| Blog da Asemblea Nacionalista do Umia, integrada polos concellos de Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga. |
|

|
| Sobre Nós |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Constitúese a Asemblea Nacionalista de Cuntis |
|
O pasado sábado quedou formalmente constituída a Asemblea Nacionalista de Cuntis. Foi nunha xuntanza aberta celebrada na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres ás nove da noite e na que participaron veciños e veciñas da localidade para darlle continuidade ao Encontro Aberto do Novo Proxecto Común celebrado a comezos do mes pasado.
A Asemblea Nacionalista de Cuntis eríxese sobre os irrenunciables principios xa debatidos naquel Encontro. O nacionalismo e a esquerda, a defensa do noso medio natural, o rexeitamento das políticas capitalistas de agresión ás maiorías sociais, o funcionamento asembleario e horizontal, a canalización dos problemas veciñais cara a Corporación Municipal e o sermos canle informativa para veciños e veciñas son algúns dos eixos nos que xirará esta agrupación aberta. Nela intégranse os catro concelleiros/as nacionalistas do municipio, que continuarán co traballo desenvolvido ata agora e comprometido cos veciños/as nas pasadas eleccións municipais. A participación estritamente persoal e individual, asumindo os principios constituíntes, é outros dos sinais identificativos.
A Asemblea Nacionalista de Cuntis fai parte da Asemblea Nacionalista do Umia, que a nivel comarcal coordinará as novas agrupacións que vaian nacendo ao abeiro dos movementos que se están producir no nacionalismo galego organizado. |
|
|
|
|
| POLÍGONO INDUSTRIAL DA RAN |
|
O Convenio asinado no 2007 entre o Concello de Cuntis e a Consellería de Vivenda e Solo pretendía poñer fin a máis de 18 anos de graves irregularidades urbanísticas en torno ao Polígono Industrial da Ran.
Dende o goberno local os/as concelleiros/as nacionalistas impulsamos a legalización deste polígono conseguindo a aprobación inicial do Plan de Sectorización e a tramitación de todas as alegacións presentadas.
Agora estamos a comprobar a absoluta falta de compromiso do PP, tanto dende o goberno local como dende a Xunta de Galiza, co proxecto máis importante para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Cuntis.
OS FEITOS DO GOBERNO MUNICIPAL
O PSOE gobernaba en minoría o Concello de Cuntis cando o 23 de agosto de 2010 recibiu o plan de sectorización do polígono industrial. Inexplicablemente, non foi presentado ao pleno para a súa aprobación ate un ano despois, o 19 de agosto de 2011.
En marzo de 2012, oito meses despois, os/as concelleiros/as nacionalistas denunciamos no pleno municipal a falta de interese do PP por este proxecto, que continúa pendente de aprobación por parte da Xunta de Galicia, á espera de que os técnicos subsanen as deficiencias atopadas na documentación remitida.
Normalizar a situación legal das empresas instaladas no polígono, dotalas de servizos e crear emprego en Cuntis debería ser un obxectivo prioritario para calquera goberno municipal e os feitos -con máis de 20 meses de paralización- demostran que non o está a ser: nin por parte do PSOE no seu día nin por parte do PP na actualidade.
OS FEITOS DA XUNTA DE GALIZA
Á irresponsabilidade do goberno local hai que engadir o desinterese da Xunta de Galiza por legalizar e desenvolver esta area empresarial.
1.- O PP non destinou nin un só euro nos orzamentos da Xunta de Galicia do 2012 para a realización de actuacións neste parque empresarial. O goberno municipal calou. Só os concelleiros nacionalistas denunciaron esta situación.
2.- En xuño de 2010 a Xunta de Galicia publica as Directrices de ordenación do Territorio (DOT), un documento importante porque representan no espazo físico as decisións políticas nos ámbitos sociais, económicos, culturais e medioambientais no noso pais.
