Finalmente o blogue foi exonerado pero non "indultado" por unha das partes implicadas. E por un rogo desta persoa, continúa pechado.

Ábresen logo dous novos na escola:

Normalización Lingüística e

E. Física Campolongo


O meu persoal é:

Milprimaveras


15-04-2012

A polémica pancarta xa está no cole



De 5 de octubre de 2011

Defensa do Ensino Público


Iniciativa Sermos Galiza

Lois Pereiro

X.M. Pintos

O galego na Admin. Educativa
De



Normás ortográficas do Galego





Decreto do Galego 79/2010

O noso perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tipos de castaña
Tipos de castaña:

Bolerca: a que abortou dentro do ourizo, que non medrou.
Brava: a do castiñeiro bravo, sen enxertar.
Bullada: a que xa pasou pola bulla.
Bullote: castaña asada no tixolo ou cacho.
Burgazo: castaña fresca cocida que se come con leite.
Crouco: a que é pequena.
Degaro: a castaña degraída. Tamén se chaman restrelos.
Degraída: cae do ourizo ó chan xa madura. Degaros.
Enxeridas: formadas por varias pezas.
Longal: tipo de castaña portuguesa.
Maia: a pilonga ou seca, e afumada.
Mamota: cocida coas dúas cascas, zoncho; é a castaña mal asada que non pela ben.
Pilonga: castaña seca.
Zoncho: a mamota. Os cativos enfíanas nun cordel a xeito de rosario para comelas.

No Caurel:

Abarqueira: a castaña baleira.
Bravas: hai anos que se dan e outros que non saen.
Picois: as que se desprezan cando se escollen ou que
parten ó debullalas para quitárlle-las tonas durante
o bandoxo.
Presa: froito dun castiñeiro bo para madeira e que rende moita cantidade de castañas. Dise que estas castañas non son as máis saborosas.
Raigonas: son as segundas en caer da árbore; as mellores para comer e as que mellor pelan.
Velliñas: é moi escura e debúllase mal.
Vérdeas: as máis saborosas e as que máis abundan, xunto
coas presas.

Outras clases de castaña:

Pagiana, Vilande, Buxeira, Agrelo, Loura, Garrida,
Papada, Cabezuda, Toubesa, Bravoleirado,Bicuda, Ousende, Oucieira.

BOLECOS: Castañas non comestibles, pequenas e aplastadas, que teñen case unicamente pel.

BARAIS: Duras pero que adoitan ser moi saborosas.
BRAVAS: Son os froitos dos castiñeiros sen enxertar.
TEMPERÁS: Redondas e pequenas, nacen antes cás outras.
RAÑUDAS: Alongadas e claras.

Máis sobre a castaña.


Ver máis no blogue do Refraneiro
Comentarios (2) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Vocabulario galego da Castaña
Arbus panis: os romanos chamabanlle ó castiñeiro árbore do pan, xa que nos tempos de malas colleitas facíase o pan con fariña de castaña.
Barexar: trasnada dos cativos que van roubar castañas ós vecinos para o magosto.
Bullote: torta de fariña de castaña consumida polos lexionarios romanos.
Cachela:plancha furada para asar as castañas
Cacho: tixolo.
Coco: verme da castaña.
Caldudas: potaxe de castañas secas cocidas.
Debullar: quitarlle as cascas á castaña cocida, fresca ou asada.
Enxerimento: superficie onde remata a castaña.
Mega:cesta para apañar castañas e outros froitos secos.
Moreas: xeito de xunta-los ourizos para golpealos e separa-la castaña do ourizo.
Petela: pinzas de madeira coas que se apañan as castañas do ourizo.
Picós: anacos das cascas procedentes da pisa ou do bandoxo empregados para ceba-los
porcos.
Rangalleira: Dise que o día do magosto o viño “corre á rangalleira”.
Suchar: Chupar continuamente unha castaña pilonga ata que se consuma. Chuchar.
Taloura: vara longa coa que se abanea o castaño para que pinguen os ourizos; tamén é
bareiro.
Tixolo: tixola de ferro con buratos onde se asan as castañas. Cacho.
Tonas: cascas da castaña.
Trasmocho: castiñeiro que medra máis ó ancho que ó alto pola acción do home, que o poda
coma se fose un frutal. Deste xeito, obtéñense máis castañas, temos polas grandes para madeira
en poucos anos, e non desaparece a árbore.
Xemas: partes da castaña.

Máis sobre a castaña.
Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Lendas sobre a castaña
Din contos populares toscanos que o castiñeiro ten os mesmos poderes benéficos e máxicos co carballo. Aínda que a súa sombra da mala sorte. Ó cortares a árbore sae o demo que pode quitarlle a vida se non se lle entrega un fillo ou filla.

As castañas son consideradas coma froitos funerarios, cómense a vespera do Dia dos Defuntos ou deixánse para que os mortos as coman durante a noite.

Tamén temos moitas semellanzas coa tradición veneciana de comelas o día de San Martiño. As mulleres pobres acodían baixo das fiestras dos ricos a cantar unha longa canción chea de louvanzas e bos desexos, que remataba coa petición das castañas. Estas mulleres representaban ás ánimas do purgatorio.

É tamén coñecido o feito de que pisar unha castaña, ó ires polo monte, fai que a persoa non teña nunca amores. É posible que iso sexa pola súa forma de corazón.

Soñar con castañas crúas, é aviso de ter que facer algo urxente. De seren cocidas, é que a persoa é moi débil de carácter. Se son asadas, é un aviso de precaución.
Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Poemas arredor da castaña
De Eduardo Pondal

"Castaños de Dormeá,
os do corpo ben comprido,
de graciosa estatura,
dobrados e ben seguidos:
¡ouh! Castaños somellantes
ós celtas nosos antigos;
a quen as edras demostran
amor, con abrazo amigo:
os arrebatados ventos
do mes bretumoso e frío
de Xaneiro, entre vós fungan
dando doentes suspiros:
e o musgo dos vosos gallos,
ermos e desgornecidos,
ó impulso das duras ráfagas
vai lonxe caer rompido" ...

Curros Enriquez

..."¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
Sin bruxas nin demos;
Un maio sin segas,
Usuras nin preitos,
Sin quintas nin portas,
Nin foros, nin cregos."


Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Cantigas populares arredor da castaña
"As castañas son castañas, os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara, para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera polo que está na man doutro"

"Esta aldeíña de Cambre, moito viva que na honra,
de mañá, por entre o souto, en busca da boa sombra"

"¡Dáseme tanto por ti, como si nunca te vira!
¡encólgate nun castaño coas pernas para riba!"
.
"Acabáronse as castañas, secáronse os castiñeiro,
acabáronse as rapazas; quedan os mozos solteiros

"A aldea de Palavea, de lonxe parece vila,
ten corredoira na entrada, e un souto sen saída".

"Acabáronse as vendimas ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas catro castañas asadas"

"Has de cantar que che ei de dar zonchos, has de cantar que che ei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar, has de cantar que chos hei de dar".

"Teño un castiñeiro alto, no tronco ten mil enredos,
tampouco os enamorados poden te-los ollos quedos".

"Ábreme a porta, Marica, que che quero dar castañas;
-Eu a porta non cha abro, que ben sei as tuas mañas".

"Despídete, castiñeiro, das derradeiras castañas,
como me despido eu de xogar coas rapazas".

"Vólve, Xuana, Vólve, Xuana, que has de atopar unha boa castaña;
vólve, mi niña, vólve a vir, moito no souto habemos de rir"

"Castañas asadas e viño con mel;
e a miña señora detrás do tonel"

"Non chas quero, non chas quero, castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero, que me cheiran a chamosco"

"A castaña no ourizo quixo rir e reventou:
caendo castiro abaixo, mira que golpe levou"

"Miña nai, doime a barriga, Miña filla, confesión.
As castañas que comiche ¿de qué castiñeiro son?"

"As castañas ben se comen, o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando e a honra vaise perdendo..."

"Pínguili, pínguili, taba pingando. Fúnguili, fúnguili, taba fungando. Si pínguili, pínguili non pingara; fúnguili fúnguili non fungara"

"Naquela banda do río, ten meu pai un castiñeiro;
bota castañas no outono, uvas no mes de xaneiro"

"Aquel vello castiñeiro, esquecendo a súa cañota,
ergue os brazos rexoubeiro;
ouce do vento e punteiro, e quere bailar a jota"
Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Expresións cotiáns coa palabra castaña
Auga de castañas : dise do café frouxo.
Quedar en auga de castañas: algo que non tivo importancia.
Estalarlle a castaña na man: cando un cae na propia trampa.
Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.
Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.
Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.
Toma castaña!: levar un chasco.
Pegarse un castañazo! Pegarse un golpe forte.
Coller unha castaña. Emborracharse.
Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.
Manda castaña! Algo que non ten xustificación, que sorprende a un.
Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
Adiviñas sobre a castaña
"Unha cousiña cousa, criada no monte, enxoita na casa e cómese sen tasa"

"Son verde e non son limón, son moura e non son carbón, son vermella e non son sangue, son branca e non son papel, ¿Que cousa cousiña son?

"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba: quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida, e as mulleres preguizosas comigo gañan a vida"

"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"

"Outo me vexo no meu lugarexo.
Por unha risada, perdín miña añada"

"Outos pais capeludas nais e os fillos incha-foles, adiviña ti, si podes"

"Outo estou, color de ouro teño, por unha risada perdo canto teño"

"Outo me vexo no meu canguerexo, vexo vir e non podo fuxir"

"Outo, outo cabaleiro dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida; cando ia para me rir, tal foi a queda que dei que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes; con o riso que lle deu, todo se perdeu"
Ten pelexo coma a xente, e é moi boa para comer; chega polo mes de Santos e todo o ano a tés.

Alto está, barbas ten, ri e solta o que ten.

Alta estou ladrón vexo vir do meu carapucho non podo fuxir.
Alto me vexo no meu capelexo, por unha risada quedeime sen nada.

No aire se cría, no aire se ten; bota unha risada e perde o que ten.

Alto estou cor de ouro teño e por unha risotada perdo o que teño (ourizo).

Alto vivo, mírame a xente e se me río quedo sen dente (ourizo)

Unha cousa que vive na devesa e vaille pica-lo cu á artesa (a castaña)

Alto me vexo no meu capalexo e por unha risada quedei sen nada (ourizo)

"Unha cousiña cousa, criada no monte, enxoita na casa e cómese sen tasa"

"Son verde e non son limón, son moura e non son carbón, son vermella e non son sangue, son branca e non son papel, ¿que cousa cousiña son?"

"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"

Alto pimpín, ruín cabaleiro; rómpelle a bolsa e cáelle o diñeiro.

"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba: quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida, e as mulleres preguizosas comigo gañan a vida"
Comentarios (0) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Refráns sobre a castaña
"Para un bo magosto ter, en agosto ha de arder e en setembro beber"

"As castañas que despois de San Martiño quedan no souto, son do moucho"

"Polo San Ciprián castañas maduras na mán"

"Se xantas castañas, de visita non vaias"

"Castañiñas a roer, piolliños a nacer"

"Tan honrado é o caldo coma as castañas"

"Cada crouco no seu seu souto".

"Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto"

"Castañas, noces e viño, fan as delicias do San Martiño"

"Polo San Martiño vai ver o teu soutiño"

"Castañas no Nadal saben ben e pártense mal"

"Temperá é a castaña que por setembro regaña"

"Fíate das castañas asadas, que se estoupan, sairanche á cara"

"Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín"

Máis sobre refráns.
Comentarios (1) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Nome da castaña en distintas linguas
Galego: castiñeiro
Castelán: castaño
Catalán: castanyer
Eusquera: gaztañondo
Francés: chatain
Inglés: chesnutcoloured

Máis sobre a castaña.
Comentarios (1) - Categoría: Castaña - Publicado o 16-10-2010 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Estadisticas y contadores web gratis
Contadores Gratis