narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

De cara a Proba de setembro

LECTURAS:
Sobre as lecturas establecemos dous tipos. Para aqueles alumnos/as que non realizaron as lecturas obrigatorias durante o curso deben realizar un traballo (como se especifica na información sobre a materia que se lles entregou coas notas). A lectura obrigatoria para estes alumnos é: Memorias dun neno labrego, de X. Neira Vilas.

As lecturas recomendadas son unha especie de traballo complementario que os alumnos/as aos que se lles indica(na información sobre a materia que se lles entregou en xuño coas notas) poden realizar coa intención de sumar á calificación da avaliación extraordinaria de setembro. A listaxe de libros é:
-Cando petan na porta pola noite, Xavier P. Docampo, Editorial Xerais.
-Os vellos non deben namorarse de A.D. R. Castelao, Editorial Galaxia.

Sobre calquera destas lecturas o traballo debe incluír un resumo por capítulo ou escenas e un vocabulario do capítulo ou escena na procura das palabras que non coñezamos.

Na proba de setembro incluiremos unha pregunta sobre a lectura.

MODELOS DE PROBAS:
Colocamos a continuación modelos de probas realizadas durante o curso semellantes á que tera lugar en setembro:

1ª Avaliación:

1.LÉXICO: DO ROSTRO.
2-Escribe o sinónimo de : alegría, tristeza, abraio, noxo, receo, medo, enfado, tedio

3-GRAMÁTICA: Separa os prefixos e lexemas nestas palabras e explica o seu significado: Monolingüe, contradicir, prehistoria, semifinal, posguerra, polideportivo.
4- Tipos de substantivos e un exemplo de cada.

5- VERBOS: Conxuga os tempos presente e perfecto de indicativo do verbo ANDAR/ OBEDECER

6- LINGUA E SOCIEDADE: Que son as linguas románicas? Enuncia 6 destas linguas. Que é a lingua indoeuropea?. Que consecuencias tivo o Franquismo para a nosa lingua?

7-ORTOGRAFÍA: Ponlle tiles ao seguinte texto: ( texto 1: A afogada e unha rapaza fermosisima, esvelta e palida, loura e de longos cabelos, enguedellados en algas. Adoita aparecer entre a escuma do mar dos dias de mareira ou trebon andando sobre o mar ou asomando a cabeza entre as furnas. Non e unha serea, ten figura humana, comunica desgrazas e cando se ve, vai ocorrer un naufraxio; e, pois, agoiro de morte. E muda, non fala e emite chíos semellantes aos das gaivotas. Explica neste texto os distintos elementos narrativos.

8-LITERATURA: DEFINE os xéneros literarios tanto na forma como polo seu contido. Tipos de narradores.

9-Identifica se os textos son literarios ou non e a que xénero pertencen. Explica a medida e a rima dun texto poético.

10 – COMUNICACIÓN/ EXPRESIÓN: Redacta unha descrición persoal dun amigo/a imaxinario. As primeiras 5 liñas fagas unha prosopografía, logo nun segundo parágrafo unha etopea e un parágrafo final transformando este retrato nunha caricatura.

2ª Avaliación:

1-Ponlle nome aos números das imaxes.
2-GRAMÁTICA: Conxuga os tempos de indicativo e subxuntivo (escribe o nome do tempo e a primeira persoa) do verbos: ANDAR / VARRER.
3-Adxectivos:Escribe o feminino e o plural masc. e fem. De:
catalán,
comellón,
campión,
italiano,
tecelán,
cru,
paspán,
alemán,
cidadán
fértil
fiel
azul
cristián
folgazán
humano

4-Grao do adxectivo: Escribe un adxectivo en grao positivo, comparativo e superlativo. Logo constrúe as seguintes oracións : É mellor_____ vós / Es tan alto _____ ti / Era menor _______ parecía/ Fora tan divertido _______ curto.

5-Acento diacrítico. ESCRIBIMOS BEN: Ponlle til ás palabras que o precisen:
a) Compre que maña chamedes a Anton por se quere sair connosco. Se cadra logo ven a xogar as bolas.
b) Dixeronme que fora a casa de Ramon e que agardase fora ata que chegase el. O panadeiro debia traer unha bola de pan.
c) Alguen esta agardando a sua resposta. Logo ves e ves que tipo de pregunta e esta.
d) Cando fomos de excursion, vimos un esquio nunha arbore que habia preto do muiño. Logo vin un oso pardo.
f) A viuva sabia mais do que dicia, pero as veces compre non ter tanta presa. Ela e moi apurada, mais onte non.

6.PRONOMES: Pon un exemplo dos distintos tipos de: Está ben escritas as seguintes oracións. Corríxeas:
Meu pai era mariñeiro, seu amigo non e noso barco estaba pintado de azul.
Escribe unha oración empregando: “Cadanseu/cadansúa” e “de meu, de teu,... de noso...”.

7-ESCRIBE: Tres palabras derivadas, tres compostas, tres parasintéticas e unha simple.
8-LITERATURA: Lírica. Define o xénero e indica as súas principais características iindicando cal das seguintes adoitan presentar: musicalidade/ falta de ritmo, obxectividade/subxectividade, estética/ antiestética, connotación/ denotación, persoal/impersoal, linguaxe habitual/ linguaxe elaborada, sensible/ insensible, verso/ prosa.

9-PLAN LECTOR: Comprensión e expresión: Memorias dun neno labrego de....................................
Que tipo de narrador presenta?
Cita cinco personaxes da novela e describe brevemente como son ou que relación teñen co protagonista.
Explica por que este libro é unha novela e non un conto.

10-EXPRESIÓN: Resume o argumento do libro MEMORIAS DUN NENO LABREGO (unhas 10-15 Liñas)

3ª Avaliación:

1- LÉXICO:Ponlle o nome aos machos, femias e crías dos animais da ilustración. Que é un campo semántico? Pon dous exemplos.
2- GRAMÁTICA.Colocación dos pronomes átonos.
3- Conxuga unha das formas de cada tempo de Indicativo e de Subxuntivo do verbo irregular SER.
4- Conxuga o Infinitivo de SER e de NADAR.
5- Coloca te ou che e comproba pasando a pasiva unha das oracións seguintes.
Cantos cartos ______ deron______?
Non ______ vin_______ no cine.
Xa sabía eu que ______ atoparía______ alí
____pintou______ o cadro que lle pediches?
______sacou______ moi ben nesa fotografía.
_____contarei______ o segredo se o mantés secreto.
_____dixen______ que o mantiveses en segredo. Agardei_____ toda a tarde para dar______ o regalo.


PASIVA:


6- Substitúe o OD e OI con pronomes átonos tipo llo(s), lla(s)/ llelo(s), llela(s): mercou un libro a Xan/ mercoullo
Rubén colocou o roncón á gaita. OD:o OI:lle

Pon sal aos pementos de Padrón

A doutora recomendou ao meu curmán unha dieta moi xeitosa

Aínda non empezaron as obras ao Gumersindo na ribeira

Na rapa das bestas collen o rabo aos cabalos


7- LITERATURA: características dos subxéneros líricos populares e cultos:

8- EXPRESIÓN CREATIVA: Explica que é un lobishome. Debes introducir palabras elementos como fada, envorcallar, sétimo, lobo da xente, peeira dos lobos, pelica, ouvear, sangrar...
9- PLAN LECTOR: Vida e obra de A.D.R.Castelao
10- Resume o argumento dos tres lances e o epílogo da obra: Os vellos non deben namorarse.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2016 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Rematando o curso, esta proba será a derradeira?
Nesta proba imos seguir traballando con pronomes e verbos irregulares e a oración da proba anterior, como na anterior e ademais entrará o autor das Letras Galegas do 2016.

LÉXICO: Oficios e profesións(unidade 10) e deportes(9). Dos mesmos temas a sinonimia e antonimia.

GRAMÁTICA:
Colocación de pronomes.
Verbos Irregulares.IR, OIR, PODER, POÑER, QUERER, SABER, TER, VER, VIR (no anexo do libro páxinas 277-280)
Adverbios, preposicións e conxuncións páx.238-239 ( na unidade 11 do libro)
Sintaxe elemental da oración simple: Suxeito, Predicado e complementos (activa e pasiva) páx.258-259(Unidade 12).

SOCIOLINGÜÍSTICA: Prexuízos lingüísticos e usos das linguas en Galicia.

ESCRIBIR BEN: Exercicios con B e con V (unidade 9 e 10 do libro).

LITERATURA: MANUEL MARÍA. Letras Galegas 2016.Vida e obra en base ao cuestionario da expossición que fixemos na aula.

Textos: Poemas de Manuel María procurando os recursos literarios (repasalos nas páxinas 242, 243 e 262-263 da unidades 11 e 12) intención do autor e temática).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2016 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
preparando a proba do 3º avance da

Nesta proba do 3º avance ademais do traballado no libro de texto Unidade 8 estamos traballando o seguinte:

LITERATURA:
- Tradición Oral: Os lobishomes ou o lobo da xente (resumos da aula).

PLAN LECTOR: No exame haberá que redactar unha pequena biografía sobre Castelao na que se inclúan as súas obras e as facetas máis importantes da súa vida como debuxante, narrador, ensaista, dramaturgo e político.

No exame faremos unha pregunta sobre a lectura "Os vellos non deben namorarse".

-GRAMÁTICA. A estrutura do verbo podes consultala no libro (Unidade 9 páxinas 198-199)

-Verbos irregulares:DAR/ DICIR, ESTAR, FACER, HABER, IR, SER, VER

- Colocación dos pronomes átonos (podes consultar no libro páxinas 170-171 e tamén os seguintes enlaces:

Os pronomes átonos colócanse normalmente despois do verbo e unidos a el: (dígocho), pero hai ocasións en que se debe colocar o pronome antes do verbo.

CASOS EN QUE O PRONOME ÁTONO VAI ANTES DO VERBO:

1- Cando vai nunha oración negativa ou desiderativa:
( non te quero, oxalá cho dixesen hoxe!)

2- Cando vai nunha subordinada: (dixo que te amaba).

3- Cando vai nunha interrogativa parcial cun pronome interrogativo ou tras un exclamativo:
Quen che preguntou iso?
Como me alegro da túa boa nota!

4-Cando a oración comeza por algúns indefinidos (algo, alguén, todos...) e adverbios só, case, tamén, xa, sempre, aínda, seica, ben, mal...): (alguén mo dixo, seica me falara). Cousa que non ocorre con adverbios como os de tempo e lugar: Mañá achégome alí.

- colocación dos pronomes/ exercicios de colocación de pronomes.

- te ou che/ exercicios con te ou che.

- llo(s),lla(s),llelo(s),llela(s)/ exercicios.


SINTAXE DA ORACIÓN SIMPLE

Da oración en activa á oración en pasiva (ver ilustración)


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2016 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
Día da muller en galego
En Follas novas atopase un dos máis logrados poemas de Rosalía sobre a muller do emigrante. Vemos un retrato desta muller forte que realiza soa as máis duras tarefas: sementa o campo, recolle leña no monte, leva a herba e a augua... A rudeza dos traballos contrasta coa tenrura e delicadeza que reflicten as súas palabras:


Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
él non ha de virme a erguer,
él xa non me pousará.
¡Qué tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdéuse,
ninguén sabe en ónde vai...
Anduriña que pasache
con él as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime en ónde está.



(F. N. 287)



O final lembra, como o poema citado anteriormente, as cantigas de amigo medievais, pero ao carácter intensamente lírico destas engádense notas de realismo que asocian o poema a unha estrutura social moi determinada, as xentes humildes. Os traballos enumerados no poema só en Galicia son realizados por mulleres, e non só en ausencia dos homes, senón na súa compaña. Fixémonos en que ela di que, aínda que morra baixo o peso da carga, el non ha de vir a axudala a erguer e a pousar. En Galicia, as mujeres labregas transportan, apoiándoos nos ombreiros ou sobre a cabeza, grandes pesos (feixes de herba, cestas e cántaros...) que outra persoa ten que axudarlles a subir e baixar.

A carón das notas realistas achamos no poema unha intensa vivencia da soidade -obsérvese a reiteración expresiva da palabra soia-, sentimento que, posiblemente, está moi presente na propia Rosalía, pero que é tamén unha característica galaica (a saudade é un trazo típico da nosa literatura). E, informando, envolvendo ao poema en unha atmosfera especial, sitúase como esencial a tenrura; tenrura disimulada baixo a dureza dos primeiros versos, que pintan a unha muller solitaria entregada a rudas tarefas, e que se manifesta por primeira vez nesa reiteración expresiva da palabra el: «él non ha de virme a erguer, él xa non me pousará», e nese adverbio xa, evocador de tempos pasados. A partir de ese momento, a afectividade maniféstase na proliferación de posesivos e diminutivos: «Ferve o pote, mais, meu caldo, soíña te hei de cear», «o meu homiño perdéuse»; perfectos exemplos estes do carácter afectivo e non cuantitativo dos diminutivos en galego.

As evocacións ao mundo natural poñen de relevo a súa sensibilidade a través da natureza que a rodea: vento, grilo, rulas e anduriña son outro elemento destacable funcionando como símbolos do paso do tempo en soidade, do amor e da saudade que sinte.




Polo seu realismo, a súa saudade e a súa tenrura, o poema constitúe un fermoso canto á personalidade da labrega galega no que se evidencia tamén ese pensamento protofeminista que Rosalía representa ao poñer a súa atención o seu centro de interese sobre a muller e as súas condicións de vida. A sá soidade asociada a súa fortaleza e capacidade de valerse por si mesma en situacións duras.

E como remate unha creación dos noso tempos:

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2016 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
No día Internacional da violencia de xénero
Nesta pequena reportaxe sabemos cal foi a orixe desta celebración.



E dende Galicia hoxe máis de cincuenta anos despois a conciencia da igualdade entre homes e mulleres tamén se celebra:



Esta é a nosa humilde versión do fermosísimo vídeo de Guadi Galego: matriarcas sn

Cuestións:
1. Redacta un breve texto no que indiques como naceu e por que celebramos o día 25 de novembro o Día internacional contra a violencia de xénero.

2. Logo de facer unha reflexión na aula sobre a importancia de ser persoas non violentas procura no dicionario o significado das palabras machismo e feminismo.

3.Despois de copiar na libreta ámboslos dous significados, tendo en conta que estamos nun centro cristiano, reflexiona sobre cal dos dous movementos e formas de comportase resulta más violento na sociedade. Anota tamén as túas conclusións.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2015 06:50
# Ligazón permanente a este artigo
O Día do Corpus e a Coca de Redondela.

Podemos asomarmos na FESTA do CORPUS CHRISTI e ao seu dragón ou Coca de Redondela:
A aparición de elementos representativos do Mal ( xigantes e dragóns) fronte ao Ben que está simbolizado polo Corpus Christi que sae en procesión polas rúas tal día como hoxe.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2015 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
Semana contra a Violencia de xénero


Hai distintos documentais que analizan estas situacións con testemuñas moi duras.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-11-2014 07:05
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal