POR UNHA MAREA GALEGA


O Concello esixe á Xunta que mellore o servizo do 065 ante as queixas efectuadas por numerosos veciños

id


Cambre comezou a suprimir o transporte adaptado municipal ante o anuncio do goberno autonómico de que asumiría a competencia



Cambre, 30 de outubro de 2009.-

O goberno local de Cambre reclama á Xunta unha mellora inmediata do servizo de transporte adaptado que está ofrecendo aos veciños do municipio. Os usuarios puxéronse en contacto cos responsables locais para protestar polas deficiencias do 065. Algúns manifestaron que os responsables autonómicos cancelan as citas concertadas para efectuar o transporte o día anterior a pesar de térense fixado até cunha semana de antelación.

O Alcalde anunciou que enviará unha carta ao Presidente da Xunta para pedirlle que mellore rapidamente o servizo e engadiu que o transporte adaptado é un servizo fundamental para as persoas con dificultades de mobilidade. Agradeceu, ademais, que os veciños notifiquen estas queixas ao concello para que se poidan formular as protestas e reclamacións necesarias ao Goberno Galego.

Neste mesmo sentido explicouse o primeiro tenente de alcalde, Xabier Iglesias, quen denunciou a “mala calidade” do 065 da Xunta e comprende a situación das persoas usuarias. “Se o que se concerta non se cumpre, comezan os problemas” afirma. Insistiu en que non se pode consentir que se dean pasos atrás en servizos de igualdade básicos como este.

Transporte municipal

Ata este ano, o transporte adaptado corría a conta do Concello. A finais de 2005, iniciouse o servizo municipal en virtude a unha colaboración acordada coa entón Vicepresidencia de Igualdade e Benestar autonómica. “Concibiuse como unha ponte mentres non se puxera en marcha o servizo da Xunta”, relata o primeiro tenente de alcalde.

O concello, lembrou Iglesias, fixo un esforzo importante naquel momento, cunha forte dotación económica. Referíase a que Cambre foi un dos concellos pioneiros en prestar estes servizos e, segundo explicou, debeuse en boa medida á decidida aposta do anterior goberno municipal por impulsar as políticas de igualdade e benestar. Lembrou que foron precisamente os concelleiros do BNG, á fronte da Área de Servizos Sociais Municipais, quen pularon pola creación destes servizos.
“Comprendemos perfectamente a indignación das persoas usuarias”, afirmou, e declarou a súa solidariedade e compromiso de apoiar as reclamacións e solucionar o problema creado pola rebaixa na calidade das políticas de benestar que está a provocar a xestión popular na Xunta, dixo.

O anuncio da Xunta de rematar o vindeiro 31 de decembro coas subvencións ao servizo municipal de transporte adaptado ao quedar Cambre cuberto polo 065 da Xunta, fixo saltar todas as alarmas, dada a mala xestión que está a realizar.

Iglesias insistiu en que o goberno de Cambre despregara diversas iniciativas para reclamar que se corrixa a situación e, afirmou, que se poñerán en contacto co grupo parlamentar nacionalista no Hórreo, para que se denuncie no Parlamento o mal funcionamento do servizo de transporte adaptado e se poñan solucións.





Categoría: Benestar - Publicado o 31-10-2009 01:24
# Ligazón permanente a este artigo
Declaración contra a violencia de xénero

id

O Concello de Cambre aproba unha declaración contra a violencia de xénero



Cambre, 30 de outubro de 2009.-

A concelleira de Igualdade e Xuventude, Laura Fernández, presentou aos distintos grupos municipais unha proposta de moción institucional en contra da violencia machista.

A concelleira nacionalista explicou que esta declaración esta enmarcada no conxunto de actividades que teñen como centro o 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. Aclarou que o motivo de presentala neste Pleno debíase ao interese en que a declaración institucional tivese lugar antes do 25 de novembro. “Van ser unha serie de actividades de difusión e concienciación que se centrarán na segunda quincena de novembro”, dixo, e insistiu en que a declaración institucional era unha peza fundamental ao amosar a unanimidade da representación política municipal contra esta forma de terrorismo. Fernández quixo agradecer en nome do goberno local cambrés o apoio de todos os grupos e, afirmou, que esa unanimidade ten unha grande importancia polo exemplo que supón para a sociedade, deixando claro que a violencia machista non ten espazos de impunidade nin de cobertura.

A votación da moción no Pleno ordinario celebrado onte foi unánime, resultou aprobada cos votos favorábeis dos 19 concelleiros e concelleiras presentes.

Texto da Moción contra a violencia machista:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello de Cambre quere manifestar a súa máis enérxica repulsa á violencia machista. No que vai de ano xa son 46 as mulleres asasinadas en todo o estado das cales 3 foron asasinadas na Galiza.

A violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara da desigualdade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.

A Lei Integral parte da existencia dun modelo de relación entre homes e mulleres que, forxado desde un sistema patriarcal de interacción entre os sexos, debe ser cuestionado para dar paso a outro paradigma de identidade e de relación que se adecúe de xeito máis preciso ao noso sistema de convivencia democrática e veña a corresponderse en base aos dereitos humanos.

Os paradigmas que teñen que cuestionarse para facer visibles as dimensións da violencia contra as mulleres son aqueles que lexitiman a situación de desigualdade, a subordinación ou a inexistencia simbólica das mulleres ( violencia cultural). Así, se terá que producir un cambio na mentalidade e nos supostos patriarcais que sustentan o mantemento desta violencia, o que esixe conquistar unha nova lóxica que presida os modelos de relación e valoración de identidades que veñan a terminar cos estereotipos sobre que é “ser home” e o que significa “ser muller”. Só así é posible entrar nunha lóxica común a ambos sexos que substitúa o actual predominio dunha lóxica androcéntrica.

Para iso, a necesaria sensibilización contra a violencia machista pasa non só por esixir unha decidida vontade política que permita acabar con esta tremenda realidade social, senón por xerar un estado de opinión que rexeite de forma aberta calquera tipo de agresión tanto física como psicolóxica contra a identidade das mulleres, e non só das mulleres do noso país, senón de todas as mulleres que en calquera parte do mundo están a sufrir explotación sexual, violencia económica, violacións de dereitos fundamentais, fundamentalismos baseados en sociedades patriarcais,...

Por iso requírese unha maior coordinación de todos os poderes públicos e axentes sociais na erradicación da violencia machista, e nos sumamos aos esforzos por acadala.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Instamos á Xunta de Galiza a que realice unha política educativa e de sensibilización en igualdade mediante campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais e a formación formal no ámbito educativo

2. Instamos á Xunta de Galiza a que realice unha axeitada planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que están pendentes do seu desenvolvemento, en concreto a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do centro de recuperación integral e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na Lei.

3. Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza





Categoría: IGUALDADE - Publicado o 31-10-2009 01:14
# Ligazón permanente a este artigo
Primeira edición do Ciclo Aberto Solidario de Cambre

id

Unha trintena de persoas aprende a cerimonia do té saharauí



Cambre, 29 de outubro de 2009.-

A primeira edición do Ciclo Aberto Solidario de Cambre continúa penetrándose na cultura e costumes do pobo saharaui. Ao redor de 30 persoas aprenderon onte a típica cerimonia do té nunha sesión celebrada no centro sociocultural da urbanización da Barcala.

Unha cooperante da ONG Solidariedade Internacional, que colabora co Concello na organización do evento, celebrou unha cerimonia que se repite continuamente nas haimas saharauís.
A cooperante explicou que no Sahara considérase que o ritual é “como a vida mesma”. Isto débese a que o primeiro té que se consegue é “amargo como a vida”, o segundo “doce como o amor” e o terceiro “suave como a morte”.

Logo de degustar o té, os participantes visualizaron a película “Herdeiras”, rodada este mesmo ano por Ariadna Relea.

A seguinte actividade do ciclo terá lugar o xoves 5 de novembro, coa proxección doutra película e a realización dun taller de tatuaxes de henna.

O ciclo está organizado pola Concellaría de Participación Cidadá e Cooperación que dirixe o edil nacionalista Antón Otero e persegue a concienciación dos veciños e veciñas de Cambre e a súa participación solidaria diante da situación doutros pobos.

As actividades destes Ciclos Abertos Solidarios prolongaranse até a primavera.
.





Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 31-10-2009 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello destina 120.000 euros a un plan de recuperación das fontes e lavadoiros

id


O goberno local sacará a licitación de inmediato a reforma de catro fontes elixidas en función do valor histórico que teñen



Cambre, 28/10/09

A Concellaría de Turismo, Patrimonio Histórico e Natural e Medio Rural elaborou nas últimas semanas un proxecto básico. Para iso, a edil, Gumersinda Becerra, recorreu, xunto cos técnicos municipais, as distintas fontes do concello para elixir as que entrarían nesta actuación. “Como criterio puxemos o valor histórico, artístico e etnográfico”, explica. Asemade, se tivo en conta aquelas que corrían un risco elevado de desaparición polas condicións nas que se atopaban, engade a concelleira.

Así, as nove fontes que forman parte do proxecto son:

• Fonte da Pitona (parroquia de Brexo – Lema)
• Fonte da Vila ou Fontemoura (parroquia de Santa María de Vigo)
• Fonte do Pontido (parroquia de Sigrás)
• Fonte da Pena (parroquia de Cela)
• Fonte do Outeiro (parroquia de Cela)
• Fonte do Bimbieiro (parroquia de Cambre)
• Fonte do Drozo (parroquia de Cambre)
• Fonte do Toural (parroquia de Cambre)
• Fonte de Peiraio (parroquia de Bribes)

Polo de agora, a actuación que o Concello vai a acometer será a recuperación das catro primeiras. O goberno local sacará a licitación o proxecto de inmediato. Para a reforma das otras cinco fontes, Becerra anuncia que se solicitará unha subvención ao Grupo de Desenvolvemento Rural “Terra das Mariñas”.

Na decisión de que espacios acondicionar primeiro influiron os mesmos criterios que para facer o proxecto básico. Por exemplo, sinala a concelleira, a fonte do Pontido continúase a utilizar e ademais atópase no Camiño de Santiago. No caso da Pitona, sitúase xunto a un parque infantil polo que a reforma contribuirá á creación dun espacio axeitado de reunión para os veciños maiores e pequenos.

Os traballos que se executarán perseguen a posta en valor de importantes elementos patrimoniais que aínda conserva Cambre. “Non queremos uniformizalas, recuperaremos cada unha en función das características do seu entorno”, argumenta Becerra. A concelleira confía en acadar a axuda de Terra das Mariñas para completar o proxecto e vaticina que a mellora das decenas de fontes do municipio prolongarase durante o seguinte ano.


Categoría: Infraestruturas - Publicado o 29-10-2009 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
A Concellaría de Xuventude escoita as propostas dos mozos e asociacións xuvenís de Cambre

id

Laura Fernández iniciou tamén o contacto cos representantes xuvenís dos partidos políticos


Cambre, 27/10/09

A Concellería de Xuventude comeza o curso dando voz aos protagonistas das actividades que impulsa. Os mozos e representantes de distintas agrupacións xuvenís de Cambre participaron o pasado fin de semana no chamado “Finde Xuvenil”, que lles ofreceu un marco idóneo para se involucrar no futuro do programa municipal.

A concelleira responsable, Laura Fernández, tomou nota de todas as opinións dos mozos. Os participantes avaliaron tanto o programa desenvolvido ata o de agora como elevaron suxestións de cara as actividades de 2010. O Concello promoveu esta iniciativa cando se inicia a confección dos vindeiros orzamentos.

Os mozos amosáronse conformes coa meirande parte dos programas impulsados pola concellería. Por exemplo, apostaron pola continuidade de iniciativas como CambRED ou Noites Morcegas. Ademais, están a ultimar os detalles do magosto que terá lugar en novembro.

Fernández explica que outra das propostas foi a creación de perfís nas redes sociais de internet con máis afluencia dos mozos. Os técnicos municipais formalizaron onte a constitución e xa moitos internautas cambreses contactaron coa concellería.

Por outra parte, a concelleira comezou tamén a establecer contacto coas agrupacións xuvenís dos partidos políticos. Fernández convocou aos representantes a unha reunión específica onde presentou as liñas que levará o seu departamento e onde anotou as iniciativas que ofreceron. Moitas das propostas competían a outras áreas, pero a edil comprometeuse a trasladalas.





Categoría: Xuventude - Publicado o 29-10-2009 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
Pleno Ordinario - 29 de outubro de 2009




id

Sesión ordinaria do Pleno da Corporación ás 20:30 horas, coa seguinte orde do día:


1º.- Aprobación, se procede, dos borradores das actas correspondentes á sesión ordinaria do día 30 de xullo e sesión extraordinaria do día 22 de agosto de 2009

2º.- Proposta de delegación na Deputación Provincial da Coruña das competencias para a instrución dos expedientes sancionadores por infracción das normas sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria

3º.- Proposta de modificación para o 2010, das ordenanzas fiscais números 14 e 15, reguladoras das taxas pola utilización das instalacións deportivas municipais e pola prestación de servizos deportivos, e por subministración de auga

4º.- Proposta de modificación para o 2010, dos acordos reguladores números 1, 2, 3 e 4, reguladores dos prezos públicos por actividades culturais, extraescolares, deportivas de verán e xuvenís

5º.- Proposta de aprobación da imposición e ordenación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas subministradoras de servizos de telefonía móbil e da taxa por aproveitamento especial da vía pública con caixeiros automáticos, adosados aos edificios e con acceso directo dende a vía publica, así como das súas ordenanzas fiscais reguladoras

6º.- Mocións

7º.- Informes da Alcaldía

8º.- Rogos e preguntas



GZnacióntid

Éche o que hai. Por López -------------------___________________--------------------A viñeta por Gonzalo Vilas
www.galicia-hoxe.com/ -------------------___________________------------------------- www.gznacion.com/
Categoría: Plenos - Publicado o 26-10-2009 13:31
# Ligazón permanente a este artigo

Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 22-10-2009 20:33
# Ligazón permanente a este artigo

Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 22-10-2009 20:31
# Ligazón permanente a este artigo

Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 22-10-2009 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
VIII curso básico de voluntariado






O Concello de Cambre a través da concellaría de participación cidadá, cooperación e solidariedade ven de realizar o VIII Curso básico e específico de voluntariado os pasados 03 e 04 de outubro de 2009 no Albergue de Alvarella.


Cambre, 15 de outubro de 2009

As xornadas consistiron no desenvolvemento dun curso básico de acción voluntaria destinado a persoas interesadas na acción voluntaria e a persoas voluntarias que non o tivesen feito con anterioridade. (...máis)



Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 16-10-2009 21:49
# Ligazón permanente a este artigo


id

id O Concello de Cambre acaba de contratar un servizo de asesoría para atender as necesidades das asociacións do municipio cos seguintes obxectivos:

Promover a creación de novas asociacións que cubran intereses non recollidos no censo actual

Ofrecer información e formación para asociadas/os para unha mellor xestión e un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles

Promover a interacción entre asociacións

Ofrecer un servizo de asesoramento naqueles aspectos que poidan ser de interese para cada asociación como subvencións, tramitacións, formación,...

Elaborar materiais e ferramentas de utilidade para o bo funcionamento interno das asociacións e un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles tanto no propio concello como no exterior

O Horario de atención a asociacións é:
Luns e mércores de 18:00 a 21:00 horas
Xoves de 10:00 a 14:00 horas
Lugar:
Oficina Municipal de Xuventude (OMIX) - detrás do Concello de Cambre

Persoa de contacto - dinamizadora asociativa:

Patricia Pena Monelos

Teléfonos: 981613170 ou 981613128 - ext. 618



Categoría: PARTICIPACIÓN CIDADÁ - Publicado o 14-10-2009 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello encarga un estudo para eliminar o punto negro da Volta das Carrozas


id
O proxecto levará a beirarrúa por baixo do nivel da calzada para garantir a accesibilidade

Cambre, 12 de outubro de 2009.-

Cambre continúa co seu compromiso coa seguridade viaria. Ás actuacións de remodelación e construción de beirarrúas e sendas peonís en distintas parroquias do municipio, o Concello pretende sumar a supresión dun dos principais puntos negros para os peóns: o cruzamento da Volta dás Carrozas.

Trátase da intersección situada no centro da capital municipal, na confluencia da estrada procedente do Temple (CP-1706) coa que se encamiña cara a Sigrás (AC-214). “Resulta case impracticable para os peóns”, resalta o primeiro tenente de alcalde, Xabier Iglesias. En efecto, a orografía do terreo e o ángulo pechado formado no cruzamento entre as dúas vías fai que a beirarrúa non continúe e obrigue aos transeúntes a pisar a calzada para continuar a súa marcha.

Por iso, a Concellaría de Medio Ambiente, Obras e Servizos encargou un estudo para barallar as posibles solucións para o punto. “En principio, a solución pasar por proxectar unha baixada en costa coa beirarrúa enterrada con respecto á estrada”, avanza Igrexas. Así, a beirarrúa procedente do Temple comezaría a descender por baixo do nivel da calzada a uns 40 metros da Volta dás Carrozas. Deste xeito, cumpriríanse os graos de inclinación marcados pola lexislación e os peóns enlazarían sen dificultades coa beirarrúa que proseguiría pola AC-214.

Para o caso das persoas que desexen continuar a súa marcha cara a Cambre, Igrexas apunta que se colocará un paso adecuado. “O paso de peóns non se pode situar no mesmo cruzamento porque non sería seguro”, xustifica. Por iso, os viandantes poderán cruzar uns metros máis abaixo da intersección, na AC-214.

Dado que a actuación se efectuara nunha estrada de competencia da Deputación da Coruña (a do Temple - Cambre) e noutra propiedade da Xunta (Cambre - Sigrás), Igrexas pedirá colaboración a ambas as administracións para mellorar a intersección. “Estamos seguros de que apoiarán á intervención xa que redundará na seguridade viaria e garantirá a accesibilidade”, afirma.

Investimento

A pesar de tratarse dunha actuación que afectará a uns poucos metros, o Concello estima que o investimento roldará os 40.000 ou 50.000 euros. Ademais dos traballos de pavimentación da beirarrúa ou o pintado de pasos de peóns, o proxecto incluirá a construción de dous muros de formigón que a separarán da estrada e a colocación de varandas de protección para os usuarios.

Así mesmo, o proxecto terá que asumir a reposición dos servizos afectados pola obra, como as canalizacións de auga e saneamento ou o alumado público.

Prazos de execución

En canto ao prazo de execución dos traballos, Iglesias aclarou que, unha vez que os técnicos municipais lle dean o visto bo ao proxecto se dirixirá á Xunta e á Deputación para obter as autorizacións necesarias e a súa colaboración. Indicou que é a súa intención, logo de pasar estes trámites, que a obra se acometa incluída no Plano Municipal de Obras de 2010.



Categoría: Infraestruturas - Publicado o 13-10-2009 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre recibe un investimento estatal para eliminar as inundacións do núcleo do Caneiro


id
O proxecto contempla a construción dunha rede de recollida de pluviais que canalice a auga da choiva cara ao río Mero

Cambre, 10 de outubro de 2009.-

O pequeno núcleo do Caneiro librarase das inundacións producidas en épocas de fortes choivas. O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño acaba de confirmar ao Concello de Cambre que nas próximos datas adxudicarase a obra de construción do sistema de recollida de pluviais que erradicará as inundacións.

O proxecto inclúe a instalación dunha rede para recoller a auga da choiva a un pozo de bombeo que a derive cara á o río Mero, que discorre xunto ás vivendas do Caneiro. “Desta forma evitarase que auga quede acumulada nos terreos e rúas do núcleo”, explica o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Xabier Iglesias.

O problema do lugar, sinala o edil, consistía en que se atopa nun val a nivel do Mero. Fai anos, a Confederación Hidrográfica levantou as motas para impedir que as crecidas do caudal puidesen afectar ás casas. A partir dese momento, o problema aparecía coas fortes precipitacións. “A choiva recollida no Caneiro non podía chegar ao río”, apunta Iglesias.

Iglesias mostrou a súa satisfacción por que se acometa esta intervención que, lembrou, xa fora acordada hai tempo en negociacións entre o goberno local e a confederación. No seu momento, dixo, dixemos que o máis adecuado era que a intervención da Confederación se dirixira á expropiación da zona habitada máis próxima ao río. Explicou que o proceso de urbanización nesta zona foi totalmente irracional por canto se ocuparon terreos para uso residencial nunha zona inundábel do río. Pero, aclarou, unha vez que se opta pola permanencia das vivendas débense acometer todas as intervencións necesarias para protexer ás persoas e aos bens.

Fontes e sinalización

Por outro lado Iglesias explicou que unha parte das intervencións que realizará a Confederación con este proxecto apunto de adxudicar, consistirán en amañar a Fonte da Telleira, perto de Meixigo, e completar a rede de sinalización en todos os tramos dos sendeiros fluviais.




Categoría: Río Mero - Publicado o 13-10-2009 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a urbanización da contorna do centro de formación de Espírito Santo


id
O proxecto inclúe a construción de beirarrúas e un espazo de aparcadoiro para máis de 70 vehículos

Cambre, 9 de outubro de 2009.-

O Concello de Cambre emprende a mellora do centro de formación situado no polígono industrial de Espírito Santo. O goberno local xa formalizou a adxudicación dos traballos de reordenación das inmediacións do edificio, que darán comezo o vindeiro martes. “Trátase de aproveitar a parcela onde se atopa ou centro para humanizar a contorna”, explica o primeiro tenente de alcalde, Xabier Igrexas.

A obra, que necesita un investimento de 231.000 euros, para a que Cambre recibiu unha axuda da Deputación da Coruña, inclúe a construción de espazos que faciliten o acceso dos usuarios ao inmoble. Así, asfaltarase a superficie do solar, de maior extensión que o centro, para propiciar a creación dun aparcadoiro que terá cabida para máis de 70 vehículos. Igrexas sinala que ademais se realizarán beirarrúas “para que as persoas podan moverse dunha forma axeitada e cómoda fronte ao edificio e, ao tempo, sirvan de protección do propio edificio”.

A actuación persegue tamén favorecer o descanso dos alumnos que asisten a sesións no recinto. Por iso, habilitaranse puntos exteriores con mobiliario urbano que propicien o asueto, así como zonas cubertas para o caso de condicións meteorolóxicas adversas. “Queremos que as instalacións do centro de formación se completen cun axeitado aspecto exterior, que ademais ofreza facilidades aos usuarios na súa estancia nos cursos”, razoa Iglesias.

Pero a urbanización do centro non esquece mellorar a oferta de formación. A Axencia de Desenvolvemento Local, que depende do concelleiro de Economía e Facenda, Venancio Salcines, anuncia que o exterior da instalación contará cunha zona para impartir sesións dos talleres sobre metal, que en ocasións requiren dun espazo amplo. Salcines informou que o desenvolvemento destas obras non afectará ao funcionamento do Centro, que continuará con normalidade os cursos de formación.

Ademais deste proxecto, o goberno municipal promove a ampliación do centro en varias aulas, actuación enmarcada no Fondo Estatal de Investimento Local. A previsión do Concello apunta a que as dúas obras estarán rematadas antes de final de ano.





Categoría: Infraestruturas - Publicado o 09-10-2009 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre estrea conexión inalámbrica a Internet na OMIX e na Casa Consistorial


id

O Concello amplía o horario de apertura do aula de informática do punto de información xuvenil



Cambre, 8 de outubro de 2009.-

O Concello de Cambre aposta pola introdución das novas tecnoloxías entre os veciños. A Concellaría de Participación Cidadá acaba de instalar na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) o equipamento necesario para ofrecer conexión inalámbrica a Internet.

O servizo, ofrecido de forma totalmente gratuíta, só require aos interesados que se dean de alta. Coa iniciativa, o goberno local pretende fomentar o acceso á rede de redes para os residentes, especialmente os máis novos. O concelleiro responsable de Participación Cidadá, Antón Otero, explica que a conexión wi-fi “propiciará un mellor servizo para vos rapaces que acoden decotío á OMIX para recibir asesoramento en materia de emprego, formación ou actividades”. O edil aposta por facer da dependencia un punto de “dinamización” no que calquera usuario con computador portátil, PDA ou teléfono móbil poida realizar consultas en Internet
sen custo algún.

A actuación tamén se estenderá á casa consistorial cambresa. O Concello xa instalou os equipos para ofrecer a conexión sen cables. O edificio contará con dispositivo de “enrutamiento” tanto no baixo como no primeiro andar, para ofrecer a calidade de sinal adecuado. O obxectivo consiste en facilitar acceso á rede para os veciños que acudan ao consistorio, aínda que tamén estará dispoñible para as distintas reunións de traballo que se leven a cabo nas dependencias, como os plenos da corporación.

Aula de informática.-

Ademais da conexión wi-*fi, Otero explica que a aula de informática situada na OMIX ampliou o seu horario de apertura desde o pasado xoves, día 1 de outubro. “Trátase de aproveitar os recursos que ten o concello”, sinala. A sala permanecerá aberta no mesmo horario que o punto de información (de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas) para ofrecer conexión a Internet, salvo nas horas que se desenvolvan cursos de informática.


Categoría: Anuncios - Publicado o 09-10-2009 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello solicita a colaboración da Xunta para mellorar a seguridade viaria en varios tramos de estradas


Iglesias considera “imprescindible” a construción de sendas peonís que sirvan para comunicar os núcleos do municipio

id id

A mellora da canalización de pluviais en Aián contribuirá á seguridade viaria e á protección das persoas


Cambre, 7 de outubro de 2009.

O Concello de Cambre prosegue coa mellora da seguridade viaria na rede de estradas do municipio. Para dar solucións a varios tramos de calzadas autonómicas, o goberno local solicita á Xunta a súa colaboración. Despois de que este asunto fora exposto polo alcalde ao delegado
provincial da Xunta, Diego Calvo, o Concello atópase á espera de que responsábeis da Demarcación de Estradas da Xunta se despracen até Cambre para coñecer as necesidades de actuación na materia. En concreto, as peticións da Concellaría de Medio Ambiente, Obras e Servizos que dirixe Xabier Iglesias céntranse n AC-214, que atravesa as parroquias de Sigrás, Cambre, Pravio e Cecebre, e a AC-221, que comunica San Pedro de Nós con Cecebre.

Na primeira, o Concello aposta pola construción de sendas peonís nos tramos
da Castellana (entre Cambre e Pravio), A Xira (Sigrás) e fronte a Amil. En canto á segunda, a necesidade de reservar espazo para viandantes concéntrase no treito que vai desde o cruzamento de Catro Camiños ata o apeadeiro de Cecebre. “Presentaremos unha proposta de colaboración para que a Xunta obteña os terreos necesarios para facer as sendas peonís e executar a obra”, afirma o primeiro tenente de alcalde. O goberno municipal, como xa sucede noutras estradas do concello, aposta por estas sendas que discorren en paralelo á calzada como método para garantir a seguridade viaria. “Resultan imprescindibles para a comunicación entre os pequenos núcleos do concello”, resalta Iglesias.


Así mesmo, o concelleiro apunta que outra actuación que desenvolverá o Concello en Aián (Sigrás) contribuirá a este obxectivo. No núcleo, acondicionarase a recollida de pluviais na cuneta da estrada, polo que se mellorará tamén a seguridade viaria. Estes traballos acometeranse de inmediato, anunciou. “Elaborouse un proxecto e solicitáronse as ofertas a varias empresas, despois de que o Pleno de 15 de setembro aprobase a habilitación de crédito necesaria”, explicou Iglesias, e engadiu que só están á espera da necesaria autorización da Xunta para adxudicar os traballos e comezar as obras. Referíase a un tramo da citada estrada autonómica AC-214 de, aproximadamente 300m que comunica o núcleo de Aián coa Estrada N-550. Operación na que Cambre investirá perto de 50.000€.






Categoría: Anuncios - Publicado o 09-10-2009 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
O Consorcio das Mariñas elixe unha comisión que redactara a proposta de novos estatutos


SERVIRÁN PARA A NEGOCIACIÓN CO CONCELLO DA CORUÑA CARA A SÚA ENTRADA NA INSTITUCIÓN COMARCAL


Cambre, 8 de outubro de 2009.-

O pasado martes, día 6, o Pleno do Consorcio das Mariñas, deu un paso máis cara a integración do Concello da Coruña no ente supra-comarcal. Por acordo unánime entre os representantes dos 9 municipios elixiuse unha comisión de traballo que coordinará o Alcalde de Abegondo, o non adscrito Santiso Miramontes, e completan o nacionalista e Alcalde sadense, Abel López Soto e a popular e alcaldesa de Betanzos, María Faraldo.

Ademais, o Pleno, aprobou solicitar a colaboración dos servizos xurídicos da Deputación para elaborar a proposta. Lembrouse, neste punto, que a colaboración no asesoramento xurídico da institución provincial fora destacada na xénese do Consorcio no ano 2000.

Os alcaldes e representantes municipais presentes destacaron o cambio no discurso político coruñés, avaliándoo como positivo. Aínda así coincidiron na prudencia á hora de agardar polos resultados do proceso.

Xabier Iglesias, portavoz nacionalista en Cambre e que participou na xuntanza representando ao concello de Cambre na súa calidade de 1º Tenente de Alcalde, manifestou a súa coincidencia coas conclusións da reunión. Engadiu a súa satisfacción polo acordo e polas conclusións do encontro dos alcaldes da pasada semana que propiciaron esta decisión. Lembrou que no nacemento do Consorcio, o BNG expresara a súa convicción de que o novo organismo estaría incompleto sen A Coruña. Lamentou que pasaran tantos anos dándose as costas comarca e capital pero manifestou que non era momento de mirar atrás, que agora se trataba de mirar ao futuro e de poñerse a traballar para recuperar o tempo perdido. "Agardo que non quede todo en declaracións de boas intencións que supoñería unha frustración máis para cidadanía que xa comeza a estar farta de que desde as alcaldías non se teña conseguido encamiñar case nada en canto aos problemas que todos sufrimos a diario", comentou.

Sobre as competencias que debería abordar o Consorcio coa entrada da Coruña, Iglesias precisou que son varios os temas urxentes, desde o transporte e a mobilidade á xestión de todo o ciclo da auga. Tamén indicou que non se podían esquecer o Turismo, no que está en marcha un plano de actuación conxunta, ou as políticas sociais, nas que tamén existe unha colaboración estábel entre os nove concellos actuais. Aínda así, explicou, é necesaria a coordinación dos planeamentos urbanísticos, a definición das grandes bolsas de solo que se dedicarán a usos residenciais, industriais e de servizos, incluíndo os corredores de transporte e as áreas de protección medioambiental e paisaxística. "O futuro demándanos o acordo, non hai tempo que perder en debates teóricos sobre os límites da área metropolitana", dixo en referencia á discusión sobre modelos que ten transcendido nos últimos tempos, "pódese discutir se hai que chegar a máis concellos, pero desde logo non creo que ninguén poida cuestionar que os que formamos parte do Consorcio a día de hoxe e o concello coruñés, temos que ser o cerne da futura área metropolitana", concluíu.


Categoría: Novas - Publicado o 08-10-2009 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
O goberno local impulsa a participación veciñal na humanización do Graxal



id
Os residentes propuxeron a Iglesias a reforma do paseo dos Templarios e a construcción dun soportal na rúa Francisco Rodríguez


Cambre, 3 de outubro de 2009.-

O Concello camiña da man dos veciños para planear a modernización do municipio. Se para a reforma do campo da feira de Cambre o goberno local emprendeu unha campaña de recollida de suxestións por parte dos residentes, a humanización do Graxal seguirá un proceso parecido. O primeiro tenente de alcalde, Xabier Igrexas, e o concelleiro de Participación Cidadá, Antón Otero, reuníronse o pasado xoves con representantes de asociacións que desenvolven a súa actividade no Temple para involucralos na remodelación integral da parroquia máis poboada do concello.

Aínda que a idea do equipo de goberno consistía en que o encontro servise como unha primeira toma de contacto para o traballo conxunto, os veciños xa aproveitaron a cita para realizar as súas primeiras propostas, aceptadas de bo grado, se non existen impedimentos, polos dous concelleiros. As entidades participantes suxeriron a reforma do paseo marítimo dos Templarios,
que comprende desde a ponte do Burgo ata detrás do colexio Portofaro.
Igrexas explicou que a actuación podería consistir na creación de plataformas elevadas para os peóns que eviten que os vehículos circulen a grande velocidade. Non obstante, o primeiro tenente de alcalde subliña que calquera tipo de obra na vía permanece a expensas de que Costas o autorice.

Outra das peticións dos residentes dirixiuse cara á rúa Francisco Rodríguez, que linda co colexio do Graxal e o parque Ramón Barba. Alí existe unha zona reservada para os autobuses escolares xunto a unha marquesiña. As agrupacións apostan por ampliar o espazo dedicado aos peóns. “Poderíase facer un soportal, con espazo para as persoas, e que ademais daría un mellor aspecto á zona”, apunta Igrexas.

O Concello tamén dispón dunha serie de actuacións ao longo da parroquia para
humanizala. O concelleiro de Obras avanzou algunhas, como o pintado da fachada da Casa dás Palmeiras, ou os traballos de mantemento e rehabilitación urbana nos que xa está a actuar a brigada de obras municipais desde hai varios días.

As actuacións enmarcadas no plan Arume, financiado nun 70% con fondos europeos e un 30% con fondos municipais, dentro do programa de “humanización do Temple” xa están en marcha. O primeiro Tenente de Alcalde informou que desde o seu departamento xa se encargou a redacción do proxecto de reforma integral da Rúa Pígara e Padre Feijoo que, por un importe entorno aos 400.000€, incluirá a construcción dun novo colector de pluviais dende a N-VI até a Ría e o acondicionamento da superficie cun novo tratamento que compatibilice o transito de vehículos coas persoas. Dentro das accións de humanización do barrio, “O obxectivo é renovar barrio do Temple con actuacións que se integren perfectamente co contorno”, razoa Igrexas. O concelleiro asegura que os proxectos porán en valor o núcleo e dinamizarán tamén o comercio local. Así mesmo, Otero anuncia que o contacto iniciado coas asociacións da parroquia, tanto veciñais, como culturais ou deportivas, manterase ao longo do plan de mellora do Graxal. “Queremos involucrar aos cidadáns para que decidan
activamente o aspecto que vai ter o lugar onde viven”, expresa o edil de Participación Cidadá.

Otero aproveitou tamén o encontro cos veciños para presentar brevemente o plan da súa concellaría, de nova creación. O dirixente avanzou que tratará de “regular mecanismos estables” para establecer a participación cidadá ao longo do mandato.



Categoría: Infraestruturas - Publicado o 08-10-2009 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello saca a contratación a remodelación da travesía do cemiterio


id
Cambre gañará un centenar de prazas de aparcadoiro que darán servizo tamén ao centro de saúde


Cambre, 1 de outubro de 2009.-

O proxecto de reforma da travesía do cemiterio de Cambre avanza. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o
anuncio de contratación dos traballos de remodelación da vía. O proceso efectuarase por procedemento aberto cun orzamento de licitación de 530.128,48 euros, dos que 376.944 euros proceden das arcas da Deputación da Coruña e o restante da tesourería municipal.

Coa actuación reordenarase unha vía saturada polo servizo que dá ao centro de saúde e o cemiterio, e que serve de acceso á zona deportiva do campo de fútbol municipal. O Concello decidiu realizar un forte investimento nesta estrada dado que resulta moi estreita e non dispón de beirarrúas a pesar de enlazar
a capital municipal con estes importantes e frecuentados equipamentos.

O proxecto inclúe a construción de beirarrúas en ambos os lados e a creación de dous carrís de circulación. O ancho da vía chegará a ser de 20 metros nalgunhas zonas. Para cambiar o sentido de circulación, os condutores disporán dunha glorieta ao final da calzada, xunto á entrada ao cemiterio.

Así mesmo, a actuación contempla a renovación do alumado público, o soterramento das conexións eléctricas e de telefonía, a creación de zonas verdes e o acondicionamento da calzada. O Concello aproveitará tamén a obra para remodelar por completo a rede de abastecemento de auga e de saneamento.

Aparcadoiro, Crearanse cen novos espazos.-

Outra das finalidades que persegue o proxecto é o de conseguir novas prazas de estacionamento. En sentido baixada desde Cambre, a marxe dereita da vía ofrecerá aparcadoiros en batería oblicua e no esquerdo en liña, co que se faran desaparecer os problemas de aparcamento para as persoas usuarias do Centro de Saúde.

Pero ademais de dar servizo ao consultorio médico, o equipo de goberno entende que os futuros estacionamentos desta travesía sirvan para paliar a eliminación dos existentes no Campo da Feira. Así o manifesta o primeiro tenente de alcalde, e concelleiro de Obras e Servizos, Xabier Iglesias, que impulsará a reforma do centro de Cambre para recuperalo como lugar de reunión dos veciños e veciñas. “Coa travesía do cemiterio e a futura vía que enlazará a Estrada da Estación coa de Carral, esperamos ter o aparcamento necesario”, afirma.

Expropiación.-

Para levar a acabo a ampliación da estrada do cemiterio, o Concello tivo que expropiar 23 parcelas que lindaban coa vía, o que supuxo un desembolso de 235.000 euros. Para obter os terreos, o Concello emprendeu un proceso de expropiación forzosa dos terreos, cunha superficie total de 5.586 metros cadrados. A complexidade da expropiación veu dada en canto a que as parcelas tiñan diferente cualificación, unhas eran rústicas, outras de núcleo rural e outras urbanas de equipamento.


Categoría: Infraestruturas - Publicado o 08-10-2009 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
A brigada de Obras comeza un plan de mantemento das rúas do Temple


id
O Concello aproveita as intervencións para buscar conexións
irregulares á rede de saneamento

Cambre, 29 de setembro de 2009.-

O Concello de Cambre acaba de iniciar un plan de intervencións para acondicionar o núcleo urbano do Temple, a parroquia máis poboada do municipio. A brigada de obras dedicarase nas próximas semanas a acometer unha serie de traballos de mantemento en distintas rúas da localidade para mellorar a contorna.

As intervencións abarcarán desde tarefas de pintado de novos pasos de peóns ou de sinalización horizontal da rede viaria até a instalación de elementos que impidan o acceso de tráfico rodado a zonas reservadas para viandantes ou a reforma de espazos en mal estado.

Os operarios comezaron os traballos hoxe na rúa Abeleiras, onde empezaron a
remodelación do lousado da beirarrúa, que se atopaba deteriorado.

Ata o lugar desprazouse o primeiro tenente de alcalde, e concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Xabier Iglesias, para comprobar o avance dos traballos. “Desenvolveremos decenas de actuacións para iniciar ou proceso de humanización do Temple”, destaca. O nacionalista apunta que a finalidade consiste en sobre todo en “mellorar a seguridade viaria” das rúas do centro urbano.

Nos próximos días, a brigada, ademais de finalizar o acondicionamento da rúa Abeleiras, completará a instalación dunha barreira que separe o tráfico peonil do rodado ao final de rúa Polígono, xunto ao enlace coa saída da autoestrada AP-9, e emprenderá o acondicionamento de varios tramos da beirarrúa de Rúa Estanque, que presentan varias baldosas rotas e afundidas.

Saneamento

Ademais do acondicionamento do Temple, a concellaría aproveitará os traballos para continuar comprobando as conexións das vivendas da parroquia á rede de saneamento e á de pluviais. Precisamente, os operarios atoparon na rúa Abeleiras un enganche irregular dun edificio, que enviaba a auga da recollida de pluviais aos condutos de fecais.

“Non é tan grave como se fose á inversa, pero sobrecarga a rede de saneamento e xera máis consumo eléctrico”, sinala Igrexas. O Concello ordenará agora a súa reparación inmediata.

A actuación enmárcase no plan de eliminación das verteduras á ría do Burgo impulsado polo Concello. Os esforzos dos técnicos céntranse na comprobación das redes para achar conexións irregulares, especialmente de vivendas e establecementos que enganchan o desaugadoiro de electrodomésticos á rede de pluviais, polo que terminan no espazo marítimo.

Ademais, o primeiro tenente de alcalde sinala que o Concello financiará a construción dun colector no Graxal, que discorrerá desde a Nacional VI, xunto ao colexio, ata a ría, a través da rúa Pígara.





Categoría: Infraestruturas - Publicado o 08-10-2009 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal