De
Sechu Sende, do Libro
Made in Galiza.
PROPIEDADES
É un composto de orixe secular, da familia lingüística galego-portuguesa, derivado do latín. Ao ser humano as linguas resólvenlle as funcións comunicativas elementais. A lingua galega, ademais desa función básica, desenvolve a función de identificar culturalmente a comunidade social denominada cientificamente Galiza. Facilita a comprensión e integración no contorno. A súa presenza potencia a creatividade, a autoestima e o proceso social. A súa administración é especialmente recomendada nos centros de ensino e lugares de ocio e tempo libre da xuventude e a infancia.
INDICACIÓNS
Trastornos de comportamento por causa da diglosia, o autoodio ou a falta de austoestima.
Trastornos por déficit de interacción coa cultura e identidade galegas.
Estados de acollida de recén chegad@s a Galiza.
Persoas con insuficiencia comunicativa.
O seu uso está especialmente indicado para persoas e colectivos que crean na xustiza social e na defensa dos dereitos básicos do ser humano.
Comeza a relacionarse o seu uso oral permanente co progreso económico do país.
CONTRAINDICACIÓNS
Non se coñecen até de agora.
INCOMPATIBILIDADES
Problemas con pacientes con trastornos ideolóxicos, proclives á desaparición das culturas minorizadas ou indiferentes ao proceso de desgaleguización.
Recoméndase a inxesta doutros idiomas, cantos máis mellor, sen esquecer que a lingua da propia comunidade social é insubtituíbel.
EFECTOS SECUNDARIOS
É xeralmente ben recibido desde a primeira dose.
ADVERTENCIAS
Ha de comezar a utilizarse desde os primeiros días de vida para optimizar os seus beneficios.
O uso continuado conduce ao convencemento e á fidelidade na súa capacidade creativa, e en estados evolucionados pode crear un estado óptimo de monolíngúismo.
FÓRMULA
Latín
Linguas de subtrato precelta e celta (oestrimnio, ligur)
Linguas de superestrato: visigodo, suevo, árabe.
EXCIPIENTES
Habilidades sociais, autoestima, liberdade de expresión?
PRESENTACIÓN
Preséntase en formas diversas, a través de textos escritos ou de administración oral. Recoméndase a súa distribución en formatos actualizados (novas tecnoloxías, cine, mass media?) e o seu consumo tradicional (relacións informais, familia...).
POSOLOXÍA
Ha de administrarse de forma diaria e continuada. Elixirase a dose segundo as necesidades persoais.
CADUCIDADE
O propio medicamento ten unha sorprendente capacidade de rexeneración polo que NON presenta data de caducidade.
NOTA.
"ESTE MEDICAMENTO DEBE ESTAR AO ALCANCE DE TÓDOLOS NENOS E NENAS"