narciblog



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

1º DA ESO DO SAN NARCISO CON ELENA GALLEGO

Hoxe tivemos os alumnos/as de 1º da ESO o Encontro da Biblioteca coa autora Elena Gallego Abad. Explicounos inicialmente as razóns que a levaron a escribir o libro, a documentación básica coa que comezou unha historia que logo se foi desenvolvendo e que hoxe xa está a piques de presentar o cuarto volume (espera saír no próximo mes de abril). Tamén verá a luz neste ano o cómic do DRAGRAL.

Os alumnos/as de 1º da ESO despois de preguntarlle dúbidas e incertidumes tras da lectura , tamén de comunicarlle a súa experiecia tras ler o primeiro dos libros entregoulle unha serie de traballos en grupo realizados nestes días na procura das orixes do dragón galego.

Se queredes ver unha reportaxe gráfica máis completa das fotos podedes consultar o enlace da Biblioteca de Secundaria.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-03-2015 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
ENCONTRO COA AUTORA DO DRAGAL

Despois de ler en Nadal o libro de Dragal I A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad. Hoxe 18 de marzo teremos un Encontro coa autora organizado pola Bilioteca de Secundaria San Narciso e o Departamento de Galego coa intención de que os alumnos/as de 1º da ESO teñan unha experiencia lectora completa ao compartir as dúbidas, emocións e sentimentos que a lectura deste libro provocou coa súa escritora, ademais de escoitar da súa propia voz as vicisitudes da creación literaria e o seu complexo proceso.
Ao se tratar dun libro e dunha saga que está gozando dunha calorosa acollida, que conta xa con traducións a diversas linguas, esoutra faceta do mundo editorial tamén enriquecerá o coñecemento dos alumnos/as sobre o mundo do libro e contribuirá a que sigan lendo máis e medrando en cultura.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-03-2015 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
BANDEIRAS E ESCUDOS CON DRAGÓNS

A antiga bandeira do primeiro reino medieval de Europa, que foi Gallaecia, é dicir, un reino que os romanos venderon aos Suevos (que ocupaba ademais da actual Galicia, o Norte de Portugal e unha boa parte de Asturias e León) tiña unha bandeira que como consta nun documento do 1669 tiña un dragón e un león enfrontados. Aínda hoxe no escudo da cidade portuguesa de Coimbra podemos ver aquel vello dragón.

Ademais desta proba evidente da presenza do dragón galego na nosa Terra de vello, hai unha boa chea de escudos da nobreza galega que incorporan un dragón na heráldica particular.

Na fotografía que acompaña esta entrada vemos este da casa Balboa en Vilafranca do Bierzo, e non é o único que podemos apreciar, tamén aparece un dragón de distinta maneira en escudos de diversas familias.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 16-03-2015 05:52
# Ligazón permanente a este artigo
A RAÍÑA LUPA NA...

A Raiña Lupa pasa por ser a moura máis coñecida e misteriosa da nosa mitoloxía.
Trátase dun mito precristiá que logo se foi cristianizando ata aparecer integrado nas lendas da chegada do corpo de Santiago Apóstolo. Vaiamos logo na procura do noso dragón, as fontes de inspiración da novela de Dragal.

Le atentamente este texto en latín e a súa tradución:

Ophiussa... primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.


"Ofiusa... foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."

Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.


"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves".
Ora Maritima, Avieno

Avieno neste texto do século IV d.C. conta que os habitantes máis antigos de Galicia chamados Oestrimnios foron atacados o pobo dos Saefes (serpes ou dragóns) que algúns historiadores identifican coas tribos celtas que conforman a Cultura dos Castros. Poucos vestixios deixaron debido a posterior Romanización que trouxo outros costumes, crenzas e formas de vivir e organizarense a sociedade. Pero nas lendas como a do Santo Hadrián atopamos a un dos primeiros santos nestas terras acabando coas serpes das Illas Sisargas.

Non esquezamos que Ofiusa é o nome que recibe este territorio e que significa "pobo de serpes", os ofidios son a especie destes réptis, "ofis" é a palabra grega da que provén este nome.



Tamén os arqueólogos e especialistas na Cultura Castrexa chaman a nosa atención sobre a aparición de serpes esculpidas en pedra en distintos castros como o de Troña (Ponteareas) acompañados de lendas que se conservaron por tradición oral. Na ilustración a famosa Pedra da Serpe de Gondomil (Ponteceso), unha das máis coñecidas representacións de serpes-dragóns de orixe incerta e que posteriormente foi cristianizado como pode apreciarse pola cruz.




Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 12-03-2015 06:28
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURA PARA NADAL DO LIBRO DE DRAGAL
A LECTURA DE A Herdanza do dragón:DRAGAL (I) de Elena Gallego Abad, editado en Xerais.



Trátase dunha triloxía que imos comezar a ler polo principio. O primeiro dos libros titúlase a herdanza do dragón escribiuno Elena Gallego Abad.




Na aula imos ler xa o primeiro dos capítulos.


Propoñémonos facer desta lectura un pracer e ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.

Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que, sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte ao centro do ensino, o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora, que estivera preocupada polo rapaz tras o seu trasladado doutro centro despois da morte do seu pai, ao final da clase, anímao a que siga así ata atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes (Hadrián ou Ermidas).

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe (se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón… secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas, a profesora de Matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): (Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado (canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo ao que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de Matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso, que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal, comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza, se é que se usa calquera dos outros dous).
No 1º capítulo do libro domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas entrega aos alumnos os exames e prodúcese unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 01-12-2014 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
A descrición do Suso en Misterio resolto
MIRAR A TRAVÉS DOS OLLOS DO OUTRO.

A autora do texto, Concha Blanco, decidiu escoller unha voz para comunicar unha historia que titula: Misterio resolto.

Que tipo de voz narradora cres que escolleu?

Para sabelo temos que ler o texto, claro está, e deducir polo tempo verbal que utiliza se narra a historia dende dentro ou dende fóra da mesma.

Ben, despois de solucionar esta primeira intriga literaria propia de lectores interesados, imos cos personaxes. Tradicionalmente aparecen descritos nas primeiras páxinas dos textos. Ocorrerá así nesta novela?

A descrición é un modelo de contar, un modo de escribir pintando, debuxando. Trátase dunha parada da acción típica dunha narración. Os verbos pasan a ser verbos estáticos: ser, estar, parecer... tamén son moi frecuentes verbos como ter... están case sempre en tempo imperfecto: era, estaba, parecía,tiña... Outro elemento frecuente nas descricións son os adxectivos que expresan a calidade ou os estados dos obxectos ou persoas descritas. Por último, o elemento máis literario das descricións son as comparacións e as metáforas. A comparación nos seus distintos graos (tanto como, máis ou menos que) ou o simple "como" abren a porta á imaxinación. Se dicimos Era alto como un carballo imaxinamos de inmediato unha persoa forte e robusta asociados á comparación feita coa árbore, por exemplo.
logo vén a metáfora esa gran entrada da subxectividade no texto: "es longo, es todo un día sen pan!"

A descrición persoal pode ser física (prosopografía) ou de carácter (etopea). Se fala dun retrato cando combinamos ambas.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 09-01-2014 07:23
# Ligazón permanente a este artigo
TOCA LER
As lecturas que imos realizar na primeira parte do curso son, coma sempre, as que propoñen dende a Coordinadora dos EDLG das Escolas Católicas de Galicia, para o Premio Martín Sarmiento. Un premio que outorgan os lectores aos autores en función do seu criterio tras ler os libros propostos polos convocantes.

Este curso os libros para 1º da ESO son:

Misterio resolto, de Concha Blanco (Editorial Everest)e que propoñemos ter lido despois do Nadal, logo, podedes pedilo como agasallo ou se queredes podedes intentar conseguir un dos exemplares da Biblioteca de Secundaria que xa ten a túa disposición (lamentablemente non hai libros de préstamo para todos).

O segundo libro que será para o mes de Marzo titúlase O elefante branco, de Xesús Fraga (editorial Tambre).
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-12-2013 04:48
# Ligazón permanente a este artigo
IREMOS Á ENTREGA DOS PREMIOS SARMIENTO

Imos participar na entrega dos Premios Sarmiento dos Equipos de Normalización Lingüística da Ferega o próximo día 17 de abril no Pazo da Cultura en Pontevedra. Este é o programa:

10.30 Chegada
10.45 Faladoiros cos autores por categorías. Entrega do premio aos autores gañadores.
12.00 Descanso.
12.15 Representación teatral da obra de teatro: Que empece a función! Unha viaxe no tempo polo teatro galego.
13.30 Despedida


Imos pois saber cal destes dous libros que limos é o premiado:

COSTAS, LEDICIA E TOBARUELA, PERE; Mortos de ningures, Ed. Everest.

FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN; Fantasmas de luz; Ed. Xerais

Nós xa realizamos unha votación que resultou como segue:

4ª categoría (1º e 2º da ESO)

Mortos de Ningures: 44 votos

Fantasmas de luz: 27 votos

Ademais a entrega de premio vainos servir para empezar a traballar co xénero dramático pois imos ver na clausura un espectáculo teatral sobre a historia do teatro en galego.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 08-04-2013 06:38
# Ligazón permanente a este artigo
Rematamos: Fantasmas de Luz de Agustín Fdez Paz.
Vexamos estes avances de dúas películas de cine:





O noso libro terá algo que ver con esta película?
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-03-2013 07:29
# Ligazón permanente a este artigo
1ºESO B NO ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS
O pasado día 7 de febreiro tivemos un Encontro coa autora Ledicia Costas, que é coautora do libro Mortos de Ningures xunto con Pere Torabuela. Soubemso como xurdiu o proxecto e como foron traballando capítulo a capítulo a historia. Contounos como resolveron o misterio do sangue verde e como o país de Ningures ten un simbolismo que pode trasladarse a realidade na que vivimos (un mundo de "Todures". Moitos manifestámoslle que non estaría mal que houbese unha segunda parte na que de novo Nola, esa intrépida muller investigadora e nai de familia, volvese a resolver un caso tan difícil e que de novo puidésemos saber que era de Lolo, a súa peculiar mascota, ao que Ledicia respondeu sorprendéndonos cun segredo como é que xa está a piques de saír a segunda parte desta serie e que se vai desenvolver en Algures.

Ledicia tamén nos falou de como chegou a escribir, dos seus gustos literarios e do seu compromiso coa escrita en galego. Aínda que non nos recitou ningún poema, falou da súa poesía e de como compartía a súa faceta de narradora coa de recitadora e poetisa. Finalmente asinou os libros daqueles que lembramos traelo.

Se queredes ver unha reportaxe fotográfica, está colgada no blog da biblioteca
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 13-02-2013 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal