas por visitarnos.
xosedenoriega@gmail.com


O Cantor do Ermo
 Espazos
 Fotoblogue
 Enlaces
 Busca por calquer elemento nesta bitácora
 Atopar blogues galegos
 No faiado
 Artigos morniños
 Artigos destacados

NORIEGA PATRIMONISTA NO SÉCULO XVIII

O 17 de outubro de 1847 ante o Notario de Mondoñedo, D. Pascual Faraldo, compareceron Benita da Torre, viuda de Antonio Varela e os seus fillos: Jacinta, María, Pascual e Antonia (casada co capitán D. Juan José Fernández de Noriega e residente en Cambre) coa intención de facer a partixa dos seus bens. Entre os numerosos bens existentes, atopamos o edificio das antigas fábricas de D. Antonio da Riba López, situadas nas inmediacións da capela de S. Caetano de Mondoñedo.

Nun principio acordaron partir pola metade a casa adicada a Fábrica de Alfarería.

“La mitad para el lado del Sur, desde la entrada antigua de la casa hasta el medianil que separa la propia porción del horno y se compone de patio o portal y piso alto con su cocina y chimenea, con dos ventanas, una a la parte del Sur y otra al del Levante. El palomar por entero. Los vagos de aquella parte, hasta una piedra o marco alto, que se halla frente al medio de la puerta que baja a las huertas. El alpendre o cabaña de abrigar leñas, cubierto de losa y madera, abierto que está por la parte de debajo de dichos vagos, hasta el sitio del pajar, inclusive, que tocó en el primer departamento de huertas y las tres porciones o cuarterones de huerta que se hallan a la parte más inferior de ellas y en hilera, de Sur a Norte. La mitad de la parra que cubre los citados vagos”.

Esta parte tocoulle en sorte á súa filla Jacinta Varela da Torre. A outra parte tocoulle en sorte ao seu irmán Pascual.

“La otra mitad, para el lado del Norte, de la citada edificación. Desde el medianil que separa la otra mitad, del costado del Sur, adjudicada a la hermana Jacinta, del patio por donde se entra en la casa, por el costado del Levante, o sea de la solana, hasta el extremo de toda ella por el Norte, cuya mitad se compone del referido patio, bodega o caballeriza terrena, con portal al Levante, en el patio, el horno de cocer ollas, sobre el patio un cuarto alto con una alacena, con ventana al Levante, dividido con voladizo de madera de un pasadizo que intermedia el propio cuarto y la pared de la casa del Poniente, en la que hay dos linteles con reja que comunican la tienda al pasadizo y al horno y escalera unida a él por donde se sube del patio referido para esta mitad de casa. Una sala con entrada al frente de esta escalera y dos ventanas, una al Levante y otra al Poniente, la cual tiene fayo o desván encima y un cuarto terreno al Norte de la sala, con entrada por la misma y dos ventanas, una al Norte y otra al Levante, muy reducido, en el que hay un tramo dividido con voladizo de madera. Al Levante de toda esta parte de casa, unido a ellos, un cobertizo o bodega terrena, con entrada por el Sur, un lintel y una ventana al Norte y dos hacia el Levante. El primer cuarterón de huerta unido a la parte de casa inserta por los costados de Levante y Norte, desde el sitio de los pajares. Y el otro cuarterón o tramo de huerta unido a aquel por el fondal , pared en medio, y además la mitad de la parra alta que cubre, tanto los referidos vagos de esta partida como los aplicados a su hermana Jacinta. También le quedan dos de las cuatro vigas que se hallan en la bodega o cobertizo de la solana”(1).

Noutro apartado do documento aparecen citadas algunhas condicións. 1-Que o posuidor da metade do Sur queda con dereito a cocer a obra de barro que fabrique no forno que queda dentro das demarcacións da do Norde. 2-Que será do uso dos posuidores das dúas metades o muiño de vidrado da fábrica.

Polas Fábricas de S. Caetano pagaba Froilán Varela (pai de Antonio) de canon foral catorce reais anuais a D. Pedro Marzo segundo escritura de maio de 1807, ante o escribano de Mondoñedo D. Ramón Seijas.
Á maioría dos lectores de estes datos biográficos, as persoas que aparecen citadas neste documento, resultaranlles totalmente descoñecidas, pero resultaranlles máis coñecidos, si lles dicimos que son os bisavós e os avós maternos do mestre e poeta Antonio Noriega Varela e do seu irmán Félix.

(1)- Arquivo Histórico provincial de Lugo, protocolos notariales de D. Pascual Faraldo, sig. 6285-02.

Comentarios (0) - Categoría: DATOS BIOGRÁFICOS - Publicado o 09-02-2017 22:00
Ligazón permanente a este artigo
BIOGRAFIA MILITAR NORIEGA
D. Juan José Fernández de Noriega naceu o 26 de abril de 1809 en Ferrol. Era fillo de Domingo Fernández de Noriega, de profesión mariño mercante(mestre de buques mercantes), natural do val de Espinama(Cantabria) e de Isabel Arán Gómez.
Ingresa no Exército o 30 de xaneiro de 1827 como soldado de milicias no Regimiento provincial de Santiago de Compostela. Máis tarde áchase de guarnición en Vigo, de novo en Santiago e máis tarde na Coruña. O 20 de maio de 1830 ascende ao emprego de sarxento 2º por elección. En 1833 áchase en Mondoñedo e o 30 do mes de setembro obtivo licenza absoluta.(1)
Por elección, o 2 de xullo de 1835, é nomeado co emprego de subteniente polo Capitán Xeral de Castilla la Nueva e é mobilizado en Cuenca. Sae desde a cidade Encantada en columna coa súa compañía contra os facciosos mandados polos cabecillas carlistas Cabrera, Quiles e Forcadel e achándose nos altos de Moya, sufriu unha aparatosa caída por uns despeñadeiros, polo escabroso do terreo e a noite tempestuosa, cando ía montado dacabalo comunicar ordenes aos postos avanzados.
O 1 de maio de 1836 regresa ao servizo e é destinado ao Provincial de Mondoñedo, ao que se incorpora en Vitoria, onde xurou a Constitución de 1812. O 4 de outubro pasou ao momento fortificado de Peñacerrada. O primeiro de novembro a Treviño e máis tarde a Vitoria.
O 1 de outubro de 1836 ascende ao emprego de tenente por antigüidade. O Capitán Xeral de Castilla la Nueva concédelle catro meses de licenza para restablecerse das secuelas da caída sufrida nos altos de Moya. En 1839 necesita ingresar nun centro hospitalario, facéndoo no Hospital de S. Pablo de Mondoñedo para recuperarse das secuelas do violento percance.
O 21 de agosto de 1843 ascende ao emprego de capitán. Nestes momentos atópase destinado na Coruña, desempeñando o cargo de habilitado do Regimiento de Tuy, pero habéndose pronunciado forza armada naquela capital contra o Rexente do Reino, de orde do coronel Rivera marcha ao Ferrol, o 16 de xullo participa na acción de Neda(varios mortos e uns 16 feridos) contra as forzas pronunciadas, que mandaba o comandante de carabineros D. Nicolás de Lúa.
En 1848, por mandato do Capitán Xeral fíxose cargo da comandancia do Cantón de Ponte Caldelas (Pontevedra). En 1849 é destinado ao terceiro batallón do Regimiento de S. Marcial. O 1 de xaneiro de 1850 é destinado a Játiva (Valencia). En 1851 é destinado ao terceiro batallón do Regimiento Navarra Nº 25.
O 20 de xullo de 1854, por Real Orde do 31 de outubro ascende ao grado de comandante. En 1855 é nomeado Axudante da Praza de Madrid. En 1857 é destinado de Comandante Militar da Illa Verde (bahía de Algeciras). O 25 de novembro de 1857, con motivo do natalicio do Príncipe de Asturias, obtivo o emprego de 2º comandante.
Por Real Orde do 11 de marzo de 1858 concedéuselle trasladar a súa residencia desde Algeciras a Lugo.
As secuelas da violenta caída do cabalo pasáronlle factura durante a súa curta vida. D. Juan José Fernández de Noriega faleceu o 16 de maio de 1859, á idade de 50 anos, na capital da provincia, onde se achaba residindo desde facía un tempo.
Por Real Cédula de 29 de xullo de 1850 concedéraselle a cruz da Real e Militar Orde de S. Hermenegildo.
D. Juan José casouse na parroquia de Santiago de Mondoñedo coa mindoniense Dª Antonia Varela da Torre.(2) Do seu matrimonio quedáronlle os seguintes fillos: Dolores (1836-1908); Ramona (1839-1920); Manuel, presbítero (1845-1891) e Joaquina (1846-1938). D. Juan José e Dª Antonia son os avós maternos de D. Antonio e de D. Félix Noriega Varela.

(1)- Arquivo Xeral Militar de Segovia, expediente persoal.
(2)- Arquivo Diocesano de Mondoñedo, parroquia de Santiago de Mondoñedo, libro de casados número7, folio 102.

Comentarios (0) - Categoría: DATOS BIOGRÁFICOS - Publicado o 31-12-2016 21:52
Ligazón permanente a este artigo
HOMENAXE A NORIEGA VARELA
Antonio Fernández Noriega Meitín
MONDOÑEDO É POESÍA (1 de maio de 2015)
-“Naide mellor que vosoutros sabe, queridos paisanos, que apenas si eu son un pobre, insignificante bardo, rudo para as "etiquetas", sin méritos pra agasallos.” Así falaba meu avó, Antonio Noriega Varela, o luns 20 de outubro de 1930 na Praza da Catedral de Mondoñedo, en agradecemento á homenaxe que recibía xunto con outros dous persoeiros senlleiros desta terra: Pascual Veiga e Manuel Leiras Pulpeiro.
Pasaron oitenta e cinco anos, avó; daquela eu non nacera, máis agora poño o teu corazón na miña voz de emigrante para anunciarche que hoxe en Mondoñedo, veciños e visitantes, xuntos coma grans na espiga, ofrécenche nova homenaxe, tan fermosa e tan sentida que honrándonos como familia tamén dá cumprimento á nosa promesa e obriga de que o teu espírito e a túa obra de entre nós nunca desapareza e así eternamente siga viva. Aclareiche este asunto pola dúbida que nos deixaches ao saíres deste mundo cando nos preguntaches: “¿esquencerá Mondoñedo os píncaros do Parnaso? Non xerarán máis que ortigas,”…. Como ves tamén te enganaches pois aínda queda xente agradecida. Mais este agradecemento has de facelo extensivo aos teus compañeiros do Parnaso, sentinelas da lembranza: irmáns Corral, Castro e Neira, Romualdo López, Guillermo Alonso, Francisco de Paula, José María Chao, Felipe Lence e tantos outros creadores de poemas nos que aínda se garda a semente da esperanza para o noso Mondoñedo.
Por ser día das Quendas acudiron e acoden xentes de pobos ou zonas diversas para disfrutar e convivir, respectando as súas diferenzas, segundo aprendemos do exemplo senlleiro que coas vosas vidas nos deixastes ti e máis Leiras Pulpeiro. Os vosos versos seguirán sostendo a ponte pola que pasaron e chegaron ata aquí a tradición poética mindoniense na compaña de Cunqueiro, Díaz Jácome, as xeracións posteriores, as presentes e as que están por vir para convidarnos a respirar e a sentir nun só día tal exquisitez de aromas mesturados que ninguén poderá esquecer pois somos privilexiados por poder disfrutar todos xuntos de Mondoñedo é poesía.
-E das túas musas que foi? Ai, se eu che contara! Lembras aquelas que lles prestaba unha fadiña o refaixo? Pois xa non queda ningunha polos carreiros do monte coloreando, nin nas airas das Coruxeiras, nos ribazos de Cesuras nin siquera bailan o día da festa nos adros. Nin que nos tentara o diaño! Mira que levamos tempo observando como a Mondoñedo só lle medran cada vez máis cabelos brancos! De non atopar remedio non tardaremos en camiñar coas mans dereitas e cos peíños descalzos implorándolle ao Deus do ceo que por favor vos ergades todos do camposanto para ensinarnos de novo a mazar nas ortigas, e xuntos eliminar os samargos sen facer coma o raposo que botou a noite mirando o altas que estaban as uvas e por non pidir axuda dixo:
-Dá igual. Total, non están maduras!
Meus amigos, confiemos nos poetas. Eles son as voces proféticas dun futuro asentado no respecto ao pasado, eles son quen nos espertan cando quedamos durmidos á sombra dos recordos, eles son os que, chiscando tan só un ollo, espabilan a un vivo ou fanlle sorrir a un morto.
