POR UNHA MAREA GALEGA


Medidas de seguridade para o gas en Cambre.

Lugar do accidente do gas no Graxal



1ª MOCIÓN: Estabelecemento de medidas de seguridade nas instalacións de distribución de gas no territorio municipal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado 11 de xaneiro aconteceu un accidente no Graxal que puido ter gravísimas consecuencias. Afortunadamente os danos as persoas foron mínimos e os materiais sempre teñen remedio. Pero este acontecemento débenos valer para facer unha reflexión seria sobre a seguridade e os medios que poñemos para reducir ao máximo o risco. Por sorte, esta rotura dunha condución de gas, e o posterior incendio, resolveuse sen danos irreparábeis.
O sorprendente do caso non foi o accidente, o sorprendente foron as declaracións do noso Alcalde que, coma sempre, asume un papel de vítima, de agredido, de sorprendido, como se non fora o seu papel outro, o de responsábel do que no noso territorio acontece cando, como neste caso, estamos a falar de seguridade en instalacións nas que o concello tamén concede licencias.
E claro, sucederá o de sempre, que ao final os veciños cargarán contra todos os que teñen responsabilidade e, o concello como o que máis. Resultará, ao final, que todos os veciños e veciñas de Cambre teremos que pagar pola irresponsabilidade e a falla de control das nosas autoridades locais.
Podemos asumir a actitude de mirar para outro lado, de desentendérmonos, até que aconteza o que ninguén quere. Ou podemos por todos os recursos municipais para a probabilidade de accidente sexa practicamente nula.
Non é de recibo o tempo transcorrido para o corte de subministro, non é aceptábel o cúmulo de versións contraditorias, de non saber o que facer en momentos de máximo perigo.
Debemos, desde este Pleno, facer patente a nosa felicitación a todas as persoas que interviñeron para paliar os danos, a nosa policía local, protección civil, os servizos sociais municipais, bombeiros, garda civil. Mesmo a disposición de varios concelleiros e concelleiras do goberno e tamén da oposición que, desde o primeiro momento estiveron á disposición do que foxe necesario para axudar ás persoas afectadas.
Iso, que é de xustiza recoñecer, non serve para tapar a cadea de irresponsabilidades e neglixencias que puideron dar lugar a consecuencias irreparábeis. Fixémonos na prevención antes que na curación. Sobre todo cando non é o primeiro caso. Hai pouco ocorreu algo parecido na Costa da Tapia, foi un aviso pero semella que non se entendeu. Agardemos que o do 11 de xaneiro nos faga chegar ás conclusións acertadas.
Neste sentido, o grupo municipal do BNG, consideramos que se debe ter unha actitude decidida e firme por parte do goberno local para evitar no posíbel os accidentes e, desde logo, impedir que as súas consecuencias acaden cotas de traxedia. Non vale con estar “a velas vir” e, despois, botarlle a culpa a outros. Os veciños e veciñas queren un goberno que exerza e que actúe.
Por estes motivos sometemos á consideración do Pleno do concello de Cambre a aprobación dos seguintes acordos:

1- O concello de Cambre exercerá iniciativas de reclamación de responsabilidades e danos contra todos os actores neste accidente, empresa promotora das obras, empresas contratadas e sub-contratadas para a execución das obras, compañía propietaria e xestora das conducións de gas.

2- O concello de Cambre esixirá da compañía propietaria da canalizacións de gas unha auditoría técnica completa de todas as instalacións que discorren por territorio municipal, incluíndo os protocolos de seguridade imprescindíbeis para actuar en accidentes deste tipo. Nestes protocolos de seguridade e prevención deben quedar estabelecidos as actuacións a desenvolver en caso de accidentes.

3- Elaborar un protocolo de actuacións de emerxencia, relativo ás instalación de gas no Concello. Facendo especial forza nos aspectos de prevención.

4- Instruír o correspondente expediente informativo para delimitar as responsabilidades a que houbera lugar neste accidente e, trasladar á Consellaría de Innovación e Industria todos os datos a fin de que exerza o control e fiscalización sobre as empresas que actuaron neste suceso.
Categoría: O Temple - Publicado o 28-01-2008 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
O servizo de correos
2ª MOCIÓN: PARA A PRESTACIÓN EFICAZ DO SERVIZO DE CORREOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En Galiza o servizo postal é un dos grandes medios de cohesión socio económica, sobre todo neste medio rural e metropolitano caracterizado pola dispersión e, por engadido, un dos garantes da información e a comunicación, e tamén da xestión económica a través do xiro postal; unhas positivas virtualidades que agora se están a poñer en grave risco.
Dende hai máis de dez anos, o modelo deseñado polos Gobernos do Estado para o servizo postal foi o de procurar no longo prazo unha privatización do Servizo de Correos: alleamento de servizos concretos, creación de empresas de reparto de paquetería e progresiva supresión dos postos de persoal funcionario, para transformalos en postos de persoal laboral adscritos a unha sociedade anónima, e non directamente á Administración do Estado.
Os/As funcionarios/as de correos xa non son corpo especial, o que pode favorecer a súa marcha: mobilidade para poder trasladarse a outras administracións. O propósito é eliminar funcionarios/as. Fanse repetidas reducións de persoal, as xubilacións non son substituídas por novos traballadores/as, as condicións laborais sofren un deterioro paulatino, engadidas as presións que sofren os/as traballadores/as; e a calidade do servizo vaise empobrecendo.
Preténdese así facer de Correos unha entidade rendíbel, fronte ao modelo de servizo público destinado a atender as necesidades cidadáns.
Esta tendencia veu provocando moito dano ao servizo e ao seu persoal, dano aínda máis notábel en Galiza, e que o noso concello está a sufrir, polas súas peculiaridades de asentamento poboacional disperso. . Lembramos as periódicas chamadas de atención a Correos nos últimos anos, os xa incontábeis pronunciamentos plenarios sobre problemas no Polígono do Espírito Santo, no Temple, Cambre, etc, sobre horarios de atención, sobre retrasos nas entregas. Non estaría demais que recordaramos, tamén, que os servizos de correos en Cambre utilizan locais municipais emprestados para os seus labores. O concello, e polo tanto, a cidadanía, están a investir para que este servizo funcione.

Neste contexto cómpre salientar a aprobación polo Goberno do Estado do Regulamento reitor da prestación dos servizos postais. Mentres que coa anterior normativa estabelecíase a obriga de entregar correspondencia cinco días laborábeis á semana, o novo decreto reduce esa obriga, e crea os chamados “contornos especiais”, nos que se elimina a entrega domiciliaria. Nestes “contornos” a entrega dos envíos postais ordinarios realizarase a través de “buzóns individuais non domiciliarios” e de “casilleiros concentrados pluridomiciliarios”. E a entrega dos envíos a través de tales buzóns será -dise- “todos os días laborábeis e, polo menos, cinco días á semana”.
Prevese, ao propio tempo, que a entidade prestadora do servizo postal universal poderá “acordar cos usuarios, os concellos, así como os promotores o establecemento, situación e financiamento de instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ordinarios”.
Prevese asemade que “se as vivendas ou edificacións do entorno afectado non dispuxesen das instalacións apropiadas para a entrega dos envíos postais ou estas non se atopasen en condicións de uso adecuadas, o operador universal facilitará a entrega dos envíos postais na oficina postal máis próxima, previa comunicación escrita aos/ás destinatarios/as de dita circunstancia e do horario no que poderán ser retirados”. É dicir, se non hai buzón, a xente terá que desprazarse á oficina máis próxima.
A isto cómpre engadir que, segundo o novo regulamento, a consideración de “contornos especiais” é amplísima. Abonda con ter en conta, por exemplo, que terán esa consideración (e é un só suposto) “as vivendas illadas ou situadas en contornos cualificados como diseminados e que estean situadas a máis de 250 metros da vía pública habitualmente utilizada por calquera dos servizos públicos”.
Xa se ve, polo dito, que practicamente todo o rural galego queda baixo estas condicións. Non se esqueza que Galiza non só ten 32.000 núcleos de poboación (a metade do Estado), senón tamén máis do 50 por cento dos carteiros de España.
Atopámonos así nunha situación que é nomeadamente grave en Galiza, que minora a condición de servizo público dos correos, que non ofrece garantías de inviolabilidade da correspondencia, que obedece a criterios puramente economicistas e non de seguridade e eficacia do servizo, e que, a mais de todo iso, pode supor, de se implantar, a perda de máis de 400 postos de traballo en Galiza, sobre todo no deprimido medio rural; todo iso, por non insistir na perda de calidade, o trastorno dos usuarios e un incumprimento do espírito da Lei.
Esta situación estámola xa a sufrir no noso concello, polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego insta ao Pleno da Corporación Municipal, a adoptar o seguinte

ACORDO

1.Dirixirse ao Goberno Galego para que inste ao Ministerio de Fomento do Goberno do Estado a garantir, sen detrimento das condicións laborais do persoal, a prestación eficaz do servizo postal universal no termo municipal en condicións de igualdade e non discriminación polo lugar de residencia, revocando, asemade, calquera medida que poida menoscabar o dereito cidadán á inviolabilidade da comunicación postal.
2.Enviar o presente acordo ao Presidente e ao Vicepresidente da Xunta de Galiza e, ao presidente do Goberno do Estado e á ministra de Fomento.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Tarifa nocturna
3ª MOCIÓN: SOBRE A SUPRESIÓN DA TARIFA ELÉCTRICA NOCTURNA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende o ano 1983 estabeleceuse, no Estado Español, a denominada Tarifa Eléctrica 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna). Esta tarifa baséase na filosofía de primar o consumo nas horas nocturnas, onde a potencia consumida no conxunto do sistema eléctrico é menor.
Esta tarifa ten un desconto do 55% nas horas nocturnas e un recargo do 3% nas horas centrais do día. E favorece o consumo de determinados electrodomésticos, como son: acumuladores, lavadoras, lavalouzas, quentadores de auga, etc, que se poden usar de noite.
A tarifa nocturna busca un consumo enerxético máis responsábel e solidario, e obrigou a instalación nos fogares de determinados equipamentos, cun elevado custe de investimento, como foron os acumuladores eléctricos.
O termo de potencia contratada, que é un concepto fixo, na factura eléctrica, estímase en 5,3 Kw de media para os clientes desta tarifa.
Actualmente no Estado hai, aproximadamente, 1 millón de clientes desta tarifa; no caso de Galiza, debido a súa climatoloxía que obriga ao uso dun sistema de calefacción eficiente, temos uns 160.000 usuarios/as, é dicir, o 16% do conxunto do Estado.
A tarifa nocturna mantívose sen modificacións dende o ano 1983 até o ano 2006, no que xa non permitiu novas altas baixo esta tarifa, mais o cambio fundamental está en que ‘Os/As consumidores/as acollidos/as a esta tarifa (tarifa nocturna) deberán comunicar á empresa distribuidora, antes do 1 de xullo de 2008, a nova tarifa á que desexen acollerse. Unha vez transcorrido o prazo, sen que o/a cliente solicite as novas condicións do contrato, a compañía distribuidora aplicará automaticamente outras tarifas de acordo coa potencia contratada”.
É dicir, a partires do 1 de xullo do 2008, desaparece a Tarifa Nocturna.
Con este Real Decreto obrígase aos/ás clientes con esta tarifa a contratar unha nova potencia, superior á que tiñan no consumo das horas punta e a un incremento do prezo sobre o consumo que tiñan nas horas punta, xa que pasan dun recargo do 3% a un 35%. En conxunto o incremento que poden padecer, na factura eléctrica, pode chegar ao 49%.
Na nova Orde de Tarifas Eléctricas existe a nova Tarifa de Discriminación Horaria, mais, para acollerse a esta nova tarifa, os/as usuarios/as de Tarifa Nocturna deben asumir integramente os custes do cambio, que son cantidades importantes e que están estimadas entre 400 e 500 €uros por cliente. Uns 200 €uros se gastarán no cambio de limitadores de potencia e outros 200 ou 300 €uros, na adaptación dos sistemas de calefacción, que deberán cambiar as actuais resistencias por outras de menor potencia, ou ben, estabelecer dous circuítos de calefacción independentes entre si.
Asemade, unha vez realizadas as modificacións precisas, na nova Tarifa de Discriminación Horaria, haberá que pagar por un maior incremento da potencia contratada, que é unha parte fixa da factura eléctrica. Isto terá un efecto especialmente negativo en Galiza, pois haberá que contratar unha potencia que se emprega fundamentalmente no inverno (polos acumuladores eléctricos), e se continúa pagando na primavera e no verán, cando non se necesita tanta potencia; isto coa Tarifa Nocturna non pasaba.
Como vemos, esta nova regulación das tarifas eléctricas, vai supor un importante gasto nas economías familiares, se temos en conta a media salarial e de pensións en Galiza; asemade o Goberno do Estado non contempla, na nova regulación, ningunha medida de compensación, nin reparte cargas entre usuarios/as e empresas distribuidoras que, en definitiva, serán as grandes beneficiarias.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG solicita a aprobación polo Pleno da Corporación do seguinte
ACORDO

1-Instar á Xunta de Galiza a que demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio o mantemento dunha tarifa con características semellantes á nocturna e a gratuidade do cambio de limitadores, así como a creación de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas de usuarios/as de Tarifa Nocturna que desexen acollerse á Tarifa con Discriminación Horaria.
2-Comunicar este acordo á Presidencia da Xunta de Galiza e á Consellaría de Innovación e Industria.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Apoio ao pobo Saharaui
4ª MOCIÓN: DE APOIO AO POBO SAHARAUI


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O vindeiro 27 de febreiro celébrase o 32º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática. Sen embargo, nestes trinta e dous anos, nin a comunidade internacional a través das Nacións Unidas, nin o Estado español como responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental, foron quen de garantir o respecto do dereito internacional e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharaui.

Hoxe, os territorios do Sáhara Occidental, repartidos en primeira instancia e co beneplácito e complicidade do Goberno español, en 1975, entre Marrocos e Mauritania, continúan ocupados de maneira ilegal polo Estado de Marrocos, unha ocupación non recoñecida a nível internacional por supoñer unha vulneración flagrante do dereito internacional. Neses territorios ocupados, miles de saharauis sofren habitualmente a represión e a violación dos dereitos humanos por parte das autoridades de Marrocos, tal e como teñen denunciado non só o Fronte Polisario, senón tamén organizacións de defensa dos dereitos humanos tanto de Marrocos como internacionais, o que ten provocado declaracións de condena e rexeitamento en ámbitos como as Nacións Unidas ou o Parlamento Europeo.

Outra parte da poboación saharaui, aproximadamente 150.000 persoas, vive refuxiada en condicións infrahumanas desde hai máis de trinta anos, no deserto arxelino, un dos lugares máis inhóspitos e inhabitábeis do planeta, perto da cidade de Tinduf. Nos últimos anos, e coa pretensión de dobregar ao pobo saharaui, tense reducido de maneira alarmante a axuda humanitaria e o programa de alimentos, imprescindíbeis para a subsistencia dos refuxiados e refuxiadas.

Desde o alto o fogo acordado a principios dos anos 90 teñen transcorrido case 20 anos caracterizados pola oposición sistemática de Marrocos aos diferentes plans de paz formulados por Nacións Unidas que sempre, de maneira inequívoca, recoñeceron o dereito de autodeterminación do pobo saharaui para decidir o seu futuro.

Ao longo destas tres décadas, case un centenar de países de todos os continentes teñen recoñecido oficialmente á República Árabe Saharaui Democrática, que ademais forma parte da Unión Africana.

Por outra banda, tamén, neste período de tempo teñen sido numerosas as mostras de solidariedade do pobo galego co pobo saharaui traducidas especialmente nos centos de familias que todos os veráns acollen a cativos e cativas procedentes dos campos de refuxiados de Tinduf.

Por todo o dito, o BNG propón que o Pleno da Corporación Municipal, facéndose eco do sentir da maioría dos veciños e veciñas e desde a defensa da legalidade internacional e da solidariedade entre os pobos, adopte os seguintes

ACORDOS

1.- Manifestar o apoio do noso concello ao pobo saharaui, expresando a condena pola ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental e reclamando a súa descolonización definitiva a través do exercicio do dereito á autodeterminación recoñecido polas Nacións Unidas. Así mesmo, condenar a represión e a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental por parte das autoridades de Marrocos.

2.- Levar a cabo as seguintes accións:
a)Estudar o irmanamento cunha daira saharaui, dotando a dito irmanamento solidario de contido político, cultural e económico.
b)Desenvolver campañas de información e sensibilización social en todo o concello.

3.- Reclamar ao goberno galego e ao goberno español a condena da ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental, o apoio explícito á celebración dun referendo de autodeterminación do pobo saharaui e a exixencia de cumprimento por parte de Marrocos das resolucións de Nacións Unidas.

4.- Reclamar do goberno español o recoñecemento oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, así mesmo, o impulso no ámbito internacional do incremento da axuda humanitaria dirixida aos campos de refuxiados de Tinduf.

5.- Acórdase dar traslado destes acordos ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza, Presidente do goberno español, Ministro de Asuntos Exteriores, Portavoces dos Grupos Parlamentarios do Parlamento Galego e do Congreso dos Deputados, Embaixada de Marrocos en España, representante do Fronte Polisario en Galiza e Presidente de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Categoría: Mocións - Publicado o 28-01-2008 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
Para o Pleno Ordinario de 31 de xaneiro de 2008
acta pleno



ROGO

A pesar de que no folleto publicitario das Escolas Deportivas Municipais de 2008 figura a oferta de Escola deportiva municipal de Judo de 6 a 17 anos, encontrámonos con que se suprimiu, supoñemos que por un erro, o terceiro bloque de idade, entre os 12 e os 17 anos.
Na medida en que aínda se está en tempo, acaban de empezar as actividades,

Solicitamos

que se corrixa esta supresión a e que se oferten de novo, como viña sendo tradicional, as actividades de Judo até os 17 anos.

PREGUNTAS


PRIMEIRA


Cal é o estado do proxecto de ampliación do colexio do Graxal? ¿Está entregada a parcela á consellaría de educación?

SEGUNDA

Cal é o estado das prometidas instalacións deportivas cubertas do colexio Portofaro?

TERCEIRA


Hai algunha razón para que non se teña elaborado a ordenanza sobre antenas de telefonía que acordou este Pleno no mes de xullo de 2007?

CUARTA

Hai moitas marquesiñas no territorio municipal en estado de abandono e deterioro. As da parroquia de Cecebre, se dun concurso se tratara, poderían levar o primeiro premio. Aproveitamos para pasar un pequeno dossier fotográfico para que sexa máis fácil a súa localización e, para preguntar se teñen pensado acometer os traballos de adecentamento e reparación necesarios deste servizo público?

QUINTA

Este goberno leva incumprindo sistematicamente as decisións plenarias e a súa propia palabra en relación coa convocatoria das distintas comisións informativas especiais. O caso é especialmente grave coa que debe estudar o Plan Xeral. Cando se nos convoca é a “reunións informais” que non serven para nada, non se nos entrega a documentación prometida, e aprázase un día tras outro a continuación dos traballos.

Ten pensado o Alcalde cumprir co mandato deste Pleno e coas súas propias palabras e, convocar a comisión especial do Plan Xeral e as outras que están pendentes?

SEXTA

Desde o colectivo de mariscadores se iniciaron algunhas accións diante da xustiza sobre a contaminación da ría. Algunha delas vai dirixida contra o concello de Cambre. Que medidas está tomando o goberno local para evitar a contaminación da ría?
acta pleno
comisión informativa
Categoría: Plenos - Publicado o 28-01-2008 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
Convocados dous plenos na mesma semana: pleno extraordinario de 29 de xaneiro e ordinario de 31 de xaneiro de 2008

CONVOCATORIA DE PLENO EXTRAORDINARIO

O 29 de xaneiro de 2008.
Ás 19:30 horas.

Orde do día:

1º) Aprobación, se procede, da conta xeral do exercio 2006
2º) Proposta para participar na segunda fase do Plan especial de herba artificial nos campos de fútbol municipais 2007, da Deputación Provincial da Coruña

acta pleno


CONVOCATORIA DE PLENO ORDINARIO

O 31 de xaneiro de 2008.
Ás 20:30 horas.

Orde do día:

1º) Aprobación, se procede, dos borradores das actas correspondentes á sesión ordinaria de data 29 de novembro, extraordinaria de 19 de decembro e ordinaria de 27 de decembro.

2º) Expediente de modificación de crédito por crédito extraordinario nº 1/2008.

3º) Proposta da Alcaldía para adhesión ao convenio de colaboración entre a Asociación Española de Banca, a Confederación Española de Caixas de Aforro, a Unión Nacional de Cooperativas de crédito e a Entidade Pública Empresarial Red.es. para prestación transitoria do servizo de pago telemático na Administración Pública.

4º) Coñecemento dos escritos procedentes do Concello de Culleredo e do escrito presentado por don Francisco Javier Varela Tejedor respecto da súa situación como funcionario municipal do Concello de Culleredo e como concelleiro delegado dunha área do goberno municipal con dedicación parcial.

5º) Solicitude de comparecencia ante o Pleno da Corporación do concelleiro delegado da Área de Presidencia, Planificación e Réxime Interior, presentada polos voceiros dos grupos municipais do PP, BNG, EU-IU e GM (PG).

6º) Mocións.

1ª MOCIÓN: Estabelecemento de medidas de seguridade nas instalacións de distribución de gas no territorio municipal.
2ª MOCIÓN: PARA A PRESTACIÓN EFICAZ DO SERVIZO DE CORREOS.
3ª MOCIÓN: SOBRE A SUPRESIÓN DA TARIFA ELÉCTRICA NOCTURNA.
4ª MOCIÓN: DE APOIO AO POBO SAHARAUI.


7º) Informes da Alcaldía.

8º) Rogos e preguntas.

acta pleno
Categoría: Plenos - Publicado o 25-01-2008 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Irregularidades nas contratacións de persoal do Concello de Cambre
Solicitan a comparecencia do 1º T.de Alcalde, D. Javier Varela Tejedor para que dea explicacións ao Pleno



O BNG de Cambre solicitou, mediante un escrito rexistrado o pasado luns, día 21, a comparecencia no Pleno Ordinario do vindeiro 31 de xaneiro, do 1º Tenente de Alcalde e concelleiro delegado de Réxime interior, o socialista D. Javier Varela Tejedor.

O motivo desta petición é para que conteste a unha serie de preguntas sobre o expediente do concurso para a dotación de prazas de auxiliares administrativos, que se celebrou o pasado mes de agosto.

Examinada a documentación deste expediente, os nacionalistas atoparon innumerábeis irregularidades que, presuntamente, alteraron o resultado final deste concurso.
Valoracións de méritos incumprindo as bases da convocatoria, non ter en conta, pola contra, méritos aportados por algún dos concursantes, adxudicación de puntos por experiencia laboral que non se demostra por ningures, diplomas ou certificados de cursos de dubidosa veracidade...son algúns exemplos da cadea de despropósitos que contén este expediente.
“Se a isto lle sumamos que este concelleiro designou como presidenta do Tribunal a unha funcionaria, subordinada súa no Concello de Culleredo e como secretaria á secretaria da alcaldía de Cambre e, ademais , que dúas das persoas que conseguiron a praza foron persoal de confianza do grupo socialista no goberno anterior e, unha delas candidata socialista nas pasadas eleccións municipais, preséntanos un panorama do que imos esixir explicacións”, afirmou o portavoz nacionalista, Xabier Iglesias.

Segundo informaron desde o grupo nacionalista de Cambre, está na súa web: www.bngcambre.org o texto completo coa solicitude de comparecencia. Ao que se pode acceder directamente a través do enlace: http://www.blogoteca.com/bngcambre/index.php?cod=30726

Gabinete de comunicación do BNG de Cambre,24 de xaneiro de 2008
Solicitude de comparecencia
Categoría: Comunicados - Publicado o 24-01-2008 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pide a comparencencia do Concelleiro de Presidencia e Planificación a través de 26 preguntas
Sospeitas de irregularidades nas contratacións de persoal


Cambre 24-01-2008. O GM do BNG de Cambre presentou onte no rexistro a solicitude de comparecencia do Concelleiro delegado de Presidencia e Planificación, D. Javier Varela Tejedor, diante do Pleno Ordinario da corporación municipal de Cambre do vindeiro xoves, 31 de xaneiro, en relación co seguinte asunto e, co fin de que responda ás cuestións que se relacionan:

ASUNTO: A convocatoria e resolución do
concurso para cubrir cinco prazas interinas de auxiliar administrativo celebrado no mes agosto de 2007.

Examinado o expediente mencionado, temos encontrado indicios contrastados de que as
actuacións recollidas neste expediente e a súa resolución final, amosan dun xeito inequívoco, diferentes irregularidades que, ao cabo, deron lugar a que foran aprobadas persoas con menos méritos que outras, que quedaron excluídas.
Tentando esclarecer as presuntas irregularidades e garantir que nos procesos de selección de persoal de Cambre se cumpren todas as condicións que marcan as leis para o acceso ao emprego público, “publicidade, mérito e capacidade”, e que, ademais, as actuacións dos tribunais estean definidas pola imparcialidade, a ecuanimidade e a independencia, é polo que, segundo o procedemento recollido no vixente Regulamento Orgánico Municipal, formulamos as seguintes:

PREGUNTAS:

1- Cal foi o órgano colexiado ou responsábel político que nomeou ás persoas que formaron parte do tribunal que valorou este concurso de provisión de postos de auxiliares administrativos?

2- Quen designou, de entre os seus compoñentes, á presidencia e secretaría de dito tribunal

3- Cal é a relación laboral ou administrativa que existe, ou que existiu, entre o Concelleiro Delegado de Presidencia e Planificación do concello de Cambre e, ao tempo, xefe do gabinete técnico da alcaldía de Culleredo, e a funcionaria, técnica de recursos humanos do concello de Culleredo, Dna. Karina Díaz Arluna, nomeada presidenta deste tribunal?

4- Pode informar ao Pleno sobre cal é a función e destino que a funcionaria Mª Cruz Regueira del Caz, compoñente do tribunal e nomeada secretaria do mesmo, ten desde que se incorporou ao concello de Cambre, primeiro como persoal eventual de confianza e, máis tarde, como funcionaria?

5- Vistos os resultados deste concurso, considera que a actuación do tribunal foi totalmente imparcial, tendo en conta que entre as persoas designadas como compoñentes do tribunal, e secretaria do mesmo, estaba a funcionaria do Concello de Cambre Mª Cruz Regueira del Caz, que ven sendo secretaria do alcalde socialista de Cambre desde a súa entrada no Concello?

6- Considera vosté que o tribunal aplicou en todo momento, nas súas actuacións e propostas, as bases da convocatoria?

7- Cales son, ao seu xuízo, os criterios para dar como válidos e demostrábeis os períodos de tempo traballados na empresa privada en postos de auxiliar administrativo ou similares, aos efectos de lles poder adxudicar 0,10ptos. por mes traballado.

8- Hai outros, ao seu xuízo, documentos que poidan substituír á presentación do contrato de traballo e, “en todo caso”, -como din as bases da convocatoria- á certificación da vida laboral expedida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social?

9- Hai, ao xuízo, do Sr. Varela Tejedor algunha diferenza entre un “documento informativo da vida laboral” e unha “certificación da vida laboral”.

10- Considera, o Sr. Varela Tejedor, que ser ou ter sido empresario/a é mérito a ter en conta no concurso do que estamos a falar, co fin de puntualo da mesma maneira que o “traballo na empresa privada, en postos de auxiliar administrativo ou similar”, como din as bases?

11- Considera aceptábel que un diploma por un curso de 60 horas sobre aplicacións informáticas de oficina ten relación co posto de traballo de auxiliar administrativo e, polo tanto, pode considerarse mérito e adxudicarlle 0,75ptos. na fase de concurso?

12- Pode informarnos se o departamento de persoal fixo a valoración e validación da documentación aportada polas persoas concursantes ou se isto foi realizado polo tribunal.

13- Quen ditaminou se a documentación aportada cumpría cos requisitos da convocatoria?

14- Considera o Sr. Varela Tejedor que preguntar aos concursantes, durante a entrevista, por temas como:

- QUE PASA SI O ÚLTIMO DÍA DUN PRAZO É DOMINGO?
- CRES QUE A MESA DE CONTRATACION É UN ÓRGANO COLEXIADO E POR QUÉ?
- NO PROCEDEMENTO NEGOCIADO SEN PUBLICIDADE DEBEN MANDAR UN MINIMO DE 5 INVITACIÓNS?
- FASES DE ORDENACIÓN DUN EXPEDIENTE?
- CAL É O PRAZO PARA NOTIFICAR UNHA RESOLUCION?
- SE NON SE SINALAN OS PRAZOS, DON DÍAS NATURAIS OU HÁBILES?
- QUE É A MAIORIA ABSOLUTA?
- CAL É O PRAZO PARA NOTIFICAR UNHA RESOLUCION?

se corresponde co estipulado nas bases da convocatoria, en canto aos contidos da entrevista? É dicir, para ser máis claros, son de carácter “curricular”?

15- Independentemente do sentido da resposta á anterior cuestión, parécelle equilibrado que a algún dos concursantes se lles fixeran tres preguntas e a algún outro até oito?

16- Abondando na mesma liña, considera que as cualificacións outorgadas ás persoas entrevistadas son proporcionadas ás respostas dadas?

17- Nas bases da convocatoria figura que se valorarán os cursos de formación directamente relacionados co posto de traballo e expedidos por organismos oficiais. Que entende, o Sr. Varela Tejedor, por “Organismos Oficiais”?

18- Cualificaría como “organismo oficial” a una academia, unha consultora, unha fundación privada, unha asociación ou unha asociación ou federación de empresas?

19- Queremos saber se, segundo a súa opinión, a Generalitát de Catalunya é un “organismo oficial” ?

20- Considera que o tribunal se cinguiu de maneira estrita a esta prescrición
-a de que foran emitidos os diplomas ou certificacións por organismos oficiais- á hora de valorar os méritos das persoas concursantes?

21- Pode explicar, atendendo ao estipulado nas bases da convocatoria, os 7,60ptos. acadados por experiencia laboral e os 3ptos (o máximo) na valoración de cursos, que se lle adxudicaron a Marta Patiño López , e que foron determinantes, xunto coa puntuación acadada na entrevista para que quedara como primeira no concurso?

22- Pode explicar, atendendo ao estipulado nas bases da convocatoria, como se outorgaron 8ptos (o máximo) por experiencia laboral e 2,15 por valoración de cursos á concursante Guadalupe Carlavilla Rodríguez, que xunto coa puntuación acadada no concurso, foron determinantes para que fora designada funcionaria interina?

23- Pode explicar, atendendo ás bases da convocatoria, en que se fundamentan os 8ptos. (o máximo posíbel) por experiencia laboral na empresa privada e, os 2ptos. acadados pola valoración de cursos, da concursante Mª José Muñíz Fernández, que xunto coa excelente puntuación da entrevista determinaron a súa designación como funcionaria interina?

24- Ten algunha explicación para que varios certificados firmados por vosté, como vicepresidente de relacións institucionais e programas do Instituto de Estudios Políticos e Sociais, e que foron aportados como mérito por diferentes concursantes – Mª José Muñíz, Guadalupe Carlavilla – se refiran a cursos de formación que non aparecen recollidos en ningunha das memorias de actividades do mencionado Instituto? Será, ademais, un erro na emisión que ningún dos mencionados certificados que vosté asinou inclúan o selo do IEPS?

25- Ten algunha explicación a que, entre as persoas que acadaron maior puntuación e foron nomeadas funcionarios interinos, figuren as dúas secretarias do grupo de goberno socialista de Cambre na anterior lexislatura.

26- Para rematar, pode contestar o Sr. Varela Tejedor se en todo este expediente ten encontrado algunha irregularidade ou se, pola contra, considera que se cumpriron escrupulosamente as bases da convocatoria e o tribunal actuou co rigor e ecuanimidade esixíbel?

ANEXO


Que no vixente Regulamento Orgánico Municipal recóllese literalmente:

Artigo 122. 1.-De conformidade co establecido no artigo 22.2.a) da lei 7/85, do 2 de
abril, reguladora das bases do réxime local, correspóndelle ó Pleno, como atribución non delegable, o control e maila fiscalización dos órganos de goberno.
O devandito control e fiscalización exercerase a través dos seguintes medios:
d) Requirimento de presenza para información e formulación de preguntas de membros corporativos que ostenten delegación.
Artigo 126. 1.-Todo membro da Corporación que por delegación do Alcalde ostente a responsabilidade dunha área de xestión, estará obrigado a comparecer ante o Pleno, cando este así o acorde, co obxecto de responder ás preguntas que se lles formulen sobre a súa actuación.
2.-Para tal efecto, os membros da Corporación ou grupos municipais a través dos seus voceiros, poderán formular por escrito requirimento de presenza e comparecencia dos membros corporativos que exerzan delegación. O escrito presentarase polo Rexistro Xeral cunha antelación de oito días hábiles anteriores á
realización da sesión plenaria ordinaria, co fin de se poder recoller na orde do día da
convocatoria. O devandito escrito deberá conte-las preguntas concretas das que se require información, e mailo nome do concelleiro do que se solicita a comparecencia.
3.-Votada favorablemente a comparecencia, o concelleiro afectado poderá dar contestación na mesma sesión e dentro da mesma orde do día, ás preguntas formuladas no escrito.
Neste caso, trala exposición oral do concelleiro, poderán intervi-los voceiros dos grupos municipais da Corporación por un tempo máximo de cinco minutos cada un, co obxecto de aclara-las contestacións dadas polo concelleiro, fixar posicións ou facer observacións, ás que contestará o Concelleiro, dando por conclusa a comparecencia.
O Presidente, en casos excepcionais, poderá, por pedimento da Xunta de Voceiros, abrir unha rolda para que os concelleiros poidan formular preguntas ou pedir aclaracións sobre a información facilitada. O Presidente, para o efecto, fixará un número ou tempo máximo de intervencións.
4.-En caso contrario, o Alcalde-Presidente incluirá o asunto na orde do día da primeira sesión ordinaria ou extraordinaria que se realice.
Categoría: Plenos - Publicado o 24-01-2008 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
As marquesiñas de Cecebre
Lendoiro
























Alarmante estado de abandono, Esta é a realidade das marquesiñas de Cecebre


Lamentábel o estado no que se atopan as marquesiñas de Cecebre, cheas de pintadas, fáltanlles parte ou todos os cristais, e aínda que este ano chove pouco, as xiadas en Cecebre son finas. O aspecto é de total abandono. Hai unha, a da Braña, que impresiona porque parece que estiveras na selva e as plantas empezaran a cubrilo todo. E a que está na entrada do camiño da planta de formigón é un poema, podería xurar que pasou outra vez o Hortensia e arramplou con todo. En suma, que servirán para calquera cousa, menos para resguardar aos usuarios, da igual que sexan adultos ou nenos. Desgraciadamente os usuarios máis afectados son os rapaces cando van e veñen á escola.
Os problemas do transporte público na comarca e no concello son algo endémico, cousa que os alcaldes que gobernan nunca puxeron moito empeño en solucionar.

Este goberno está a permitir o deterioro dos servizos municipais e reducindo a calidade de vida dos veciños e veciñas. Pero como din por aía, unha imaxe vale máis que mil palabras (...cliquea para ver máis marquesiñas...)
Marquesiñas en Cecebre
Categoría: Infraestruturas - Publicado o 23-01-2008 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
O anteproxecto de lei de Servizos Sociais de Galiza deixa atrás o modelo asistencialista e aposta pola xestión innovadora e integral



O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou en Santiago o anteproxecto de Lei de Servizos Sociais de Galiza, o novo marco normativo e conceptual a partir do que se vai desenvolver o Sistema Galego de Benestar. Para o Vicepresidente este anteproxecto de lei supón "un gran paso adiante de Galiza na produción lexislativa de carácter social ao tempo que abre unha nova etapa para o impulso dunha política propia fundada nas capacidades do autogoberno e comprometida coa mellora da calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas". [...]
Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
Artigo completo
Categoría: Benestar - Publicado o 20-01-2008 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG esixe unha auditoria do gas

O BNG esixira que se audite toda a infraestrutura do gas en Cambre e que se establezan protocolos de seguridade


É inexplicábel a falta de control e vixiancia neste tipo de obras por parte da administración que otorga as licencias: o Concello


O GM do BNG amosou a súa moderada satisfacción porque os danos as persoas causados pola rotura da tubaria de gas no Graxal foran mínimos. “Os danos materiais sempre son subsanábeis , o importante e que as persoas non sufriran danos de consideración”, declarou o seu portavoz municipal, Xabier Iglesias, que se personou no lugar do accidente esta mañá. Trasladou a súa solidariedade aos veciños e veciñas afectadas e , fixo público o desexo do grupo nacionalista de que os operarios feridos teñan unha rápida recuperación.

Ao mesmo tempo manifestou a sorpresa polas declaracións dos responsábeis municipais, nomeadamente do Alcalde. “ Unha vez máis botando balóns fora, eludindo calquera responsabilidade” “Non é acaso o Concello o que otorga as licencias para as obras?, non hai uns técnicos municipais que deben vixiar que os traballos e obras se axusten as condicións de seguridade establecidas?, non é o concello responsábel da seguridade?, non están estas obras no entramado urbano municipal?” declarou o portavoz nacionalista.

Para os nacionalistas a orixe destas actitudes está en que o Alcalde non exerce, non manda. Simplemente se deixa levar polos acontecementos. “Non se pode estar permanentemente agardando pola sorte, e, cando isto non ocorre, botarlle a culpa aos demais”, “hai que se deixar de lamentos e actuar, gobernar, que é o que queren os cidadáns”.

Desde o BNG anunciaron que pedirán todas as explicacións sobre o acontecido, no Concello e nas demais administracións implicadas, e, que estarán apoiando sen fisuras ao goberno na demanda de responsabilidades aos causantes deste destrozo. Pero, tamén, na esixencia de medidas de prevención para que non se repita.

Os nacionalistas esixiran que o Concello audite todas as infraestruturas de subministro de gas do Concello, o seu funcionamento e os protocolos de seguridade que deberían estar establecidos. “Non é de recibo que a cidadanía de Cambre estea permanentemente na incerteza de onde saltara o próximo accidente.”

Gabinete de comunicación do BNG de Cambre,11 de xaneiro de 2008
Categoría: O Temple - Publicado o 13-01-2008 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal