Finalmente, a Xunta de Galicia deu forma ao anunciado proxecto do novo decreto “do plurilingüismo”. Este proxecto chega despois dun longo e tenso debate social e dunha serie de sucesivas mobilizacións cívicas que atinxiron unha extensión e intensidade sen precedentes, e logo da presentación ao público dunhas
‘Bases’ que mereceron un amplo rexeitamento das institucións consultadas pola Xunta (Real Academia Galega e Consello da Cultura Galega), e de practicamente todos os sectores atinxidos. As presentes liñas están escritas con posterioridade ao acordo do
Consello Escolar de Galicia, mediante o cal este manifestou a rotunda oposición da meirande comunidade educativa ao dito proxecto, e antes do pronunciamento do Consello Consultivo de Galicia, que é de agardar que acabará sinalando os aspectos do mesmo manifestamente discordantes coa legalidade.
O que vén é un texto redactado, pois, coa esperanza de que finalmente ese proxecto sexa retirado polo goberno galego, e o Partido Popular se aveña a constituír, tal como propuxo o Consello da Cultura Galega e asumiron os partidos da oposición, unha comisión no Parlamento de Galicia para a discusión dun novo proxecto elaborado por acordo dos tres grupos parlamentarios, unha comisión que tamén debería oír distintos axentes sociais (especialmente da comunidade educativa) e expertos e abordar
un programa de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo mesmo Parlamento en 2004, e ratificado tamén unanimemente en 2008. O que segue non é un estudo sobre o decreto en si mesmo, senón unha reflexión sobre o contexto político-lingüístico en que este aparece.
1. O contexto sociolingüístico
Ao mesmo tempo, o presente escrito foi rematado aos poucos días da difusión nos medios de comunicación dos resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística, en que se recollen datos sobre coñecemento e uso do idioma galego correspondentes a 2008, comparables cos que o mesmo IGE recolleu en 2003. Sen entrar nunha análise demorada deses datos e pasando por riba dos moitos matices que ofrecen (pois isto non cabería na presente reflexión), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes:
continuar lendo