Os de Noriega



Este caderno dos de Noriega, adicado ao poeta Antonio Noriega Varela, pretende ser unha xanela aberta a todo o mundo que queira coñecer a infinda sensibilidade poética do "Bardo da Montaña" e "Cantor do Ermo". Calquera pode facer uso desta bitácora e deixar a súa opinión ou comentario nela.
Sexan benvidos e benvidas!.
Graciñas por visitarnos.
xosedenoriega@gmail.com


O Cantor do Ermo
 Espazos
 Fotoblogue
 Enlaces
 Busca por calquer elemento nesta bitácora
 Atopar blogues galegos
 No faiado
 Artigos morniños
 Artigos destacados

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (Aos autores de 'MEMORIA DUNHA HOMENAXE')
Memoria dunha homenaxe
Cando alguén vai ao teatro, a un concerto ou a unha festa de calquera índole, se a festa é do seu agrado, lembra inmediatamente, e lamenta que as persoas que él quere, non se atopan alí. “O que lle gustaría isto a miña irmá, a meu pai”, pensa, e xa non goza do espectáculo senón a través dunha feble melancolía. Ésta é a melancolía que eu sinto, non pol-a xente da miña casa, que sería mesquiño e ruin, senón por todas as crianzas que por falla de medios e por desgraza súa, non gozan do supremo ben da beleza, que é vida e é bondade e é serenidade e é paixón.

Non só de pan vive o home. Eu, si tivera fame agonizando na rúa non pediría de esmola un pan; senón que pediría metade dun pan e un libro. E eu “ataco” dende eiquí violentamente aos que somentes falan de reivindicacións económicas sen nomear endexamáis as reivindicacións culturais, que é o que os pobos demandan a berros. Bo é que todos os homes coman, mais, que todos os homes teñan coñecementos xerais. Que gocen todos os froitos do espírito humán, porque do contrario é convertilos en máquinas ao servizo do Estado, é convertilos en escravos dunha terrible organización social.

A min dame moita máis mágoa un home que quere aprender e non pode, que un esfamado. Porque un esfamado pode acougar a súa fame doadamente cun anaco de pan ou cunhas froitas, mais, o home que ten ansia de saber, e non ten medios, sofre unha tremebunda anguria porque, son libros, libros, moitos libros os que necesita, e, onde están isos libros?.

¡Libros! ¡Libros! Fai eiquí unha palabra máxica que equival a dicir: “amor, amor”, e que debían os pobos pedir, como piden pan, ou como cobizan a choiva para as súas sementeiras.

Cando o eximio escritor ruso Fedor Dostoyevsky, pai da revolución rusa, moito máis que Lenin, se atopaba prisioneiro na Siberia, alonxado do mundo, entre catro paredes asediado por isoladas chairas de neve infinda; e pregaba acorro, en carta á súa lonxana familia, só dicía: “¡Mandádeme libros, libros, moitos libros para que a miña ialma non morra!”. Tiña frío e non pedía lume, tiña unha terrible sede e non pedía auga: pedía libros, é dicir, horizontes, é dicir escaleiras para subir á cume do espírito e do corazón. Porque a agonía física, biolóxica, natural, dun corpo por fame, sede, ou frío, dura pouco, moi pouco, pero a agonía da ialma insatisfeita dura toda a vida.

Xa dixo o grande Menéndez Pidal, un dos sabios máis verdadeiros da Europa, que o lema da República debe ser: “Cultura”. Cultura porque só a través dela se poden resolver os problemas en que hoxe se debate o pobo cheo de fe, mais, necesitado de luz.

METADE DUN PAN E UN LIBRO
Locución de Federico García Lorca ao Pobo de Fuente de Vaqueros (Granada)
Setembro 1931
MondoñedO
Día das Letras Galegas 2011 [ampliar]


Comentarios (1) - Categoría: RECOLLEITA DE VERSOS - Publicado o 17-05-2011 11:14
Ligazón permanente a este artigo
Semblanza de XESÚS DE BERNABEL
BERNABEL
In Memoriam

Jesús Docampo naceu en Vilanova de Lourenzá, vila de destacadas personalidades da arte e da cultura como Julia Minguillón, Francisco Fernández del Riego, etc. Nesta vila veciña de Mondoñedo se criou e formou Suso de Bernabel.

Casado con Luz Pardo Espín na aldea de Santa María de Vilamor-Mondoñedo, onde viviu ata a súa desaparación recente. Tivo dous fillos desa unión, José Luis Docampo e Andrés Docampo, ó cal lle pedimos o debido permiso para reeditar esta colección e tamén nos achegou os datos desta sinxeliña semblanza.

Jesús Docampo era coñecido popularmente en toda a bisbarra por “Bernabel”, ou “Xesús de Bernabel”. Todas as parroquias da bisbarra de Mondoñedo coñecérono como un home falangueiro, amigo da bouba, das troulas e do parrafeo. Rexo, corpachón, semellaba un vinculeiro de boa casa, con medas de dous anos, priguizoso, moi lugués, galego cen por cen. Sempre ocurrente e satírico nos seus versos, nas súas regueifas de humor e infinidade de contos. Gustaba infindo da farra, da conversa, sin présas. Autodidacta, chegou a exercer de cesteiro de recoñecida sona. Labrego e maquetista artesanal de aparellos da labranza, cabozos, carros do país, etc. Nas derradeiras décadas adicouse a esa deliciosísima vida, xa case descoñecida, que é ir de vagariño, sen présa, sen a que non hai bardo posíbel. Foi unha figura verdadeiramente popular sempre disposto a esmorga. Deixou lenda. Tiña a humildade defensiva característica dos labregos da nosa terra, un humorismo socarrón e unha “retranca” peculiarmente galega. Unha inspiración evidente e instinto satírico, como xa dixemos.

Moita da súa obra poética está desperdigada por todo o concello e bisbarras limítrofes. No ano 1999 pon ao noso dispor Bernabel, os orixinais manuscritos de unha boa parte da súa obra, para recollela nunha maqueta e editala, que endexamais, en vida se fixo. Ahora quédanos o traballo de recuperar e recoller a que está por ahí nas mans duns e outros. Sería desexábel, o cal propoñemos dende eiquí, editala toda xunta e facela coincidir con unha merescida homaxe das corporaciós galegas pola súa valiosa aportación ás letras galegas.

A xubilación cólleo en bon estado de saude e moitos anos nunca faltou á cita de moitos eventos e as reunións atractivas semanais polas bisbarras e tabernas de Masma, Vilanova ou Mondoñedo.

Nos anos seguintes o seu corpo, noutrora rexo e fornido, ve perder a saúde paseniñamente, non exentos eles de dor e sufrimento.

A morte vaille saír ao encontro. O funeral e o enterro tiveron lugar na parroquia de Vilamor-Mondoñedo co templo ateigado dunha grande multitude de xente que acudíu a despedilo na sepultura onde desde entón repousan os seus restos mortais.

A vida intensa do querido amigo, admirado vate e veciño, deixou entre todos nós unha pegada humana e unha senda de tradicción, de variedade de literatura popular para honra das nosas letras.

Comentarios (1) - Categoría: RECOLLEITA DE VERSOS - Publicado o 14-07-2009 13:28
Ligazón permanente a este artigo
AS RAPAZAS E AS TRAÍDAS

Das rapaciñas solteiras
temos moito que contar,
e non contaremos todo
porque algo hai que deixar.

Escomezaremos dicindo
que sempre houbo distas cousas,
andar entre compañeiras.
criticando unhas as outras.

Hai unhas que teñen mozo
hai outras que están sen nada,
menos mal que se aguantan
sen tirarse a desbandada.

Non quero contar mentira
nin tampouco criticalas,
pero as que pasan dos “trinta”
xa están ben preocupadas.

As que teñen amistá
esas non teñen apuro,
pero estarían máis tranquilas
se o tiveran máis seguro.

Hai-nas que saen as festas
domingos e días santos,
polas trazas que lles vexo...
han quedar prá vistir santos!.

Deixaremos as rapazas
que descansen un pouquiño,
e que Deus se encargue delas
e as leve por bo camiño.

Falaremos das traídas
agora que está de moda,
todos queren a auga
pró non lla dan "á escola".

Fixéronse varias xuntas
haber que a xente opinaba,
pero sempre veu quedando
que naide quería dala.

A escola queda sen auga.
Cando a tiñan conseguida,
unha noite de luar
romperon a tubería.

Saíron varios veciños
arranxar na “Carballeira”,
dende que mediron a auga
dixeron desta maneira:

A fonte é abundante
pero é mellor axustala.
Temos que poñela axiña
senon quedamos sen nada.

Acordaron entre todos
avisar ós “contratistas”.
Cando os tiñan avisados
presentáronse “Os Maristas”.

De chegada xa dixeron:
puidestes ir máis despacio,
non sabedes que ista auga,
perténce-lle “Ó Palacio”.

A ouvilos desta maneira
todos quedaron calados,
e tamén xa lles dixeron
que foran ós avogados.

A auga naide a usaba;
e como taba a barbecho,
agora danse de conta
que perderon o “derecho”.

Menos mal que non lles pasou
coma os veciños de “Vigo”,
que anque é un barrio pequeno
é bastante divirtido.

Despois de estar todo feito
fixeron un alboroto,
que cando se deron conta
xa estaba o depósito roto.

E tamén no “Coto” houvo
unha grande revolución.
Parece que todo foi
por haber falta de unión.

Acadaron de poñela
despois de moito reñir,
parouse varias veces
e na querían seguir.

Os veciños de “Seivane”
tamén se descompuxeron,
por culpa de dous ou tres
según por ahí dixeron.

Hai un ano que a escomezaron
e debían rematala,
pero os que regan con ela
son os que non queren dala.

En “Pedrido”e no “Reguengo”
puxérona entre os veciños,
sen reñer uns cos outros
e todos moi caladiños.

Falouse de poñela.
Todo o mundo o aceptou,
escomezaron os traballos,
e naide, naide protestóu.

Ós veciños de “Guillade”
fixéron-lles repartila,
unha pouca vai pró prado,
e a outra pouca prá traída.

Estes tamén se moveron
prá coller a mitá dela,
se non chegan a espabilar
habían mirar prá ela.

Tamén os do “Chao do Val”
tiñan moita gaña dela,
pero da “Fonte do Cura”
non lles deixaron poñela.

Non ter auga os veciños
é unha cousa impropia,
e non deixarlles poñela
é vergoña prá parroquia.

Algún que se da de listo
facíanos unha aposta:
ha que se quedan sen auga?.
E que na darían posta.

Os que se teñen por listos
gústalles metela pata.
Aquí tamén lles salíu
o tiro pola culata.

Bernabel xa pronosticou
non de calquera maneira:
que a auga pró “Chao do Val”
ha levala quen a queira.

Bernabel
Comentarios (0) - Categoría: RECOLLEITA DE VERSOS - Publicado o 02-04-2009 13:10
Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Edizón e deseño de Pepe de Noriega. Rúa de Josef Febrero, nº 22, C.Postal 27740, Mondoñedo (Lugo). Este blog é un sitio co exclusivo fin de difusión cultural da vida e obra de Antonio Noriega Varela e familia. Permítese a reproducción parcial ou total de todos os contidos. Todos os artigos que integran este espazo foron editados de forma gratuita o mesmo que a inclusión dos iconos da web na parte superior da portada. As imaxes incluidas proceden de diversas fontes e responden á soa finalidade de acompañar o contido cultural deste sitio. Os comentarios, Logos e Marcas son propiedade dos seus respectivos autores. De contado ollarán vostedes algunhos dos dialeutismos mindonienses máis enxebres, dun galeguista non político.
A normativa lingüística destes contidos?: quen fai algo aplica a súa. Porque o que escribe en galego por mal que o faga, pon algún grau de area na moreada. Porque di un dito: Axuntando pingotas formas un cirio.
(Benito Losada)
www.blogoteca.com/noriegamindoniense/