narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O DÍA DE DEFUNTOS no país dos mortos.
Galicia país dos mortos... mes de Defuntos ou Santos.

Nestes días nos que se aproxima a celebración de Defuntos en todas partes comezamos a ver cabazas que representan caras aterradoras que nos invitan a celebrar o Halloween. Pero atención se cadra esta celebración que se popularizou dende EE.UU. ten as súas raíces na Europa céltica.

A orixe do Samaín

Hai aproximadamente 2600 anos chegaron a Galicia os pobos celtas. Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como a metalurxía do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas. Os celtas eran politeistas, adoraban a moitos deuses que representaban nalgúns casos forzas da Natureza. De aí que as súas festas coincidan coas estacións e cos seus cambios. En concreto, a festa do 1 de novembro era na honra de Samaín (que vén a significar "a fin do verán"). Cando chegaban as celebracións do Samaín (ao chegaren as longas noites escuras) parece ser que os celtas colocaban unhas candeas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos, colocándoas nos cruzamentos de camiños, nas murallas dos castros co obxecto de arrepiaren aos inimigos e para esconxurar perigos.

A orixe da celebración do Día de Defuntos

O Cristianismo escolleu estas datas do 1 e 2 de novembro para celebrar o Día de todos os Santos e Defuntos coincidindo coa festa dos druídas, os sacerdotes das tribos celtas, nas que celebraban a vixilia do Samaín, un intento de cristianizar esta festa pagá.

No ano 830 o papa Gregoria IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a Todos os Santos ese 1 de novembro, unha festa que antes se celebraba no mes de maio, e que en inglés se denominou "All Hallow´s Day" de onde logo acurtouse referíndose á tardiña anterior All Hallouwe´en no Halloween.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller esa noite para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 30-10-2013 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
Móllate coa lingua!
As 100 maneiras de chover

Imos descubrir como chove en Galicia, pero imos facelo a través das palabras.




No que vai de mes, rexistráronse máis 100 l/m² en moitos puntos de Galicia, pero esta chuvia por momentos foi persistente, noutros caeu de xeito intermitente, e ademais as precipitacións nuns momentos tiveron un carácter débil e noutros forte. Debido a estas diferentes formas de caer a chuvia, en galego existen ata 100 maneiras de referirse a ela.

Móllate!

PREGUNTA NA TÚA CASA (ao teu pai ou a túa nai os aos teus avós)

Cando a chuvia é fina, pero non desagradable como se chama na miña casa?

E cando as néboas chegan a mollar, como se chama?

Se vemos o sol mentres cae unha chuvia moi fina, como a nomeamos?

Cando a chuvia é fina pero intensa, chamámola..............

Cando a chuvia é feble, pero as gotas xa non son tan finas, entón chámaselle ..................

Cando as chuvias son fortes e persistentes coma estes días como podemos chamalas?

Pero se as chuvias son intermitentes aínda que fortes, como se nomean?

Se a chuvia vén acompañada de raios é ............

A maiores tamén temos expresións formadas con chuvia xunto cun elemento que fala de moita cantidade como:.........


E tamén outras expresións para falar de pouca chuvia: ..............

E tras das chuvias poderemos dicir: .........
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 22-10-2013 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
A CASA DOS SENTIDOS ESTÁ NO NOSO CORPO
Lembrando o que estudamos o ano pasado en Primaria imos dar un repaso e ampliar a 50 palabras que debemos coñecer sobre o léxico do noso corpo, a casa dos sentidos. Probemos a facer unha descrición do noso corpo dos pés á cabeza poñéndolle nome a cadansúa parte ata chegar a usar esas 50 palabras no texto.



Podemos ademais xogar e aprender máis con varias propostas que esperan por nós no portal das palabras. Outros espazos para xogar aprendendo na rede e dun xeito interactivo coas distintas partes do corpo en educaplay
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 07-10-2013 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
IGUAIS, PERO DIFERENTES
Como unha especie de ponte cara ao primeiro tema do libro imos falar da identidade, que aínda que é unha palabra cuxo sinónimo é “igualdade”( se es idéntico a alguén es igual) curiosamente é unha cualidade que nos fai realmente distintos a uns dos outros. Aplicado este termo a unha comunidade estable en relación coa Natureza, ao longo da Historia, nun Territorio, cunha Cultura e unha Lingua propias, fai de nós un país.

Vaiamos ao dicionario: IDENTIDADE: Conxunto de características ou elementos que definen unha persoa ou cousa fronte ás demais, o que fai que sexa recoñecida como tal.

Quero ser orixinal, como podo ser orixinal?

Le o seguinte texto:
"A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…
...Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

Antón Vilar Ponte, Pensamento e sementeira,

ACTIVIDADES
COMPRENSIÓN LECTORA
1- Imos intentar poñer un título-tema. Analiza cada parágrafo do texto de Antón Vilar Ponte e intenta resumir nunha liña o seu contido esencial.
2- Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
3- Que cres que significa a expresión “redimirse da servidume do mimetismo”.
4- Por que parece tan importante ser orixinais no universo?

LINGUA E SOCIEDADE: A MIÑA ÁRBORE DE IDENTIDADE

Como somos seres que vivimos en sociedade, como somos persoas con historia insertos nunha comunidade con pasado imos realizar finalmente unha árbore filolóxica ou de identidade para saber de quen veño sendo eu, cales son as raíces idiomáticas que me unen a esta Terra que se chama Galicia, para logo poder analizar o presente e mesmo planear a miña actitude futura cara o galego. Unha autora moi nova, Berta Dávila, dixo recentemente nunha entrevista:
"...a identidade pasa por entender quen somos, quen fomos e porque somos en función do pasado, do que fomos antes"… … a lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección.”

Indaga logo: E TI DE QUEN VÉS SENDO?

1º Que falaban os meus bisavós paternos entre eles e que lle falaron aos meus avós paternos?/ Que falaban os meus bisavós maternos entre eles e que lle falaron aos meus avós maternos? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde viviron, que oficio tiveron?
2º Que falaban os meus avós paternos entre eles e que lle falaron aos meus pai? / que falaban meus avós maternos e que lle falaron a miña nai? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde viviron, que oficio tiveron?
3º Que fala o meu pai coa miña nai e en que idioma me fala a min?/ en que idioma fala miña nai ao meu pai e en que idioma me fala ela a min? Sobre que ano naceron, onde viven, que oficio teñen?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 02-10-2013 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal