O BNG avalará a moción para socilitar a Vivenda que non teña en conta a Os Campóns no plan sectorial
Cambre, 21 de febreiro de 2009.- O BNG de Cambre avalará a moción que se presente ao vindeiro pleno para solicitar a Vivenda que non teña en conta a alegación presentada polo Concello en relación ao plan sectorial de Os Campóns, tendo en conta que a maior parte dos propietarios rexeitan o plan. A postura do BNG é a mesma que mantivo durante estas últimas semanas e que xa explicou en varias ocasións a través do seu voceiro Xabier Iglesias. "Se non hai acordo non se fará vivenda de protección onde os propietarios do solo non queiran. Tal como consta nas actas das sesións plenarias onde se tratou o asunto. O BNG en Cambre e na Xunta está comprometido a facer vivenda de protección e vaina facer, tamén en Cambre. Pero de acordo co Concello e cos propietarios”, indicou.

Xabier Iglesias explicou tamén que nestes momentos hai solo en Cambre onde os propietarios si están dispostos a unha negociación e teñen amosado interese. Sempre e cando os solos estean acordes co ordenamento urbanístico vixente e reúnen ás condicións necesarias, alí se farán. “Ese foi ou meu compromiso dende ou principio e non o penso cambiar. Outra cousa son ás mentiras que propagaron algúns", indicou Xabier Iglesias.

Por esa razón, despois de que os propietarios de Os Campóns rexeitasen de forma maioritaria o plan, o BNG está de acordo en solicitar á Xunta que non teña en conta a alegación presentada no seu momento pola Corporación Local propoñendo a zona dos Campóns como alternativa a Lendoiro para desenvolver o plan sectorial. Recordou, ao mesmo tempo, que isto significaba que serán os propietarios os que terán que desenvolver ese ámbito, e que o BNG os apoiará. Lembrou, ademais, que a lei xa lles obriga a dedicar un mínimo do 40%, como mínimo, das vivendas que constrúan a vivenda protexida e, asumir as custos de todo o proceso urbanizador.

O voceiro nacionalista explicou que este debeu de ser o camiño dende un principio para chegar a entendemento cos veciños ,lonxe do enfrontamento e a crispación que buscou lamentablemente o Partido Popular de Cambre. Neste senso, insistiu que a postura do BNG non cambiou, en contra do que intenta vender agora ou PP, xa que en varias ocasións dende ou BNG dixemos que "se a maior parte dos propietarios non querían o plan, o BNG estaba de acordo en non desenvolver vivenda protexida onde os propietarios de terreo non o quixeran".
Categoría: Plan Vivenda - Publicado o 21-02-2009 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
Borrador da acta do pleno no que se tratou o Plan sectorial de solo de Galiza con destino a vivendas protexidas
Está a túa disposición o borrador da acta do pleno do día 18 de decembrode 2008, onde se tratou o único punto:

- Alegacións ao Plan sectorial de solo de Galiza con destino a vivendas protexidas

...descargar

A Continuación extractamos, polo seu interese, as intervencións neste pleno do portavoz nacionalista:

...Concedida a palabra a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo, voceiro do BNG, dille ao Sr. Cubeiro que seguramente debe de ser unha persoa moi insegura que necesita traer todo por escrito para lelo, non se debe crer moi ben as cousas que di e ten que lelas, e sobre todo necesita lelo para non equivocarse, e se cadra hai alguén que lle marca o guión, e para que non se aparte del ten que repetilo desa maneira.

Di que outros non necesitan facelo así, sobre todo porque teñen palabra. O que queren é o que din e é o que cumpren, claro está cando teñen os apoios suficientes. Cada un ten responsabilidade das cousas que ten responsabilidade, non doutras. Dille que non pretenda acender o ventilador e repartirlle a todo o mundo as responsabilidades que o Sr. Cubeiro sabe están perfectamente delimitadas, e cada quen ten as súas.

Di que está claro cal é a dinámica na que se quere meter, á política lle vale todo e á táctica lle vale todo.

Toma a palabra o Sr. alcalde para pedir orde na sala e que se deixe falar aos voceiros.

Continúa dicindo o Sr. Iglesias Oviedo que resulta difícil manter o fío con constantes interrupcións, pero que o vai a tentar. Dille ao Sr. Cubeiro que iso de que vale todo para conseguir determinados obxectivos, determinados aplausos, pode ter un rendemento a curto prazo, pero co tempo pode volverse contra el, porque desas cousas que está dicindo agora vanlle pedir contas dentro dun ano, dous ou tres, os mesmos veciños aos que estivo enganando, porque estivo facendo un traballo de desinformación.

Toma a palabra o Sr. alcalde e volve pedir orde na sala. Di que van seguir co tema e pide respecto e que se escoite ás persoas que están falando. Di que seguir curtando as intervencións non é o sistema para escoitar o que se di. Poden estar ou non de acordo, pero pide que se escoite o que din os voceiros. Non quere verse obrigado a desaloxar a sala porque esa non é a súa idea. Pensa que se debe de escoitar, que iso é o importante.

O Sr. Iglesias Oviedo segue dicíndolle ao Sr. Cubeiro que pensa que o que quere é que todo vaia mal, que non se solucionen toda esa cantidade de problemas que citou, e que todos coñecen e poden citar de memoria, sen necesidade de lelos, pero que o Sr. Cubeiro non quere que teñan solución, porque lle vai ben cando as cousas van mal, ou iso é o que cre el, pero que xa lle dixo antes que as cousas se poden volver contra el.

Di que é significativo que agora lle quera botar enriba a pelota a outros grupos políticos, nunha falta de respecto total e absoluta. En todo caso, é o seu método de traballo. O PP está demostrando como actúa, como actúa en todas partes e como actúa agora en Cambre. Se pensan que teñen rendemento así, que sigan por esa vía, pero el cre que están equivocados.

Di que a alegación á que deu lectura a Sra. secretaria é a proposta do Concello de Cambre sobre o Plan Sectorial de Vivenda. Iso quere dicir que a maioría da corporación, dos grupos políticos que van apoiar esa proposta non estaban de acordo coa proposta que fixera a Consellería de Vivenda e Solo, e por iso estiveron negociando, traballando e discutindo ata chegar á conclusión de que había que retirar un ámbito dese plan, como así teñen negociado coa Consellería, e como así lles teñen notificado ata por escrito dúas veces. Por se non quedaba claro o primeiro escrito da Consellería, hoxe enviaron outro confirmando que non era só unha intención, senón que retiraban ese ámbito. Pensa que iso debería dar tranquilidade a unha gran parte da xente, e sobre todo a unha zona onde estaba a maior parte dos afectados.

Continúa dicindo que os outros sitios que se propoñían ao principio, no Graxal, no Temple, e os tres novos que se propoñen, non son sitios novos para construír, son sitios que dende 1994 están cualificados nas Normas urbanísticas Subsidiarias de Cambre como edificables, como urbanizables para a construción residencial de vivendas. Os polígonos de Cela e do Temple, e as dúas unidades de actuación urbanísticas que están nos Campóns, están todas elas nas Normas Subsidiarias vixentes. Di que se se preguntan por que non se desenvolveron, a resposta é porque son privados, e son os propietarios os que saberán porque non se desenvolveron.

Di que agora teñen unha oportunidade, fundamentalmente nos dous polígonos, de que por iniciativa pública, con diñeiro público, se poidan facer unhas actuacións urbanísticas que consigan vivenda de calidade, a baixo prezo para a xente, que os doten de espazos para equipamentos, de zonas verdes, etc. Pensa que hai que aproveitar esa oportunidade. Haberá a quen lle pareza mal, pero, en todo caso, aí son os representantes políticos de Cambre, os que están respaldados por votos electorais, os que teñen que tomar as decisións. Pregunta quen vai estar en contra de que desaparezan dous polígonos obsoletos, fóra de ordenación, e ademais cando xa está previsto así nas Normas Subsidiarias.

Di que pensa que todo o mundo sabe que iso é así, e o único que se fai coa alegación que a maioría de grupos municipais do concello vai aprobar, é dicirlle á Xunta que están de acordo co Plan de Vivenda protexida, que están de acordo con que se faga ese investimento en Cambre, que están de acordo con que queren que se lles dote de miles e miles de metros cadrados de equipamentos e zonas verdes, pero que, ademais, queren que se faga onde xa o Concello de Cambre tiña decidido que se medrase urbanisticamente. Iso é o que están facendo, adiantar un proceso urbanizador por varios anos, facelo con investimento público, conseguir vivenda para os mozos e para a xente traballadora a prezos que hoxe son absolutamente impensables, e dotarse, ademais, dos espazos necesarios para construír os colexios, centros de saúde, zonas deportivas, etc., que pensa que todo o mundo está de acordo en que o Concello de Cambre carece.

Continúa dicindo que o Sr. Cubeiro dixo que agora hai veciños que non poden alegar. El non sabe se é descoñecemento ou intención de mentir e seguir confundindo descaradamente, porque o concelleiro do PP ten que saber perfectamente que esta primeira fase do Plan Sectorial é simplemente para a delimitación do solo onde se vai actuar, que unha vez aprobado, no caso de que se aprobe, cada sector dos que se van a desenvolver vai a ter o seu propio proxecto de sectorialización e o seu período de exposición pública, no que os veciños, os interesados, os afectados, ou quen queira, vai a poder intervir. O Concello de Cambre e todos os grupos municipais terán tamén que personarse nese momento para ver se as propostas que para cada un deses sectores se fagan son as necesarias, son as suficientes e son as adecuadas para os intereses que teñen que defender todos eles, que son os intereses públicos, os intereses da maioría.

Pensa que o mesmo que pasou onte, el se atopa hoxe perante un auditorio ao que non vai a convencer, que non lle vai a dar a razón, pero, en todo caso, pide como mínimo o mesmo respecto que tivo onte para poder manifestar a súa posición. Di que os compromisos do seu grupo quedaron xa publicamente explicitados onte, polo que non cre que sexa necesario repetilos hoxe. Di que está claro cal é a actuación que eles van a ter para defender os intereses xerais, pero tamén os lexítimos intereses dos particulares que se vexan afectados. Van a aceptar, van a intentar e van a negociar para que o proceso de obtención do solo sexa un proceso sempre negociador, e de mutuo acordo, e que contemple os intereses, e beneficie aos posibles veciños afectados. Iso é o que eles van a facer, como cre que van a facer todos os grupos municipais.

Conclúe dicindo que para Cambre este proxecto é unha oportunidade. Que cando se presentou era un proxecto, e era unha obrigación de todos os grupos personarse nel para melloralo e non permitir que cousas que estaban mal enfocadas seguiran adiante. Modificárono, fixeron un proceso de diálogo e de negociación, como hai que facer na política, e como hai que facer dende a responsabilidade institucional para obter os mellores beneficios para este concello. Di que é unha oportunidade que a Xunta de Galicia invista 50 millóns de euros nunha situación de crise económica como a que se vive, para que se manteñan postos de traballo, para que se creen outros novos, para que o comercio e a hostelería do concello, que en moitos casos está agonizante, e con malos augurios para o futuro, que poida ter unha mellor expectativa. Pensa que sería unha irresponsabilidade da corporación non aceptar un plan que é bo, que o melloraron, e que ademais ese acordo xa está tomado e feito coa Consellería para aceptar todas as cousas que o Concello de Cambre propuxo. Nese sentido o seu voto non pode ser desfavorable, sería unha auténtica irresponsabilidade.

...Concedida a palabra a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo di que unha mentira se pode repetir 1000 veces, pero que iso non quere dicir que se vaia a converter en verdade. Di que sabe que el non vai a recibir os aplausos que recibiu o concelleiro do PP, pero que o concelleiro sabe que o que dixo é mentira. Di que evidentemente non veñen marcados os equipamentos no plan, o que ven marcado é canta superficie, cantos miles de metros cadrados van a poñer a disposición do Concello de Cambre para que sexa a corporación municipal a que decida neses espazos se o que se vai a facer son colexios, centros de saúde, equipamentos deportivos, etc. O que non pode é vir a Xunta de Galicia, 3, 4 ou 5 anos antes de que iso estea feito, e dicir que é o que se vai a construír neses terreos, senón que eses terreos entregaranse ao Concello de Cambre para que decida o seu futuro...



Acta-borrador
Categoría: Plan Vivenda - Publicado o 04-02-2009 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
O Plan de vivenda será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente

Declaracións de Xabier Iglesias sobre o plan de Vivenda...máis

Outros artigos no seu blog:

- Vivenda protexida para a nosa xente, aproveitemos a oportunidade

- Plan de vivenda, como auga de maio!


Arquivos en pdf:

- A Barcala-Lendoiro
- O Graxal
- O Temple


- Documento completo na web da Consellería de Vivenda e Solo
Demandantes de VPA e VPP inscritos no Rexistro de Demandantes
Categoría: Plan Vivenda - Publicado o 24-11-2008 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Plan de vivenda, como auga de maio¡
"...crearemos “cidade”, e será de maneira planeada e seguindo o interese da maioría, non polo capricho especulador dos poucos de sempre...máis"


Arquivos en pdf:

- A Barcala-Lendoiro
- O Graxal
- O Temple


- Documento completo na web da Consellería de Vivenda e Solo
Demandantes de VPA e VPP inscritos no Rexistro de Demandantes
Categoría: Plan Vivenda - Publicado o 14-11-2008 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial permanece en exposición pública desde o luns 27 de outubro ata o 27 de decembro
O documento completo poderá consultarse na sede da Consellería de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas-Área Central s/n), en concreto na Dirección Técnica de Solo (3º andar), onde haberá un técnico deste departamento para resolver posibles dúbidas dos interesados. O documento poderá consultarse polas mañás de 9 a 14:00 horas. Os 57 concellos nos que se vai a desenvolver algunhas das actuacións previstas dispoñen dunha copia en formato dixital do documento.

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, publica o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para vivenda protexida, tal e como recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 24 de outubro. O documento completo permanece en exposición pública desde o luns 27 de outubro durante dous meses e poderá consultarse na sede da Consellería de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas-Área Central s/n), en concreto na Dirección Técnica de Solo (3º andar), onde haberá un técnico deste departamento para resolver posibles dúbidas dos interesados. O documento poderá consultarse polas mañás de 9 a 14:00 horas...máis

Arquivos en pdf:

- A Barcala-Lendoiro
- O Graxal
- O Temple


- Documento completo na web da Consellería de Vivenda e Solo
Demandantes de VPA e VPP inscritos no Rexistro de Demandantes
Categoría: Plan Vivenda - Publicado o 14-11-2008 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido
id

foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos

© by Abertal