Despois dun curso pechado este blogue (Nlcampolongo), e por decidir que hai que seguir traballando e loitando pola normalización da nosa lingua, a pesar da censura que se está a impoñer nestes tempos, continuamos a traballar noutros blogues. Nagúns non se pode contar todo o que un quixera, pero, de momento, hai outras formas ou medios de facelo.
Saúde a todos, e recordade que "Non é máis forte o que golpea, senón o que resiste sen perder a calma".
Dende onte, 25 de outubro de 2011, este blogue pasa a ser particular (de Nito). Xa non é do EDNL do CEIP Campolongo.
Por perder a súa principal finalidade dentro do centro queda PECHADO.
A decisión de deixar de ser "oficial" e pasar a ser particular tomouse baixo unha xuntanza promovida por inpección para que eu acatara os seguintes puntos. Algúns deles non atinxen directamente a este tema en particular, pero quero deixar constancia de todos .
Como se negaron a dalo por escrito, van deste xeito:
1- Calquera exposición que se queira solicitar terá que ser primeiro comunicada ou ben ó coordinador ou ó Equipo Directivo. Nota: Se alguén quere cóntolle este conto.
2- Entregar as claves do blogue e do correo electrónico ( xa llelas entregara fai dous anos pero estraviáronas).
3- Antes de subir un artigo ó blogue, ou poñer unha nova no taboleiro do EDNL, ou nos xerais, teño que ter autorización do coordinador ou do Equipo Directivo.
4- Teño que retirar todos os artigos "complicados" (inapropiados) do blogue.
5- E último, teño que entender ben claro cal é a xerarquía.
Como non me gusta nada o que se me di, en especial non estou disposto a acatar o punto nº 4; e os outros, aínda que poidan ser legais, neste contexto que estou vivindo parécenme humillantes, é polo que propoño, (despois de maduralo un pouco), como alternativa, que o blogue deixe de ser oficial no centro, deste xeito non teño por que borrar nada, nin dar ningunha clave de novo.
Todos os presentes aceptan: Equipo Directivo e Coordinador de Normalización Lingüística.
Agora mesmo non estou con forzas de loitar por esta inxustiza. Temo pola miña saúde e polo benestar da miña familia e dos compañeiros.
Sinto decepcionar a aqueles que lles gustaría e que me animaron a seguir pelexando .
Grazas a todos os que se solidarizaron e me axudaron nesta xeira. Dedicareime a seguir manifestándome con liberdade e a traballar pola normalización da nosa lingua no meu blogue particular de Milprimaveras.
Se queres saber máis podes ler a opinión doutro director (comentario deste blogue nº 31) en IES OU NON IES , xunto con outros comentarios de outros usarios, incluídos os de Milprimaveras).