narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

GALICIA, PAÍS DOS MORTOS
Sabes como se lle chama ao mes de novembro en Galicia?

O mes de novembro é para os galegos o mes de Defuntos tradicionalmente. Este nome non o leva por casualidade. Galicia garda dende a prehistoria unha estreita relación coa morte, tanto como para que desde tempos remotos a nosa terra sexa o País dos mortos. Queres saber por que?

Para responder temos que ir investigando sobre os costumes que conservamos xeración tras xeración en relación con estas datas.

Viaxemos á prehistoria:



Nesta pequena reportaxe vemos que a costa galega e algunhas illas en particular tiveron unha particular importancia como lugar de enterramento e como estes rituais antigos sobre a morte teñen unha relación coa mitoloxía. Afondaremos nesta conexión entre a nosa terra e os mitos relacionados coa morte para sabernos por que Galicia é o país dos mortos, pero antes investigaremos nas nosas propias casas, na tradición oral dos nosos familiares.


CUESTIÓNS:
Falaremos cos nosos familiares do que hoxe coñecemos como Samaín, pero ese non era o nome que lle daban os nosos avós e avoas a este costume de tallar calacús.



Preguntaremos nas casas e aos nosos familiares sobre que se adoita ou adoitaba facer nos días 1 e 2 de novembro tanto nos cemiterios como sobre todo nas casas. Que se vai facer no cemiterio? Antes facíase algo distinto ao que se fai estes día alí? Que se come ou comía tradicionalmente eses días? Por que? Que se facía despois da cea en relación cos defuntos?...
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 29-10-2019 08:11
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA QUE NOS IDENTIFICA
Imos realizar un primeiro traballo de investigación sobre a nosa lingua, esa que nos identifica.
En primeiro lugar traballaremos coa etimoloxía da palabra Galicia e o concepto de palabras milenarias e logo situaremos o galego no contexto das linguas do mundo.
En segundo lugar abordaremos unha pequena investigación sobre a lingua dos nosos avós.
Imos titular esta investigación:

A MIÑA ÁRBORE DE IDENTIDADE

Como somos seres que vivimos en sociedade, como somos persoas con historia insertos nunha comunidade con pasado imos realizar finalmente unha árbore filolóxica ou de identidade para saber de quen veño sendo eu, cales son as raíces idiomáticas que me unen a esta Terra que se chama Galicia, para logo poder analizar o presente e mesmo planear a miña actitude futura cara o galego. Unha autora moi nova, Berta Dávila, dixo recentemente nunha entrevista:
"...a identidade pasa por entender quen somos, quen fomos e porque somos en función do pasado, do que fomos antes"… … a lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección.”

Indaga logo: E TI DE QUEN VÉS SENDO?

1º Que falaban os meus bisavós paternos entre eles e que lle falaron aos meus avós paternos?/ Que falaban os meus bisavós maternos entre eles e que lle falaron aos meus avós maternos? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde naceron e viviron, que oficio tiveron?

2º Que falaban os meus avós paternos entre eles e que lle falaron aos meus pai? / que falaban meus avós maternos e que lle falaron a miña nai? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde naceron e viviron, que oficio tiveron?

3º Que fala o meu pai coa miña nai e en que idioma me fala a min?/ en que idioma fala miña nai ao meu pai e en que idioma me fala ela a min? Sobre que ano naceron, onde naceron, onde viven, que oficio teñen?

Tras reunir estes datos teremos a posibilidades de analizar cales son as nosas raíces lingüísticas.

A LINGUA QUE NOS IDENTIFICA


Comentarios (0) - Categoría: A LINGUA DOS NOSOS AVÓS - Publicado o 21-10-2019 06:39
# Ligazón permanente a este artigo
QUÉN VÉN SENDO O AVÓ OU A LINGUA AVOA DO GALEGO?

1- O AVÓ ou a lingua avoa DO GALEGO, quen vén sendo?

O galego, coma a maioría das linguas de Europa e un bo número das de Asia, deriva do indoeuropeo, podemos dicir que é o seu avó ou avoa.

1.1 Cuestión: Procura unha boa definición do indoeuropeo e representa unha árbore xenealóxica ou esquema de todas das 12 grupos ou familias fillas do antigo indoeuropeo que son: Albanés, Anatolio, Ilirio (paleo-balcánico), Grego, Celta, Tocario, Báltico-Eslavo, Itálico, Xermánico, Indo-Iraní e Armenio, procura tamén poñer o nome de algunhas das linguas máis importantes de cada unha destas familias (podes informarte nesta dirección da galipedia.
Non esquezas situar na árbore o galego indicando quen foi a súa lingua nai.

1.2 Cuestión: As cinco grandes familias de linguas no mundo son a indoeuropea, a sino-austrina (Asia oriental e oceanía), as camito-semitas, as africanas e as amerindias. Fai un pequeno esquema no que coloques un par de exemplos de linguas de cada familia, procura que sexan linguas o máis coñecidas posibles por todos os compañeir@S Podes informarte en : http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_do_mundo

2- CALES PODEN SER AS CAUSAS DA DESAPARICIÓN DAS LINGUAS E DA EXPANSIÓN DOUTRAS?

O Imperio Romano chegou ao noso territorio cara o 137 a.C. Esta terra tiña ata ese momentos unha cultura prerromana que chamamos castrexa que seguramente facía uso de diversas linguas non escritas. Os romanos someten á poboación tras diversas guerras con galaicos, cántabros e astures e establecen unha división provincial na Península dentro do gran Imperio creado por eles. Gallaecia será unha provincia romana (maior do territorio actual de Galicia, pois chegaba polo sur ao río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín, lingua de soldados, administradores, comerciantes... substituíu ás linguas dos anteriores poboadores que desapareceron, pero sobre o latín créase a base da que nacerá máis adiante o galego cara o século IX d. C.

Comentarios (0) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 03-10-2019 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal