POR UNHA MAREA GALEGA


A secretaria xeral da Igualdade visita a Galescola de Cambre, a primeira da comarca de A Coruña

[12/11/07] A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, sinalou hoxe que a Galescola de Cambre é unha boa mostra do maior reto educativo da década emprendido polo Goberno galego para estender a educación infantil de 0 a 3 anos a todo o país. Durante unha visita ao novo centro, que abriu as súas portas o pasado 5 de novembro, Adán asegurou que as galescolas son a "expresión do compromiso estratéxico da Vicepresidencia para garantir, en condicións de igualdade de oportunidades, o acceso a unha educación infantil de calidade".


A nova escola infantil de Cambre, a primeira de titularidade pública que se abre neste concello e a primeira galescola da comarca, conta con seis unidades e ten capacidade para 82 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos. A Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, investiu un total de 438.879 euros para a construción e equipamento do edificio.

Segundo dixo na súa intervención a secretaria xeral da Igualdade, o centro supón un importante paso para incrementar a feble oferta de prazas públicas na educación 0-3 existente na comarca e no concello. Coa posta en marcha da galescola, as prazas públicas no municipio pasan dunha taxa de cobertura do 0 ao 11,24%, e se se ten en conta tanto as prazas públicas como as sostidas con fondos públicos, pásase dun índice de cobertura do 6,5 ao 17,83%.

Un total de dezaseis profesionais de diferente perfil conforman o equipo da galescola: 4 mestras, 10 educadoras e 2 persoas para servizos xerais. O centro abre as súas portas de 7.30 a 21.30 horas, para garantir a máxima flexibilidade aos usuarios e facilitar a conciliación.

O novo centro de Cambre forma parte da Rede Galescola que a Vicepresidencia e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar están a impulsar por todo o país e que contará, ao final da lexislatura, con 121 escolas infantís.

Rede Galescola

A secretaria xeral da Igualdade explicou, na súa visita á galescola de Cambre, que a Rede de Galescola supón "a transformación educativa de maior calado emprendida pola Xunta de Galicia", marcándose dous obxectivos básicos: a ampliación das taxas de cobertura, solucionando o déficit de prazas públicas herdado, e a superación dos déficit na súa distribución territorial. Dentro da mellora das coberturas de prazas públicas, Carme Adán lembrou que entre 2006 e 2007 se crearon 47 novas escolas infantís e máis de 1.800 prazas, que en 2008 se porán en marcha 2.300 prazas máis, e en 2009 outras 1.800 novas prazas.

A secretaria xeral indicou que esta Rede Galega de Escolas Infantís supón a ampliación dun sistema educativo público e de calidade, un compromiso que se apoia cun esforzo investidor continuado por parte da Xunta de Galicia. Recordou que así, en 2008, destínanse máis de 17 millóns de euros ao desenvolvemento da Rede Galescola, un incremento superior ao 36% respecto a 2007.

Calidade

Carme Adán explicou que as galescolas "son sobre todo boas escolas". Trátase, segundo dixo, de centros que apostan pola calidade, pola mellora da oferta educativa e pedagóxica, vertebrándose arredor de dous elementos fundamentais: a redución do número de alumnas e alumnos por educador, a través da parella educativa, e a formación continua. Ademais, destacou a importancia de que se trata dun proxecto para todo o país "con escolas que traballan por primeira vez en rede con criterios e obxectivos compartidos". Son, por tanto, un servizo público e un proxecto de calidade, que supera o concepto de garda e custodia dos nenos e potencia a educación, en galego, na tolerancia, no respecto, na identidade e no compromiso co país.

Igualdade


Á parte de ser un servizo educativo, Adán afirmou que a nova galescola de Cambre é tamén un instrumento a favor das políticas de igualdade e conciliación. Asegurou que as galescola son un "piar esencial da nosa política de apoio ás familias, un servizo de proximidade para que todos os membros da familia teñan mellores condicións para conciliar a vida persoal, familiar e laboral".

Ver fotos (+)
Fotos da galescola de Cambre
Categoría: GALESCOLA - Publicado o 12-11-2007 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal