Nasas


Por unha web social verdadeiramente multilingüe

Entérome pola páxina da CTNL que o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES da Pobra publicou a través da súa revista "A Tabarra Dixital" a campaña "Por unha web social verdadeiramente multilingüe", coa que se pretende difundir a presenza da lingua galega no funcionamento dun considerábel abano de ferramentas da web, así como estimular a creación da opción en galego noutras que aínda non o ofrecen.

Grazas pola iniciativa!!!






Lanses (1) - Categoría: arrastres - Publicado o 23-03-2009 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
poesía de sempre para...


Esta para min ilustrativa e fermosa imaxe é de Leandro Lamas




... superar tempos de crise

Manuel María en Versos para un país de minifundios (1969)

I


Os intres que estamos a vivir
son, ¡ouh pobo meu!,
os de verdade. Non cabe
facer trampa, porque estamos
xogando a nosa
supervivencia colectiva.
Agora cobran a súa dimensión
xusta, verbas arrepiantes
como son: "fala materna,
emigración, pobreza, economía,
conciencia, minifundio, compromiso".
Hai que coller o touro
polos cornos, non queda
máis remedio que saltar
á area co peito descuberto.
Quen che fale, ¡ouh pobo meu!,
das glorias do pasado,
de melancolías e saudades,
de folclore e paisaxe,
do teu lirismo requintado;
ese, mínteche. Ese intenta
poñerche unha venda nos ollos
e levarte enganado,
o mesmo que un rebaño
de carneiros, ao suicidio.
Quere conducirte -¡ouh
pobo meu, estás aínda
a tempo de salvarte!-
á morte e maís á nada



O Leo en Hai cu (outubro 2007)

Cu-chinés

Con e para o Aser Arraiano

En chinés mandarín
crise pronúnciase igual

ca oportunidade



... non esquecer

Manuel Rivas Costa da morte blues

Fonema

Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía
que los pajaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia.




O de Marta Dacosta que descubrimos no seu caderno de bitácora







... outro mundo posíbel


O do Séchu que xa deixamos por aquí hai hoxe un ano mais que... sempre nos convida a saber que "outro mundo é posíbel"

A produción social de soños

Cos pés na terra camiña a miña sombra.
Xa sabes,
a realidade supera a fricción.
Din que en Galiza podemos mirar a través da néboa
e que sabemos chamar ao arco íris.
Nós fixemo-lo.
Falo contigo, e contigo
e saúdo a quen pase por este verso.
Na fonoteca do futuro gardo os sons dos soños:
as palabras, as exclamacións e o vento.
Era imposíbel imaxinar o que está sucedendo,
dixemos.
Era imposíbel imaxinar isto,
diremos.
Non sei, din que
talvez se cumpra unha parte proporcional dos nosos soños se os soñamos xuntos.
Necesitamos instruciósn para soñar ao mesmo tempo,
unha convocatoria para soñar xuntos á mesma hora,
un método para a produción social de soños.
Se fabricamos coitelos en cadea
por que non Liberdade?
É o seguinte paso na evolución da espécie.
E conseguiremo-lo
mirando-nos aos ollos.


Lanses (4) - Categoría: arrastres - Publicado o 21-03-2009 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chelís
“Nunca se acaban as oportunidades. Poderiamos dicir que non temos présa por poñerlle o ramo ou por acadullar. Haberá quen diga que non saíu a tempo e haberá quen responda que as présas non son boas. Que todo o que sucede son tumbos de feira, como o día a noite, o vrao e o inverno ou a vida e a morte”.

Paio de Andrade




Creo que mañá van dous anos...

Lembro cando cara ás 10.30 h, coma todos os días laborábeis daquela época, achegárame a beber o meu café con leite ao bar de Suso para recargar as baterías. Coma todos os días collín o xornal.

Estaba sentada na mesa da esquina, colléralle o vicio de mirar nas necrolóxicas á miña compañeira de traballo. Mais aquel día a que estaba en galego era a dunha persoa coñecida. Primeiro, pensei que non podía ser, debía estar confundida. Sabía que non pasaba un dos seus mellores momentos. Collín o teléfono e chamei á Dores para contarlle o que acababa de ler. Quería que ela me dixera que non era el...

Despois de colgar o teléfono viñéronme á cabeza os últimos encontros: a chamada o día que estivera en Compostela e eu estaba na facultade, cando me viña esperar á biblioteca da Coruña despois de saír dos meus primeiros cursos de lingua oral, o día que me acompañou até a reitoría, os textos e palabriñas coas que gustaba de agasallar cando atopaba con alguén, as paroladas sobre o Samaín e moitas cousas que daquela non alcanzaba comprender... Antes de rematar a xornada de mañá relín o proxecto irmandiño de aprendizaxe da fala do que tantas veces me/nos falara.

Camiño de Burela volvín recordar o día que o coñecera nun dos Encontros de Normalización Lingüística. Empezara falando da “pita do monte” para rematar co “home peixe”, a metáfora do coche que facía unha chiscadela cos focos... moitas persoas sabiamos de que falaba outras tan só estaban preocupadas de cortar o micro e a súa intervención. Aquela noite fora memorábel en Compostela. E agora, a vida mesma...

Deixo aquí a miña lembranza para o bardo ou o Mago Merlín das palabriñas , esas cousas, un dos moitos retallos en papel... Na miña caxiña de tesouros están varias palabriñas súas que atopou na Illa, algúns poemiñas entre os que conto con cariño “Liberdade” de F. Pessoa e o textiño que acabou servindo de introdución para os “Proxecto irmandiño de aprendizaxe da fala”.

Lanses (3) - Categoría: arrastres - Publicado o 18-03-2009 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
memoria de mulleres
Para a miña nai que tamén me criou entre as notas musicais das que falaba a Claudia, que sempre nos tiña a todos os nenos e todas as nenas do lughar con roupa ben zurcidiña e con pezas que estrear para a festa.

Os anos mozos, de Cándida Rodríguez González




Aquí ou aquí podemos ver outros filmes do ciclo Memoria de muller

Por certo, isto é un froito máis do goberno do BNG!

Lanses (2) - Categoría: arrastres - Publicado o 08-03-2009 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Cu-chinés do Leo
Di o Leo:

En chinés mandarín
crise pronúnciase igual
ca oportunidade.
Lanses (0) - Categoría: arrastres - Publicado o 03-03-2009 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
galega das Rías Baixas




así son
nasadepau[arroba]yahoo.es
 navegación
 outras nasas
 ANTERIORES
 de pesca
 en augas galegas
 ARQUIVO
 FOTOBLOGOTECA

© by Abertal