Escoitemos aos poetas dando valor ao noso. Foi costume entre os galegos non aprezar o que temos mais, en verdade lles digo: os que transterrados andivemos, cando da terra saímos realmente sabemos o que nela deixamos e o que nela perdemos.
A meu avó os mellores premios déronllos en Portugal onde dixo: “…desde a miña insignificancia e coa ruda franqueza que me caracteriza direilles que eu son de Mondoñedo, vella e levítica cidade de rúas moi silenciosas onde resoan os pasos dos forasteiros, a música e os toques das campás”… “xamais levei vida monorrítmica de café provinciano nin das pequeniñas traxedias das políticas de campanario pois vivín na aldea xenuína a existencia dos meus pobres paisanos e tamén convivín entre os homes do mar que fuman, taciturnos, meditando nas anguriosas testemuñas dos náufragos aos que certamente comprendín a máis non dar cando sentín os aires de Ourense, onde, logo cheguei a ser feliz”… “non obstante sinto devoción por aquela terra verde e húmida da que nunca saín porque da súa materia se formaron os meus osos, o meu sangue e a miña alma”.
Os poetas coa súa obra axudan a comprender que a esencia dun país non se ve nin se amosa polas vidreiras viaxeiras dun autobús de turistas. Un país hai que sentilo día a día; así vai quedando gravado na alma e cando dela un anaquiño se arranca descubrimos como nace a poesía vencellada á fala materna, o cadillo da terra. Por esa razón meu avó se laiaba exclamando en verso: “… a nosa Fala, ¡a floriña humilde dos ermos! non desaparecerá conmigo, cando expiren os meus beizos! O galego, o idioma patrio no que as fonteliñas rezan, Cristo das linguas, numen do Rei Sabio, ti has de ser sempre suspiro dos desterrados, raio dos opresores e o agarimo dos paisanos”.
Chegada a hora da despedida, saiban da miña voz o que Antonio Noriega Varela a tódolos presentes nos diría: “… co meu humilde traballo literario xamais ambicionei mellor recompensa que a de ser aprezado na miña propia terra. Síntome ledo de que a pesares dos anos, grazas a vós, seguirei vivo, loitando polo futuro de Mondoñedo e da nosa terra galega”.

Moitas grazas a todos
Antonio Martín Fernández Noriega Meitín

Comentarios (1) - Categoría: DATOS BIOGRÁFICOS - Publicado o 19-02-2016 00:05
Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Edizón e deseño de Pepe de Noriega. Rúa de Josef Febrero, nº 22, C.Postal 27740, Mondoñedo (Lugo). Este blog é un sitio co exclusivo fin de difusión cultural da vida e obra de Antonio Noriega Varela e familia. Permítese a reproducción parcial ou total de todos os contidos. Todos os artigos que integran este espazo foron editados de forma gratuita o mesmo que a inclusión dos iconos da web na parte superior da portada. As imaxes incluidas proceden de diversas fontes e responden á soa finalidade de acompañar o contido cultural deste sitio. Os comentarios, Logos e Marcas son propiedade dos seus respectivos autores. De contado ollarán vostedes algunhos dos dialeutismos mindonienses máis enxebres, dun galeguista non político.
A normativa lingüística destes contidos?: quen fai algo aplica a súa. Porque o que escribe en galego por mal que o faga, pon algún grau de area na moreada. Porque di un dito: Axuntando pingotas formas un cirio.
(Benito Losada)
www.blogoteca.com/noriegamindoniense/