POR UNHA MAREA GALEGA


O Consorcio das Mariñas elixe unha comisión que redactara a proposta de novos estatutos


SERVIRÁN PARA A NEGOCIACIÓN CO CONCELLO DA CORUÑA CARA A SÚA ENTRADA NA INSTITUCIÓN COMARCAL


Cambre, 8 de outubro de 2009.-

O pasado martes, día 6, o Pleno do Consorcio das Mariñas, deu un paso máis cara a integración do Concello da Coruña no ente supra-comarcal. Por acordo unánime entre os representantes dos 9 municipios elixiuse unha comisión de traballo que coordinará o Alcalde de Abegondo, o non adscrito Santiso Miramontes, e completan o nacionalista e Alcalde sadense, Abel López Soto e a popular e alcaldesa de Betanzos, María Faraldo.

Ademais, o Pleno, aprobou solicitar a colaboración dos servizos xurídicos da Deputación para elaborar a proposta. Lembrouse, neste punto, que a colaboración no asesoramento xurídico da institución provincial fora destacada na xénese do Consorcio no ano 2000.

Os alcaldes e representantes municipais presentes destacaron o cambio no discurso político coruñés, avaliándoo como positivo. Aínda así coincidiron na prudencia á hora de agardar polos resultados do proceso.

Xabier Iglesias, portavoz nacionalista en Cambre e que participou na xuntanza representando ao concello de Cambre na súa calidade de 1º Tenente de Alcalde, manifestou a súa coincidencia coas conclusións da reunión. Engadiu a súa satisfacción polo acordo e polas conclusións do encontro dos alcaldes da pasada semana que propiciaron esta decisión. Lembrou que no nacemento do Consorcio, o BNG expresara a súa convicción de que o novo organismo estaría incompleto sen A Coruña. Lamentou que pasaran tantos anos dándose as costas comarca e capital pero manifestou que non era momento de mirar atrás, que agora se trataba de mirar ao futuro e de poñerse a traballar para recuperar o tempo perdido. "Agardo que non quede todo en declaracións de boas intencións que supoñería unha frustración máis para cidadanía que xa comeza a estar farta de que desde as alcaldías non se teña conseguido encamiñar case nada en canto aos problemas que todos sufrimos a diario", comentou.

Sobre as competencias que debería abordar o Consorcio coa entrada da Coruña, Iglesias precisou que son varios os temas urxentes, desde o transporte e a mobilidade á xestión de todo o ciclo da auga. Tamén indicou que non se podían esquecer o Turismo, no que está en marcha un plano de actuación conxunta, ou as políticas sociais, nas que tamén existe unha colaboración estábel entre os nove concellos actuais. Aínda así, explicou, é necesaria a coordinación dos planeamentos urbanísticos, a definición das grandes bolsas de solo que se dedicarán a usos residenciais, industriais e de servizos, incluíndo os corredores de transporte e as áreas de protección medioambiental e paisaxística. "O futuro demándanos o acordo, non hai tempo que perder en debates teóricos sobre os límites da área metropolitana", dixo en referencia á discusión sobre modelos que ten transcendido nos últimos tempos, "pódese discutir se hai que chegar a máis concellos, pero desde logo non creo que ninguén poida cuestionar que os que formamos parte do Consorcio a día de hoxe e o concello coruñés, temos que ser o cerne da futura área metropolitana", concluíu.


Categoría: Novas - Publicado o 08-10-2009 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal