narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AVELAIONAS e AVELAIÑAS
O paxaro da morte é un dos moitos avisos ou agoiros que anuncia a morte das persoas, ben cantando ou ululando perto das casas dos que van morrer.

Como é invisible a xente considera a unha multitude de aves seren o verdadeiro paxaro da morte: a pega, o corvo, a curuxa, o moucho, o voitre. Hai quen lle chama cabra do aire, porque os seus cantos semellan os meos da cabra, outros prefiren o nome de avelaiona, porque se laia estarrecedoramente.

Contan que quen a escoita moitas veces xa na súa vida pode chegar a dicir:
?Dende a miña casa, cando a escoito pola noite, dependendo a dirección que vaian os cantos sei en que zona da aldea vai morrer alguén, e se na mesma noite canta en máis dunha dirección, e que vai haber varios defuntos. Polo normal os seus cánticos son vellos, pero tamén hai veces que os seus cánticos son dunha ave nova, polo que entón o que vai morrer vai ser unha persoa nova.?

- Se avelaiona laia, prepara a mortalla!

En Marín como en moitos outros lugares de Galicia, é sabido que as avelaiñas ou bolboretas da noite pode ser portadoras tamén de malas novas, especialmente se son escuras, se pola contra son claras as novas que debes esperar serán sempre boas.

CUESTIÓN.
1-Resume coas túas palabras este texto.

2-Podes preguntar na casa se escoitaron falar algunha vez do paxaro da morte ou das avelaiñas portadoras de novas.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 08-11-2016 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
DEFUNTOS NO MORRAZO

Levamos anos preguntando ás familias sobre os costumes que no Morrazo son habituais en datas tan sinaladas como o Día de Defuntos. Nestas últimas décadas vimos como festexos invasivos van gañando terreo e, a pesar do intento de reconducir aquela vella tradición de colocar nestas noites de Santos e Defuntos os calacús tallados e con candeas nas encrucilladas para meter medo, un costume que facían de mozos os nosos avós e avoas, os máis novos pensan que iso do Samaín semella ser unha celebración para disfrazarse. Moitos son os que se sorprenden ao preguntar sobre os verdadeiros costumes familiares e atoparse que os nosos avós e avoas, tras acudir o día 1 de novembro aos cemiterios (antes pasaban alí todo o día para estar cos familiares mortos) tamén nas casas segue viva a tradición de accender unha candea na memoria dos mortos. Sorpréndense ademais de que en moitas casas se faga unha cea moi especial. Céase bacallau, como se fose o día de Nadal (outra data especial) e as castañas cocidas ou asadas tampouco faltan. Hai familias que deixan un lugar na mesa, con prato e todo, para os xa falecidos e noutras non se recollen as sobras á espera de que os defuntos veñan a cear. Preguntar por que se repiten en tantas casas, ano tras ano, este ritual é comezar a entender o denominado culto aos mortos propio dun país como Galicia que é coñecido dende a Antigüidade como país dos mortos.

CUESTIÓN:
1- OPINA: Cres que pode ter relación esta idea da presenza nas nosas casas dos defuntos, e que segue viva nas familias da contorna, coa remota e antiga crenza céltica do Samaín que se narra no seguinte texto?

"Samaín, palabra gaélica, que significa fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas".

Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña."
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 06-11-2016 22:38
# Ligazón permanente a este artigo
MORTE BRANCA, MORTE MOURA

Hai que ser cego para non ver que en Galicia a morte ten características de auténtico deus. É unha divindade temida, pero tremendamente xusta, que fai a todos por igual, non ten dúas varas de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra moura.

A Morte avisa sempre da súa chegada, esa é a Morte Branca, que se presenta para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. Logo virá a Morte Moura, esta xa vestida de negro, para levarse deste mundo aos avisados.

Nunha ocasión a Morte Branca, e como excepción, disque tivo compaixón. Tratábase dun home novo, san, cos fillos sen criar aos que había que manter. Prometeulle volver e avisalo convenientemente. O home chegou a vello. Un día, entre o lusco e fusco, chegou a Morte, petou na porta e ordenoulle:

- Vamos!
- Como? Non quedaches en darme os avisos?
- Xa chos din.
- Non tal.
- Caéronche o pelo e os dentes?
- Caeron.
- Perdiches a vista?
- Perdín.
- Haiche que berrar para que oias?
- Hai.
- Andas engoumado e cos pés a rastro?
- Ando.
- E logo, que máis avisos querías?

A Morte Moura irmá da Morte Branca, nunca fai a viaxe en balde, aínda que se trate de enganala, é inexorable.

Cóntase dun pai moi pobre que se botou aos camiños en busca dun padriño para un fillo acabado de nacer. Ofrecéronselle o Demo e mais Deus, pero non os aceptou por inxustos, por tratar distinto a uns doutros. Despois ofrecéuselle a Morte e aceptouna porque non fai distingos. A Morte prometeulle facer ao afillado rico.

- Será médico sen necesidade de estudos. Se me ve a min á cabeceira dun doente, dirá que non ten remedio; se me ve aos pés da cama, que receite o que se lle ocorra, que non hai perigo.

O afillado medrou, fíxose médico sen estudos e fartouse de gañar cartos. Pero nunha ocasión o doente era rico, moi rico, poderoso, influente, e ofreceu montes e moreas se o salvaban. O padriño, a Morte, axexaba á cabeceira da cama e o afillado devecía polo capital prometido.
A Morte contaba os segundos. O afillado tivo un alustre e ordenou:

- Sacalo da cama! Agora, deitádeo cos pés para a cabeceira!

Así o fixeron. O doente librou, pero o afillado non se lembrara de que a Morte nunca fai as viaxes en balde e alí mesmo, de pé como estaba, morreu.

CUESTIÓNS
Despois da lectura fai un resumo coas túas palabras destas narracións tradicionais, pero antes debes consultar e apuntar tamén aquelas palabras que non coñezas como, por exemplo: inexorable, alustre...ou expresións como "ter dúas varas de medir" " ofrecer montes e moreas"
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 03-11-2016 06:34
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA país dos Mortos... no mes de Santos ou Defuntos


Resumimos o contido do vídeo.

GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

TEMPO DE SANTOS OU DEFUNTOS

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 01-11-2016 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0