POR UNHA MAREA GALEGA


Cambre dispón por primeira vez dunha Casa da Xuventude, trátase do remodelado edificio das Palmeiras no Temple
Neste marco presentouse a programación xuvenil municipal de 2011

Cambre, 29 de enero de 2011
A concelleira de Xuventude, a nacionalista Laura Fernández, presentou o novo carné da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) que se porá en marcha tras a súa aprobación no pleno ordinario celebrado o pasado xoves. O carné irá destinado aos mozos cambreses de entre 7 e 30 anos e servirá para obter importantes descontos nas actividades que organiza tanto a Concellaría de Xuventude como outras áreas do Concello, así como para facilitar o proceso de inscrición nas mesmas.

Sobre as actividades en si, Fernandez comentou a aposta por continuar, tanto as que levan realizando desde hai anos como as de nova creación en 2010, dado o éxito e boa acollida que tiveron. Como puntos a destacar, que se engade un taller de emancipación que versará sobre mecánica a petición dos usuarios e que o programa "Vente de marcha" realizarase este ano en bosques clásicos galegos, para conmemorar o Ano Internacional dos Bosques.





Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde, Xabier Iglesias, explicou a reforma efectuada na Casa das Palmeiras, que agora acaba de converterse na nova Casa da Xuventude. O concelleiro nacionalista destacou a gran acollida que tivo a nova dependencia (800 usuarios desde que se abriu en novembro) e que agora serve como punto de reunión dos rapaces, que ademais das actividades programadas pasan o tempo xugando ao ping-pong, futbolín, videoxogos ou simplemente charlando. A obra de reforma, de 94.000 euros, consistiu no acondicionamento do inmoble e a eliminación de barreiras coa instalación dunha plataforma elevadora, servizos adaptados e a eliminación de puntos complicados no exterior. "Estamos a dar uso a un edificio que practicamente non o tiña", apuntou.

Iglesias asegurou que coa posta en marcha da Casa dá Xuventude deuse un gran paso na conseción dun dos obxectivos de goberno, referidos á promoción de xuventude, definidos polo Bloque Nacionalista Goberno na súa entrada no equipo de goberno en xullo de 2009.

Categoría: Xuventude - Publicado o 29-01-2011 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
O goberno local lamenta a "deixación de funcións" amosada polo Partido Popular ao non formular os rogos e preguntas no pleno ordinario de xaneiro
Cambre, 29 de enero de 2011
O equipo de goberno de Cambre lamenta a actitude seguida onte na sesión ordinaria do pleno da corporación polo grupo municipal do Partido Popular. Lonxe de emprender as accións de fiscalización e control do goberno que como grupo maioritario na oposición teñen asumidas, práctica necesaria para o bo goberno, o PP mostrou unha "deixación de funcións" ao decidir non formular os rogos e preguntas que xa presentaran por escrito.

O primeiro tenente de alcalde, Xabier Iglesias, califica de "sinsentido" que un grupo da oposición decline exercer o seu traballo debido a que non foi posible tratar a moción que propuñan dado que a Secretaría Municipal informou de podería incorrerse nunha ilegalidade. Tratábase dunha proposta de modificación do Regulamento Orgánico Municipal, que como sinalou Secretaría, non pode cambiarse desa forma, necesita un informe xurídico previo, un ditame da Comisión Informativa e a súa inclusión na orde do día.

O goberno local considera que dadas estas condicións claras a actitude debería ser a de aceptar a implicación xurídica e elevar a proposta na xunta de portavoces. Con todo, o PP optou por exercer unha "pataleta impropia dun grupo que representa a cidadáns no pleno dunha corporación". Iglesias sinala que coa súa actitude os populares cargaron de traballo durante a semana aos técnicos


municipais,que tiveron que preparar os correspondentes informes ante os rogos
e preguntas que agora non foron nin expostos.

Entre os temas que o PP deixou de requirir por presentar unha moción incorrecta atópase a xestión da nova depuradora de Bens ou as obras da travesía do cemiterio, "temas que seguro teñen máis interese para os veciños", apunta o primeiro tenente de alcalde.

Pero ademais de que a moción do PP puidese incorrer nunha ilegalidade, Iglesias mostra a súa "sorpresa" porque no texto da proposta figuraba que o Regulamento Orgánico Municipal permitise aos concelleiros non adscritos participar na xunta de portavoces, un punto que precisamente recolle no sentido contrario o pacto antitransfuguismo.

Categoría: Plenos - Publicado o 29-01-2011 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
O pleno de Cambre garante a construción da Casa dá Cultura ao reprogramar os fondos europeos
O Concello tramitará o proxecto, xunto aos do campo dá feira e a pista de skate, de forma inminente á espera de recibir a autorización do ministerio

O goberno local mostra o seu agradecemento aos grupos de EU e PG por propiciar cos seus votos que se execute unha obra “fundamental” para o futuro do municipio


Cambre, 24 xaneiro 2011.
A futura Casa da Cultura, a reforma do campo da feira e a nova pista de skate de Cambre teñen garantida o seu financiamento tras o pleno da corporación celebrado no mediodía de hoxe. Os edís aprobaron a reprogramación dos fondos europeos concedidos ao municipio (plan Arume) co obxecto de incrementar as partidas destinadas a este ansiadas tres actuacións.

O goberno local agradece a postura responsable adoptada hoxe por Esquerda Unida e o Partido Galeguista, que propiciaron que se desbloquease a situación e que o Concello poida emprender o tres proxectos. Coa aprobación, o pleno evitou a perda duns 2,4 millóns de euros.

Unha vez acordada en sesión plenaria a reprogramación, o Concello remitiraa ao Estado, que terá que emitir a pertinente autorización. O goberno local explica que tramitará o tres proxectos de forma inminente para axilizar ao máximo o proceso.

A aposta do goberno local de Cambre pola creación da Casa dá Cultura débese á carencia dun equipamento cultural no municipio que poida albergar a celebración de actos de calado ou exposicións, así como para abrir unha biblioteca con capacidade e recursos suficientes e liberar así a parte alta do centro de saúde de Cambre para ampliar as especialidades sanitarias. Así, o proxecto contempla instalacións como auditorio, biblioteca, salas de exposicións temporais e permanentes ou un espazo infantil. A dependencia emprazarase no centro de Cambre, no cruce coas estradas de Carral e Guísamo.


O financiamento para realizala, que requirirá un orzamento de 3 millóns de euros, provirá do Arume (1,3 millóns de euros, tras engadir 500.000 euros no pleno de hoxe), da Deputación da Coruña (800.000 euros) e do Concello (o restante).

A rexeneración urbana do campo da feira increméntase en 55.000 euros, quedando deste xeito o orzamento reprogramado total para esta actuación en 505.000 euros. Atendendo ao carácter representativo e emblemático do campo da feira e a súa contorna, e segundo as consideracións do equipo redactor do proxecto técnico, era preciso incrementar o orzamento destinado á execución da obra para unha adecuada posta en valor do espazo, incorporando os elementos e equipamentos que respondan as necesidades dos usuarios finais.

Categoría: Cultura - Publicado o 25-01-2011 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello de Cambre anuncia que remitirá a conta xeral de 2009 ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas a pesar da negativa da oposición
PP, EU e Ramos desatenden ao Ministerio de Economía, que apunta que apoiar o informe de Intervención non implica dar a conformidade ás actuacións


O goberno local cualifica de “insólito” que a edil non adscrita vote en contra dunha conta dun exercicio no que gobernaba


Cambre, 24 xaneiro 2011.
O Ministerio de Economía e Facenda recolle na orde EHA 4041/2004, de 23 de novembro, de contabilidade xeral, que “a aprobación da conta xeral é un acto esencial para a súa fiscalización polos órganos de control externo, que non require a conformidade coas actuacións reflectidas nela nin xera responsabilidade algunha pola súa razón”. A pesar de que a instrución ministerial afirma con rotundidade que a aprobación da conta non require conformidade coas actuacións do Concello, esa foi precisamente a razón esgrimida pola oposición no día de hoxe para non dar o visto e prace á conta cambresa referente ao exercicio 2009.

A lexislación na materia non contempla esta casuística. O goberno local anuncia que a pesar da negativa de PP, EU e a concelleira non adscrita remitirá nos próximos días o informe da conta xeral de 2009 aos órganos de fiscalización externa: o Consello de Contas e o Tribunal de Contas. O Concello quedará á expectativa de que estes determinen a forma de actuar ante esta situación non contemplada.

O Concello de Cambre entende e acepta que os grupos da oposición valoren no sentido que consideren oportuno a xestión económica realizada, pero ve un “sinsentido” no voto en contra do informe de Intervención, cando este analiza en profundidade o resultado de 2009, achegando os correspondentes reparos. O equipo de goberno desexa render contas ante Consello de Contas e Tribunal de Contas con obxecto de completar a labor de fiscalización iniciada polo departamento de Intervención e en aras da transparencia co cidadán.


O goberno local lamenta que os grupos que votaron en contra do informe da conta xeral realizárono por unha cuestión meramente partidista. O PP abstívose na Comisión Especial de Contas e só cambiou a súa orientación de voto ao ver a posibilidade de que o resultado da votación fose negativo, apunta o equipo de goberno. Mentres, EU admitiu sen pudor na sesión que a súa postura era “política”.

Asemade, o goberno municipal cualifica de “insólito” que Beatriz Ramos votase en contra da conta xeral dun ano no que exerceu labores de goberno como responsable da área de Medio Ambiente, Obras e Servizos.
Categoría: Orzamentos - Publicado o 25-01-2011 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre emprende o acondicionamento do acceso principal ao polígono de Espíritu Santo
As obras consisten na mellora do firme, beirarrúas e espazo de estacionamento na vía que conecta a Nacional VI coa rotonda principal

Cambre, 19 xaneiro 2011.O Concello de Cambre remodela o acceso principal ao polígono industrial de Espíritu Santo, o principal foco empresarial do municipio. Co paso do tempo e por mor das inclemencias meteorolóxicas, a estrada que proporciona a entrada ao parque desde a Nacional VI, por diante da estación de ITV e do hotel, presentaba un firme irregular, con numerosas fochancas que entorpecían a circulación.

Agora, o goberno local decidiu acondicionar a vía para proporcionar un acceso con seguridade para vehículos e peóns ao polígono. As obras xa comezaron e abordarán tanto a mellora da calzada, como das beirarrúas e do espazo para aparcar.

O primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Xabier Iglesias, sinala que os traballos se desenvolverán no tramo cambrés da estrada, que comprende desde o fronte do hotel até a rotonda principal. O concelleiro sinala que se trataba dun proxecto de acondicionamento de vía pública “fundamental” debido especialmente á gran carga de tráfico que soporta o acceso ao polígono industrial.



“Existe un fluxo continuo de vehículos que van tanto para ou parque industrial como para núcleos do municipio como Cecebre, Pravio ou mesmo Cambre polo que decidimos arrombar ou firme para garantir a seguridade viaria”, apunta o nacionalista. As obras execútanse a cargo do plan de servizos da Deputación da Coruña.






Un polígono cunha alternativa de acceso

Coa realización destes traballos, o Concello de Cambre lograría dotar de dous accesos en bo estado ao principal espazo industrial que dispón. Se esta entrada desde a Nacional VI, que é a principal e máis utilizada, contará nas próximas datas cun acceso renovado, desde o pasado mes de maio o polígono dispón dunha nova alternativa de entrada desde o sur, desde Cecebre.

Trátase da variante ao CP-1703 construída pola Deputación da Coruña. Esta ligazón é utilizada por tráfico pesado que procede da autoestrada AP-9 e abandónaa na saída de Catro Camiños. O tramo antigo da vía provincial queda reservado para dar servizo aos veciños da contorna.

Con miras ao tráfico cara a Espíritu Santo procedente da AP-9, o Concello de Cambre finalizou os traballos de mellora da seguridade viaria en Cecebre, na contorna da saída da autoestrada.
Esta saída enlaza coa estrada autonómica AC-214, que non dispuña de ningún tipo de espazo para os viandantes, obrigándoos a circular invadindo a calzada.

Esta situación entrañaba un risco para os peóns que o goberno local tratou de paliar coa construción dunha beiravía na marxe esquerda da vía, dirección Guísamo. Agora, desde Catro Camiños até o novo acceso ao polígono de Espírito Santo en Fraís, os viandantes dispoñen dun espazo reservado.

O goberno local dedicou 160.000 euros do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local a esta actuación, que tamén incluíu a renovación da rede de abastecemento e a canalización da recollida de pluviais. Até agora efectuábase por un sistema de gabias, que impedía o paso dos peóns.

Categoría: Infraestruturas - Publicado o 25-01-2011 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
Pleno extraordinario e urxente.- 24 de xaneiro de 2011

Sesión extraordinaria e urxente do Pleno da Corporación ás 13:30 horas, coa seguinte orde do día:

1º-Pronunciamento do pleno respecto da urxencia da convocatoria e dos seguintes asuntos a tratar

2º-Proposta de modificación do cronograma, supresión de actuacións e distribución orzamentaria entre actuacións do proxecto Arume

3º-Aprobación, se procede, da Conta Xeral do exercicio de 2009
plenos




Pleno Ordinario.-27 de xaneiro de 2011

Sesión ordinaria do Pleno da Corporación ás 20:30 horas
coa seguinte orde do día:


1º-Aprobación, se procede, dos borradores das actas correspondentes á sesión ordinaria do día 28 de outubro, sesión ordinaria do día 25 de novembro e sesión ordinaria do día 30 de decembro de 2010

2º-Proposta de aprobación inicial do Regulamento para o establecemento e regulación do programa “Carné da OMIX” do Concello de Cambre

3º-Proposta de modificación da ordenanza fiscal n.º 6, reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos

4º-Proposta de modificación do acordo regulador n.º 4 do prezo público por actividades xuvenís

5º-Proposta de adhesión ao Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia

6º- Proposta de modificación puntual do Regulamento orgánico municipal: arts. 18 a 22 e 30 a 34

7º-Mocións

8º-Informes da Alcaldía

9º-Rogos e preguntas



----------------------------------------
----------------------------------------
----------------------------------------

--------------------------------
----------------------------------------
----------------------------------------


Categoría: Plenos - Publicado o 22-01-2011 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre consolida a emblemática Casa das Palmeiras como centro xuvenil do Concello
O primeiro programa municipal que acolleu a dependencia durante as festas superou os 200 participantes

Cambre, 13 xaneiro 2011.
A emblemática Casa das Palmeiras consolídase como a Casa da Xuventude do Concello de Cambre. Tras a reforma acometida no inmoble situado no Temple durante os últimos meses, o goberno local logrou unha asistencia masiva dos mozos cambreses no primeiro programa xuvenil que acollía oficialmente a nova Casa da Xuventude.

Tratouse da iniciativa “Kedadas nas Palmeiras”, coa que a Concellaría de Xuventude promoveu unha forma de lecer saudable durante as pasadas festas aos maiores de 12 anos mediante a celebración de diferentes obradoiros e xogos. A cifra de participantes alcanzou os 229, o que supón unha media de 28 en cada unha das xornadas que incluíu a programación municipal.

Os participantes conviviron e compartiron o espazo e as diferentes actividades propostas, nalgúns casos por eles mesmos e noutros planificadas desde o departamento de Xuventude que dirixe a nacionalista Laura Fernández. Así, puideron gozar de competicións de ping pong, xogos de mesa ou videoxogos, tanto de Wii como de Playstation, así como de proxeccións de películas e da realización de diferentes talleres.






A concelleira mostrouse “moi satisfeita” polo resultado do primeiro programa que se organiza a súa área na Casa da Xuventude. “Ademais de ofrecer unha actividade xuvenil no período vacacional de Nadal, achegouse o espazo da Casa das Palmeiras como Casa da Xuventude á mocidade do Concello”, apunta. Fernández lembra que a creación dun espazo aberto para a mocidade cambresa era un dos compromisos adquiridos polo BNG na formación do pacto de goberno.

Ademais de gozar das actividades realizadas, os mozos tamén se animaron a formular propostas de alternativas para o futuro. Entre elas nomearon a posibilidade de organizar torneos de fútbol 3x3 e obradoiros de tatuaxes de henna.



Obras

Os traballos acometidos na Casa das Palmeiras consistiron en diversas modificacións para favorecer o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Unha das tarefas que incluíu o proxecto foi a instalación dunha plataforma mecánica xunto á varanda para permitir a subida a persoas con discapacidade ao andar superior.
Neste mesmo sentido, modificouse a rampla exterior que se atopa xunto á entrada dado que anteriormente resultaba demasiado pronunciada. Así mesmo, rehabilitáronse os aseos para permitir o seu uso ás persoas con mobilidade reducida. A actuación requiriu un investimento de 90.000 euros, procedentes do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local.
Categoría: Xuventude - Publicado o 14-01-2011 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Unha técnica supervisa sobre o terreo o proxecto impulsado por Cambre no Haití a través do Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego e o Fons Català de Cooperació promoven na illa a prevención de riscos e a formación para construír vivendas resistentes aos terremotos

Victòria Planas informará de primeira man sobre a implementación da iniciativa tras reunirse co parceiro local e cos distintos axentes implicados na recuperación


Cambre, 13 xaneiro 2011.
O Concello de Cambre decidiu tras o terrible terremoto que asolou Haití o pasado ano colaborar económicamente coas vítimas. Por iso optou por doar un euro por habitante empadroado e abrir unha conta corrente para recabar fondos, que foron ingresados na conta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Esta entidade e mais o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament envían dende esta semana unha técnica ao Haití para supervisar sobre o terreo a execución do proxecto que ambas as dúas entidades están a implementar tras o sismo do ano pasado. A iniciativa promove, entre outros aspectos, a formación para a construción de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais. Estase a levar a cabo nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, situadas na fronteira nordeste coa República Dominicana.

A técnica Victòria Planas, que permanecerá case un mes na illa caribeña, reunirase co parceiro local, o Centro pola cultura e o desenvolvemento de Carice (SKDK), para consolidar as bases da colaboración. Manterá ademais xuntanzas con representantes do Ministerio de Planificación e Cooperación Externa, do Ministerio de Interior, da AECID e do programa das Nacións Unidas ART-GOLD. O resultado da viaxe plasmarase nun informe de seguimento e nun diagnóstico ‘in situ’ sobre os actores e as accións nun contexto de emerxencia. Para elaboralo, ademais de documentar graficamente a intervención, realizaranse entrevistas á poboación beneficiaria, autoridades locais, persoal técnico, etc.

Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’ é o título do proxecto. O Fondo Galego achega 160.000 euros



procedentes de diversas administracións socias e algúns cidadáns que realizaron as súas doazóns a través da conta de emerxencia aberta hai un ano. A proposta busca crear capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza, para o que se apoiará as institucións e as organizacións sociais.

A iniciativa actúa en varias frontes. Impulsarase a planificación intermunicipal de políticas públicas sobre a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o crecemento económico e a prevención de riscos. Actualizaranse os plans de estudos do Centro de Formación Profesional de Carice de acordo aos novos retos en materia de agroecoloxía, construción local adaptada, socio-administración e economía social. Construirase asemade un centro intercomunal con técnicas antisísmicas e anticiclónicas no que se empregarán materiais como a arxila e unha clase de bambú chamada ‘guadua’, moi resistente. A edificación resultante será un exemplo para futuras vivendas na zona e servirá como práctica para unhas 90 persoas que sairán graduadas en construción. O cuarto resultado do proxecto é a creación dun sistema de información sobre a vulnerabilidade da poboación respecto dos riscos e desastres, que involucrará aos comités de Protección Civil de cada un dos tres municipios.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego de Cooperación beneficiará preto de 500 poboadores e poboadoras que se seleccionaron tendo en conta criterios de equidade territorial urbano-rural e de igualdade de xénero. Son institucións, organizacións locais, profesionais e estudantes, aínda que os efectos positivos repercutirán de xeito indirecto sobre os 64.000 habitantes que suman Carice, Vallières e Monbin Crochu.


O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 14-01-2011 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello de Cambre mostra a súa ‘sorpresa’ polo interese do PP nun proxecto aprobado hai xa 4 anos
Xabier Iglesias móstrase encantado da posibilidade de comparecer co tema da Escola de Música como asunto, tal como el mesmo aconsellou ao PP que solicitara no pasado pleno...

Cambre, 12 xaneiro 2011.
O primeiro tenente de alcalde de Cambre, Xabier Iglesias, móstrase ‘encantado’ coa posibilidade de efectuar unha comparecencia co asunto da Escola de Música encima da mesa. Así o manifestou publicamente no pasado pleno ordinario da corporación, celebrado o pasado 30 de decembro, ante as sucesivas preguntas do Partido Popular sobre a mencionada infraestrutura.

Iglesias respondeu á cuestión presentada por escrito polo PP sobre os criterios técnicos que determinaron a elección do proxecto da Escola de Música, pero dado que os populares continuaban na quenda de rogos e preguntas engadindo máis aclaracións non formuladas antes, o primeiro tenente de alcalde recomendou a idea da comparecencia. Agora celebra que o PP poida facerlle caso, aínda que non se entenden as súas dúbidas no canto de solicitar a comparecencia de modo formal.

O concelleiro de Obras anuncia que responderá ‘gustosamente’ a cantas preguntas formule o PP sobre a Escola de Música. Iso si, recalca que os criterios que impulsaron a elección do proxecto xa foron relatados no pleno pasado, aínda que ‘non haberá problema’ para repetir a resposta.





O Concello de Cambre atópase ‘sorprendido’ de que o PP de Cambre aborde unha cuestión dilucidada fai catro anos e que non xerou ningunha controversia no seu día no grupo popular. O goberno local pregúntase que intereses moven aos populares a desautorizar publicamente desta forma aos concelleiros do seu partido que conformaban o grupo a pasada lexislatura.

Iglesias entende que a única preocupación que existe sobre a Escola de Música, e que espera que comparta o PP, cínguese aos problemas de filtracións que impediron até agora a súa apertura e cuxa responsabilidade é exclusivamente da empresa construtora.
Categoría: Escola de Música - Publicado o 11-01-2011 23:29
# Ligazón permanente a este artigo

Dirixidas a

2º Ciclo de Educación Infantil

Bacharelato

Formación Profesional

Educación Secundaria de Adultos


Máis Información

Folla de Solicitude.


Categoría: Axudas e subvencións - Publicado o 11-01-2011 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello de Cambre solicita de novo por escrito unha entrevista co presidente de Augas de Galicia para reclamar que asuma “xa” o mantemento do paseo do río Mero
A senda, usada a diario por decenas de persoas, permanece rodeada de maleza e con numerosos desperfectos sen que a Xunta, titular do espazo, faga nada

O Concello de Cambre solicitou por escrito unha entrevista co presidente de Augas de Galicia para abordar a situación do paseo do río Mero, competencia da Xunta pero que a pesar das reiteradas reclamacións do goberno local segue sen asumir.

O Concello mostrará ao responsable de Augas de Galicia o estado actual que presenta un dos espazos verdes e naturais con maior afluencia de veciños de Cambre e da comarca calquera día da semana. Especialmente nótase a ambos os dous lados da senda, invadida en moitos tramos pola maleza e a herba alta.

Desde que a Xunta entregou a obra nunca volveu investir no río, a pesar de que no momento da devandita entrega fixouse que o organismo Augas de Galicia asumiría o mantemento. En 2008 e 2009, ante a falta de roza da senda, foi o Concello de Cambre quen decidiu gastar fondos propios e efectuou os traballos. En 2010, o Concello instou reiteradamente á Xunta a que o acometese, sen éxito, o que leva ao equipo de goberno a pedir a reunión.






O alcalde, Antonio Varela, entende que Augas de Galicia debe proceder "xa" a acometer o acondicionamento. Varela móstrase convencido de que os centos de usuarios do espazo "merecen" un coidado adecuado da zona e que a Xunta non permita o seu abandono. "Temos un espazo privilexiado para o descanso, o paseo e a práctica deportiva e non se pode consentir o seu deterioro", asegura.

Pero non só a falta de desbroce centrará o encontro que pide o Concello con Augas de Galicia. O nacionalista Xabier Iglesias, primeiro tenente de alcalde e responsable de Medio Ambiente, xa remitiu un dossier completo a Augas de Galicia coas deficiencias que presenta o paseo co obxectivo de que as emenden "de forma inmediata". O edil explica que as peticións do Concello céntranse tanto na limpeza da maleza como na reparación de elementos instalados, como carteis, sinais, ou varandas como a colocada na contorna da Marisqueira, que non presentan o estado axeitado polo paso do tempo.

Categoría: Río Mero - Publicado o 07-01-2011 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal