nalinguadetodos


Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI don Aurelio de Cuntis

Discover The Homens!










Fas máis falta que nunca. Organízate para defender o galego. AFLÍLIATE á Mesa.

 CATEGORÍAS
 Webs amigas
 PROCURA
 PROCURAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galego. Patrimonio da Humanidade

Hoxe presentouse na rede a seguinte iniciativa cidadá. Para se adherir hai que asinar aquí:


GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE


Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación.
Comentario (2) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 02-07-2009 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Intercambio Cultural 'Galicia únenos' (Cuntis-Carnota)
Entre moitas das características que definen a Galicia como algo propio e especial, unha delas é a riqueza cultural e lingüística que nela existe. Os alumnos do IES Lamas de Castelo, puidémolo comprobar á perfección neste curso 2008-2009 co intercambio que fixemos co CPI don Aurelio de Cuntis.

Correspondéndonos por cartas con alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO, xa fixemos un primeiro contacto. Nós, unha vila costeira, eles unha do interior… mais aínda así, o galego é o galego, e deste xeito puidemos comprobar e analizar tamén as diferenzas lingüísticas (uso da gheada, seseo...) entre os dous concellos.

A internet é unha boa fonte de comunicación, e pese a estarmos en contacto ao modo tradicional (por cartas), foi irremediable o uso das novas tecnoloxías. Aínda que as profesoras non querían que utilizásemos chats nin correos (nun principio), non puidemos aturar a tentación e en menos dunha semana xa a maioría nos coñeciamos á perfección.

O primeiro contacto físico que tivemos con eles foi o día 11 de maio de 2009. A nós comezábannos as Xornadas Culturais, e non puido ser de mellor forma que co recibimento dos rapaces e rapazas de Cuntis no noso instituto.

Comezamos ensinándolles a confraría de Lira. Para eles era algo novidoso, posto que nunha vila de interior non se adoita saber como é unha puxa, ou os tipos de redes de pesca, nasas… Na miña opinión foi moi interesante xa que nin eu mesma, que nacín e me criei en Carnota, sabía moitas das cousas que alí nos ensinaron, e polo que despois nos contaron, para eles foi algo insólito.

Seguidamente visitamos os dous hórreos máis famosos de todo Carnota, importantes pola súa lonxitude, as cabaceiras de Lira e Carnota. Isto xa non lles chamou tanto a atención porque é algo típico e moitos xa viran algo parecido, mais aínda así non mostraron descontento en ningún momento.

Xa un pouco cansos de toda unha intensa mañá, as barrigas comezaban a ruxir e ¿que mellor lugar para comer un bocata e unha mazá que o campo de Lombáns? Un sitio tranquilo, rural, cunha pista para xogar ao tenis que os rapaces utilizaron para botarlle unha pachanga ao fútbol...

Non podiamos deixar marchar os rapaces sen ensinarlles unha das praias máis bonitas do mundo, isto é Boca do Río. Eles xa viran a paisaxe cando baixaban, pero non estiveran realmente pisando o areal. E que mellor cousa para baixar a comida que un paseíño pola praia? Alá fomos, un paseo pola praia, onde uns continuaron a xogar, outros a facer amizades… e de alí, directos ao Ézaro, que pese a non ser de Carnota, linda con ela. Tras a negativa de abrírennos as comportas do encoro, o único que puidemos ver foi o lugar da fervenza e o porto pesqueiro.

Con isto concluíu a visita. Eles marcharon de regreso a Cuntis e nós ás nosas casas ansiando o día da nosa visita a Cuntis.

E ese día chegou. O 26 de maio -dúas semanas despois- os alumnos de Carnota subiamos no autobús para emprender o camiño e xa pensando na boísima proposta que nos fixeran, ir ao balneario. Algúns dixemos un si rotundo; outros en cambio preferiron ir de ruta por Cuntis para coñecela un pouco mellor. De todos os xeitos, chegamos ao CPI e dirixímonos todos á biblioteca, onde nos tiñan preparado un pequeno traballo mostrándonos os lugares de interese da vila. Ao remate, dividimos os grupos e emprendemos camiño á nosa actividade. No meu caso vou comentar as termas de Cuntis, que é onde quixen ir.

