narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FOGAR DE BREOGÁN, O NOSO HIMNO(e II)

Na entrada anterior deste comentario de texto rematamos coa fermosa metáfora de Galicia que se usa no himno

Hoxe imos reparar en tres aspectos:

- A Galicia que está aparece no himno sen citala directamente.

- O Celtismo e o misterio do himno.

- A musicalidade do poema.

Antes de avanzar deben quedar claros todos os elementos destacados na entrada anterior a modo de resumo.

Xa falamos de que o noso himno comeza con preguntas. Pregunta o poeta, como bardo do presente que interroga como portavoz do pobo galego. Unha noite de lúa (prácido luar) pregunta (do verso 1 ao 8).
Responden os rumorosos, é dicir, os pinos (que non aparecen máis que no título), de escuro arume (as follas do pino), as altas copas. Esta resposta vai do verso 9 ata o final (3 estrofas).


COMO APARECE GALICIA NO HIMNO?

No segundo verso da primeira estrofa fálase dun lugar : a costa, elemento que enlaza na segunda estrofa co confín algo que nos lembra a idea dun "finisterre".

1- Que cor é a que identifica este territorio?

2- Enumera coas palabras de Pondal as veces que aparece nomeada esta cor.

3- A ver se acertas que palabra do poema nos permite saber que ese valeroso chan só pode ser Galicia?

Seguro que diches con ela axiña. Estaba claro que a figura mitolóxica é a que definitivamente une ambas características, a da paisaxe e a do valor a un territorio concreto: o fogar de Breogán. Esta metáfora acaba converténdose nun símbolo ao final do himno cando volve a repetirse coa variante nazón de Breogán.


O CELTISMO E O MISTERIO DO HIMNO COMO SE MANIFESTA?

Breogán foi o primeiro rei mitolóxico de Galicia que se relaciona cos celtas. É un mito medieval recuperado no XIX polos galeguistas que nos leva ao segundo elemento, unir este nome a outros conceptos.

4- Localiza no texto do himno e completa esta lista de elementos célticos que ademais do nome de Breogán se citan no poema?

Os __________, os benignos astros, o valeroso_______, Breogán e os ___________ das idades que son os que revelan o futuro profético que lle agarda a esta terra, a este pobo.

5- Que é un bardo? Explícao coas túas palabras.


6- Completa este texto para comprobar que comprendes a antítese ou contraposición de quen entende a mensaxe: Son os bardos de tempos pasados os que comunican a través dos______________ aos bos e xenerosos que atenden un misterio que os iñorantes, ___________e _______________ non entenden, non..


7- Cal é o misterio que nos revelan ? Explica coas túas palabras o contido da última estrofa do himno, esa mensaxe final:(podes consultar o vocabulario máis abaixo na anterior entrada)

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


A MUSICALIDADE DO POEMA
Desde o comezo Pondal fai alusións sonoras e musicais para converter en ben compasado o monótono fungar dos pinos que deben soar como unha misteriosa arpa (arume arpado) aos que atenden e entenden ese ronco son.

O ritmo deste poema é lento porque ten elementos que retardan a acción por exemplo o paralelismo das interrogantes da primeira estrofa ( que din... que din...), o abundante número de adxectivos ou como a hiperbatón ou ruptura da orde lóxica da oración para obrigarnos a unha lectura máis reflexiva do poema.

Ademais para maior musicalidade esta a rima destes versos que segue este esquema: abbc deec.

8- Cantas sílabas teñen os versos do noso himno? Son de arte maior ou menor?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 29-05-2020 08:02
# Ligazón permanente a este artigo
QUE DIN OS RUMOROSOS? O NOSO HIMNO (I)

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.



Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas 5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros 10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono 15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son, 20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados 25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa 30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

UN HIMNO CON PREGUNTAS:
Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

3- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.

4- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste.

5- Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

6- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos" unha árbore que co seu son anuncia unha revelación na que hai un pasado (coas raíces na terra), un presente (que podemos asociar a seu tronco, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta, tocando o ceo). Son _____________.

7- A revelación ou o anuncio será escoitado por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante).

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


8- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?



CONTINUARÁ
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 26-05-2020 15:44
# Ligazón permanente a este artigo
COMO RECOMENDAR UN LIBRO?
O primeiro que debes facer para recomendar un libro é redactar o texto que logo gravarás procurando seguir unha estrutura como a seguinte:

1- Indicar título, autor ou autora e a editorial.

2- Unha introdución sobre o tema ou temas principais que relata o libro.

3- Argumentos ou razóns polas que se recomenda o libro.

4- Despedida cun texto ou anécdota do mesmo ou simplemente recordando algo do máis relevante do seu contido para invitar a lelo.

Para que che resulte máis doada esta actividade, podes ver esta recomendación que che pode servir de modelo:



E logo os propios alumnos/as no facebook do Colexio:

Ángel Bugallo

Eloy Acuña

Alejandro Acuña
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 19-04-2020 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: CARLOS CASARES


O colecionista de historias é o título da Exposición que instalamos nos centro sobre Carlos Casares o autor homenaxeado con gallo do Día das Letras deste 2017 e que tamén podes consultar e ver no seguinte enlace: CARLOS CASARES: O colecionista de historias.



Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 09-05-2017 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
TRAS DA PISTA DE ROSALÍA

O pasado día 24 cumpríuse o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a autora máis senlleira da nosa literatura.

ROSALÍATE:
Imos realizar a modo de reportaxe sobre ela un pequeno traballo con cinco apartados imprescindiblesno que incorporemos: Deberemos incluír algúns versos da escritora ademais dunha biografía personalizada e orixinal así como tamén algunhas curiosidades que indaguemos e que nos chamen á atención sobre esta figura emblemática. Como toda reportaxe debe procurar unha boa presentación na que se procuren boas ilustracións e a creación dun vídeo poema.

Poemarios de Rosalía:
Cantares gallegos

Follas novas

Dous poemas curiosos para comentar: Xan

Tecín soia a miña tea




Dous exemplos de vídeo-poemas:




Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 01-03-2017 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
MANUEL MARÍA NA SEMANA DAS LETRAS
Comezabamos o curso con este poema do poeta do Día das Letras:


O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
máxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén

O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer

Manuel María.

EXERCICIOS DE COMPRENSIÓN LECTORA

Aínda que a Manuel María o coñezamos como poeta tamén escribíu varias obras de teatro. Imos poñer un exemplo dun anaco dun texto teatral seu:

O REI BULULÚ, de Manuel María

Entra o Rei Bululú, que leva unh agran cachiporra, semellante á do rei de bastos, seguido do Ministro da Facenda, do Médico Real, do Gran Mariscal e do Gran Canciller. Bululú séntase no trono e os que o acompañan acomódanse ó seu redor.

MINISTRO DA FACENDA: EQue xantar poñemos hoxe, Maxestade?
BULULÚ: Caldo de verzas con ben unto e moitas fabas, chourizos con cachelos, callos ben picantes con abundancia de prebe, raxo asado, fígado encebolado. Viño Rubeiro, branco e tinto.
MINISTRO DA FACENDA: E de postre?
BULUlÚ: Hoxe deixa o postre que estou desganado.
MINISTRO DA FACENDA: Como ordene a Vosa Maxestade, á que teño o doloroso deber de informar que, no Tesouro Real, só hai vinte pesos e dúas pesetas con sete céntimos e medio. Os carniceiros xa non nos fían máis.
BULULÚ: Arránxate como poidas que pra iso es o Ministro da Facenda.
MINISTRO DA FACENDA: Favor que me fai a Vosa Maxestade. Mais de onde non hai non se pode sacar.
GRAN MARISCAL: Iso dos carniceiros non ten importancia. Declararémoslle a guerra ós carniceiros coa licenza da Vosa Maxestade.
BULULÚ: Xa cavilaremos niso. (Ó Gran Mariscal) Quédache concedida a Medalla das Grandes e Súpetas Iniciativas! (Ó Gran Canciller) Gran Canciller, toma nota desta condecoración que veño de conceder ó Gran Mariscal Maior do Reino de Bululú e que saia mañá publicada no Xornal Real, con letras ben grandes e en recadro ben floreado e repinicado.
GRAN CANCILLER: Tomo nota, Maxestade.
GRAN MARISCAL: Grazas, Maxestade! Non sei como agradecer...!
BULULÚ: Non hai de que. A mandar! (Ó Médico Real) Tómame o pulso!
MÉDICO REAL:(Tomándolle o pulso) Está baixo, Maxestade, cousa que non comprendo comendo tanto porco e coas grandes enviadas de viño que, con licenza e dispensando, baixa a Súa Real Persoa. Hai que purgalo pra equilibrar os humores.
GRAN CANCILLER: Preocúpanos a saúde da Vosa Real Persoa máis que a nosa propia. A Súa Maxestade é pra nós, e pra todos os súbditos deste reino, mellor que un pai. (Dirixíndose ós outros que están en escena) Verdad, vosoutros?
TODOS A CORO: Certo, certo...!
MÉDICO REAL: Cálmese, Maxestade, que acelera os humores!
BULULÚ: Que tanto maxestade nin que piñeta! Liscade todos menos o Médico Real!

Bululú baixa do trono e comeza a repartir cachiporrazos a eito. Os cachiporrazos farán bruído grandísimo.

GRAN CANCILLER: Moi honrado, Maxestade!
MINISTRO DA FACENDA: Grazas, Maxestade!
GRAN MARISCAL: Que grande, que forzudo e que valentía ten a Vosa Maxestade!
Médico Real: Ese exercicio élle moi comenente a Vosa Maxestade!

Cada un dos personaxes foxeen distintas direccións, Bululú segue repartindo cachiporrazos a barullo e perseguindo neles. Cando teñan fuxido todos, Bululú saca un pano descomunal, de moitas cores e moi chamativo e ponse a limpar a suor.

BULULÚ: Este é o traballo de ser rei. Canso máis que un cavador que anda todo o día a voltas co eixado. Que imos facer! A esta xentiña hai que ensinala. Estas leccións de Filosofía Política fanlles moito ben. Un rei ten que estar en todo e sacrificarse polos seus súbditos.

Cuestionario sobre o texto:
1-Este é un texto teatral por que razón o sabemos? Argumenta a resposta usando as características formais do propio texto.
2- Trátase dunha farsa, como a qu elemos de Castelao, por que?
3-Resume a trama indicando onde sucede a acción, quen acompaña a Bululú e de que se encarga cada un? que oocorre ata que intervén o Médico Real e despois desta intervención?
4-Como definirías ao Rei Bululú?
5-Cal cres que é o conflito que Manuel María pon en escena e que quixo trasladar con esta obra?

Para saber máis sobre Manuel María antes de visitar a nosa exposición sobre o autor, imos ver este telexornal:




EXPOSICIÓN SECUNDARIA
"Eu son esta terra e esta auga"

CUESTIONARIO DA EXPOSICIÓN:
1. Que libros le Manuel María que atopaba na biblioteca do seu pai?
Panel Resposta:
2. Cita tres autores que coñeza en Lugo na súa mocidade.
Panel Resposta:
3. Cita tres autores que coñeza en Compostela na súa mocidade.
Panel Resposta:
4. Que dous grupos de persoas se reunían nos faladoiros antifranquistas?
Panel Resposta:
5. Cal é o seu primeiro libro? Que característica posúe esta obra?
Panel Resposta:
6. Cal é a súa primeira obra de teatro?
Panel Resposta:
7. De que tipo é a poesía inicial do autor? En que grupo se encadra?
Panel Resposta:
8. Que libro marca un cambio na súa poesía? Que pasa a retratar agora o poeta?
Panel Resposta:
9. Por que el e outros autores non podían publicar en Galicia as súas obras?
Panel Resposta:
10. Que funda en 1967? Para que?
Panel Resposta:
11. Para que abren Saleta e mais Manuel María a libraría Xistral?
Panel Resposta:
12. Cal é o seu poemario infantil de máis éxito?
Panel Resposta:
13. Que outro poemario centra o destinatario nos nenos da cidade? Que pretende?
Panel Resposta:
14. Cal era o principal propósito de Manuel María? Que fixo para conseguilo?
Panel Resposta:
15. Cita dúas obras de denuncia social.
Panel Resposta:
16. Indica catro temáticas presentes na obra poética de Manuel María.
Panel Resposta:
17. Segundo o autor, que dúas obrigas temos nós coa lingua?
Panel Resposta:
18. Cal é o xénero literario que máis o define como autor? Que outros xéneros cultivou?
Panel Resposta:
19. En que institución entra en 2003? A que lle dedica o seu discurso de ingreso?
Panel Resposta:
20. Despois de teres visitado a exposición, con que tres ideas definirías a figura de Manuel
María?
Panel Resposta:
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 06-05-2016 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
O MAIO DE MANUEL MARÍA


Fanse zocas pechadas e chinelas
en Loentia,Duarría e Formarán.
Non hai zocas xeitosas como elas:
ben lle caen ó pé e ben se tran!

Foron afumadas cun casqueiro.
Ó andar son ledas, cantareiras.
Aunque feitas de bido ou amieiro
son, como o vento, de lixeiras!

A gracia da abidueira
atopou o seu destino,
fíxose zoca chinela,
apreixa un pé femenino!

Fíxose zoca chinela
a abidueira lanzal.
Agora sobor da acera
canta con voz musical!

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos merlos de xunto ó río.


Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira
e vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!

Procuramos os recursos literarios neste poema para poder ir coñecendo o estilo da poesía de Manuel María.





O CARRO

Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!


Manuel María, Terra Chá, 1954

Manuel María, 2001, Obra poética completa I (1950-1979), A Coruña: Espiral Maior



Imos camiñando cara a Terra Chá de Manuel María
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 03-05-2016 06:34
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA LECTURA DUNHA OBRA DE TEATRO
Imos ler Os vellos non deben namorarse de A.D.R. Castelao.



O próximo día 27 de marzo é o Día Internacional do Teatro. Nós imos festexalo coa lectura desta obra. O prazo para rematar de ler esta obriña será o do martes 4 de abril no que imos realizar unha proba de lectura.

Prepararemos, en primeiro lugar, unha biografía de Castelao, que despois de Rosalía, é un dos autores galegos máis coñecidos.

Logo podemos reflexionar sobre esta creación artística deste rianxeiro universal.

Para esta obra Castelao compuxo un tema que foi musicado e hoxe xa ten vida propia na boca de distintos grupos e artistas:



Están as nubes chorando
Por un amor que morreu
Están as rúas molladas
De tanto como choveu.

Lela, Lela
Leliña por quen eu morro
Quero mirarme
Nas meninas dos teus ollos
Non me deixes
E ten compasión de min
Sen ti non podo
Sen ti non podo vivir

Dame alento das tuas palabras
Dame celme do teu corazón
Dame lume das tuas miradas
Dame vida co teu doce amor.






Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 17-03-2016 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
Non se me ocorre
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 11-03-2016 07:14
# Ligazón permanente a este artigo
Que sabemos de Rosalía?





Realiza con todos estes datos a túa propia biografía da autora.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 25-02-2016 06:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal