narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ENCONTRO COA AUTORA LEDICIA COSTAS
O próximo xoves imos poder falar coa autora do libro Mortos de Ningures. Aínda que se trata dun libro colectivonós falaremos cunha autora experimentada da literatura galega actual. Trátase de Ledicia Costas da que nos interesa coñecer a súa traxectoria, que outro slibros escribiu e as súas inquedanzas como autora. Para isto último podemos botar man do seu blog: son da brea muiñeira.

Pola nosa conta estamos preparando unha visita imaxinaria aos escenarios da súa novela: Ningures, Todures e Algures.

Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 05-02-2013 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS PREMIO SARMIENTO 2013
Este curso, como en cursos pasados fixemos, imos participar na categoría 4ª que corresponde a lectores 1º e 2º da ESO para votar sobre cal destes dous textos nos gustou máis:

MORTOS DE NINGURES de Leticia Costas e Tobaruela Pere

FANTASMAS DE LUZ, de Agustín Fernández Paz

Imos realizar estas lecturas unha antes de Nadal e a outra despois de Nadal, polo que un dos libros podemos pedirllo aos Reis Magos, o outro debemos xa mercalo neste mes de novembro, coa idea de que en decembro estea lido. Imos comezar polo primeiro desta lista. " Mortos de ningures" de Leticia Costas e Tobaruela Pere editado pola editorial Everest.



E para ir sabendo onde estamos:Lendas vivas
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 31-10-2012 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
A LECTURA PARA ABRIL EN GALEGO
Xa estamos lendo, algúns mesmo xa están rematando de ler, o terceiro dos libros que na nosa categoría están nominados para o PREMIO "MARTÍN SARMIENTO" que organizan cada curso as Escolas católicas de Galicia a través dos seus Equipos de Normalización Lingüística. Esta terceira lectura leva por título:
Suso Espada "nota roja", de Francisco Fernandez Naval. O libro está editado pola editorial Everest (Galicia) e presenta unha trama detectivesca.

Por outro lado, na páxina oficial de DRAGAL, a primeira lectura do curso podedes atopar información sobre un concurso no que, se queredes, podedes participar relacionado coa inminente aparición no mercado da terceira entrega desta serie. Botádelle unha ollada!.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-04-2012 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
A segunda lectura do Premio Sarmiento 2012


VIOLETA TAMURANA de Andrea Maceiras
As fermosas tamura, capaces de provocar bágoas coa súa beleza, son unhas flores únicas que só medran no corazón volcánico da illa de Tamurana, a máis especial das que forman o Arquipélago Perdido. A pesar da vida harmoniosa que durante séculos levaron os habitantes do arquipélago, unha maldición pesa sobre as súas vidas e tamén, sobre a das illas: a súa cor violeta. Por iso, cando uns intrusos de vestienta branca comezan a devastar Tamuranam Pao sabe que, se quere salvala, debe arriscar a súa vida para chegar máis lonxe do que nunca imaxinou.
Na súa procura de respostas, Pao tentará descubrir o segredo máis prohibido, capaz de enfrontar dous mundos, mais tamén comprenderá o valor do coñecemento e o significado da unión e da amizade, gañando o dereito de se atrever a ser diferente e recobrando, finalmente, a maxia da cor violeta.

Esta fantástica aventura é a segunda lectura que realizamos para participar no Premio Martín Sarmiento do presente curso. Un Premio que determinan os propios lectores tras ler en todos os centros de Galicia inscritos nesta convocatoria os tres títulos propostos. Tras das vacacións de Semana Santa abordaremos o traballo da terceira das lecturas.

Unha marabillosa experiencia iniciática e revolucionaria onde a verdade, a solidariedade e o respecto á natureza dos seus protagonistas cobran especial importancia para entender a vida de todos por riba da cor e mesmo das linguas que falen. Pao, Pel, Alen ou o Aleuto son heroes que se atreveron a saber a verdade e foron valentes e ousados ata atopar unha resposta a pesar do esforzo dos Luminosos e dos seus dirixentes por intoxicar a información sobre a realidade do Continente e os colonos.
Comentarios (1) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-03-2012 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
OS POBOS MÁIS ANTIGOS DE GALICIA, Tribos de SAEFES
Le atentamente este texto en latín e a súa tradución:

Ophiussa... primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.


"Ofiusa... foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."

Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.


"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves".
Ora Maritima, Avieno

Avieno neste texto do século IV d.C. conta que os habitantes máis antigos de Galicia chamados Oestrimnios foron atacados o pobo dos Saefes (serpes ou dragóns) que algúns historiadores identifican coas tribos celtas que conforman a Cultura dos Castros. Poucos vestixios deixaron debido a posterior Romanización que trouxo outros costumes, crenzas e formas de vivir e organizarense a sociedade. Pero nas lendas como a do Santo Hadrián atopamos a un dos primeiros santos nestas terras acabando coas serpes das Illas Sisargas.

Non esquezamos que Ofiusa é o nome que recibe este territorio e que significa "pobo de serpes", os ofidios son a especie destes réptis, "ofis" é a palabra grega da que provén este nome.

Tamén os arqueólogos e especialistas na Cultura Castrexa chaman a nosa atención sobre a aparición de serpes esculpidas en pedra en distintos castros como o de Troña (Ponteareas) acompañados de lendas que se conservaron por tradición oral. Na ilustración a famosa Pedra da Serpe de Gondomil (Ponteceso), unha das máis coñecidas representacións de serpes-dragóns de orixe incerta e que posteriormente foi cristianizado como pode apreciarse pola cruz.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-01-2012 06:45
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre a lectura de Dragal
A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro co autor e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo. (A fotomontaxe que vedes aquí é unha proposta para o 1º capítulo)Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.
Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte do centro do ensino o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora que estivera preocupada polo rapaz que veu trasladado despois da morte do seu pai dille ao final da clase anímao a que siga así apa atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes ( Hadrián ou Ermidas).

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe( se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón… secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas a profesora de matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): (Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado (canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo e que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza , se é que se usa calquera dos outros dous).

No 1º capítulo Dragal domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas aos alumnos os exames e unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 17-12-2011 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS 2010-2011
Este ano participaremos os alumnos/as de 1ºda ESO no Premio Frei Martín Sarmiento convocado polos EDLG da FEREGA que consiste en ler unha serie de libros e logo puntuar como xurado o que máis nos gustou.

Os títulos son os que seguen:

4ª categoría:alumnos/as de 1º de ESO

CAMPO, MARICA; E Xoel aprendeu a voar; Ed.
Obradoiro.
Xoel é un neno abúlico, que leva unha vida pasiva e sedentaria. Prefire mil veces estar diante do ordenador ca ir xogar cos amigos. Seus pais prevén a posibilidade de mandalo a un ximnasio, mais a Xoel parécelle innecesaria toda actividade que requira un mínimo esforzo. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra.

CASTRO FRANCISCO; Chamádeme Simbad; Ed. Galaxia.
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro.As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

LEMA, RAFAEL; O tesouro da corsaria; Ed. Tambre
“O tesouro da corsaria” é a parte final dunha triloxía de aventuras mariñas protagonizadas polo corsario de Camariñas da época napoleónica Ambrosio Álvarez Pardiñas, persoeiro real dono do bergantín La Constancia de Galicia con base en Veracruz, tras a publicación de Capitán Araña e Crónicas Corsarias. Nesta ocasión, o capitán Pardiñas xúntase cunha muller pirata apátrida, de orixe galego-catalán, Sofía Rivas alias A Catalana, para iren polo tesouro dunha famosa pirata, Anne Bonney, nas costas de Norteamérica. Nesta xeira sufrirán batallas mariñas, asaltos, naufraxios, ciclóns, a traición, e veranse envoltos en escuras tramas políticas e relixiosas nun mundo envolto nas guerras napoleónicas no ano 1805, o ano de Trafalgar e da batalla de Fisterra, e no agromar dos movementos independentistas americanos.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 08-11-2010 06:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal