Medios para o grupos municipais

MOCIÓN PARA QUE SE HABILITEN DE MANEIRA INMEDIATA AS OFICINAS DO CENTRO SOCIOCULTURAL DA BARCALA PARA O USO DOS GRUPOS
POLÍTICOS MUNICIPAIS EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O Regulamento Orgánico Municipal vixente, no seu art. Artigo 11 di:

1.-Os grupos políticos disporán, na Casa do Concello ou nun inmoble próximo pertencente ó Concello, dun local ou despacho para se reunir de
maneira independente e recibir visitas dos cidadáns. Os devanditos locais estarán dotados dunha infraestrutura en medios materiais, informáticos e de comunicación necesarios, en consonancia coa capacidade económica e
técnica do Concello.

A pesar desta disposición de obrigado cumprimento, o goberno local non ten dado un só paso para dotar dos medios de traballo mínimos aos grupos municipais. En diversas ocasións, tanto o BNG como outros grupos, temos plantexado esta irregularidade demandando unha urxente solución. O certo é que pasados máis de tres meses nada se ten feito e continuamos na mesma situación de precariedade de medios para podermos desenvolver o traballo para o que estamos elexidos pola
cidadanía de Cambre.

Chegados a este punto e, visto o nulo interése do actual goberno por ofrecer unha solución debe ser o conxunto da Corporación quen tome as decisións. Seguir ao pé da letra a disposición regulamentaria podemos entender que resulte difícil no curto
prazo pero, como non podía ser doutra maneira, con boa vontade podemos adoptar solucións factíbeis de maneira inmediata, coa encomenda dunha solución definitiva nun prazo adecuado.

Non ten xustificación desde unha concepción democrática e de tolerancia que uns ocupen todo e a outros se lles negue o máis elemental. Debemos, pois, proceder a un reparto equilibrado de medios en consonancia con este espírito de boas prácticas
que está, ademais, ordenado por lei.

Neste sentido, e de maneira provisional, as oficinas actuais do Centro Sociocultural
da Barcala son o lugar adecuado para cumprir esta función. Contamos con tres despachos preparados máis unha pequena sala de reunións, que tamén se pode converter en despacho, que serían suficientes nun primeiro momento sen necesidade de maiores inversións. Desta maneira os catro grupos municipais na oposición poderemos contar cunha infraestrutura mínima para traballar.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Cambre somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- As oficinas do Centro Socio cultural da Barcala, na Rúa Río Brexa, serán distribuídas entre os grupos municipais da oposición. Concretamente os tres despachos existentes e a sala de reunións anexa que se habilitará como despacho.
Ademais distribuiranse os armarios do corredor para poder ser utilizados como
arquivo por cada grupo.

2- Os grupos municipais acordaran entre eles o reparto das salas, ben de común acordo, ben escollendo cada grupo en razón da súa maior representatividade.

3- A dotación mínima de medios deberá estar composta por telefono directo, ordenador con conexión de banda ancha e correo electrónico, impresora, fax e outro material de oficina necesario.

4- Así mesmo dispoñerán de fotocopiadora podendo, este equipamento, ser común para todos.

5- O Alcalde arbitrará as medidas necesarias para que os grupos municipais podan ocupar estas oficinas nun prazo máximo de quince días.

6- Está medida terá carácter provisorio. Encoméndaselle ao goberno municipal a facer as xestións necesarias para que, a medio prazo, dotar de instalacións, mediante adquisición ou alugueiro, aos grupos municipais na casa consistorial ou nas súas inmediacións, tal como se recolle no Regulamento Orgánico Municipal.



