Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Cambio de normativa - DINAMIZANDO A LINGUA


    DINAMIZANDO A LINGUA



O noso perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cambio de normativa
Hai uns meses a Real Academia Española publicaba a súa Nueva ortografía (a da ?ye? en troques da ?i griega?). Houbo algún comentario de desacordo, pero moi poucos. E creo que ninguén en Galicia se queixou publicamente de que cambiaban de novo a normativa do español. A mudanza anterior fora recente, do ano 1999 (a da desaparición do ch e do ll como letras do alfabeto) e daquela tampouco lembro que ninguén se queixase. Algo anterior é o cambio precedente, do ano 1959 (o que lle suprimiu o til a fue, jesuita ou Feijoo), que foi previo ao meu nacemento polo que non gardo lembranzas, pero presumo que tampouco xerou grandes protestas.

Agora ben, cando os cambios son na ortografía do galego todo son queixas, escándalos e arrepíos. De feito, moitas persoas teñen a sensación de que os cambios na normativa son continuos, anuais, cando non mensuais. E a xulgar polos laios dalgúns mesmo parece que a ortografía cambia cada cuarto de hora. Cando en realidade as normas que rexen a escrita do galego, que datan do ano 1982, só sufriron un pequeno axuste no ano 1995 e unha reforma necesaria no ano 2002. Unicamente dous cambios nos 30 anos que a nosa ortografía cumprirá o ano que vén! Tanto é? Tanto nos parece?

Porén, non hai queixas cando o cambio é na ortografía do español. E a verdade é que resulta lóxico que non as haxa, xa que é natural que as ortografías muden, dado que tamén cambian as linguas. No caso do portugués os últimos acordos son de 1990, precedidos doutros nos anos 1971, 1931 e 1911. A reforma ortográfica do alemán é do ano 1996. O ruso sufriu unha profunda reforma en 1918 e a súa codificación final data do ano 1956. O turco pasou por un cambio drástico no ano 1928, cando deixou de se escribir con carácteres árabes e adoptou o alfabeto latino. Se as linguas mudan as normas da súa escrita, non é lóxico e normal que no galego tamén ocorra?

É máis, a reforma na normativa do galego do ano 2002 (ben máis cativa do que moitos cren, por certo, todos os cambios caben nun par de páxinas) incluía un valor engadido que case pasou desapercibido e que deberiamos salientar como un fito da maior relevancia para a lingua galega: por primeira vez na historia de noso chegamos a un acordo que nos permite á inmensa maioría compartir unha ortografía única. Velaí un motivo de orgullo que non deberiamos ignorar, velaí de novo un feito positivo que a moitos galegos nos custa percibir.


Ver nova na prensa
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 05-02-2011 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Contadores Gratis



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0