POR UNHA MAREA GALEGA



Cambre, 24 de outubro de 2011.

Sabedores de que con cen días de cortesía non chega para alguén que arranca de novo á fronte dun goberno, permanecemos en silencio. Oír, ver e agardar.

Confiados en que a pluralidade de puntos de vista e posicións ideolóxicas representadas nesta etapa na corporación municipal (2 no goberno e 5 na oposición) aportarían riqueza ao debate de ideas e proxectos para o noso concello, permanecemos á marxe.

Convencidos de que nun concello que se caracterizou nos últimos anos pola forza e vitalidade dos debates, pola enerxía –ás veces case física- na defensa das posicións, non ía faltar cruce de alternativas e posicións estratéxicas, mantivémonos á espera.

Pero a evidencia é inapelábel. Máis de catro meses da nova corporación son sobradamente significativos. A austeridade chegou, si, pero non á boa xestión e á eficiencia, chegou ás ideas e ao traballo. O goberno instalado en rutinas de xestión que xa estaban establecidas e a oposición pensando en cal é o seu papel neste escenario. A maioría como figurantes sen diálogo nunha obra na que a cidadanía de Cambre asiste defraudada.

Alguén lembra as promesas e compromisos duns e doutros?





Estrañas unanimidades como a ocorrencia de que as instalacións de ‘Vila Concepción’ poidan converterse na Casa da Cultura, ou a pretensión de instalar a base de Protección Civil ao carón do IES de Sigrás,..., necesitan algún comentario, algún contrapunto extramuros. É que non senta ninguén nese salón de plenos cun mínimo de sentidiño?

Chegou a época da austeridade, quen o dubida! Pero iso non significa a morte das ideas, o desterro dos debates, o esforzo necesario por presentar alternativas. E iso é o que atopamos, resignación, conformismo, falta de criterio e de sentido. Pero sobre todo falta de esforzo e gañas en elaborar e contrastar propostas. En todos. Goberno bipartito e oposición pentapartita, apenas preocupados por cuestións coxunturais e accesorias, ou simplemente por nada. Uns ocupados na busca dalgún titular sen substancia e en deixar pasar o tempo, mes a mes, pleno a pleno,...outros, nin iso, provocando vergoña allea.

E o goberno, exclusivamente instalado en xestionar proxectos e obras que xa quedaran encamiñadas. Que farán cando se acaben? Ou en repetir, cada vez con menos convencemento, aquelas ocorrencias electorais que facían sorrir a xente cando as escoitaba.

E dos representantes do nacionalismo no Concello? Pero existen?

Moita austeridade, pero máis pobreza. Polo de agora. Seguiremos a falar...
Categoría: Opinión - Publicado o 24-10-2011 16:41
# Ligazón permanente a este artigo
Unha Corporación con moito entreguismo e querencias antidemocráticas
Estaba visto, realmente non había marxe para as dúbidas e se confirmou o que era de esperar: O PSOE ten o seu mellor alicerce nun PP totalmente entregado e nunha IU que se debate entre o ser e o non ser.



31 de agosto de 2007.- Debe ser, o de Cambre, o goberno en minoría máis estábel de todo o País. Sete concelleiros/as (no goberno) vapulean a catorce (na oposición) nunha demostración de poderío propia dos super-herois americanos. Ainda que a quen realmente intentan vapulear non é a toda a oposición, é ao BNG. Aos demais simplesmente os torean e os convirten en comparsas da representación. Iso sí con auténtica maestría. Desde a “sorte” de muleta ao “estoque” final, os touros, -ainda que máis parecen mansos-, van entrando ao trapo sen se dar conta –ou sí?- da xogada.

E cal é o sistema? Moi fácil, seguindo a vella máxima de “divide e vencerás”. Ainda que coido que non lles costou moito esforzo e, probabélmente, o mercadeo se ten cerrado con ben poucos custos para quen paga. O PP seguramente se sinte ben pagado coa financiación dos seus gastos eleitorais e con garantir que o BNG esté fora do goberno. Ben barato se entrega¡ E IU? Nin se sabe. Se cadra nen eles o teñan claro.

De novo voltou ao debate o meneado asunto da reducción dos gastos políticos. Os da oposición, claro, porqué o goberno de super-herois de cada Pleno saca máis e mellores prebendas para traballar con comodidade. Neste, por exemplo, coa complacencia da dereita e da esquerda, meteu no peto 64.000€ anuais para persoal de confianza e 30.000€ para o coche oficial do Alcalde. Case nada e, mentras tanto, os grupos municipais na oposición non dispoñemos tan siquera dunha mesa onde poder traballar, onde recibir aos veciños ou un buzón on recibir as comunicacións. E iso ao PP parécelle ben. Claro, eles sí teñen despacho. Cando se debatía o asunto do persoal de confianza para o goberno tiven que recordarlles que hai sistemas políticos que son moi aforradores, que teñen moi contido o gasto político: as dictaduras. Aí non hai gastos eleitorais – non hai eleccións-, non hai gastos para os grupos políticos –non hai partidos-, non hai gastos por sesións de órganos como plenos e comisións –simplemente non hai representantes eleitos aos que indemnizar-. Este tufillo a fascismo é o que planea de maneira constante nos últimos debates en Cambre. Agora ben, incoerente e contraditorio porqué se a PP e IU lles preocupara de verdade a contención do gasto público por que permiten que o Goberno se asigne salarios de “escandalo” (isto non o dixo o BNG, dixéronmo os outros) e medios humáns e técnicos que entre uns e outros chegan aos 600.000€ ao ano. Se foxen coerentes tíñanno ben fácil: sumarse ás propostas do BNG de negociar un reparto de medios equitativo e, porqué non, que reducira gasto. As matemáticas son implacabeis a oposición podería sumar 14 fronte aos 7 do goberno. Pero non porque a verdade é que só fan discursos demagóxicos para a galería. Na realidade practican o entreguismo e móstranse como abducidos por uns gobernantes que, nalgún dos casos, nin en Cambre viven nin aquí pagan os seus impostos. Ao representante de IU tiven que recordarlle onte que había que practicar algo a coerencia. Que xa estaba ben de falar de aforro e de contención cando o seu partido en Ferrol estaba a dar un exemplo perfecto de todo o contrario. Resulta que IU, nunha das cidades máis deprimidas do País, na única institución municipal que goberna en toda Galiza, apoia uns gastos políticos e se ten asignado uns salarios que son record na nosa comunidade. Iso é o que fan en Ferrol e pretenden vir aquí a dar leccións de austeridade, xa lles vale¡
A proposta do BNG de que todos os grupos municipais (incluido o do goberno) poideramos dispor dun traballador contratado ao servizo do grupo, só contou co apoio do representante de Partido Galegista, ademais do noso. Os demais, preferiron apoiar ou consentir a proposta gubernamental socialista –todo para mín-.
Que pensarán os eleitores populares, os mesmos que puxeron a sete representantes seus no consistorio, do que está a facer o PP en Cambre? Farán campaña eleitoral conxunta en Cambre socialistas e populares nas vindeiras eleccións xerais? Como lles quedará o xesto aos votantes da dereita cando, pouco a pouco, se vaian enteirando de que os seus representantes son os que sosteñen a “Tonecho” na Alcaldía? Porque detecto, falando coa xente, que moitos non o saben. Hai, mesmo, quen pensa que seguimos gobernando en coalición (PSOE-BNG), bon despiste¡ E non pasa nada. Non é pecado que o PP apoie ao PSOE, só é curioso. Eles saberán en que se basea tal alianza. Se cadra quen ten moito interese en coñecer os fundamentos dese extraño pacto son os votantes socialistas e populares. A eles é a quen deberían explicarllo, non ao BNG.

Polo demais o Pleno seguíu cos parámetros de costume. Aprobamos entre todos unha moción popular para arranxar o vello camiño de Meixigo. Aprobamos, tamén, despois de correxirlle unhas cantas inexactitudes e desenfoques unha moción de IU en solidariedade con Perú. E, estaba visto, non deixaron debater a que presentabamos nós impugnando os acordos de creación e composición das comisións informativas. Defectos de forma na presentación, dixeron. Había que presentala con tres días e non con dóus de antelación e, claro, ao Alcalde non lle déu tempo a estudiala e o PP, solícito coma sempre, considerou que debía socorrelo. Pero non se preocupen porqué insisteremos e, non descartamos –depende da resposta- acudir aos tribunais. Unha cousa é que consideremos lexítimo e aceptemos as decisións da maioría ainda que non nos gusten, e outra é que vaiamos a consentir unha lesión aos nosos dereitos saltándose as leis e as regras de xogo. Volveremos con isto o vindeiro mes.

Logo de case dúas horas e media, o Pleno rematou coa contestación do goberno aos rogos e preguntas dos grupos municipais. O de sempre, que se “xa está previsto”, que se “imos miralo”, que se “imos incluilo nun Plano de actuacións”…o de sempre, aquilo de “estamos en ello”. A ver se é certo. Nos sí que estamos nos asuntos e imos exercer o noso papel de vixiancia e control, ainda que nos neguen os medios.
Por certo desde hai un mes non contestaron ainda a unha nosa pregunta formulada no Pleno de xullo: Hai algún expediente de disciplina urbanística instruido a algún membro do goberno local? Pois no semella tan cmplicada de respostar: Sí ou Non. Non lle vexo a dificuldade. Teremos que utilizar outras vías para o averiguar?

Falando de falar. Quen pense que o idioma que predomina en Cambre é o Galego que se desengañe. Parecemos unha minoría étnica os que o empregamos. Só o BNG e algún concelleiro máis, ocasionalmente, o usan. Unha marabilla¡ Será debido a isto o da falta de entendimento? Claro, falamos “idiomas distintos”.

Xabier Iglesias
Portavoz nacionalista en Cambre

31 de agosto de 2007
Comentario (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 31-08-2007 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos un pobo durmido

ididididid

id id













mareadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 DESTACADOS
 Anteriores
 Fotos





© by Abertal