Setembro 07
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 26-09-2007 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
O Pleno de setembro debaterá varias iniciativas do BNG de Cambre
Beirarúas no acceso ao IES de Sigrás, a plantación de árbores no Graxal e a dotación de medios para os grupos municipais centrarán os debates


O grupo municipal do BNG de Cambre presentou un conxunto de iniciativas para o Pleno ordinario da corporación, que se celebrará o vindeiro xoves, día 27. Dentro destas iniciativas destaca pola súa importancia a Moción que propon a contrucción de beirarrúas entre a ponte das Insuas (Río mero) e o acceso ao IES de Sigrás. Esta moción inclue a construción dun sendeiro para os camiñantes, a mellora da iluminación e o saneamento das gabias, anegadas de verquidos de augas negras. Para o portavoz nacionalista, Xabier Iglesias, é unha necesidade urxente e unha obriga construir estas beirarúas nun tramo de pouco máis de 300m, recorrido o diario por moitos adolescentes e xoves sen que teñan un mínimo recuncho para resguardarse do tránsito. Os nacionalistas recordaron que, precisamente, este tramo de estrada ven sendo recollido (foino hai poucos días) nos informes da polícia local como un dos máis perigosos do concello e onde estan centrando boa parte dos controis de velocidade.

Ademais dúas outras mocións recollen a proposta de plantación de árbores no parque infantil do Graxal, demandado desde hai tempo por páis e náis usuarios e, a adxudicación provisoria de oficinas para o traballo dos grupos municipais. Recordou Iglesias, neste sentido, que pasados máis de tres meses de mandato, “os grupos municipais seguimos condenados á máis absoluta precariedade de medios para desenvolver o noso mandato”. “Isto, comentou, contrasta co despregue de medios e privilexios dos que se arma o goberno e coa nova política de despilfarro que estamos vendo”, en referencia aos máis de 15.000€ gastados o domingo en invitar a comer a 1000 persoas maiores da comarca co diñeiro dos impostos que pagan os cidadáns de Cambre.

Ao mesmo tempo o GM do BNG informa que, dentro das preguntas que formulará ao goberno, dentro do apartado de fiscalización, destacan as que se interesan pola opinión do goberno municipal sobre as adxudicacións directas de obras a un candidato e militante socialista e, se o goberno local coñece o número de empresas que, en igualdade de condicións poderián optar a estes contratos, todo relacionado coa denuncia nacionalista do pasado sábado. Tamén, e no mesmo apartado, os nacionalistas pregúntanlle ao goberno se teñen decidido comezar a obra da escola municipal de música, contratada polo goberno anterior o pasado 29 de maio.




Gabinete de comunicación do BNG de Cambre, 25 de setembro 2007
Comentario (0) - Categoría: Comunicados - Publicado o 26-09-2007 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
Máis seguridade vial para o alumnado que acoden ao Instituto de Sigrás
Beirarrúas Instituto de Sigrás
MOCIÓN PARA A CONSTRUCCIÓN DUNHA BEIRA RÚA OU SENDA PEONIL ENTRE A NOVA PONTE DAS INSUAS E O ACCESO AO IES “DAVID´BUJÁN” EN SIGRÁS


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Son moitas as necesidades de investimento en obras de seguridade vial e accesibilidade no noso Concello. Estarmos atravesados por un sin fin de estradas de diferentes titularidades (provincial, autonómica ou estatal) tense convertido nun grave problema que supera os beneficios de comunicación que aporta. Sobre todo cando os titulares de ditas
estradas teñen esquecido o seu deber de mantemento e mellora pensando na poboación que vive nas súas beiras. Moitas delas son hoxe auténticas travesías urbanas e forman parte, en realidade, da rede de comunicacións locais. En moitas ocasións ten sido por iniciativa municipal, con impostos pagados polos veciños e veciñas de Cambre, como se teñen abordado arranxos ou melloras nestas estradas, suplindo así, a deixación ou abandono ao que estabamos condenados. É certo, tamé, que nos últimos tempos cambiou algo a situación con actuacións do goberno galego ou provincial coas que recuperamos algo de atención. Pero non é dabondo e, os representantes electos de Cambre
temos a obriga de actuar para, en primeiro lugar, coidar a seguridade das persoas. Iso obriga a priorizar e tomar decisións posto que é evidente que os recursos non son ilimitados.

A estrada provincial que une Cambre con Sigrás é un dos puntos negros recoñecidos. Mesmo estes días líamos informes da Policía Local nos que se salientaba que esta estrada era un dos lugares onde estaban a centrar os dispositivos de control de velocidade, precisamente pola densidade do tránsito e a cantidade de infraccións detectadas. Coincide ademais como lugar de paso para centos de rapaces e rapazas que a diario acoden ao IES
de Sigrás ou a Escola de música de Sementeira. Por non estendernos coa relación de cidadáns que a usan para dirixirse a Cambre. Precisamente entre o cruce de acceso ao instituto e a nova ponte das Insuas está o peor tramo. Pouco máis de trecentos metros, en curva, e o único sen ningún tipo de arcén ou beira-rúa na que protexerse de toda a
estrada. A isto hai que lle sumar un deficiente alumeado público, sobre todo no cruce, e
unhas gabias cheas de augas negras permanentemente.

Desde o BNG cremos que é un punto negro prioritario para eliminar e que debe acometerse con toda urxencia.

Nos pasados días chegou a circular da Deputación coas instrucións para cumprimentar a solicitude do POS (plan de obras e servizos). Nesta comunicación infórmase que a Cambre correspóndenlle algo máis de 365.000€ no vindeiro plan e que, os proxectos
deben estar presentados antes do 30 de novembro.
Entendemos que por responsabilidade cos nosos cidadáns debe ser esta unha obra a incluír neste plan e poder así, ser executado na primeira parte do vindeiro ano. Por este motivo desde o Grupo Municipal do BNG de Cambre facemos unha chamada á
responsabilidade e, tamén, á sensibilidade de toda a Corporación, tanto de quen goberna como dos grupos da oposición a que consideremos a importancia desta proposta.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG de Cambre somete á consideración e aprobación do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- O Pleno de Cambre encoméndalle ao goberno local acometer con toda urxencia un proxecto de beira-rúa ou senda peonil entre a ponte das Insuas e o acceso ao IES “David Buján”. Incluído o proxecto de expropiación de non ser posíbel as
cesións de terreos necesarias.

2- Este proxecto deberá incluír a mellora no alumeado publico, sobre todo no cruce
co instituto e, a reforma de dito cruce, tanto na entrada escolar como no acceso a vía local en dirección ao Souto, e o saneamento dos verquidos existentes.

3- Incluír este proxecto dentro dos que se enviaran coa solicitude do POS deste ano.


Setembro 07
Comentario (0) - Categoría: Mocións - Publicado o 26-09-2007 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Mellora do parque infantil do Graxal
Parque infantil do Graxal

MOCIÓN PARA A DOTACIÓN DE ARBORADO AO PARQUE INFANTIL SITUADO ENTRE AS RÚAS FRANCISCO RODRÍGUEZ E CELSO EMILIO FERREIRO NO GRAXAL



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A construción do parque infantil situado no Graxal, entre as rúas Francisco Rodríguez e Celso Emilio Ferreiro supuxo, no seu momento, un grande avance nos equipamentos do barrio, tendo en conta ademais a numerosa poboación infantil da zona. Constituíu, ademais, un acto de recuperación dunha parcela urbana degradada e que afeaba o contorno. Xa naquel momento unha das reclamacións dos usuarios do parque era que se necesitaban zonas de sombra. Era lóxico pensar que un parque de nova construción non podía ter árbores de porte suficiente para dar sombra até pasado un tempo.

Naquel momento a reposta do goberno foi esa, non podía ser outra, pero pasados xa uns anos, os veciños usuarios do parque seguen a reclamar o mesmo, ao non terse tomado ningunha iniciativa para mellorar a dotación verde do lugar.

Son moitas as persoas usuarias do parque que reclaman esta mellora e que nos din que
resulta bastante dificultoso explicarlle a nenos e nenas pequenas que hai determinadas horas do día, cando o sol máis apreta, que non se pode xogar neste parque. Dinnos, tamén, que plantar unhas cantas arbores mellorará, tamén, o aspecto dun barrio que non destaca precisamente pola súa calidade urbana.

Considerando que está iniciativa debe ser unha das prioridades de actuación na zona, atendendo ás reclamacións e demandas veciñais e, mesmo ao recoñecemento da situación que se ten feito por responsábeis municipais, o Grupo municipal do BNG solicita do Pleno do Concello de Cambre que, considerando estas razóns, adopte os seguintes
acordos:

1- O goberno municipal encargará un proxecto de plantación de árbores no parque infantil da Rúa Francisco Rodríguez do Graxal, ben aos servizos técnicos municipais ben mediante unha asistencia técnica externa. Este proxecto deberá estar listo e entregado nun prazo de dous meses, coincidindo co Pleno ordinario do mes de novembro deste ano.

2- O proxecto contemplara os dous obxectivos mencionados: dotar de zonas de sombra distintas áreas do parque e, contribuirá á mellora da imaxe urbana da zona.

3- Habilitarase a dotación económica suficiente, ben nos novos orzamentos ou modificando os actuais, para poder acometer a reforma no vindeiro periodo invernal.



Setembro 07

Comentario (0) - Categoría: O Temple - Publicado o 25-09-2007 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Preguntas para o pleno de Setembro 07
Sigrás cruce instituto
No cruce do Instituto de Sigrás. Antes que a praia, que elimine a contaminación nas parroquias



PRIMEIRA

As obras da beirarrúa da Xira en Sigrás comezaron pouco antes das eleccións e, pouco despois, pasadas estas, paráronse con menos da mitade do recorrido acabado.

¿Cal é o motivo dasta parada e cando se rematarán?

SEGUNDA

¿En que prazo pensa o goberno que os cidadáns de Cambre poderán usar a praia do Temple que mencionou o Sr. Alcalde como proxecto hai poucos días?

TERCEIRA

¿Coñece o goberno local o número aproximado de empresas de Cambre, especializadas en obra civil, que poderían optar a contratos coa administración local inferiores a 12.000€?

CUARTA

¿Parécelle ao goberno municipal unha práctica política correcta a adxudicación directa
de contratos de obras a militantes e candidatos socialistas?

QUINTA

Cal é a situación dos comedores escolares asumidos pola Xunta no comezo do curso?

SEXTA

¿Ten intención o goberno local de comezar as obras da Escola Municipal de Música?
Comentario (0) - Categoría: Plenos - Publicado o 25-09-2007 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Pleno Ordinario Setembro 07
Cisnes na Ría
Recibimos a súa visita neste verán, esperemos que volvan a visitarnos máis veces, a pesar das autoridades, incapaces de controlar os verquidos. Por unha Ría limpa!



Pleno Ordinario

Xoves, 27 de Setembro 07.
Hora: 20:30.

Orde do día:

1) Aprobación acta do pleno anterior.

2) Ratificación da Resolución de Alcaldía do día 19 de setembro de 2007, respecto do establecemento das festas locais para o ano 2008.

3) Aprobación da proposta de Alcaldía respecto da modificación dos artigos 108.5 e 115.1 apartados c), f) e g) do Regulamento Orgánico Municipal (ROM).

Novo recorte aos dereitos democráticos en Cambre.
Un PSOE en minoría impoñerá, coa colaboración do PP, un novo atropelo contra os grupos da oposición (+)


4) Aprobación das bases para a convocatoria pública das bolsas de estudo para o curso 2007-2008.

5) Aprobación definitiva da modificación do estudo de detalle da unidade de execución nº 24 das Normas Subsidiarias de Planeamento de Cambre, sita na Barcala.

Normativa, ir á páxina 16

6) Mocións.

7) Informes da Alcaldía.

8) Rogos e preguntas.

Ouvidos xordos do Goberno Local:


Na Xunta de Portavoces solicitamos a inclusión na orde do día do Pleno da moción sobre "Impugnación e proposta de rectificación do acordo plenario de 13 de xuño de 2007 de organización polo que se decidiu a creación dos órganos colexiados municipais, a súa composición e o réxime de reunións", e o Goberno Local amosou o seu talante democrático -canta menos democracia, mellor- non incluindo este asunto na orde do día.


Acta Pleno

Acta Comisións Informativas
Plenos
ROM
Acta
Comentario (0) - Categoría: Plenos - Publicado o 21-09-2007 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG de Cambre manifesta o seu apoio á manifestación do vindeiro sábado contra o trazado do AVE proposto por Fomento
Anima aos cidadáns a participar e a mantérense firmes na defensa do territorio



O BNG de Cambre informou hoxe que apoia a convocatoria de manifestación do vindeiro sábado, día 22, na Coruña, convocada pola Asociación de afectados AVE-Trazado Coruña-Betanzos.

Desde o BNG Cambres quérese animar á poboación de Cambre e do contorno metropolitano a mobilizárense en defensa dun territorio que se vería afectado en valores paisaxísticos e patrimoniais senlleiros e irremplazábeis.

Recordaron os nacionalistas que ademais da agresividade do proxecto co patrimonio territorial e medioambiental, a proposta leva aparellada o desmantelamento da vía do ferrocarril entre As Xubias e Guísamo, desaparecendo toda posibilidade de convertela en sustento do ferrocarril de proximidade que esta comarca precisa con urxencia.

O portavoz nacionalista en Cambre, Xabier Iglesias, denunciou que pasados máis de seis meses desde a presentación de miles de alegacións, o Ministerio de Fomento non se pronunciara aínda: “Canto máis tempo precisan para recoñeceren a improcedencia da proposta e aceptaren que hai que buscar outras alternativas?”. Iglesias afirmou que “todos os estudios e análises o que din é que hai que poñer en marcha o tren de proximidade e deixarse de megalomanías que non son do interese xeral”, remarcando deste xeito a aposta clara dos nacionalistas pola montaxe dun sistema ferroviario galego, pensado, dirixido e xestionado desde Galiza e que se base nos intereses do País e, sobre todo, que de solución ao caos de mobilidade e accesibilidade do contorno metropolitano. “Había que poñer aos responsábeis de ADIF, do Ministerio de Fomento e aos cabezas de moitas institucións a recorrer as vías da comarca coruñesa en hora punta (como fan ducias de miles de cidadáns a diario para o seu traballo ou a escola), daríanse conta de cales son os verdadeiros problemas e demandas da poboación”.

Respecto ao Concello de Cambre os nacionalistas, en palabras do seu portavoz, reclaman que se constitúa dunha vez a Comisión Especial do AVE creada o 13 de xullo e que, pasados máis de dous meses, o Alcalde semella que non ten interese en botar a andar. Iglesias recordoulle ao goberno local que esa comisión créase por decisión do Pleno e o Alcalde está obrigado a cumprir coas decisións democráticas. “Senón, afirmou, estará demostrando o pouco que lle preocupa e interesa estar cos veciños e defendendo os seus intereses”.

Gabinete de comunicación do BNG de Cambre, 19 de setembro 2007
ANUNCIO DA ASOCIACIÓN CONVOCANTE
Comentario (0) - Categoría: AVE - Publicado o 19-09-2007 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Vicepresidencia implantará en Galiza o servizo galego de apoio á mobilidade persoal

Vicepresidencia implantará en Galiza o servizo galego de apoio á mobilidade persoal, o 065 social, destinado a persoas dependentes ou con discapacidade



O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde a este servizo público de carácter social que facilitará o desprazamento ás persoas con problemas de mobilidade


13 Setembro 07.-O Consello da Xunta autorizou na súa xuntanza de hoxe o proxecto de decreto polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, destinado para as persoas dependentes e/ou con discapacidade. Este novo servizo público de carácter social promovido pola Vicepresidencia da Xunta facilitará o desprazamento programado e non urxente das persoas con problemas de mobilidade, sempre baixo condicións de máxima seguridade, cos medios precisos e co apoio de persoal de acompañamento durante o traslado ( + )
Vicepresidencia
Comentario (0) - Categoría: Benestar - Publicado o 17-09-2007 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Día 22, manisfestación contra o trazado do AVE. Convoca a Asociación de Afectados Ave Tramo Coruña-Betanzos



















ÚNETA Á MARCAHA


CONTRA O TRAZADO DO AVE


- É unha agresión bestial ó noso entorno natural

- Divide de forma absurda a nosa comarca

- Desmonta o tren de cercanías como única conexión coa cidade

- Atenta contra os nosos intereses de forma descarada


ITINERARIO


Desde a ESTACIÓN DE SAN CRISTOBAL ata a DELEGACIÓN DO GOBERNO (fronte á Pza. de Ourense)


SÁBADO, 22 DE SETEMBRO

VOLVEMOS A IR EN TREN

Saída da Estación de Cambre ás 15,42 h.
Saída da Estación da Coruña ás 20,40 h.


¡¡¡MOBILÍZATE!!!

¡Axúdanos! ¡Axúdate!

Convoca: Asociación de Afectados Ave Tramo Coruña-Betanzos
Comentario (0) - Categoría: AVE - Publicado o 16-09-2007 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG exixe o arranxo urxente da escola infantil de Cecebre


O BNG exixe ao goberno local o arranxo urxente do patio e do cerremento da escola infantil de Cecebre



O cerramento foi destruido por un accidente de coche, o que impede o uso normal do patio escolar



Cambre, 10 de setembro 07.- Na madrugada do pasado 16 de agoso, un coche perdou o control e destruiu o cerramento da escola infantil, deixando inservíbel o patio da escola para os xogos e o recreo.

Esta solicitude xa a fixo o GM do BNG de Cambre no pasado pleno ordinario de agosto, onde demandamos o arranxo urxente do cerramento da escola para que estive lista para o inicio do curso 2007-2008 que comenza este próximo mércores.

Para a nosa sorpresa, a día de hoxe, o patio está como estaba, co cerramento roto, o que supón un grave risco e perigo para os nenos e nenas da escola, que está ao pé dunha estrada de intenso tráfico e, por outra parte, os nenos quedan sen o disfrute do patio, onde xogan e pasan o recreo.

O GM do BNG de Cambre considera lamentábel a falta de sensibilidade do goberno local de Cambre cos nenos da escola infantil de Cecebre que comezarán o próximo curso nunha situación en precario, o que consideramos inadmisíbel porque o goberno local tivo tempo de abando para arreglar os desperfectos causados polo accidente.

Máis fotos (+)
Fotos
Comentario (0) - Categoría: Educación - Publicado o 10-09-2007 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
Anxo Quintana sinala a posta en marcha da Rede Galescola como
[07/09/07] O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, abriron esta mañá en Vilaboa o curso 2007-2008 da Rede Galega de Escolas Infantís, postas en marcha pola Vicepresidencia da Xunta e xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Con esta nova rede arredor de 3.000 nenos e nenas galegos comezan a encher de vida un proxecto que bota a andar con 48 centros en todo o país. As 23 novas galescolas que abren por primeira vez as súas portas neste trimestre supoñen a creación de 1.000 novas prazas na educación infantil pública de 0 a 3 anos, uns centros aos que hai que engadir as 25 escolas infantís que xa xestionaba a Vicepresidencia e que dan cabida a 2.079 cativos.(+)
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
galescolas.net
Comentario (0) - Categoría: GALESCOLA - Publicado o 07-09-2007 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
A resposta da Concelleira socialista é un cúmulo de falsedades por desinformación ou mala fé
O único certo é que asume que foi ela quen decidíu que os cidadáns non podan facer trámites polas tardes.

30 de agosto 07.- O Portavoz nacionalista en Cambre, Xabier Iglesias, manifestou a súa sorpresa pola resposta da responsable socialista de Servizos Sociais. “De todas as afirmacións feitas a única certa e a única que lles interesa aos usuarios é a súa confirmación de que, efectivamente, ela deu as ordes de que non se atendera polas tardes ás familias usuarias da Galescola. “Seguro que nais e pais que traballan polas mañás estarán encantados coa medida, desde logo algúns xa nos manifestaron a súa contrariedade”. Iglesias recomendóulle que se informe primeiro antes de falar e que acompañé, se é posíbel, as súas actuacións dun algo de sensibilidade. Pregúntase como casa está decisión cos plans que o pasado goberno tiña de establecer horarios de tarde algun día da semana para facilitar as tramitacións administrativas. Era o Servizo de Atención Cidadá (SAC) previsto para comezar no último periodo deste ano. “Se cadra o novo goberno socialista decide abandonar esta proposta porqué, como dice a concelleira: hai tiempo más que suficiente en horario de mañana”. É o colmo, manifestou, que se afirme que antes non se facían actividades pola tarde cando, precisamente a maioría eran nese horario.

Recomendóulle, ademais, que documente as suas opinións antes de facelas públicas. Referíase, o portavoz do BNG, a que non é a Xunta, como afirma a concelleira, quen tramita as inscripcións. É o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o concello de Cambre forma parte do Consorcio. ´”Quizais a concelleira ten pensado abandonar esta Institución e tirar pola borda o esforzo de dos últimos anos”.

Diante da acusación de irresponsabilidade feitas pola concelleira Iglesias recomendóulle novamente que se informe. Que averigüe primeiro cantas escolas infantis públicas había en Cambre en 2003 e de quen foi, precisamente a responsabilidade da existencia da Galescola. É certo, dixo, que a obra tivo un grande retraso, pero animóuna a comprobar todo o expediente da obra para comprobar onde están as incidencias. “Non foron precisamente responsabilidade da área de cultura e Benestar que dirixín, seguro que os seus compañeiros de goberno e de partido podenna ilustrar sobre isto”.

Respeito da acusación de que non se fixo nada pola terceira idade, sinala, só se pode manter esta afirmación desde a mala fé ou desde a ignorancia. Recordoulle que desde o ano 2005 levanse facendo miles de horas en actividades sociais ocupadas fundamentalmente polo colectivo dos maiores, que se colaborou na creación dun centro de día e dunha mini residencia, ambos privados, e que se rematou a lexislatura cun acordo coa Vicepresidencia da Xunta para construir o primeiro centro de día público. “Calquera vé que queda moito por facer pero o camiño está marcado e agora está este asunto baixo a súa responsabilidade, terá que demostrar que sabe e que quere seguir esa liña de melloras no benestar”. O responsábel nacionalista comentou, tamén, que agarda que non se confunda á hora de actuar: “as políticas para a terceira edade non son só festas e fastos, iso está ben pero non abonda. Agardo que teña forza para negociar no seu grupo partidas económicas suficientes para investimentos en Benestar e que teña a capacidade de traballo e de relación institucional dialogante para traer investimentos a Cambre”

Artigo relacionado (resposta da Concelleira socialista):
O goberno local culpa ao BNG do atraso na apertura da galescola
Comentario (0) - Categoría: GALESCOLA - Publicado o 01-09-2007 00:44
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id

id

id

id

id

id

foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





contador de visitas com


© by Abertal