A pesar de existir un convenio asinado entre o Concello de Cuntis e Xestur para o desenvolvemento do polígono industrial da Ran, da demanda real de chan neste polígono e da situación irregular das empresas instaladas no mesmo, o PP presenta unhas DOT nas que Cuntis e o Polígono Industrial da Ran non existen. O PP calou. Os/as concelleiros/as nacionalistas denunciaron esta situación e presentaron alegacións a este documento.
3.- En xaneiro de 2012 a Xunta de Galicia publica o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, un novo documento no que se inclúen as actuacións programadas pola administración autonómica nos parques empresariais do noso pais ate o 2024. No polígono Industrial da Ran o PP non ten previsto investir nin un só euro ate o 2024.
Seguirán as empresas instaladas no polígono perdendo subvencións ate o 2024 ao atoparse nunha situación irregular que lles impide acceder ás liñas de financiamento e axudas das distintas administracións?
Vai seguir a Xunta de Galicia abrindo expedientes sancionadores ás empresas do polígono por realizar verquidos ao río da Cova cando non é quen de comprometer a tan necesaria dotación de servizos ate despois do 2024?
E a urbanización desta area? E a adquisición dos terreos?...
Os feitos indican que así vai ser.
O PP non é quen de mirar polo futuro de Cuntis nin de atender aos intereses e ao futuro do piar económico máis importante deste concello.
Na man de cada un de nos está cambiar este futuro.
Isto tamén vai contigo!
|
|
|
|
|
| ARTELLANDO O DEBATE EN CUNTIS |
|
No proceso de debate e reestruturación que está a acontecer no nacionalismo galego nas últimas semanas son moitas as comarcas que comezan a organizaren foros e impulsar alternativas ao abeiro dos novos tempos que veñen. Logo de comezar a organizárense internamente tanto Encontro Irmandiño como Máis Galiza, o pasado sábado as dúas novas forzas e máis persoas a nivel individual implicadas no proceso convocamos un encontro aberto celebrado en Cuntis co obxectivo de artellar unha confluencia a nivel local que permita erguer novas alternativas. A miña participación é a de quen chega sen pertencer nin antes nin agora a ningunha das organizacións existentes pero que quere intervir de xeito individual, crendo que é unha oportunidade histórica na que cómpre participar e aportar. Velaquí van algúns apuntamentos ao respecto.
Se ben é certo que (na miña opinión) a culminación do proceso a nivel nacional presenta agora mesmo razoables dúbidas vendo as propostas, discursos e intencións duns e doutros, os impulsores a nivel comarcal puxemos de manifesto que isto non sería traba para o que puideramos acordar a nivel comarcal e local: asembleas de adscrición individual sen directrices “de arriba” nas que cada persoa participe, achegue e se represente a si mesmo, sen traer indicacións previamente cociñadas nin intereses secundarios de control. Vocación de incidir no inmediato, sabedores de que a referencia é un proxecto nacional pero tamén de que este ten que ser tecido dende os nosos ámbitos de influencia (as asociacións nas que participamos, os centros de traballo, os colectivos dos que facemos parte… en definitiva, o local). A organización interna será plenamente independente e en ningún caso nos veremos atados a estruturas superiores que emitan de arriba cara abaixo. Ao contrario, esta comarca ha pór as súas conclusións a disposición do proceso nacional mais rexeita verse condicionada por obstáculos impostos. Pode ser complicado e hai quen se nega a crelo, pero aseguramos intentalo, que é a única obriga que adquirimos.
Tendo clara a metodoloxía, é imprescindible fixar uns mínimos nos que coincidirmos e que sexan para todos/as irrenunciables. Nacionalismo de esquerdas, conscientes da existencia dun amplo abano de matices neste campo pero como centro de gravidade irrenunciable e sobre o que erguer coincidencias, non diferenzas. Ecoloxismo, preocupación polo medio no que vivimos e consciencia do irracional dun sistema que pretende medrar ilimitadamente dentro dun planeta de recursos finitos. A participación persoal e a organización asemblearia, sen aspiracións persoais de medrar ou ascender politicamente. Rexeitamento das políticas agresivas (neoliberalismo) contra esta maioría social, que somos nós, e tamén da mentira como forma de goberno. Sen sermos nin querer ser políticos/as profesionais, a ética e a transparencia é una máxima ineludible.
Exposto isto, os e as participantes deron comezo ao debate na Casa da Cultura de Cuntis facendo do acto xusto o que se pretendía que fora: unha asemblea aberta na que houbera participación e na que se discutiran as cuestións que foran xurdindo. Recollerei tres que xeraron intervencións cruzadas e que, dende o meu ver, deben ser discutidas e ben asentadas xa no comezo. Creo que o consenso pleno non ten que ser un obxectivo imprescindible, senón que aqueles mínimos aos que me refería han estar por diante.
Que hai de novo? Que aportamos? Que pretendemos?
Foi a primeira cuestión que unha veciña nos lanzou aos impulsores, poñendo no aire qué diferenzas había para encetar estes movementos que deron coa fin do nacionalismo organizado tal e como se coñecía ata agora. Pois ben, o primeiro que hai de novidade son caras e intencións que non estaban na fronte que aglutinou (e que deixou de funcionar) o nacionalismo nos últimos 30 anos. A intención primeira é a de arrexuntar participación e esforzos máis amplos que os que se limitan a unha organización para tratar de influír no eido local e comarcal, xerar dinámicas de traballo que impulsen alternativas novas máis alá dos partidos políticos tradicionais, que funcionan como empresas electorais co único obxectivo do poder. Si que é posible sermos autónomos/as sen depender de estruturas superiores, si que é posible traballar dende abaixo e en Cuntis concretamente xa hai exemplos de actividade á marxe das institucións que chegaron a pór asuntos no debate municipal (depuradoras, coidado e respecto aos ríos, defensa das augas termais, memoria histórica, etc.).
Os partidos como monopolizadores da política están en cuestión e atinxen niveis de descrédito históricos, en boa medida porque algúns dos autoproclamados de esquerda rexeitan os novos movementos sociais que xorden ao vérense incapaces de controlalos. Estar cos movementos sociais non é ir a unha concentración cívica para enchela de bandeiras e faixas (como aconteceu esta semana nas mobilizacións contra o lume e a súa xestión política nas Fragas do Eume). Estar cos movementos sociais é participar neles pero sen tratar de conducilos ou controlalos. Aínda que para iso cómpre entender primeiro qué son os movementos sociais.
Por qué parece imposible a unión do nacionalismo galego e por qué sempre nos amosamos divididos?
Sobre esta cuestión xiraba a intervención dun veciño que nos lembrou a súa militancia en distintas siglas que foron aparecendo e desaparecendo ao longo dos anos no panorama nacionalista en Galiza. Para min a resposta é simple: porque non somos iguais, porque non todos cremos no mesmo (nin no fondo nin nas formas) e porque nacionalismo é un concepto que só se refire ao identitario ou ao territorial, chamémoslle así. Pero hai outra parte política e socioeconómica que é o eixo dereita – esquerda. En Galiza existe nacionalismo de dereitas ou de centro dereita, aínda que se atope diluído desorganizado, perdido tamén entre as múltiples siglas existentes. O exemplo pode ser o panorama catalán, onde esa CiU que moitos desexan para aquí está a executar dende o goberno verdadeiras desfeitas sociais. Aínda sendo nacionalistas, serven a esas políticas antisociais ás que nos opoñemos. Somos nacionalistas sen necesariamente sermos comunistas, nin de práctica nin de teoría, e rexeitamos esa disciplina militar-clerical que acabou por imporse no que queda de BNG. Somos nacionalistas pero repudiamos ese discurso de comprensión coas políticas de “axuste-recorte” que abandona o movemento sindical e rexeita a palabra “combatividade”. Somos nacionalistas pero non antepoñemos o negocio ao noso patrimonio natural nin aos servizos públicos básicos. Existe un nacionalismo de dereitas que, por interese nacional, creo que debe organizarse e aparecer presentándose sen complexos coas súas alternativas, pero de certo que non somos nós nin estamos aí. Por iso a unión do nacionalismo é ficticia e só funcionou nun tempo determinado, que xa non é este.
A participación nas institucións. O uso das institucións.
Esta cuestión suscitou un interesante debate que rematou por centrarse na participación ou non nas deputacións provinciais. Cómpre, dende a miña opinión, aclarar primeiro que non é o momento de rexeitar a participación nas institucións. O contrario sería contraditorio e todo este proceso e esforzos non terían sentido. Cousa distinta é considerala prioridade e obxectivo inmediato ou non.
Parece evidente que o funcionamento actual das institucións é absolutamente inútil para servir os intereses da maioría social, porque están inhabilitadas e secuestradas por poderes económicos e empresariais que as reteñen en prol dos seus intereses. Dende as máis altas ás máis baixas: dende o Estado Español carente de soberanía política e económica, dirixido baixo os preceptos da “débedocracia” e servinte dos poderes financeiros ata os nosos Concellos, gobernados de facto polo Presidente da Deputación (o padriño Louzán) e obrigados tamén a antepoñeren o pago da débeda á prestación de servizos. Polo tanto, é preciso acceder a eles para mudar esas prioridades e rachar co imposto.
Pero por diante disto cómpre fixar no horizonte para qué serven. Teñen que ser, dende a miña opinión, caixas de resonancia dos problemas dos veciños e veciñas, por minúsculos que sexan, facer ver que o Pleno Municipal está ao servizo destes e non é unha simple oficina de trámite na que cumprimentar formularios e buscar onde fundir subvencións públicas. Teñen que servir para evidenciar as súas propias contradicións internas, para obrigarmos aos seus valedores a posicionárense antes os veciños/as sobre cuestións básicas que os partidos defenden contra a poboación.
O que naza debe ter como prioridade a información directa e persoal aos veciños e veciñas, baseada no compromiso de superar e facernos independentes dos ritmos (e intereses) que marcan as empresas de comunicación, servidoras duns intereses que non son os nosos. Estamos nun momento histórico e a debilidade da esquerda quizais resida en non ser plenamente consciente do devastador que é o ataque. Non podemos pórlle unha data concreta (como foi o dezaoito de xullo do trinta e seis) porque este é un proceso máis longo e sostido no tempo, no que a ofensiva ultraliberal pretende rematar con todo tal e como o coñeciamos ata agora, pero de certo que o que estamos a experimentar precisa de respostas novas. Os partidos políticos ao uso quedaron obsoletos porque son mecanismos programados para vivir nunha permanente campaña electoral. Haberá que explorar posibilidades novas, non só para responder senón primeiramente para defendérmonos.
Arredor da cuestión sobre as Deputacións Provinciais cómpre sinalar primeiro que todos/as estamos pola súa supresión por tratarse de institucións ao servizo de redes caciquís e inútiles para resolver os problemas dos cidadáns. Un segundo enfoque fai que nos preguntemos se é coherente estar pola súa eliminación pero participar nelas (incluso gobernándoas) como vén facendo o BNG, tendo en conta que son totalmente antidemocráticas xa que os deputados provinciais non son elixidos directamente en eleccións senón que a designación convértese nun xogo de intereses internos nos partidos. É máis efectivo e coherente permanecer fóra e denunciar enerxicamente o seu funcionamento ou posicionarse igualmente en contra denunciando tanto dende dentro coma dende fóra, sen ignorar loxicamente que a súa opacidade non permite ver con claridade, por exemplo, cando se celebran os seus plenos nin qué se trata neles? Velaí a cuestión e o debate.
Logo de conversar e debater arredor destas e doutras preguntas deuse por comezado o proceso de constitución da nova alternativa en Cuntis, asentada en mínimos cunha enriquecedora amplitude de matices que non impiden senón que suman. Adiante! |
|
|
|
|
|
|