Na miña opinión, o máis especial da visita foron as termas. Nunca antes estivera nun sitio parecido e realmente foi unha experiencia especial. Relax, tranquilidade… Quedei encantada e mentiría se dixese que non me gustaría volver. Botamos alí dúas horas e a verdade é que pasaron voando.

Acto seguido fomos comer. O menú incluía tortilla, empanadas, auga e postre. Comemos no comedor do colexio en grupos mixtos para así relacionarnos máis cos rapaces de alá (aínda que faladoriños somos abondo e xa fixeramos amizades antes).

Despois de repousar a comida no patio subimos a Castrolandín. En Carnota tamén temos o castro de Mallou, pero nin comparación co deles. Alí uns arqueólogos fixéronnos unha visita guiada contándonos o modo de vida dos antigos habitantes, o estado das escavacións e moitas curiosidades máis. Baixamos polo monte cara ás Campaíñas, un lugar fermoso cunha fervenza onde nos comentaron pasan as tardes de verán.

Xa un pouco cansos baixamos, pasamos polo monumento de Asorey e finalizamos a nosa ruta outra vez no punto de encontro co autobús, o instituto. Alí fixemos un pequeno descanso, aproveitamos para comer unhas lambetadas, despedirnos deles e finalmente subir ao autobús de regreso a Carnota.

Agora aquí, xa de volta na casa fronte o ordenador é cando analizo o intercambio, en que non só aprendín moitísimas cousas sobre as nosas xentes, senón que tamén fixen amizades, que aínda que pareza que non, é algo divertido e á vez interesante.
Ariadna Leis Capelo (4º ESO IES Lamas de Castelo de Carnota)

Comentario (0) - Categoría: Iniciativas - Publicado o 28-06-2009 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Traballos gañadores no concurso Auga para Vivir
Con motivo da celebración das VII Xornadas Culturais don Aurelio, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística convocou un concurso centrado na AUGA, tema das Xornadas. En Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria houbo unha participación masiva, realizando uns debuxos e pinturas moi fermosos, dos que o xurado seleccionou seis. No resto das categorías (Segundo e Terceiro Ciclo de Primaria, Educación Secundaria e Profesorado-Nais e Pais) houbo menos concursantes. Cada un podía presentar tres fotografías acompañadas dun texto e valorábase tanto a calidade da imaxe como a da escrita. O xurado seleccionou tres traballos en cada categoría.

O Xurado estivo composto por Rodrigo García, profesor de Educación Plástica e Visual; Concepción Diéguez, profesora de Lingua Castelá e membra do ENDL; e os alumnos José Manuel Porto e Paula Rodríguez, de 4º C.

Desde o Equipo dámoslle as grazas a todos os participantes e ao Xurado, e felicitamos aos gañadores.

Parabéns!


Comentario (0) - Categoría: Concursos - Publicado o 28-06-2009 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unhas 300 persoas acoden á concentración en defensa do galego celebrada en Cambados

Unhas 300 persoas acudiron á concentración convocada para onte en Cambados por diversos colectivos en defensa da lingua galega no ensino. O acto celebrouse no Paseo da Calzada e comezou coa lectura dun manifesto por parte duns pais do colexio de educación infantil da Pastora, en Cambados.

Posteriormente, alumnos de diversos centros e de idades leron relatos e poemas sobre a lingua galega, de autores como Sechu Sende, Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Manuel María ou Ramón Cabanillas. A concentración rematou coa intervención dunha profesora do colectivo Casa Escola e coa música do grupo de gaitas "Ventiños", da parroquia de Oubiña.

Esta concentración en Cambados foi secundada por diferentes asociacións de pais de alumnos de colexios e institutos de todo O Salnés, por asociación de mestres como Candea, polos sindicatos de docentes e polos equipos de normalización lingüística.

As propostas

Co acto de onte, os representantes do mundo do ensino quixeron amosar o seu desacordo coa enquisa sobre as linguas que a Xunta de Galicia vén de enviarlle ós pais de alumnos dos colexios galegos. Entenden que se trata dunha enquisa sen rigor científico nin estatístico, que pode ser doadamente manipulada, e que ademáis e discriminatoria co galego.

A directora do colexio da Pastora, Marina Tourís foi unha das organizadoras da concentración, e manifestaba onte que "o que queremos os centros é que convivan as dúas linguas, e que os nenos adquiran competencia lingüística polo menos en galego e en castelán".

A directora do colexio cambadés opina tamén que "é triste o que está pasando, e que se cuestione una cousa que é de todos os galegos". Os profesores, pais e alumnos concentrados onte pola tarde na Calzada despregaron tamén pancartas con lemas como "Polo dereito a aprender en galego".

Doutra banda, Marina Tourís amosouse moi doída coa actual Xunta de Galicia, xa que na Pastora levan tres anos cun Programa de Inmersión Lingüística no que participaron máis de 40 centros de toda a comunidade, 23 dos cales eran públicos "e nin sequera se dirixiron a nós para preguntarnos se funcionara o programa ou non".


Fonte: Faro de Vigo.
Comentario (0) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 26-06-2009 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dúas voces atlánticas e unha guitarra
Comentario (0) - Categoría: Música en galego - Publicado o 26-06-2009 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Grupo de Teatro subiu ao escenario un ano máis
Dentro das VII Xornadas Culturais Don Aurelio, o pasado 22 de maio o grupo de teatro formado polos alumnos da ESO representaron a obra o Lance II de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Foi para todos os que formamos a comunidade educativa un día moi especial, xa que este ano xubílase a 'alma mater' do teatro escolar, o profesor XOSÉ RIVAS ESPIÑO. Grazas a el, ao seu traballo e ao seu tempo, moitos alumnos tiveron a oportunidade de participar nunha actividade formativa tan importante coma é o teatro, e todos nós gozamos como espectadores do seu bo facer.

Desde aquí pedímoslle que continúe dirixindo o teatro escolar os anos vindeiros. O colexio perde un gran mestre, pero non podemos permitirnos perder tamén o seu entusiasmo e a súa sabedoría. Sabemos que gañas e enerxía non lle van faltar. Grazas Espiño, e ata a representación do curso que vén.




Comentario (0) - Categoría: Formación - Publicado o 19-06-2009 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
É isto ilegal?

Ante as presións da Inspección Educativa e a Consellaría de Educación na que se prohibe calquera campaña informativa arredor da cuestión lingüística, dende o ENDL do noso colexio denunciamos este intento de limitar as funcións dos equipos, entre elas, cando se axusten a dereito: o capítulo VII, artigo 83 do Regulamento Orgánico dos Centros destaca que é competencia do ENDL “presentar proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva da lingua no uso da lingua propia”, alén de “proporcionar informacións sobre as actividades do Equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionados coa realidade galega”.

Recollido da medida nº 6 do Proxecto de Fomento do Uso da Lingua Galega elaborado polo ENDL do CPI don Aurelio en setembro de 2008.

PROXECCIÓN DO ENDL ENTRE A COMUNIDADE EDUCATIVA E A VILA DE CUNTIS

Descrición


Dende o ENDL consideramos fundamental dedicar esforzos a eliminar prexuízos e representacións negativas do alumnado a respecto da súa lingua. No entanto, o resultado deste esforzo sempre vai quedar minguado se non se moven algo as conciencias das familias, sobre todo neste momento onde se está lanzando unha campaña mediática en contra da presenza do galego no ensino. Para isto imos deseñar unha campaña informativa dirixida aos pais e nais do alumnado co obxectivo de dar a coñecer o traballo do ENDL e convidar ás familias a participar das súas actividades e achegar novas propostas normalizadoras a través da publicación dun tríptico ás familias e o envío de información sobre o plano anual de actividades do ENDL á prensa. Ademais, consideramos importante dotar ao ENDL dunha imaxe corporativa, isto é, dun anagrama que lle confira identidade e reforce os vínculos dos alumnos colaboradores. Por último, organizarase un concurso de debuxo en relación coa lingua e o ENDL. O deseño gañador será estampado nunha camisola, que será distribuída entre o alumnado.

Obxectivos

- Dar a coñecer a existencia e o labor do ENDL entre as familias.
- Sensibilizar as familias no uso do idioma achegando ás casa a problemática do idioma.
- Eliminar prexuízos e representacións negativas sobre a nosa lingua.
- Dotar ao ENDL dunha imaxe corporativa.
- Impulsar a colaboración entre o ENDL, e o centro en xeral, coas entidades asociativas da vila na promoción do idioma.

Destinatarios

Alumnado, familias e veciñanza de Cuntis.
Comentario (0) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 16-06-2009 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O alumnado tamén opina
En galego

Os abaixo asinantes, alumnos do IES de Ames, manifestamos o noso desacordo ante as accións que o actual goberno da Xunta está a levar a cabo en contra do noso dereito a estudar en galego. Consideramos ademais que se se quere facer unha consulta sobre isto é a nós a quen se debera preguntar primeiro, pois somos nós quen mellor coñecemos o noso sistema educativo. a suposta "presión" a que os castelán-falantes están sometidos para usar o galego é falsa. Nós queremos estudar en galego, que é o noso idioma, sen que isto impida o noso aprendizaxe do castelán (ou doutras linguas como o inglés ou o francés). Tódolos días escoitamos que as linguas son unha riqueza cultural, que non hai linguas mellores ca outras e que cantas máis falemos mellor. ¿Por que agora temos que facer un problema onde non o hai? A convivencia é un valor que se nos ensina dende pequenos, e a conciencia de que en Galicia debe existir unha convivencia lingüística equitativa débese adquirir a través dos libros, dos mestres e das escolas. Se renunciásemos a estes valores, que nos enriquecen día a día faltaríanos algo. ¿A quen queres máis, a papá ou a mamá? Iso é o que nos está a preguntar o señor Alberto Núñez Feijóo.

Vinte alumnos de secundaria do instituto de Ames (A Coruña)

Carta publicada en Xornal de Galicia (14/06/2009) e tomada das Gabarras.
Comentario (0) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 16-06-2009 08:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Educación cancela o Plan Experimental de Galego que se impartía na EEI da Pastora

A. G. - CAMBADOS / VILAGARCÍA

Non existe aínda comunicación oficial, pero a Consellería de Educación parece ter tomada a decisión de acabar co Plan Experimental de Galego que se aplicaba no colexio de Educación Infantil de A Pastora, en Cambados, así como noutros 22 centros públicos de toda Galicia. Implantado hai tres anos, en época do bipartido, o Plan Experimental de Galego era un programa destinado a nenos de contornos castelán falantes que lles garantía adquirir coñecementos plenos tanto na súa lingua materna como en galego.

Este programa é de carácter totalmente voluntario –os pais tiñan que firmar unha autorización expresa–, unha opción que se lle dá aos pais dos alumnos desde o colexio. Desde o primeiro momento a aceptación do programa foi total, pasando dun só curso con 25 alumnos de tres anos no súa primeira edición –cunha importante lista de agarda– a ter tres módulos con 68 rapaces de entre tres e cinco anos.

Ademais, a posta en marcha do programa tamén causou un forte interese dentro de toda a comunidade educativa polos éxitos que foron acadando, por iso a noticia de que Educación quere cancelar o programa está a causar un importante malestar tanto entre o profesorado como entre os pais de alumnos. Responsables do centro reúnense hoxe no colexio ás 17 horas cos pais para explicarlles a situación e decidir que medidas se toman.

Unha das responsables do centro explicaba onte que “todos os pais estaban moi contentos coa experiencia porque este proxecto de innovación educativa garantía que os nenos ían a ser totalmente bilingües, é dicir, ían poder expresarse sen ningún tipo de limitación nas dúas linguas”.

A intención do centro educativo era volver a solicitar os permisos necesarios para impartir o proxecto pero “enterámonos pola prensa de que o van a suprimir, pero a nós non nos remiten unha comunicación oficial”.

Resultados

Os resultados chegaron a ser tan bos que a dirección do centro tiña previsto solicitar ao colexio de primaria de referencia, o Antonio Magariños, que continuase coa súa aplicación para evitar que os pequenos puidesen perder competencia lingüística en galego, “aínda que agora xa non creo que se chegue a aplicar”.

O que teñen claro no centro é que non se trata dun problema económico por mor da crise, xa que tal e como estaba diseñado o proxecto podía seguir subsistindo se recortasen o material educativo que utilizan os nenos, polo que todo apunta a que se trata dunha decisión política.

O centro de Cambados era o único que contaba con este plan experimental do galego, que permite introducir a lingua en contextos castelán falantes, como son as cidades, pero non se descartaba que algún outro colexio puidese sumarse a el no próximo curso.

Os promotores desta iniciativa din que en todos os centros nos que se puxo en marcha este proxecto detectouse que os nenos castelanfalantes non perdían ningunha competencia lingüística nesa lingua, senón todo o contrario, “lograban dominar sen problemas as dúas linguas”, resaltan.

No que respecta aos nenos galegofalantes que accedían a este programa, lograban manter a súa lingua materna pese á presión do castelán.
Desde os Equipos de Normalización Lingüística tamén se amosan preocupados por esta decisión, xa que coidan que a perspectiva futura da lingua galega non é moi alentadora.

Casaescola califica a consulta de “irregular”

O Colectivo Casaescola, que implica a pais de alumnos de diferentes centros de Vilagarcía de Arousa, celebrou onte unha asemblea no auditorio municipal na que trataron de informar das “irregularidades” que agocha a enquisa lingüística que está a realizar Educación.

Esta consulta, entenden desde o colectivo, posúe unha gran cantidade de “eivas” e carece por completo de rigor “ao propoñer opcións de resposta enganosas e ambiguas para os pais que descoñecen a distribución de materias que cursan os seus fillos”. Un exemplo disto, explicaron onte, é que “cando un pai queira manifestar que desexa que o seu fillo reciba o 50% das materias en galego, ten que escoller unha opción que na enquisa aparece como todas en galego, enunciado que pode ser interpretado de xeito ben distinto por aquelas persoas que descoñecen a distribución actual das materias impartidas nos centros”.

A actuación de Educación incorre, para o colectivo, noutras irregularidades, como son a falta de información sobre a mesma, “prohibindo calquera tipo de debate nos centros”, ou non garantir o carácter segredo da mesma. Ante a prohibición impulsada por Educación, o colectivo decidíu celebrar este acto informativo no auditorio de Vilagarcía, participando no mesmo membros de distintos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do municipio.

O colectivo respalda a sindicatos e docentes cando reclaman á Consellería unha proposta de implicación á hora de garantir na educación a competencia lingüística nos dous idiomas oficiais en Galicia, “ademais da incorporación máis decidida de linguas como o inglés ou o portugués”.

Fonte: Faro de Vigo.
Comentario (0) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 16-06-2009 07:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Comunicado das ANPAS de Pontevedra
A Federación de ANPA anima a participar na enquisa para facer constar as nosas demandas no sentido que se indicou na circular de CONFAPA e apoia o contido desta información elaborada polos docentes dos nosos centros. Como profesores son coñecedores da realidade e, como a propia Federación, lamentan que se pervirtan as palabras, a realidade, e se fomente un conflito político que non pode senón empeorar a convivencia na comunidade escolar, esquecendo o noso propio Goberno as súas responsabilidades sociais e educativas e desprezando as canles de participación legal, obxectiva e representativa que existen para facer un pseudo-referendo sen garantías, sen información sobre as súas consecuencias, sen obxectividade científica e pedagóxica, manipulable, tramposo e confuso.

Ante estas maneiras atropeladas, e dada a urxencia con que a Consellería quere "solucionar" o asunto, pedimoslles ás ANPA que fagan todo o posible para facer chegar esta información ás nais e pais. Animamos tamén aos ENL a que cumpran coas súas responsabilidades educativas nos centros sen deixarse amedentrar cos falsos argumentos, e actúen sen medo coa plena confianza de saber que esta é unha campaña propiamente educativa, contra os prexuízos lingüísticos, perfectamente lexítima como son as campañas de fomento de hábitos saudables, consumo responsable ou tradicións culturais infantís.
Comentario (0) - Categoría: As novas da lingua - Publicado o 15-06-2009 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal