POR UNHA MAREA GALEGA


Unha técnica supervisa sobre o terreo o proxecto impulsado por Cambre no Haití a través do Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego e o Fons Català de Cooperació promoven na illa a prevención de riscos e a formación para construír vivendas resistentes aos terremotos

Victòria Planas informará de primeira man sobre a implementación da iniciativa tras reunirse co parceiro local e cos distintos axentes implicados na recuperación


Cambre, 13 xaneiro 2011.
O Concello de Cambre decidiu tras o terrible terremoto que asolou Haití o pasado ano colaborar económicamente coas vítimas. Por iso optou por doar un euro por habitante empadroado e abrir unha conta corrente para recabar fondos, que foron ingresados na conta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Esta entidade e mais o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament envían dende esta semana unha técnica ao Haití para supervisar sobre o terreo a execución do proxecto que ambas as dúas entidades están a implementar tras o sismo do ano pasado. A iniciativa promove, entre outros aspectos, a formación para a construción de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais. Estase a levar a cabo nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, situadas na fronteira nordeste coa República Dominicana.

A técnica Victòria Planas, que permanecerá case un mes na illa caribeña, reunirase co parceiro local, o Centro pola cultura e o desenvolvemento de Carice (SKDK), para consolidar as bases da colaboración. Manterá ademais xuntanzas con representantes do Ministerio de Planificación e Cooperación Externa, do Ministerio de Interior, da AECID e do programa das Nacións Unidas ART-GOLD. O resultado da viaxe plasmarase nun informe de seguimento e nun diagnóstico ‘in situ’ sobre os actores e as accións nun contexto de emerxencia. Para elaboralo, ademais de documentar graficamente a intervención, realizaranse entrevistas á poboación beneficiaria, autoridades locais, persoal técnico, etc.

Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’ é o título do proxecto. O Fondo Galego achega 160.000 euros



procedentes de diversas administracións socias e algúns cidadáns que realizaron as súas doazóns a través da conta de emerxencia aberta hai un ano. A proposta busca crear capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza, para o que se apoiará as institucións e as organizacións sociais.

A iniciativa actúa en varias frontes. Impulsarase a planificación intermunicipal de políticas públicas sobre a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o crecemento económico e a prevención de riscos. Actualizaranse os plans de estudos do Centro de Formación Profesional de Carice de acordo aos novos retos en materia de agroecoloxía, construción local adaptada, socio-administración e economía social. Construirase asemade un centro intercomunal con técnicas antisísmicas e anticiclónicas no que se empregarán materiais como a arxila e unha clase de bambú chamada ‘guadua’, moi resistente. A edificación resultante será un exemplo para futuras vivendas na zona e servirá como práctica para unhas 90 persoas que sairán graduadas en construción. O cuarto resultado do proxecto é a creación dun sistema de información sobre a vulnerabilidade da poboación respecto dos riscos e desastres, que involucrará aos comités de Protección Civil de cada un dos tres municipios.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego de Cooperación beneficiará preto de 500 poboadores e poboadoras que se seleccionaron tendo en conta criterios de equidade territorial urbano-rural e de igualdade de xénero. Son institucións, organizacións locais, profesionais e estudantes, aínda que os efectos positivos repercutirán de xeito indirecto sobre os 64.000 habitantes que suman Carice, Vallières e Monbin Crochu.


O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

Categoría: SOLIDARIEDADE - Publicado o 14-01-2011 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal