narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

HISTORIA DAS LETRAS GALEGAS
Cartel do día das letras galegas

A historia do Día das Letras Galegas comeza formalmente en marzo de 1963, cando tres membros numerarios da Real Academia Galega, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, envían unha carta ao presidente da institución, Sebastián Martínez Risco, coa seguinte proposta:
Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:
1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.
6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.


Pouco tempo despois, o 28 de abril dese mesmo ano ten lugar unha Xunta ordinaria da Institución nos salóns municipais, sede da RAG ata o seu traslado á rúa Tabernas, na que se presenta a proposta anterior e se acorda declarar como Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal e como se recolle na acta da sesión:
[...] O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición que subscriben os numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, en relación coa publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, que se cumpre o 17 de maio vindeiro. Na súa vista, a asemblea acordou declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano, a partir do presente que esta Corporación celebrará coa máxima solemnidade, recabando, como se solicita, a colaboración das institucións culturais do país e a de todos os Centros Galegos do mundo para o maior realce de tan sinalada efemérede. [...]
Dous días despois, o presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco, comunicou este acordo ao Ministerio de Información e Turismo e solicitou a súa autorización para levar a cabo esta iniciativa.
O 14 de maio, o delegado provincial do Ministerio de Información e turismo, Francisco Serrano Castillo, en nome do Excmo. Sr. Ministro contestaba de maneira favorable esta iniciativa.
Aquel primeiro ano de 1963 honrouse a figura de Rosalía con numerosos actos promovidos pola institución académica, que tiveron como sede principal a cidade herculina. Desde outras cidades e institucións tamén se promoveron homenaxes e actos destinados a honrar a autora galega e a súa obra.
Desde esta data e sen interrupción veuse dedicando anualmente o Día das Letras Galegas a unha figura senlleira da nosa cultura, elixida en Xunta Ordinaria pola RAG tal e como se recolle nos seus Estatutos:
(Capítulo 1, Artigo 2):
Son finalidades da Real Academia Galega
Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas.
(Capítulo 2, Artigo 7)
Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.


VIQUEIRA MOREIRA, Manuel
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 19-05-2008 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal