As alegacións foron consensuadas con todos os grupos e aprobadas en Pleno, polo que a Xunta coñece a posición de Cambre
Cambre, 18 de novembro de 2009.-
O Concello de Cambre apóiase nas alegacións á construción da Vía Ártabra aprobadas polo pleno ante o anuncio da Xunta de consensuar o trazado durante o transcurso da redacción do proxecto. Os reparos acordados pola corporación datan da sesión celebrada no mes de xuño de 2008. Dende entón, no mes de marzo pasado, o Concello recibiu unha resolución autonómica nas que só se estiman unhas cantas das observacións.
Insistiron en que a posición non é de Goberno posto que foi adoptada por toda a corporación, en referencia ás alegacións aprobadas por unanimidade en Pleno. “Agardamos que sexa fácil chegar a acordos tendo en conta que en Cambre xa se conseguiu entre afectados, veciños e grupos políticos”.
O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos apunta que a solución proposta polo Concello xa foi ofrecida fai tempo e “comunicada por escrito” á administración autonómica. Por iso, urxe á Xunta a “cumprir os prazos”. “O que pide a corporación está moi claro, polo que non hai que lle dar máis voltas”, afirma.
Alegacións
Entre as alegacións cabe mencionar a oposición á peaxe que se quere impor na AP-9 en dirección A Coruña. O Concello entende que esta decisión implica a creación dun ramal desde a estrada AC-221 cara á Gándara que afecta directamente a un área húmida especialmente protexida como é a que se atopa entre ese núcleo e a autoestrada. Esta área, pola súa importancia dentro do sistema ecolóxico e paisaxístico, está incluída no Catálogo de Áreas e Elementos de Especial Protección das Normas Subsidiarias da Planeamento de Cambre e sobre ela non se permite ningunha clase de construción ou instalación, nin movemento de terras nin apertura de camiños. Ademais, este espazo natural, ao estar catalogado, tamén se inclúe no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Calquera intervención en tales bens precisa dunha autorización da Consellería de Cultura.
Esta formulación xa se recollía no Plano Sectorial dá Rede Viaria aprobado en 2001, do que esta Vía Ártabra forma parte, ao indicarse que “a eliminación das peaxes é básica se se quere conseguir que o sistema viario comarcal funcione”.
Dende o goberno local valórase a oferta de consenso feita pública onte pola Xunta, e se indica que os aspectos que Cambre quere modificar xa foron comunicados á Xunta con total precisión.
Neste sentido, o primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Xabier Igrexas, espera que a nova negociación anunciada pola Xunta “non demore” o comezo dos traballos de construción da estrada. “É unha infraestrutura necesaria para a comarca e a situación de colapso do tránsito non permite maior dilación, argumenta.
Á marxe do manifestado, que de seu xa invalidaría o ramal da peaxe, o Concello considera que non ten xustificación. A imposición dunha peaxe nunha autoestrada leva unha diminución importante da circulación de vehículos na mesma, coa consecuente sobrecarga do resto do viario local.
A resolución contradí tamén o acordo do Consello da Xunta de Galicia adoptado o 29 de xullo de 2004 polo que se aprobaba definitivamente o Plan Sectorial dá Rede Viaria dá Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, no que se indicaba que “o planeamento de Cambre deberá incluír unha solución que una o polígono industrial de Cambre coa A-6, con características de VR-80 entre o polígono e a AP-9 e, e con características de C-80 e accesos controlados entre a AP-9 e a A-6.” É dicir, optouse por este treito da Vía Ártabra como unha estrada convencional ou vía rápida e non unha autoestrada como agora se pretende.
|