Cambre presenta un orzamento de 16,6 millóns de euros, un 2,11% menor que en 2010 e marcado pola contención do gasto
Os investimentos aumentan un 2,57% e ascenden a 3,23 millóns

Cambre, 3 de marzo de 2011.-
O Concello de Cambre acaba de presentar a proposta de orzamentos para o exercicio 2011, marcados por un descenso dun 2,11% con respecto a 2010, como consecuencia do momento económico actual. Os orzamentos alcanzan a cifra de 16.678.230,55 euros.

Dada esta situación económica global e a diminución das previsións de ingresos a realizar, principalmente dos derivados da actividade urbanística no municipio e da participación nos tributos do Estado, contémplase nestes orzamentos unha “contención total do gasto corrente de funcionamento”, pero garantindo unha atención adecuada ás necesidades dos cidadáns, e mantendo uns servizos públicos básicos de calidade.

Así, o capítulo de gastos de persoal baixa un 4,60% e queda en 5,6 millóns de euros. Este descenso é debido sobre todo á aplicación do real decreto Lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público.

A política de contención do gasto corrente tradúcese nun pequeno incremento do 0,81% en relación ao orzamento do 2010, quedando en 6,16 millóns de euros. Este mínimo aumento débese a elevar o gasto na asistencia a persoas dependentes co programa de transporte adaptado e de axuda no fogar, a contratación dunha nova cartografía, elemento esencial para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, cuxa anualidade de gasto tamén se contempla, ou a renovación de vestiario da Policía Local.

Por outra banda tamén aumentaron os gastos necesarios para os contratos de



mantemento, como os de limpeza dos edificios xerais, por maiores superficies a manter, o mantemento da iluminación pública, polo incremento de novos de puntos de luz, e do servizo de conserxería do campo de fútbol Dani Mallo, que neste orzamento está previsto para todo o ano, en virtude do contrato asinado a mediados do 2010.

Actuacións que contribuíron á contención do gasto foron a finalización do contrato de arrendamento do local para o almacenamento do parque de vehículos, maquinaria e repostos utilizados pola brigada de obras do Concello de Cambre, por contar cun local propio no centro municipal de formación, a delegación da xestión catastral na Deputación Provincial, ou a execución durante o 2010 de gastos previstos no anterior orzamento, como o plan integral de accesibilidade.


O goberno local garantirá o funcionamento do Concello sen minguar a calidade dos servizos

Investimentos

Os investimentos ascenden a 3.239.996,03 euros, o que supón un incremento do 2,57 % con respecto ao 2010, dos que 2.013.491,26 euros serán transferencias procedentes doutros organismos. Dentro dos investimentos destacan os proxectos englobados no programa ARUME, financiado nun 70% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, como a Casa da Cultura (1,3 millóns de euros consignados en 2011), a rexeneración do campo da feira (380.000 euros), o plan de humanización de Ou Graxal (319.000 euros) e a construción da pista de skate (47.000 euros, a engadir aos consignados o pasado ano).
Outro dos puntos fortes dos investimentos serán as obras de acondicionamento de camiños municipais en San Bartolomeu/Armental, e Cela/Canal financiadas polo POS 2011, así como a rehabilitación das fontes do Toural e do Souto e as obras de seguridade viaria en Lendoiro e Socampo e saneamento no CP- 1706. Neste exercicio destaca a obra de construción dunha nova instalación para albergar o servizo de Protección Civil, financiada pola Deputación nun 79% e cuxo orzamento ascende a 362.000 euros.


Ingresos

O importe total dos ingresos previstos por taxas diminúe un 2,29% con respecto ao 2010, alcanzando os 2,77 millóns de euros. A maiores da diminución dos ingresos por licenzas urbanísticas tamén diminúe a previsión de ingresos por licenza de aperturas de establecementos. Mantéñense as previsións de ingresos pola nova taxa imposta para o ano 2010 e seguintes pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local polas empresas subministradoras de servizos de telefonía móbil.

A participación nos ingresos do Estado, recurso de gran importancia no sostemento do gasto corrente do Concello, que supón un 25,02% do total, este ano continúa a súa baixada e sitúa a súa previsión en 4.173.056,76 euros, 219.788,59 euros menos que no ano
anterior. Esta menor previsión de ingresos derivan da especial situación económica actual na que o Estado tamén ve reducidos os seus ingresos.

Os impostos indirectos, representados principalmente polo ICIO (imposto de construcións) mantén a súa previsión en 400.000 euros, igual que o ano pasado, dada a menor actividade urbanística. Os impostos directos, nos que se atopa o IBI, aumentan un 0,87% e chegan aos 4,9 millóns de euros.

Con estas previsións de ingresos e gastos, lógrase reducir o esforzo fiscal por habitante a 344,89 euros, fronte ao gasto por habitante de 707,69 euros, o que indica que de cada 100 euros de gasto, obtéñense 48,73 euros por tributos e prezos públicos.


Pleno o venres, día 4

O pleno extraordinario da corporación para debater os orzamentos xerais de 2011 terá lugar o vindeiro venres ás 13h. O primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Xabier Iglesias declarou que agardaba da responsabilidade dos grupos municipais no sentido de apoiar ou facilitar a aprobación do documento orzamentario. Lembrou que o documento contén as previsión de gasto en obras xa apobadas polo Pleno, en referencia ao Plan de Obras e Servizos ou o Programa Arume, e tamén as partidas necesarias para aprobar e pagar os convenios coas asociacións culturais e deportivas, así como as ANPAS para a realización das actividades extraescolares.
No mesmo sentido iglesias apuntou que o goberno municipal, do que forman parte os concelleiros e concelleiras nacionalistas, cumpre coa súa obriga presentando este documento orzamentari ao pleno, realista e posíbel, e afirmou que 'agora é o Pleno, e polo tanto os grupos municipais representados, os que teñen a responsabilidade de que se podan cumprir as expectativas da maioría da poboación deste concello, que non entendería un novo bloqueo ao goberno por intereses partidistas'

Categoría: Orzamentos - Publicado o 02-03-2011 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello de Cambre anuncia que remitirá a conta xeral de 2009 ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas a pesar da negativa da oposición
PP, EU e Ramos desatenden ao Ministerio de Economía, que apunta que apoiar o informe de Intervención non implica dar a conformidade ás actuacións


O goberno local cualifica de “insólito” que a edil non adscrita vote en contra dunha conta dun exercicio no que gobernaba


Cambre, 24 xaneiro 2011.
O Ministerio de Economía e Facenda recolle na orde EHA 4041/2004, de 23 de novembro, de contabilidade xeral, que “a aprobación da conta xeral é un acto esencial para a súa fiscalización polos órganos de control externo, que non require a conformidade coas actuacións reflectidas nela nin xera responsabilidade algunha pola súa razón”. A pesar de que a instrución ministerial afirma con rotundidade que a aprobación da conta non require conformidade coas actuacións do Concello, esa foi precisamente a razón esgrimida pola oposición no día de hoxe para non dar o visto e prace á conta cambresa referente ao exercicio 2009.

A lexislación na materia non contempla esta casuística. O goberno local anuncia que a pesar da negativa de PP, EU e a concelleira non adscrita remitirá nos próximos días o informe da conta xeral de 2009 aos órganos de fiscalización externa: o Consello de Contas e o Tribunal de Contas. O Concello quedará á expectativa de que estes determinen a forma de actuar ante esta situación non contemplada.

O Concello de Cambre entende e acepta que os grupos da oposición valoren no sentido que consideren oportuno a xestión económica realizada, pero ve un “sinsentido” no voto en contra do informe de Intervención, cando este analiza en profundidade o resultado de 2009, achegando os correspondentes reparos. O equipo de goberno desexa render contas ante Consello de Contas e Tribunal de Contas con obxecto de completar a labor de fiscalización iniciada polo departamento de Intervención e en aras da transparencia co cidadán.


O goberno local lamenta que os grupos que votaron en contra do informe da conta xeral realizárono por unha cuestión meramente partidista. O PP abstívose na Comisión Especial de Contas e só cambiou a súa orientación de voto ao ver a posibilidade de que o resultado da votación fose negativo, apunta o equipo de goberno. Mentres, EU admitiu sen pudor na sesión que a súa postura era “política”.

Asemade, o goberno municipal cualifica de “insólito” que Beatriz Ramos votase en contra da conta xeral dun ano no que exerceu labores de goberno como responsable da área de Medio Ambiente, Obras e Servizos.
Categoría: Orzamentos - Publicado o 25-01-2011 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Cambre gastou 12,5 millóns de euros en produción de bens de carácter social en 2009
A Comisión Especial de Contas ditaminou favorablemente a conta xeral de 2009

Os investimentos creceron un 28% e os ingresos un 3,4%, sen considerar o FEIL e o plan de Cooperación da Deputación

O índice de solvencia a curto prazo é dun 217%


A Comisión Especial de Contas do Concello de Cambre reuniuse para debater a conta xeral do exercicio 2009. O ditame da comisión ao informe presentado polo servizo municipal de Intervención foi positivo, polo que nas próximas datas o goberno local elevarao ao pleno da corporación para o seu preceptivo visto e prace como paso previo á súa remisión ao Consello de Contas.

Da conta xeral de 2009 despréndese que o gasto previsto no orzamento executouse nun 73,56%, superando amplamente o 65,17% rexistrado no exercicio anterior. O total de partidas executadas en 2009 ascende a 20,6 millóns de euros, o que supón un incremento dun 35,26% respecto de 2008.



Gastos


O exercicio 2009 viño marcado en parte pola realización do Fondo Estatal para o Investimento Local (FEIL), así como do Plan de Cooperación da Deputación da Coruña (PC), que acumularon 5,39 millóns de euros de gasto. Aínda sen telos en conta, a contía executada en 2009 seguiría sendo superior (un 9,02%) que a dun ano antes.

Este aumento do orzamento débese principalmente a un incremento nos investimentos. Sen contar o FEIL e o PC, os investimentos sumaron 3,2 millóns de euros, un 28,53% máis (713.645,44 euros) que en 2008. Incluíndo ambos os plans, os investimentos foron de 7,2 millóns, o que implica un crecemento dun 188,99%.

Os investimentos supuxeron un 19% do gasto. Tamén se incrementaron, con respecto a 2008, os gastos de persoal (6,57%), os gastos correntes (7,12%), e as transferencias correntes (12,48%). En cambio, constátase a tendencia de diminución dos gastos financeiros, que baixan un 9,01%.

En canto á execución dos gastos, o 60,18% do total corresponden ao grupo de produción de bens de carácter social, que abarca as áreas de sanidade, educación, urbanismo, saneamento, abastecemento, cultura ou deportes. Ascende a 12,5 millóns de euros, un 54,75% con respecto a 2008, contando o FEIL e o PC. Aínda sen incluír estes plans, a cifra crecería un 10,27%, alcanzando os 8,8 millóns.


Solvencia


Ingresos


Respecto ao índice de solvencia, o Concello destaca a incidencia que tivo o FEIL. O 31 de decembro de 2009, o Concello estaba pendente de recibir 1,15 millóns do Estado pola execución de investimentos incluídos no FEIL e xa xustificadas. En canto os recibise, o índice de solvencia a curto prazo chegaría á elevada cifra de 217,83%. Non obstante, mentres non obtivese devanditos fondos, o índice quedaría nun 69,57%.
O apartado de ingresos tamén experimentou un incremento con respecto a 2008: un 30,64%, considerando o FEIL e o PC, e un 3,46% sen consideralos. En concreto, os impostos directos (IBI, IAE, etc) aumentaron un 3,94%, mentres que os impostos indirectos recollen a caída dun 45% do imposto por construcións.



Xestión económica


Remisión das contas ao Consello e Tribunal de Contas


Polo demais, cabe resaltar que o remanente de tesouraría para gastos xerais foi de 1,07 millóns de euros e que o resultado orzamentario foi positivo de 174.984,21 euros. Sobre a xestión do gasto, ponse de relevancia o esforzo do goberno local por normalizar a contratación de servizos. O departamento de Intervención emitiu reparos a un 11,50% do gasto, o que supón unha redución moi importante fronte ao 19,99% rexistrado en 2008 e o 21,19% de 2007. O goberno local entende que ademais queda fóra de calquera dúbida o labor fiscalizador que realiza o departamento de Intervención e que leva ao Concello a pór os medios necesarios por regularizar a xestión.

Agora a conta xeral será levada a pleno. Como recolle a orde EHA 4041/2004, de 23 de novembro, de contabilidade xeral, “a aprobación da conta xeral é un acto esencial para a súa fiscalización polos órganos de control externo, que non require a conformidade coas actuacións reflectidas nela nin xeral responsabilidade algunha pola súa razón”. Por iso, o goberno local chama á responsabilidade dos grupos políticos para dar o visto e prace ao labor realizado por Intervención para render contas ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, para o que se necesita indispensablemente a aprobación do pleno, que como aparece na devandita norma, non vota a súa conformidade ou non á xestión, senón ao informe de xestión.

Categoría: Orzamentos - Publicado o 20-12-2010 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id

id

id

id

id

id

id

id

foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





contador de visitas com


© by Abertal