narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Día Escolar da Paz:


Irmaus. Celso Emilio Ferreiro

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.

Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2017 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
ATOPARSE CON MOURAS


Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 24-01-2017 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
GALAICOS E LUSOS


GALAICOS

Gallaecia era a terra dos galaicos (fíxate na ilustración onde estaban ubicados os "callaecos") para os soldados de Roma, que escolleron tamén o nome de Galicia para denominar este territorio que axiña ssería unha das provincias do Imperio romano. na páxina 53 do noso libro ou neste enlace podemos ampliar os noso coñecementos sobre os galaicos, a primeira cultura coñecida que habitou as terras que nos veron nacer. Os romanos trouxeron o latín que pasando o tempo nestas terras do noroeste deu paso ao nacemento do galego-portugués. Esta lingua era a lingua que se falaba e escribía ao norte e ao sur do Miño.

LUSITANOS

Lusitania era o territorio que na época da conquista de Roma da nosa Península estaba ao sur da Gallaecia. Logo na Idade medieval nacería un reino chamado Portugal, agrupando territorios da provincia da Gallecia romana cos da Lusitania. Este reino falaba e escribía o galego-portugués que comezou a diferenciarse segundo se falase ao norte do Miño ou ao sul xa na idade moderna, é dicir, a partir do 1500.

GALICIA E A LUSOFONÍA



O galego e o portugués naceron logo coma unha soa lingua e son irmáns xemelgos e a pesar de pertenceren a estados distintos seguen sendo linguas irmás. Podes saber máis no libro na páxina 94 e realizar actividades da páxina 95.

Para facer máis doado estas actividades podes usar os seguintes enlaces sobre a Lusofonía:
- Multiplicar por 100 o galego.

-Investiga cantos países lusófonos hai no mundo.
Comentarios (0) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 10-01-2017 08:06
# Ligazón permanente a este artigo
HA DE VIR O APALPADOR
A nosa tradición oral tamén conserva fórmulas propias de Galicia coas que se entra neste ciclo de Nadal ou do Solsticio de Inverno tamén denominado das trece lúas.

Estamos a poucos días de que dea comezo o ciclo das trece lúas que vai do 24 de decembro ata o 6 de xaneiro, trece noites máxicas para rematar o ano e recibir a figuras tan curiosas como o noso Apalpador.

Lembrade... comezabamos o curso preguntándonos se vivíamos como galegos. Por iso decidimos tomarnos tempo e, ao longo do curso, día a día, ir sabendo máis e máis de como somos os galegos, que significa ser galego. Agora chega o Nadal e xa empezan a bombardeanos coa publicidade como todos os anos:



E entre anuncios que reclaman a nosa atención debemos saber achegarmos de verdade ao significado deste ciclo de Trece noites coas trece lúas.

Comecemos polo que celebramos no día 24 de Nadal, é dicir, o nacemento e utilicemos este vídeo e unha fermosa cantiga tradicional adaptada recentemente polo grupo Berroguetto:



Este é o texto do nadal tradicional:

Cara Belén camiña unha Niña ocupada
fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén e pediron pousada,
responderon desde dentro con voz alborotada
-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?
-Somos Xosé e María que pedimos pousada
- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.
- Cartos non traerei máis que real de prata
-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

San Xosé se apenaba, María o consolaba.
Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,
que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


Unha figura tradicional das nosas montañas é o Apalpador:



Un ciclo, o de Nadal, que remata o 6 de xaneiro coas danzas de Reis coma estas:





1- Por que se chama a este ciclo Nadal, que significa esta palabra?
2- Investiga e explica coas túas palabras a razón de chamarlle tamén das trece lúas.
3- Que personaxes aparecen na panxoliña tradicional? Que intención ou conclusión podemos deducir das palabras finais do vilancico?
4- En que consiste o costume do Apalpador? Como o describirías?




Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 18-12-2016 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
IMOS LER UN TEXTO NARRATIVO CLÁSICO

Imos ler un gran libro da nosa literatura para comezar co plan lector deste curso:
MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas.



Este autor que estivo hai uns anos no colexio, faleceu lamentablemente no curso pasado. Temos a oportunidade de achegarmonos ao seu libro máis coñecido e universal.



COMO IMOS LER ESTE LIBRO?
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 15-12-2016 06:27
# Ligazón permanente a este artigo
O LÉXICO DA MORTE

No tocante ao LÉXICO DE DEFUNTOS imos enumerar aquí os que vimos usando ao longo deste mes que comeza co día 1 de Todos os Santos e 2, o dos Defuntos o día dos magostos que pola zona adoita coincidir co 11 día de San Martiño e remata co 30, día de Santo André, que tamén dixemos que ten unha íntima relación cos camiños dos mortos cara ao Alén:

MES DE DEFUNTOS (Léxico da morte)
Mes de Santos ou Defuntos ou San Martiño
Outono (auctum + annum = ano medrado, maduro)
Día de Todos os Santos 1 de novembro.
Día de Defuntos 2 de novembro.
Día de San Martiño 11 de novembro. Polo san Martiño...trompos ao camiño!
Día de Santo André 30 de novembro. Polo Santo André Trompos aos pés!.
Festa do Samaín, 1 de novembro
Caveira (cráneo) / cabaza (calacú)
Candea, vela (só a dos barcos), cirio
Medo, susto , arrepío, calafrío.
Morrer, finar, falecer.
Defunto, morto, finado e cadáver (carne + dada + aos vermes)
Mortalla
Sudario
Enterro, acompañamento
Caixa, ataúde, féretro, cadaleito, sartego
Tumba, cova, terra.
Inhumar (ósos) / incinerar (cinzas)
Esqueleto / corpo
Lápida, epitafio
tanatorio
velorio
Cemiterio, camposanto
Ánima, alma, espírito, pantasma
Morte Moura, Morte Branca
Agoiros ou avisos de Morte
Paxaro da Morte, avelaiona (corvo, pega, moucho, curuxa...cabra do aire)
avelaiñas (bolboretas da noite brancas e negras)
A Compaña, Estadea (cruz) procesión.
Igrexa, parroquia, adro
Ánima en pena, peto de ánimas e cruceiros
Circo ou círculo no chan
Purgatorio
Magosto
As castañas símbolo dos ánimas
Campá
Asombramento nos castiñeiros
Urco
Peregrina
Afogada
Bergantín pantasma
O barqueiro e o Río do Esquecemento.
Deceso, óbito, pasamento .... necrolóxica
Funeral, funerario/a fúnebre
Lúgubre
Rito/ culto aos mortos
Santuario, ofrecidos, romaría
Morte, pasamento (pasar) soño eterno
Camiño dos mortos, Santiago, Teixido...
Galicia País dos mortos
Cidades asolagadas en lagoas.
Inferno, Averno, mundo dos mortos
Ruín, Hábito (rachar o hábito)
Lume, lapas, laparadas
Illa dos mortos, illa do Alén
Alén: Máis Alá, Outro Mundo

Hai tamén moitos ditos e refráns
Comentarios (3) - Categoría: O NOME DAS COUSAS - Publicado o 30-11-2016 06:27
# Ligazón permanente a este artigo
A COMPAÑA
A mal chamada Santa Compaña, pois de "santa" non ten nada, debemos denominala simplemente Compaña ou Estadea ou Estántiga. Pasa por ser un dos máis estendidos exemplos da nosa mitoloxía relacionada coa morte. Esta procesión de mortos onde sempre hai un vivo, pode ser aviso da morte e ten un fondo arraigo entre os galegos como podemos comprobar no seguinte vídeo:



Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 30-11-2016 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
Micromachismos e macromachismos
O 25 de novembro é o Día contra a Violencia de xénero.

Por que naceu este día?



Un espírito xusto dínos que debemos combater a violencia de xénero, que é habitualmente está presente en telexornais e titulares de prensa cando se fala de centos de mulleres mortas. Estes asasinatos serían os macromachismos, pero estas terribles consecuencias nacen e se van xestando a través dunha suma de micromachismos que diariamente pasan desapercibidos. Por iso imos procurar definir este concepto.

Que é un micromachismo?

Fai unha lista de 5 micromachismos que percibas no teu entorno.

Unha vez identificados, poñamos en común ideas poder para superar entre todos e todas estas situacións inxustas.
Comentarios (0) - Categoría: A LINGUA DOS NOSOS AVÓS - Publicado o 24-11-2016 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO
No Mes de Defuntos procuraremos aprender algo que nos caracteriza como galegos que é a nosa especial relación coa morte. Será porque vivimosno Cabo do mundo?
Imos comezar analizando unha curiosa peregrinación que debemos realizar todos, ben de vivos ou ben de mortos. Di o refrán: "a Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo". Por iso comezamos por analizar este curioso documental que ademais de localizar este santuario na Costa da Serra da Capelada, perto de Fisterra. Logo conta a lenda de Santo André e como hai tradición de que vaian en peregrinación vivos e mortos a aquel lugar. Os mortos necesariamente por seren romeiros do Alén( precisan mesmo a axuda de familiares vivos para atoparen o camiño cara esa illa do Alén cara a que se dirixen unha vez chegados a Teixido de aí os amilladoiros de pedras). Os vivos por ofrecemento ou promesa para sandar algún mal para o que moitos acoden co ataúde.
Pero un lugar máxico tamén presenta rituais que teñen que ver coa vida como o asociado á fonte dos tres canos ou a herba de namorar ou o xunco do bon parir.
No santuario, un dos máis visitados de Galicia, véndense tamén un amuleto-recordo que é pan de Santo André.




Imos pois despois de ver o vídeo responder as seguintes cuestións:
- Que significa a expresión romeiros do Alén?
- De que se queixaba Santo André a Xesucristo ao se instalar o seu santuario neste lugar de Teixido? Que lle contesta Cristo?
-Como pode ir un morto que non foi de vivo a Santo André ou a calquera outra romaría ao que estaba ofrecido? Que significa "petar no sartego"?
- Por que motivos acoden ao santuario os vivos?
- Define os seguintes conceptos: Romaría, Alén, ofrecemento, "herba de namorar", amilladoiros, "xunco do bon parir", procura tamén dous sinónimos de ataúde:...
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 23-11-2016 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
LUCIÑAS E RUÍNS

As Luciñas son ánimas de persoas que morreron en desgracia ou violentamente. Só as poden ver quen non teña medo ou quen, ao seren bautizados, os padriños se trabucasen ao rezar o credo. Ambas cousas son ben raras que sucedan. Quen ten cu, ten medo, e na cerimonia do bautismo os padriños sempre poñen moita atención.

As Luciñas aparecen habitualmente no lugar onde morreu alguén movéndose, acendéndose e apagándose para que as saquen do penar. Para rematar coas aparicións das mesmas hai, sen medo algún, hai que as acompañar ao camposanto para que alí descansen en paz e máis nada.

Pola contra os Ruíns son ánimas de mortos condenados ao Inferno que foron amortalladas cun hábito bendito e non poden entran no Inferno e andan penando polo mundo ata que alguén lles axuda a rachar o hábito.Para iso anda na procura dun vivo que se sinte obrigado a facelo.

Era un costume a de vestir cunha túnica de monxe ou monxa aos mortos.

Contan que un home ía regar á noite ao prdo e sentía un runxir que o intrigaba. Consultou o caso co crego que lle aconsellou que cando lle volvese ao escoitar preguntara:
- De partre de Deus, dime o que queres!

El fíxoo e aparecéuselle un defunto vestido cun hábito do que quería desprenderse.
o home por consello do párroco quedou para a noite seguinte, confesou, comungou, cargouse de cousas benditas, e levou unha fouce canda el para lle rachar o hábito ao defunto. Chegada a noite fixo un circo no chan e púxose nel. Apareceu axiña o ruín. Rachoulle o hábito dende o ombro á manga por diante e por detrás. E entón díxo o condenado:

- Aínda rabee quen tanto che aprendeu, que se non, habías vir comigo!!

E desapareceu por un furado que se abriu aos seus pés cheo de labaradas. hai quen di que o pobre home morreu co susto aos poucos días.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 10-11-2016 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0